Inocencio VII, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papa do século XIV ó século XV
Papas do século XV
Papa do século XV ó século XVI
Antipapa/s
Innocent VII.jpg

Inocencio VII, nado en Sulmona sobre o 1336 e finado en Roma o 6 de novembro de 1406), foi o Papa nº 204 da Igrexa católica de 1404 a 1406 e o terceiro papa do período dominado polo Cisma de Occidente.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe e formación[editar | editar a fonte]

De nome Cosimo de Migliorati, nacido no seo dunha familia humilde, estudou Dereito Canónico e Civil en Perugia, Padua e Bolonia. Posteriormente exerceu como profesor de dereito na Universidade de Perugia ata que foi trasladado a Roma por Urbano VI. Logo é enviado a Inglaterra como recadador de impostos, labor que realizou durante dez anos.[1]

Carreira eclesiástica[editar | editar a fonte]

Cosimo de Migliorati foi consagrado bispo o 5 de decembro de 1387, logo de ser nomeado arcebispo de Rávena o 4 de novembro anterior polo papa Urbano VI. Migliorati non puido ocupar a súa sede en Rávena por mor da oposición do Señor da cidade, Guido de Polenta, que dera a súa obediencia ao antipapa Clemente VII. En xuño de 1389 foi transferido á sede de Bolonia.[1]

Migliorati foi creado cardeal por Bonifacio IX o 18 de decembro de 1389, co título de cardeal presbítero da Santa Cruz de Xerusalén e actuou como legado seu en Lombardía e a Toscana, en importantes misións como a de pacificar a Gian Galeazzo Visconti e as cidades de Florencia e Bolonia.[1]

Pontificado[editar | editar a fonte]

Elección[editar | editar a fonte]

Á morte de Bonifacio IX, os cardeais presentes no conclave do 17 de outubro de 1404, á cabeza de Migliorati como camarlengo, xuraron renunciar á tiara en caso de ser elixidos se con iso era posíbel acabar co cisma que desde 1378 dividía á Igrexa católica.

Migliorati foi elixido por unanimidade, a situación na cidade impediulle celebrar o concilio no que debería cumprir a súa promesa de renunciar á tiara. En efecto, o partido xibelino inicia unha revolta cando coñece o resultado da elección, obrigando ao pontífice a reclamar axuda ao rei de Nápoles, Ladislao quen sufoca a rebelión obtendo de Inocencio o compromiso de que nas negociacións para acabar co cisma, quedarían recoñecidos os seus dereitos ao reino napolitano que lle disputaba Luís de Anjou.[2]

Accións pontificias[editar | editar a fonte]

Inocencio VII foi un papa nepotista, nomeou cardeal ao seu sobriño Ludovico Migliorati, quen até ese momento actuara como mercenario ás ordes de Gian Galeazzo Visconti. Ludovico, en 1405, secuestrou e asasinou a once aristócratas romanos opositores do seu tío, polo que Inocencio tivo que fuxir a Viterbo deixando Roma en mans de turbas de romanos furiosos que asasinaron a máis de trinta güelfos, membros do partido papal, entre eles o abade de Perugia. Novamente houbo de intervir Ladislao co envío de tropas que acabaron cos alborotos, permitindo que o Papa regresase a Roma en xaneiro de 1406.[2]

Inocencio recompensou ao seu sobriño Ludovico nomeándoo marqués e conde de Fermo. Enfurecido pola acción do pontífice, o rei Ladislao esixiu estender a súa autoridade sobre a propia Roma e os Estados Pontificios, para o cal premeu a Inocencio coas tropas que mantiña no Castelo Sant'Angelo que, aínda que estaban destinadas a protexer o Vaticano, eran utilizadas polo napolitano para efectuar incursións armadas en Roma e nos territorios circundantes. Só cando o pontífice excomungou a Ladislao, este retirou as súas tropas do castelo.[2]

Inocencio mantivo disputas co antipapa Bieito XIII debido a que este último mandou unha carta acusando ao papa de non querer terminar o Cisma.[3]

Tumba de Inocencio VII, situada nas grutas vaticanas.

Falecemento[editar | editar a fonte]

Inocencio morreu en Roma, o 6 de novembro de 1406, de maneira imprevista. Rumoreouse que foi envelenado, pero non existen probas suficientes para aseguralo.[4]

Na literatura[editar | editar a fonte]

No libro das Profecías de San Malaquías pódese identificar a este papa co lema De meliore sidere (Da estrela mellor), cita que pode facer referencia ao apelido familiar, Migliorati, que significa "mellorado" e a que no seu escudo de armas aparece unha estrela.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 De Vicentiis, Amedeo (2000). «Innocenzo VII». Enciclopedia dei papi (en italiano). Treccani. Consultado o 29 de decembro de 2014. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Pastor, Ludovico (1910). «El Cisma y las Grandes Agitaciones Heréticas 1378-1406 (1409).». En Ramón Ruíz Amado. Historia de los papas en la época del renacimiento hasta la elección de Pío II (PDF) (en español). versión da 4ª edición alemá. Barcelona: Gustavo Gili. pp. 237–306. 
  3. Ott, Michael. «Inocencio VII, papa». Enciclopedia Católica (en español). Consultado o 29 de decembro de 2014. 
  4. «Inocencio VII». Biografías y vidas. La enciclopedia biográfica en línea (en español). Consultado o 29 de decembro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Inocencio VII, papa