Silvestre II, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Silvestre II»)
Silvestre II, papa
Nome completoGerbert d'Orlhac
Nacementoc. 938 e post. 945
Lugar de nacementoSaint-Simon e valor descoñecido
Falecemento12 de maio de 1003
Lugar de falecementoBasílica de Santa Cruz de Jerusalém
SoterradoBasílica de San Xoán de Latrán
NacionalidadeEstados Pontificios
Relixióncatolicismo
Ocupaciónastrónomo, matemático, político, sacerdote católico, filósofo, teólogo, astrólogo, scholaster e escritor
Períodoentre o 999 e o 1003
Coñecido porser o papa n° 139 da igrexa católica
OrganizaciónIgrexa católica
CargosBispo de Roma
editar datos en Wikidata ]

Silvestre II, nado co nome de Gerbert de Aurillac en Auvernia (Occitania) cara ao 945 e finado en Roma o 12 de maio de 1003, foi o Papa nº 139 da Igrexa católica de 999 a 1003.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estatua de Silvestre II en Aurillac, Francia.

Gerbert de Aurillac ingresou cara ao ano 963 no mosteiro de Saint-Géraud de Aurillac, onde estudou gramática, retórica e lóxica, as tres disciplinas do Trivium. No 967 viaxou á corte do conde de Barcelona, Borrell II, onde permaneceu tres anos no mosteiro de Santa María de Ripoll (provincia de Xirona). A súa estancia na Península Ibérica permitiulle entrar en contacto coa ciencia árabe e iniciarse no estudo das matemáticas e a astronomía. Posiblemente viaxou a Córdoba e Sevilla.

En 969 viaxou a Roma en peregrinación acompañando ao seu protector, o conde Borrell II. Alí coñeceu o papa Xoán XIII e o emperador Otón I, quen o nomeou titor do seu fillo, o que reinaría co nome de Otón II.

Algúns anos máis tarde Adalberón, o arcebispo de Reims, chamouno para o seu colexio episcopal, onde ensinou e fixo ensinar moitas disciplinas, tanto relixiosas como profanas. Distinguiuse especialmente pola súa erudición no eido científico, en particular no coñecemento do Quadrivium, conxunto de disciplinas que incluía a aritmética, xeometría, astronomía e música. Nesa época inventou e construíu diversos obxectos destinados á aprendizaxe e á investigación, como ábacos, un globo terrestre, un órgano e reloxos, o que fixo que se proferisen contra el acusacións de bruxo e nigromante.

No 983 o emperador Otón II nomeouno abade do mosteiro beneditino de Bobbio (Península Itálica), se ben estivo pouco tempo alí, ao regresar a Reims como conselleiro do arcebispo Adalbero. En Reims favoreceu o nomeamento de Hugo Capeto como rei de Francia.

Trala morte en 988 do arcebispo Adalbero, o rei Hugo Capeto nomea a Arnulfo como sucesor, pero este traiciona ao rei aliándose con Carlos, que fora aspirante ao trono francés. Hugo reacciona convocando, en 991, un concilio en Saint-Basles-les-Reims, onde destitúe a Arnulfo como arcebispo e nomea Gerbert. Isto supón un enfrontamento con Roma, que non recoñece a autoridade de Hugo para nomear bispos.

Xoán XV intentou declarar nulo o nomeamento de Gerbert como arcebispo, convocando concilios en Chelles, Aquisgrán e Roma que, non obstante, ratificaron a Gerbert como arcebispo. Non foi até un novo concilio celebrado en 996 que logrou o seu propósito, restituíndo a Arnulfo no arcebispado de Reims. Gerbert renunciou á súa dignidade e retirouse á corte do emperador Otón III, até que en 998 foi nomeado arcebispo de Rávena.

Papado[editar | editar a fonte]

Trala morte de Gregorio V o 18 de febreiro de 999, Gerbert de Aurillac foi nomeado Papa e consagrado o 2 de abril co nome de Silvestre II como homenaxe a Silvestre I, que fora papa en tempos do emperador Constantino I que adoptou o cristianismo como relixión oficial do Imperio romano.

En 1001 tivo que facer fronte a un dos levantamentos populares que periodicamente se daban en Roma, e que o obrigou, xunto con Otón III (que fixara a súa residencia nesa cidade), a fuxir a Rávena. En tres ocasións intentou o emperador restaurar a orde en Roma, fracasando nas dúas primeiras, e morrendo, no curso da terceira, o 24 de xaneiro de 1002. A nobreza romana permitiu a Silvestre II regresar a Roma, onde finou o 12 de maio de 1003.

Era coñecido, pola súa erudición, como a luz da Igrexa e a esperanza do seu século, e durante o seu pontificado outorgou o título de rei aos soberanos cristiáns de Hungría (coroando a Estevo I), e de Polonia.


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre Papas é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.