España ( pronunciación (axuda · info)), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación (axuda · info)), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
España atópase no suroeste do continente europeo, e comparte fronteiras terrestres con Francia e co principado de Andorra ao norte, con Portugal ao oeste e co territorio británico de Xibraltar ao sur. Nos seus territorios africanos, comparte fronteiras terrestres e marítimas con Marrocos. Comparte con Francia a soberanía sobre a illa dos Faisáns na desembocadura do río Bidasoa e cinco facerías pirenaicas.
Ten unha extensión de 504.645 km², sendo o cuarto país cunha maior extensión do continente, despois de Rusia, Ucraína e Francia. Cunha altitude media de 650 metros sobre o nivel do mar, é un dos países máis montañosos de Europa. A súa poboación é de 47 190 493 habitantes, segundo datos do padrón municipal de 2011.
A economía española é a 14ª economía mundial en términos de PIB, por diante de Indonesia e de Turquía, e segundo Eurostat, o PIB per cápita español situouse, en 2011, no 99% da media da Unión Europea, por diante de Chipre. Ademais, segundo o informe de 2010 da ONU, ten un índice de desenvolvemento humano de 0.878, o 23º maior do mundo, por diante doutros grandes países europeos, como Grecia, Italia o Reino Unido.
|
Artigo destacado
editar
A Catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación. Un privilexio concedido en 1122 polo papa Calisto II declarou que serían « Ano Santo» ou «Ano Xubilar» en Compostela todos os anos nos que o día 25 de xullo, día de Santiago, coincidise en domingo; este privilexio foi confirmado polo papa Alexandre III na súa bula Regis aeterni en 1179.
Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1896, e a cidade vella de Santiago de Compostela, que se concentra ao redor da catedral, foi declarada ben cultural Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985.
Cidade destacada
editar
A Coruña é unha cidade situada no noroeste de Galicia e bañada polo océano Atlántico, nas rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Despois de Vigo, A Coruña é o segundo concello máis poboado; contaba no ano 2015 con 243 870 habitantes, fronte aos 294 098 habitantes do de Vigo.
A cidade é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia e da Forza Loxística Operativa. Dende 1563 foi sede da Real Audiencia de Galicia (permanentemente dende 1612) e foi capital de Rexión Militar ata a súa desaparición en 2002.
O seu emprazamento é privilexiado, xa que se ergue sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da cidade espállase sobre unha península unida a terra firme por un estreito istmo, no que presenta dúas fachadas marítimas distintas: a portuaria (cara á ría da Coruña), de augas tranquilas, e outra de mar aberto, cara á enseada do Orzán, onde se atopan as praias urbanas de Riazor e o Orzán.
Unha das características máis notables que identifican A Coruña constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros que presentan nas súas fachadas numerosas casas do século XIX, que deron á Coruña o sobrenome de Cidade de Cristal, sen esquecer as súas numerosas praias, así como o contorno rural, que ofrece múltiples posibilidades de lecer.
Divisións administrativas
Categorías
editar
Queres atopar artigos relacionados con España? Proba buscando nas seguintes categorías:
Biografía destacada
editar
Lois I de España, chamado «o Ben Amado» ou «o Liberal», nado en Madrid o 25 de agosto de 1707 e finado na mesma vila o 31 de agosto de 1724, foi rei de España durante menos dun ano, sendo o seu reinado de 229 días, o máis breve da Historia de España (sen contar o goberno de Filipe o Fermoso). Era o fillo maior do Rei Filipe V e María Luísa de Savoia.
A proclamación de Lois I de España, o 15 de xaneiro de 1724, tivo unha grande acollida e entusiasmo entre a poboación, sobre todo a da capital, porque era o primeiro Borbón nado na vila. Por tal de suplir a inexperiencia do novo monarca constituíuse un consello asesor composto por varias personalidades. O novo rei ocupou o trono uns sete meses, durante os cales o monarca viviu bastante despreocupado dos asuntos de Estado. En realidade foron Filipe V e Isabel de Farnesio os que continuaron gobernando desde o seu retiro na Granxa de San Ildefonso.
En materia económica apareceron novos nobres e funcionarios no goberno que eran contrarios a Isabel de Farnesio. Os novos ministros intentaron que o rei decretara unha redución de gastos e mellorase a xestión de certas institucións. Igual que na política interior, a política internacional de Lois I estivo moi condicionada pola acción do seu pai e, sobre todo, da súa madrastra.
Lois contraeu a varíola no mes de xullo de 1724. O monarca non se ocupou ben da súa enfermidade, que acabou complicándose cunha pulmonía. Morreu ao cabo de poucas semanas, a madrugada do 31 de agosto de 1724, no Palacio do Bo Retiro, poucos días despois de cumprir dezasete anos.
Imaxe destacada
Sabías que...?
Proxectos relacionados
Artigos de calidade e bos
editar
Artigos de calidade (28)
Artigos bos (18)
Portais relacionados
editar
Comunidades autónomas de España
Países de Europa
Proxectos irmáns
|