Saltar ao contido

Portal:Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lugo é unha cidade galega, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes de Lugo é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Artigo destacado

editar

As festas de San Froilán teñen lugar en Lugo entre o 4 e o 12 de outubro. Xiran arredor do 5 de outubro, día en que o santoral católico conmemora o día de San Froilán. Foron proclamadas de Interese Turístico Nacional polo Ministerio de Industria e Turismo en 2006. Son as últimas festas de importancia que se celebran no ano en Galicia.

As festas de San Froilán foron consideradas, en palabras de Álvaro Cunqueiro como "as máis belas do outono galego".

A celebración comezou sendo relixiosa. No ano 1600, a diocese de Lugo estableceuna como festa eclesiástica cinco anos antes de que San Froilán (832?-905) fose declarado oficialmente patrón da cidade e da diocese. No 1754, a celebración relixiosa foi acompañada por outra popular. Este ano está considerado como o de inicio das festas como se coñecen hoxe en día.

No século XXI, o aspecto de feira de gando tradúcese nun desfile de gando polo centro da cidade e un salón multisectorial, chamado Expolugo, que se celebra no pazo de feiras e congresos. As casetas do polbo son tamén unha reminiscencia do tempo en que o San Froilán era unha inmensa feira.

Lugar de interese

editar

O Pazo de San Marcos, situado no centro da cidade de Lugo, na praza de San Marcos; é a actual sede da Deputación de Lugo. É un edificio que consta de dous andares con planta en forma de "E", rodeados por xardíns. Conta tamén con salas de exposicións no seu interior.

O Pazo de San Marcos foi construído en 1866, sendo na súa orixe un hospital. Para a súa construción, foron mercadas unhas cortiñas e derrubada unha capela. Máis tarde sería convertido nun Instituto de Ensino Medio, para ser utilizado na actualidade como sede da Deputación de Lugo e como sala de exposicións.

Atópase situado dentro do recinto amurallado da cidade de Lugo, ocupando case enteiramente unha das bandas da rúa San Marcos, a cal foi convertida nunha praza peonil, rematada en maio de 2011.

Imaxe destacada

editar

Monumento a Xoán Montes obra de Eugenio Duque.
Vexa o artigo Xardín de San Roque.


Biografía destacada

editar

Ánxel Fole, nado en Lugo o 11 de agosto de 1903 e finado na mesma cidade o 9 de maio de 1986, foi un escritor en galego e castelán que cultivou todos os xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro e ensaio), aínda que a súa sona lle vén fundamentalmente dos seus libros de contos, recollidos en catro volumes. O día 5 de outubro de 1963, día de San Froilán (patrón de Lugo) Ingresou na Real Academia Galega, e en 1997 foille adicado o Día das Letras Galegas.

Na súa narrativa, herdeira de Álvaro Cunqueiro, Castelao e Otero Pedrayo, Fole presenta a xeografía dos lugares de montaña nos que viviu, así como os traballos, costumes, diversións etc. dos seus habitantes a mediados do século XX. A lingua dos seus relatos recolle a fala popular e inclúe abundantes vulgarismos, hipergaleguismos e dialectalismos, peculiares das zonas onde sitúa os feitos que conta. Os seus escritos achegan unha información etnográfica e antropolóxica fundamental do medio rural galego antes da chegada da mecanización. Os contos de Fole caracterízanse polo seu humor e polos temas esotéricos e misteriosos, ó xeito da narrativa oral tradicional galega.

Sabías que...?

editar

San Froilán


Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (2)

Artigos bos (0)


Portais relacionados
Proyectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario