Saltar ao contido

Portal:Pobos indíxenas de América

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Null
Mapa de América Benvido ó Portal dos pobos indíxenas de América!

Portal dos pobos indíxenas de América

Os pobos indíxenas de América, tamén chamados amerindios, indios ou nativos americanos son os nomes dados ós habitantes das Américas antes da chegada dos europeos, e os seus descendentes actuais. A hipótese máis aceptada para a súa orixe é que os primeiros habitantes da América viñeran de Asia atravesando a pé o estreito de Bering.

Malia que algúns pobos indíxenas de América eran tradicionalmente cazadores recolectores, especialmente na bacía do río Amazonas, aínda quedan moitos grupos que practican a acuicultura e a agricultura. O impacto da súa dotación agrícola no resto mundo é unha testemuña do seu traballo na remodelación e no cultivo da flora autóctona das Américas. Malia que algunhas sociedades teñen unha forte dependencia da agricultura, outras practicaron unha mestura de agricultura, caza e recolección. Nalgunhas rexións, os pobos indíxenas crearon arquitecturas monumentais, cidades organizadas a grande escala, sociedades de xefatura, estados e imperios.

Moitas partes de América seguen habitadas por pobos indíxenas e algúns países contan con poboacións especialmente significativas, como Belize, Bolivia, o Canadá, Chile, Ecuador, Groenlandia, Guatemala, Güiana, México, Panamá e o Perú. Existen arredor de mil linguas indíxenas diferentes faladas en América. Algunhas, como o quechua, o aimará, o guaraní, as linguas maias e o náhuatl contan os seus falantes en millóns. Moitos pobos manteñen prácticas e trazos culturais indíxenas en diferentes graos, incluíndo a relixión, a organización social e as prácticas de subsistencia. Como moitas culturas, algunhas evolucionaron para incorporar aspectos tradicionais pero tamén atenden ás necesidades modernas. Algúns pobos indíxenas aínda viven relativamente illados da cultura occidental e uns poucos son pobos non contactados.

Artigo destacado

editar

Os caribes, tamén chamados kalinagos, son unha tribo amerindia, un dos primeiros grupos que habitaron as Antillas Menores e serviron de inspiración ao nome da rexión homónima de América.

A familia lingüística caribe figurou entre as máis importantes de América do Sur, non só polo elevado número de tribos que a compuñan, senón polo seu marcado carácter expansionista. Os seus centros de dispersión abarcaron as costas do norte de Colombia, Venezuela e as Güianas, estendéndose cara ao norte das Antillas Menores e outros puntos das Antillas Maiores.

Os caribes agrupábanse en clans patrilineais que, aos poucos, nas Antillas, cederon terreo aos matrilineais. Predominaba a exogamia e era frecuente a poligamia, sendo a posición da muller inferior á do home.

Cultivaban millo, iuca, feixóns e froitas tropicais, especialmente nas Güianas e as Antillas. A pesca constituía tamén parte da súa actividade.

As primeiras crónicas descríbenos como un pobo agresivo e practicante do canibalismo.

Lugar de interese

editar

O Imperio Azteca ou a Tripla Alianza (en náhuatl: Ēxcān Tlahtōlōyān), comezou como unha alianza de tres "altepetl", ou cidades-estado aztecas: Tenochtitlán, Texcoco e Tlacopán. Estas tres cidades-estado gobernaron a área arredor do Val de México dende 1428 até que en 1521 foron derrotadas polas forzas dos conquistadores españois e os seus aliados nativos baixo o mando de Hernán Cortés.

A Tripla Alianza formouse na facción vitoriosa dunha guerra civil entre a cidade de Azcapotzalco e as súas antigas provincias tributarias. Malia que o imperio comezou nun principio como unha alianza por tres cidades autogobernadas, Tenochtitlán axiña se converteu na dominante militarmente. Na época da chegada dos españois, en 1519, as terras da Alianza estaban gobernadas por Tenochtitlán, mentres que os seus aliados tiñan papeis subsidiarios.

A alianza comezou guerras e expandiuse rapidamente despois da súa formación. No seu estado máximo de expansión, a alianza controlou a maioría do centro de México así como territorios máis distantes dentro de Mesoamérica, como a provincia de Xoconochco, un exclave azteca preto da actual fronteira con Guatemala. O goberno azteca foi descrito polos estudosos como "hexemónico" ou "indirecto". Os aztecas deixaron no poder ós gobernantes das cidades conquistadas sempre que aceptasen dun tributo semi-anual á Alianza, así como apoio militar na guerra. En compensación, a autoridade imperial ofreceu protección e estabilidade política, e facilitou a integración económica de diversos pobos e territorios cunha significativa autonomía local.

A relixión do imperio era o politeísmo azteca, adorando a diversos panteóns que incluían a ducias de deidades. Moitos cultos conseguiron un recoñecemento oficial importante abondo como para estar representado no recinto do templo central da capital. O culto imperial era o de Huitzilopochtli, o distintivo deus guerreiro dos mexicas. Os pobos das provincias conquistadas tiñan permitido manter e continuar coas súas propias tradicións relixiosas, sempre que engadisen ó deus imperial Huitzilopochtli nos seus panteóns locais.

Artigos de calidade (3)

Artigos bos (5)

Imaxe destacada

editar

Home navagho de a cabalo en Arizona.
Vexa o artigo Nación Navagho.


...Arquivo
Biografía destacada

editar

Túpac Amaru ou Thupa Amaro (en quechua: Thupaq Amaru) nado en Cuzco en 1545 e finado ibídem o 24 de setembro de 1572, foi o derradeiro monarca indíxena (Sapa Inca) do Novo estado inca, os restos do Imperio Inca en Vilacamba. Fillo de Manco Inca, foi feito sacerdote e gardián do corpo do seu pai. Foi executado polos conquistadores españois.

En quechua, túpaq amaru significa ‘víbora brava’.

Túpac Amaru asumiu como Inca de Vilcabamba despois de que o seu medio irmán, o inca Titu Cusi, morrese en 1570. Os incas consideraron que o seu medio irmán fora obrigado a admitir misioneiros agostiños en Vilcabamba e que os españois o envelenaron. Nestes tempos, os españois aínda non foran avisados da morte do ex-Inca e enviaran, como facían habitualmente, embaixadores para continuar as negociacións en curso. Un deles foi o conquistador Atilano de Anaya, que, despois de atravesar a ponte de Chuquisaca, foi capturado e executado xunto coa súa escolta polo xeneral inca Curi Paucar. Ó ser informado desa nova polo sacerdote de Amaybamba, o novo vicerrei do Perú, Francisco de Toledo, decidiu someter, pola forza, o reino de Vilcabamba, apelando para a xustificación que "os incas quebrantaron a lei inviolábel de tódalas nacións do mundo: o respecto ós embaixadores". O vicerrei declarou formalmente a guerra o 14 de abril de 1572.

Sabías que...?

editar

Pantera de auga.

  • ...que as panteras de auga eran criaturas presentes en varias mitoloxías dos nativos americanos que combinaban características dos pumas ou linces coas das cobras, e que se crían que habitaban nas partes máis profundas dos ríos ou dos lagos?


...Arquivo
Portais relacionados
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario