Segundo o censo de 2010, a poboación da Bretaña era de 4 475 295 persoas, das que o 71% viven na rexión da Bretaña e o 29% no departamento do Loira Atlántico. No ano 2012, as áreas metropolitanas máis grandes eran a de Nantes (897 713 habitantes), Rennes (690 467 habitantes) e Brest (314 844 habitantes). A Bretaña é a nación tradicional do pobo bretón e está recoñecida pola Celtic League como membro das Nacións celtas. Existen movementos nacionalistas que reclaman máis autonomía e a reunificación dos departamentos bretóns.
O bretón fálase principalmente na parte occidental de Bretaña, malia que hai pequenos grupos de falantes na parte oriental, onde tamén se fala galó. O bretón divídese en catro dialectos, coñecidos en bretón como: leoneg (leonés), no nordeste, tregerieg (tregorés), no norte, gwenedeg (vannetés), no sur e kerneveg (cornuallés), no sueste. Este último non debe ser confundido coa lingua propia de Cornualles (kernewek). Tamén existiu un quinto dialecto, hoxe desaparecido, chamado guérandais, falado até comezos do século XX nas rexións de Guérande e Batz-sur-Mer. As fronteiras entre estes dialectos, por outra banda, non están claras, e a división pódese facer entre o dialecto vannetés e o resto, que forman un continuo dialectal.
A lingua foi falada polas clases altas até o século XII. Porén, comezou a decaer e acabou sendo só a lingua das clases baixas da Bretaña occidental, cando a nobreza e a burguesía adoptaron o francés. Hoxe, a pesar do centralismo político de Francia e da importante influencia dos medios de comunicación, o bretón é falado como lingua cotiá por arredor de 200.000 persoas. Isto é, porén, moito menos dos 1,3 millóns de falantes que tiña en 1930.
Rennes xorde entre o II e o primeiro século antes de Cristo como capital da tribo gala dos redóns. A cidade chamábase Condate. Durante a Idade Media, coa chegada dos pobos bretóns e a consolidación do ducado da Bretaña fronte o poder carolinxio e logo dos reis de Francia, Rennes confirmouse como unha das poboacións máis importantes da rexión fronteiriza do ducado, a marca da Bretaña. Após a anexión do ducado da Bretaña ó reino de Francia, Rennes converteuse nunha capital provincial e acolleu o Parlamento da Bretaña.
Trala Segunda Guerra Mundial, Rennes aumentou fortemente a súa poboación, desenvolvendo o sector industrial (destacando a gran fábrica de Citröen) e consolidouse como importante centro educativo grazas ás súas universidades. Hoxe en día, Rennes é un centro de innovación dixital e tecnolóxico recoñecido en Francia.
O 6 de decembro de 1491 casou con Carlos VIII de Francia e o 8 de febreiro de 1492 foi coroada raíña de Francia na basílica de Saint-Denis. Ao morrer Carlos VIII, en 1498, volveu á Bretaña á cabeza do ducado da Bretaña. Antes de casar con Lois XII (1462-1515), novo rei de Francia, conseguiu a redacción dun contrato que redefinía as relacións entre a Bretaña e Francia: mentres vivise seguiría a ser duquesa da Bretaña, e cando morrese o seu sucesor sería o seu segundo fillo varón. Foi soterrada en Saint-Denis, pero o seu corazón foi depositado na igrexa das Carmelitas en Nantes.