Cheminea de fadas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chemineas de fadas no Parque Nacional Bryce Canyon, Utah (2007)

Unha cheminea de fadas, en xeomorfoloxía, é unha especie de gran columna natural constituída a base de rochas débiles, xeralmente sedimentarias, cuxa cima é de rocha máis resistente que a protexen dos efectos da erosión. Son un accidente parecido ao que ocorre nas costas cos stack, nos que tamén intervén a erosión mariña.

Atópanse principalmente no deserto e en zonas áridas, secas e quentes. No uso común, a diferenza entre as chemineas de fadas e os pináculos ou agullas é que as chemineas teñen un espesor variable e as agullas, en cambio, posúen un perfil máis suave ou un espesor uniforme que se vai estreitando desde o chan cara a arriba. As chemineas varían en tamaño desde a altura dun humano ata máis dun edificio de 10 pisos. Os minerais depositados nos diferentes tipos de rocha son a causa de que certas chemineas varíen de cor ao longo da súa altura.

As máis coñecidas, xa que son un importante reclamo turístico, están na rexión de Capadocia, en Turquía, e as chemineas do Parque Nacional Bryce Canyon (EUA). Estas formas, ás veces estrañas, están presentes en tódalas partes do planeta e son unha fonte de crenzas, supersticións e lendas.

Formación[editar | editar a fonte]

As chemineas de fadas son columnas naturais de rocha, ás veces de estrañas formas, creadas por diferentes fenómenos erosivos e que poden acadar varias decenas de metros de altura.

A erosión das chemineas pode ter unha ou varias orixes, dependendo do lugar en que aparezan. Poden deberse á forza das correntes de auga de chuvia e ás reaccións químicas entre as rochas e a auga. A forza do vento tamén ten un efecto significativo, así como a sucesión de períodos de glaciación e desxeo que destrúen a rocha por expansión.

As columnas se compoñen de estratos (varias capas de solo superpostas) compostos de rochas friables (calcarias, por exemplo), mentres que a súa cima está constituída por unha capa de protección (por exemplo unha capa dunha grosa rocha máis dura) máis resistente á erosión. Este casco protexe da erosión ás capas fráxiles situadas por debaixo, mentres que as capas veciñas desaparecen co tempo. O peso da rocha dura que domina a columna tamén aumenta a resistencia da columna xa que o peso exerce presión sobre as capas internas desta. Isto leva a unha compactación das rochas que reforza a resistencia. Algúns fenómenos de calcificación nas columnas tamén poden mellorar a resistencia. Na rexión de Capadocia, en Turquía, as chemineas teñen unha orixe volcánica. Compóñense dunha capa de basalto (que provén de erupcións volcánicas) resistente que recobre unha capa de ignimbritas máis suave. As columnas aparecen tamén nas zonas en que se encontraban as morenas nos antigos glaciares. Neste caso, as rochas depositadas polos glaciares protexen as capas inferiores do solo. No parque de Bryce Canyon, a capa superior está constituída por magnesio, mentres que as capas inferiores están feitas de pedra calcaria.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]