O golpe de Estado de xullo, tamén coñecido simplemente como golpe de xullo (alemán:Juliputsch) foi unha tentativa de golpe de Estado perpetrado polo Partido Nacionalsocialista Austríaco o 25 de xullo de 1934. Aínda que os confabulados lograron tomar a sede do goberno e asasinar o chanceler Engelbert Dollfuss, quedaron rodeados e, faltos de apoio externo, tiveron que claudicar. A rebelión estendeuse ao resto do país nos días seguintes, mais foi esmagada polas forzas gobernamentais. Como consecuencia do fracaso, o movemento nacionalsocialista austríaco quedou temporalmente moi debilitado.
O que debía ter sido un amplo alzamento nacional con apoio militar que derrocara o Goberno de Dollfuss e implantara outro que solicitara a intervención alemá foi en realidade un golpe de man mal organizado protagonizado por 154 nacionalsocialistas que quedaron illados axiña na capital austríaca. Confirmado finalmente o fracaso do golpe polo embaixador alemán a noite do 25, Hitler ordenou de inmediato negar toda participación alemá no falido proxecto. O Goberno alemán viuse en apuros a pesar do desmentido gobernamental polo tardío estalido de rebelións dos seus partidarios nas provincias austríacas, que as forzas gobernamentais non lograron sufocar completamente ata o día 28. O fracaso do golpe de Estado permitiu que a independencia austríaca se mantivese catro anos máis, ata a anexión alemá do país na primavera de 1938.
Viena (en alemán:Wien ([viːn](axuda·info); en bavarés:Wean)) é unha cidade situada en Europa Central, capital de Austria, ademais dun dos nove Bundesländer ou Estados austríacos. Situada á beira do río Danubio e ao pé dos primeiros ramais dos Alpes é, cunha poboación de 1765.649 (2013), a maior cidade e centro político e cultural do país.
Rodeada polo estado de Baixa Austria, a súa área metropolitana acada os 2419000 habitantes, poboación semellante á que tiña no ano 1914. A cidade ten unha longa historia, sendo unha das máis antigas capitais de Europa, polo que conta cun importante patrimonio artístico. Capital do Imperio austrohúngaro medrou pasando a súa poboación de 724.000 habitantes en 1880 a 2000000 en 1910. Durante o século XIX foi unha das grandes capitais musicais do mundo e a principios do século XX un dos focos da filosofía e o debate político de Occidente, así como un dos principais centros culturais mundiais. Durante esa época constrúense grandes palacios arredor da Ringstraße, perímetro da muralla medieval reconvertida a amplo bulevar.
Na súa nenez máis temperá en Salzburgo, Mozart mostrou unha capacidade prodixiosa no dominio de instrumentos de teclado e no violín. Con tan só cinco anos xa compuña obras musicais e as súas interpretacións eran do aprecio da aristocracia e realezaeuropea. Aos dezasete anos foi contratado como músico na corte de Salzburgo, pero a súa inquietude levoulle a viaxar en busca dunha mellor posición, sempre compoñendo de forma prolífica. Durante a súa visita a Viena en 1781, tras ser despedido do seu posto na corte, decidiu instalarse nesta cidade onde alcanzou a fama que mantivo o resto da súa vida, a pesar de pasar por situacións financeiras difíciles. Nos seus anos finais, compuxo moitas das súas sinfonías, concertos e óperas máis coñecidas, así como o seu Réquiem. As circunstancias da súa temperá morte foron obxecto de numerosas especulacións e elevadas á categoría de mito.
A súa influencia en toda a música occidental posterior é profunda; Ludwig van Beethoven escribiu as súas primeiras composicións á sombra de Mozart, de quen Joseph Haydn escribiu que «a posteridade non verá tal talento outra vez en cen anos».