Alexandre de Fisterra
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Alexandre de Fisterra | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 6 de maio de 1919 |
Fisterra | |
Falecemento | 9 de febreiro de 2007 |
Zamora | |
Nacionalidade | España |
Ocupación | poeta, inventor, editor literario e escritor |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Alexandre Campos Ramírez, coñecido como Alexandre de Fisterra, nado en Fisterra o 6 de maio de 1919 e falecido en Zamora o 9 de febreiro de 2007, foi un editor, escritor, inventor, republicano e testamenteiro de León Felipe. Foi o inventor do futbolín, versión do fútbol de mesa.
Índice
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Mocidade[editar | editar a fonte]
Un dos dez fillos do radiotelegrafista de Fisterra, Alexandre viviu nesa vila da Costa da Morte ata os cinco anos, para se trasladar despois á Coruña. Aos quince anos marchou estudar o bacharelato a Madrid.
Unha vez alí, a zapataría do seu pai quedou arruinada, polo que, ao non poder pagar o colexio privado no que estudaba, o director púxoo a corrixir os deberes dos párvulos pagando así a matrícula. Tamén traballou na construción como peón de albanel, como bailarín de claqué e despois nunha imprenta. Ademais foi nesta cidade onde coñeceu a León Felipe (do que sería testamenteiro), que xunto con Rafael Sánchez Ortega, editaron o xornal Paso a la juventud para vendelo pola rúa.
A guerra e o exilio[editar | editar a fonte]
En novembro de 1936 quedou sepultado nun dos bombardeos de Madrid durante a Guerra civil española. Primeiro levárono a Valencia pero como as súas feridas eran graves finalmente trasladárono a un hospital de Monserrat. Alí coñeceu moitos nenos feridos coma el, incapaces de poder xogar ao fútbol, e foi daquela cando pensou no futbolín inspirándose no tenis de mesa. Alexandre confioulle ao seu amigo Francisco Xavier Altuna, un carpinteiro vasco, a fabricación do primeiro futbolín seguindo as súas instrucións. Non obstante, non puido vender o invento a nivel industrial xa que todas as fábricas de xoguetes, a maioría en Valencia, estaban a fabricar armas de verdade por mor da guerra. Patentou a invención en Barcelona en xaneiro de 1937, ao igual que o primeiro pasafollas de partituras movido co pé que fixo para unha rapaza pianista da que estaba namorado. Non obstante, por mor do triunfo franquista na guerra, tivo que se exiliar a Francia cruzando a pé os Pireneos e debido a que estivo a chover durante dez días, perdeu a patente que levaba no macuto.
Estando xa en París, no ano 1948, e grazas á patente do pasafollas conseguiu gañar uns cartos cos que puido marchar a Quito (Ecuador) onde fundou a revista Ecuador 0°, 0', 0" coa que dedicaba cada número a poetas dun país. Máis tarde, en 1952, foi a Guatemala, concretamente a Cabo de Santa María, e alí despois de mellorar o futbolín comezou a fabricalos, facendo un bo negocio. Alí foi ademais onde xogou partidas contra o Che Guevara. Isto acontecería mentres había democracia no país, xa que tras o golpe de estado do coronel Carlos Castillo Armas, por mor da súa ideoloxía de esquerdas, foi roubado e secuestrado, quedando sen nada.
Axentes especiais españois embarcárono pois nun avión en dirección a España, pero el puido escapar, refuxiouse nos lavabos do avión e construíu unha bomba ficticia envolvendo xabrón con papel de aluminio. Con esa "bomba" ameazou a tripulación e gañou o favor dos viaxeiros logo de dicirlles que era "un refuxiado español". O avión desviouse a Panamá, no que foi un dos primeiros secuestros de avión.
Máis tarde marchou a México onde atopou amigos poetas e escritores polo que permaneceu alí dedicándose ás artes gráficas e a editar. Así fundou e presidiu a editorial chamada Editorial Finisterre Impresora dende a cal editou a revista do centro galego de México e libros de variados poetas, entre os que se atopan León Felipe e Juan Larrea. Ademais foi redactor de El Nacional e editou un facsímile da revista Galeuska e o primeiro libro de poemas de Ernesto Cardenal.
O regreso[editar | editar a fonte]
Cando volveu a España logo de morrer Franco sorprendeuse ao ver que o futbolín se estendera amplamente, malia que gran parte desta divulgación se debera ao feito de que os fabricantes valencianos asumiran o xogo coma nacional. Convenceu a editorial Alianza para reimprimir as obras completas de León Felipe e traballou intensamente na divulgación da obra deste poeta, de quen xestionaría a herdanza coma testamenteiro.
Residiu en Aranda de Duero (provincia de Burgos), e despois trasladaríase a Zamora. onde faleceu, na súa casa do barrio de Pinilla á idade de 87 anos. As súas cinzas foron espalladas no río Douro ao seu paso pola cidade de Zamora e no Atlántico en Fisterra.
Era membro non numerario da Real Academia Galega.
Recoñecemento[editar | editar a fonte]
O grupo coruñés Os Diplomáticos de Monte Alto compuxo unha canción dedicada ao futbolín que comeza mencionando ao inventor: Ano 37, guerra civil / Alexandre de Fisterra inventa o futbolín. A canción fíxose famosa ao ser parte do videoclip do contentor infantil da Televisión de Galicia Xabarín Club.
Alessio Spataro publicou unha banda deseñada contando a súa vida.
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- Futbolín de Alessio Spataro[1]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Entrevista a Alexandre de Fisterra no programa Saló de lectura (2003-2004)
- Vídeo no hospital da Coruña lendo un poema propio (febreiro 2007)
- "La batalla final de Alejandro Finisterre", artigo de Xosé Manuel Pereiro en El País, 29 de novembro de 2006 (en castelán).
- Necrolóxica, no xornal inglés The Guardian
|
- ↑ Pardo, Miguel. Praza Pública, ed. "'Futbolín', a trepidante historia de Alexandre de Fisterra: moito máis que un xogo". Consultado o 7 de maio de 2018.