Carolina Casanova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Carolina Casanova
Carolina Casanova de Cepeda 1.jpg
Fotografía de Carolina Casanova.
Nome completoCarolina Casanova de Cepeda
AliasA Cepeda
Nacemento10 de xaneiro de 1847
OrixeFerrol, Galiza Galiza
Falecemento8 de febreiro de 1910 (63 anos)
Madrid, España España
OcupaciónCantante
XéneroÓpera
Instrumento(s)Voz
Tipo de vozSoprano
Firma de Carolina Casanova de Cepeda 1892.svg
editar datos en Wikidata ]

Carolina Casanova Rodríguez, máis coñecida como Carolina Casanova de Cepeda ou simplemente como "La Cepeda",[a] nada o 10 de xaneiro de 1847 no ferrolán barrio de Esteiro e finada en Madrid o 8 de febreiro de 1910, foi unha soprano galega, considerada como unha das mellores sopranos da segunda metade do século XIX. Foi unha das primeiras sopranos españolas en acadar renome en Europa.[2]

Ao longo da súa carreira Carolina Casanova actuou nalgúns dos teatros de ópera máis prestixiosos do mundo, como o Teatro alla Scala de Milán, o Teatro San Carlo de Nápoles, ou a Royal Opera House de Londres, tendo realizado estreas mundiais como a de Il mercadante di Venezia de Ciro Pinsuti. Logo de deixar a súa carreira concertística exerceu como profesora na Escola Nacional de Música e Declamación (actualmente denominado Real Conservatorio Superior de Música de Madrid), onde formaría a futuras personalidades importantes do mundo da ópera española.

No momento da súa morte, durante as festividades do Entroido, o Conservatorio abriu as súas portas para que alumnado e profesorado do centro puideran darlle a última homenaxe, e algúns xornais cualificaron a súa como "unha perda irreparable" para a arte española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

María Carolina Casanova Rodríguez naceu o 10 de xaneiro de 1847 no barrio de Esteiro, Ferrol,[3][b] sendo a cuarta filla do matrimonio de Rosa Rodríguez da Veiga e Luis Casanova Pérez,[4] home do que se descoñece a profesión exacta existindo diferentes versións, a máis probable é que fora carabineiro de Facenda, un corpo creado para vixiar o litoral e loitar contra o fraude e o contrabando.[3] Polos padróns de 1840 a 1853 sábese que na súa infancia residiu na rúa de San Nicolao e non na de San Carlos, como indican algúns documentos. Tamén se deduce dos padróns ferroláns que o seu pai estivo destinado noutras cidades, e podemos coñecer a data aproximada da súa morte grazas aos mesmos, xa que en 1852 recóllese que a súa nai era viúva[3][c] Pouco se sabe dela ou da súa familia ata a adolescencia, tan só que deberon abandonar Ferrol en torno a 1853, xa que a familia non figura no padrón da cidade ese ano, posiblemente por terse trasladado ao domicilio de algunha das súas irmás.[5]

Da formación musical de Carolina Casanova non se coñece nada ata a súa adolescencia, cando estudou solfexo co mestre Francisco Piñeiro, músico maior do Departamento de Mariña de Ferrol e director do Teatro Filarmónico.[5] Foi precisamente neste teato cando a soprano ferrolá debutou en 1863, cando tiña tan só 16 anos.[4] Este debut produciuse casualmente, xa que Piñeiro precisaba cubrir a ausencia da súa primeira tiple e presentáronlle a moza, que daquela xa tiña fama de posuir unha boa voz aínda que nunca cantara en público. Logo do éxito obtido esa función, o propio Piñeiro entregoulle dúas das coroas de flores que recibiu, dicíndolle:[6]

Todas as noites antes de deitarse contemplará vostede ben estas coroas, que recibiu sen merecelas; vostede posúe dotes suficientes para chegar algún día a obtelas ben merecidas. Ánimo e constancia.

Por mediación do propio Piñeiro, que xa velaba polo futuro musical da rapaza, conseguiu un papel como soprano nunha compañía de ópera que visitou a cidade e coa que poucos meses despois se presentaría no Teatro da Zarzuela,[4] onde comezou destacar neste xénero.[1] No teatro madrileño traballaba como corista un daquela novísimo Julián Gayarre,[7][d] e posiblemente fora tamén en dito teatro onde a soprano coñeceu ao que sería o seu marido, Luis Rodríguez Cepeda, un compositor e director de orquestra e coros,[1] que practicamente duplicaba a idade da soprano ferrolá.[4]

Aínda que se descoñece a data exacta na que casaron, no exemplar de decembro de 1866 da Revista de Bellas Artes Carolina xa aparece citada como "señora Cepeda" ao aparecer citada como tiple contratada para a compañía lírica de Palma de Mallorca.[8] Carolina Casanova continuou a súa formación en Roma, onde estudou arte dramática, e en París, onde realizou estudos de solfexo e canto, residindo a familia durante varias tempadas en Auteuil, nas proximidades de París. Foi precisamente na capital francesa onde o día 21 de abril de 1869 naceu o primeiro fillo do matrimonio, Luis.[9]

Primeiras xiras[editar | editar a fonte]

O Teatro Solís de Montevideo, que Carolina Casanova estivo vinculada durante varios meses en 1872 e onde deixaría unha especial pegada.

Logo dun aplaudido debut profesional en Palma de Mallorca foi contratada polo Teatro Principal de Valencia.[9] Desta nova faise eco a revista madrileña La Escena, que sinala que o teatro valenciano reunira "un persoal, tanto para as funcións ordinarias como extraordinarias, como nunca tiveron en Valencia". Carolina Casanova foi unha das catro prime-donne coas que contou o teatro, que contou ademais con tres tenores, dous barítonos, dous baixos e sete partes secundarias.[10] En Valencia cantou, entre outras obras, Un ballo in maschera de Giuseppe Verdi e Robert le diable de Giacomo Meyerbeer, antes de dirixirse aos baños de Caldes d'Estrac co seu home.[9] Ese mesmo ano tería o seu primeiro contacto co Gran Teatre del Liceu ao participar nun concerto con alumnos do mestre Marià Obiols.[11]

Axiña o matrimonio inicia unha longa xira por América Latina e o Norte de Europa.[11] Logo de percorrer os principais teatros de América a soprano ferrolá actuou con éxito na cidade sueca de Gotemburgo, como sinalaba o xornal La Iberia na súa edición do 26 de outubro de 1869,[12] e uns meses máis tarde, en abril de 1870, outro xornal madrileño, La Época, sinalaba os eloxios que recibira en en París unha Carolina Casanova recentemente chegada do Brasil,[13] se ben e probable que o matrimonio levara tempo xa en Europa.[11] Ese mesmo ano hai referencia tamén a unha estadía en Italia, cantando en Il Trovatore de Verdi en Avellino.[14]

Durante estas primeiras xiras a soprano galega actuou, ademais de en Suecia e no Brasil, en Dinamarca, Perú, Chile, Arxentina ou Uruguai, en destacados teatros latinoamericanos como o Teatro Imperial do Brasil, o Teatro Principal de Lima, ou o Teatro Solís de Montevideo. Foi precisamente neste último teatro onde Carolina Casanova deixou unha especial pegada, polo que sería lembrada aínda despois de décadas do seu paso polo escenario montevideano con nostalxia pola prensa musical da cidade como o xornal Montevideo Musical. No Teatro Solís permaneu unha longa tempada, canto menos entre abril e setembro de 1872, e onde cantou Il barbiere di Siviglia de Rossini, La traviata, Rigoletto e Un ballo in maschera de Verdi, Norma e La sonnambula de Bellini, e Linda di Chamounix e Poliuto de Donizetti.[11] Tamén se ten constancia da chegada de Carolina Casanova a Perú, onde debutou con éxito cantando La traviata de Verdi en maio de 1871, e posteriormente uniríase á compañía de ópera italiana xunto coa soprano Adelina Patti, coa que anos despois coincidiría no Covent Garden.[11][e]

Nesta época de xiras naceu ademais a segunda filla de Carolina Casanova, Luisa, o día 4 de xuño de 1870 en Madrid.[9]

Debut no Teatro Real[editar | editar a fonte]

O Teatro Nacional da Ópera (actualmente Teatro Real) en 1860. Carolina Casanova debutou no teatro madrileño con Norma en 1873, tendo unha acollida desigual da crítica. Non volvería ata 1885.

A principios de 1873 a soprano regresa a España. En febreiro dese ano o xornal madrileño La Correspondencia de España recolle a chegada de Carolina Casanova, xunto co seu marido, a Madrid, salientando o éxito colleitado no estranxeiro formando parte das compañías italianas coas que traballou, e dá mostra do interese do público madrileño pola soprano ferrolá:[15]

Os intelixentes desexan que a empresa do noso teatro da Ópera proporciónelles o placer de escoitar tan celebrada artista, segundo a prensa estranxeira e americana.

Cómpre salientar que xa nesta época o nome de Carolina Casanova aparece en primeiro lugar, o que implicaría que fora xa máis coñecida que o seu marido.[15] Poucos meses despois, o 27 de abril dese mesmo ano, o mesmo xornal refírese a Carolina Casanova como prima donna do teatro da Ópera.[16]

Ese mesmo ano, cando estaba a finalizar a tempada do Teatro Nacional da Ópera[f] foi contratada polo señor Robles para actuar en dito teatro. Debutou o día 12 de marzo con Norma, de Vincenzo Bellini, repetindo os días 13 e 18 dese mesmo mes. Tamén participaría nas representacións de La traviata de Giuseppe Verdi os días 23 e 25, así como na estrea da ópera de Filippo Marchetti Ruy Blas o día 29, repetindo tamén o 30 de marzo e o 1 e 2 de abril.[18]

A prensa da capital de España estivo dividida respecto do debut da cantante ferrolá. Mentres que xornais como Galicia Moderna, La Iberia e La Época fanse eco do triunfo no escenario madrileño, sinalando este último que despois da interpretación da aria "Casta Diva" foi chamada dúas veces a escena. Con todo, outras críticas na prensa da época non foron tan positivas: a Crónica da ópera italiana de Luis Carmena y Millán cualificou as actuacións de Carolina Casanova como "mal éxito", aínda que a crítica máis dura foi a publicada en La Moda elegante polo Marqués de Valle-Alegre:[18]

...parece que a bela artista entusiasmou aos chilenos e peruanos... pero nos, que temos oído no papel da sacerdotisa druida á Lagrange, á Penco, á Gazzaniga e á Ferni, non puidemos chegar ao grao de exaltación de aqueles pobos, que deron serenatas e que conduciron en triunfo á diva... A Cepeda poderá ocupar un honroso posto no teatro da Ópera, mais non o principal...

Sexa como fora, a soprano non volveu cantar no Teatro Real ata o ano 1885, tamén na representación de Norma, precedida dunha prestixiosa carreira internacional. Posteriormente ese ano marcharía a Italia, non sen antes actuar no Teatro Jovellanos e no Conservatorio de Madrid.[18]

Éxito internacional[editar | editar a fonte]

En 1876 Carolina Casanova cantou o Réquiem de Verdi baixo a dirección de Franco Faccio nunha homenaxe ao compositor en Parma.

Sábese que en setembro de 1873, Carolina Casanova encontrábase en Italia, onde tivo unha cálida acollida no seu debut no Teatro Dal Verme de Milán.[18] O 8 de novembro interpretou o papel de Porzia na estrea da ópera de Ciro Pinsuti Il mercante di Venezia no Teatro Comunale de Boloña,[19][20] escenario ao que regresaría pouco tempo despois, o 5 de decembro dese mesmo ano.[19] En xaneiro do ano seguinte participou nas representacións de Il re Manfredi de Achille Montuoro e Un ballo in maschera de Giuseppe Verdi.[18]

Nestes anos coñécese tamén da súa presenza no Teatro Imperial de Varsovia en canto menos dúas tempadas, nas que realizou a estrea de Aida no papel principal.[21][22]

En 1876 a soprano ferrolá foi contratada para cantar a Misa de Réquiem de Verdi no Teatro Regio de Parma nun acto no que se lle entregaría ao compositor a medalla de ouro pola composición. A obra foi dirixida polo director de orquestra italiano Franco Faccio e ao concerto asistiron o que sería rei de Italia, Humberto de Savoia, xunto coa súa dona, a princesa Margarida Teresa de Savoia.[21]

Ese mesmo ano, de volta en España, produciuse o debut de Carolina Casanova no Gran Teatre del Liceu de Barcelona. A soprano xa cantara na cidade condal o ano anterior no Teatro Circo. No Liceu actuou entre decembro de 1876 e marzo de 1877, salientando a estrea no teatro barcelonés de Aida de Verdi xunto co tenor italano Francesco Tamagno o 25 de febreiro de 1877, seis anos despois da estrea mundial no Cairo.[23][24][25][g] Con todo, foi a súa segunda tempada en Barcelona a máis destacada, interpretando unha moi aplaudida Lucrezia Borgia xunto con Julián Gayarre.[25] Ao mesmo tempo, a soprano ferrolá presentárase en Lisboa coa compañía lírica do Real Teatro. No teatro da capital portuguesa debutou con L'Ebrea[h] de Fromental Halévy, cantando tamén en Maria di Rohan de Donizetti, Faust de Gounod, Il trovatore, Ernani, Un ballo in maschera ou Aida de Verdi.[26]

A Royal Opera House de Londres, onde Carolina Casanova cantou dúas tempadas en 1878 e 1879.

En 1878 formou parte da Royal Italian Opera, a compañía dirixida por Frederick Gye, na Royal Opera House de Londres. O éxito desta primeira tempada levou a Carolina Casanova a actuar de novo no Covent Garden en 1879, alternando nesta segunda tempada con Adelina Patti, interpretando papeis dramáticos en Les Huguenots e Robert le diable de Meyerbeer, Tannhäuser de Wagner, Lucrezia Borgia de Donizetti, Don Giovanni e Le nozze di Figaro de Mozart e Norma de Vincenzo Bellini. A prensa londinense da época salienta o trato do público, e como a soprano ferrolá mantiña a súa posición no favor do público, como The Musical Times, que en agosto dese ano referíase á cordialidade do público durante toda a tempada. Nestas dúas tempadas a soprano ferrolá compartiu escenario co tenor navarro Julián Gayarre,[27][28] con quen actuaría en numerosas ocasións ao longo da súa carreira.[25] A segunda tempada londinense finalizou con Norma, sobre a que Julio Enciso escribiu para o xornal vasco editado na Habana Ir-rac-bat, e que recolleu tamén Galicia Moderna:[28]

... foi a coroa artística que rematou a gloria de Carolina Cepeda, conquistándoa o título de célebre segundo a opinión da prensa e do público.

Nesta mesma época encóntranse referencias á presenza de Carolina Casanova en Rusia en outubro de 1878, cando Crónica musical recolle a súa participación na compañía do Teatro Imperial de San Petersburgo cantando Aida.[29] A prensa española do momento fíxose eco do éxito da soprano ferrolá en Rusia. O xornal madrileño La Época, o nove de xaneiro de 1879, sinala á ferrolá como unha das primas donnas da compañía e apunta que a soprano galega é considerada pola prensa rusa como unha "artista de primeira orde", recibindo cada noite "máis de vinte chamadas a escena" e adianta a presenza na tempada de primavera e verán no Covent Garden.[30] Amais, Carolina Casanova sumou nesta etapa ao seu repertorio Don Giovanni de Mozart, e interpretou tamén Marina e tres novas pezas do compositor navarro Emilio Arrieta en Londres e posiblemente tamén en San Petersburgo.[29]

Nos primeiros anos da década de 1880 a prensa española facíase eco novamente da presenza da soprano ferrolá en Italia, onde o xornal madrileño Crónica de la música sinala que fora contratada en 1880 polo Teatro San Carlo de Nápoles para cantar en Aida e Lohengrin,[31] cantando 26 veces no teatro napolitano,[32] e colleitando un notable éxito segundo recolle a prensa da época. O ano seguinte Carolina Casanova regresou a Milán, desta vez para cantar no Teatro alla Scala, onde recibiu unha sonora ovación logo representación de La traviata, segundo relatou a prensa da época, que afirmou tamén que recibiu unha serenata por parte da orquestra do teatro e foi acompañada á saída do teatro por numeroso público, se ben non seria ata 1887 cando volvería ao teatro da capital lombarda.[14]

Gravado de Carolina Casanova na revista Sporting & Dramatic, coincidindo cunha das actuacións da soprano no Covent Garden.

Na tempada 1881-82 formou parte da compañía lírica italiana que funcionaría no Gran Teatre del Liceu na primeira parte da tempada como Prima donna assoluta soprano drammatica.[33]

Carolina Casanova parecería ter regresado a Rusia en 1884, cando tería asinado un contrato para cantar en Moscova logo de finalizar a tempada no Liceu e cantar en París Lucrezia Borgia no dobre debut xunto con Julián Gayarre, que contou na se encontraba entre as persoas asistentes o escritor Alexandre Dumas, e que foi moi aplaudido. A diva ferrolá viviu moitas tempadas na capital francesa, ao estar contratada no seu teatro italiano, e a prensa española da época fai referencia con frecuencia ás súas viaxes a París ao finalizar actuacións ou xiras.[29] A prensa española da época recolle algúns datos curiosos da vida da soprano ferrolá en París, como as recollidas en 1889 por xornais como La Monarquía ou La Correspondencia, nas que salientan a súa presenza nas reunións íntimas que a raíña Isabel II ofrecía no seu palacio parisiense, e nas que segundo indicaban os medios, Carolina Cepeda era aplaudida con entusiasmo pola aristocracia que acodía aos seus salóns, e especialmente pola monarca española.[34] No ano 1884 o xornal madrileño La Correspondencia de España sinala a presenza de Carolina Casanova e Gayarre na Coruña, se ben descoñécese se cantaron na cidade herculina. Nesta época era habitual atopar notas na prensa nas que se recollía a presenza da soprano ferrolá en Vilaboa (Culleredo), un lugar que frecuentaba a burguesía e certa aristocracia para os retiros de verán, e onde adquirira unha casa na que pasaba tempadas acompañada da súa familia.[35]

En 1886 volveu ser contratada polo Covent Garden, e ao ano seguinte La Correspondencia faise eco de que a soprano ferrolá fora contratada por cuarta vez polo teatro londinense, no que cantaría, entre outros títulos Semiramide, que regresou ao Teatro Imperial de San Petersburgo, inaugurando a tempada de outono e Entroido coa ópera Norma. A interpretación valeulle un novo éxito e o crítico do Diario de San Petersburgo chegou a comparala en moitos aspectos con Giuditta Pasta, considerada no momento a Norma modelo. O crítico ruso afirmaba:[36]

Di a frase In mia mano al fin tu sei como mellor non se pode imaxinar e en todo o final está nunha sublimidade sen igual, tanto no sentimento de aquelas belísimas frases, como na razoada e eficacísima acción coa que acompaña a situación dramática e a paixón de aquel terrible momento

A tempada 1887-88 foi a última na que Carolina Casanova actuou no Liceu, coincidindo coa Exposición Universal de 1888. Aló foi de novo a "mellor" Valentina en Les Huguenots en maio, e en xuño Lohengrin e finalmente Lucrezia Borgia.[25]

Últimos concertos e profesora[editar | editar a fonte]

Retrato de Julián Gayarre. A morte do tenor navarro, unida á do seu marido Luis de Cepeda, puido ser un dos detonantes do retiro dos escenarios de Carolina Casanova.

A pesar de que Carolina Casanova aínda estaba en plenas facultades, a partir de 1889 foi reducindo a súa actividade concertística ata que en torno a 1893 retirouse dos escenarios. Mercedes Puyol apunta a dous factores que puideron desembocar na súa retirada dos escenarios para pasar a dar clase, as mortes de Julián Gayarre primeiro, e logo a do seu marido.[37]

A soprano ferrolá mantivera unha frutífera relación profesional co tenor navarro, e posiblemente tamén de amizade. Logo de cantar xuntos en Bilbao, en decembro de 1989 Gayarre enferma e sofre un desvanecemento en pleno escenario do Teatro Real mentres cantaba Les Pêcheurs de Perles de Bizet o 8 de decembro. Poucos días despois, o 2 de xaneiro de 1890, falecía en Madrid.[37][38][39] Pouco despois de que Gayarre caera enfermo, o seu marido morría de xeito inesperado o 15 de decembro. En marzo dese mesmo ano Carolina Casanova solicita unha praza para ensinar canto na Escola Nacional de Música e Declamación, xa que un dos seus profesores, Jorge Ronconi, acababa de falecer. A soprano fai valer os seus méritos e nuha carta dirixida ao director xeral de instrución pública, posiblemente o director afirma que os méritos alegados son certos e manifesta que a considera apta para desempeñar a cátedra. Con todo, aínda tería que agardar para conseguir unha resposta por parte do conservatorio madrileño.[40]

Logo dos tráxicos sucesos, Carolina Casanova preséntase en Santander para cantar a ópera de Tomás Bretón Los amantes de Teruel en abril, antes de regresar a Madrid para a tempada de outono. Na capital de España regresou ao Teatro da Zarzuela, que daquela se encontraba nun proceso de mudanza cara á ópera italiana logo de deixar o xénero chico por protestas dos medios, onde cantou de novo Lucrezia Borgia con gran éxito.[40]

En 1891 cantou Norma e Les Huguenots no Teatro Nacional São João de Porto e participou nun concerto benéfico a favor das persoas damnificadas polo lume en Ribera de Curtidores no madrileño Teatro do Príncipe Alfonso en presenza da familia real española, e uns meses despois nun concerto organizado polo Conservatorio, daquela dirixido por Emilio Arrieta, para colaborar na reparación dos danos producidas as inundacións en Toledo e Almería. Foi o 14 de xullo dese mesmo ano cando a soprano ferrolá recibiu a resposta do Conservatorio, sendo nomeada interina e tomando posesión ao día seguinte.[40] Carolina tería conseguido a súa praza polos méritos presentados e non por ter superado un exame, como pode deducirse dun documento oficial no que a frase "practicou os exercicios con nota de" e no seu lugar aparece escrito a man "foi nomeada por concurso".[41] O xornal barcelonés La Dinastía referíase ao seu nomeamento nos seguintes termos:[42]

Foi nomeada profesora de canto da Escola Nacional de Música e Declamación, a célebre tiple dramática española dona Carolina Casanova de Cepeda.

Consideramos acertadísimo este nomeamento, que vén ser xusto premio ao talento indiscutivle dunha eminente artista española. Indudablemente gañará moito a ensinanza en dita escola, con tan boa mestra.

La Dinastía, 22 de xullo de 1891 (tradución do orixinal)

Primeira páxina dunha carta de Carolina Casanova a Barbieri.

Con todo, o salario recibido é de tan só 2 000 pesetas anuais, dous terzos menos da dotación da cátedra. Carolina Casanova decidiu solicitar a cátedra en propiedade en 1892 apoiándose no Real Decreto do 22 de xaneiro dese mesmo ano, solicitando así mesmo apoio do propio Barbieri para o "pronto despacho" da súa solicitude.[40] Finalmente o 11 de marzo foi nomeada profesora numeraria da institución, o que supón un notable incremento nos seus ingresos, xa que o seu salario pasa a ser de 3 000 pesetas anuais, que se incrementaría en 500 pesetas por cada un dos tres quinquenios nos que exerceu a cátedra.[41]

En torno a 1895 Carolina Casanova casa por segunda vez, desta volta cun tenor trece anos menor que ela chamado Miguel Campo Herbella e que nacera na Rúa de Valdeorras, no concello ourensán da Rúa, o 27 de decembro de 1860.[41] Se ben hai certos paralelismos á inversa entre a primeira relación de Carolina con Luis de Cepeda e a que mantivo con Miguel Campo, non se pode afirmar que se repetira, se ben era igualmenten unha mestra consagrada e unha promesa da arte, a diferenza de idade non era tan grande, e Miguel non era tan novo nin tería tanto talento, de feito non se coñece nada sobre a súa carreira antes do seu matrimonio coa soprano ferrolá nin tampouco despois do mesmo, xa que morreu novo e Carolina quedou viúva por segunda vez.[43]

Últimos anos e morte[editar | editar a fonte]

Non se teñen moitos datos da súa vida logo do seu segundo matrimonio, hai que remontarse a unha carta dirixida ao seu "xefe e amigo" Tomás Bretón en xaneiro de 1910. Nesta misiva a soprano pide permiso para dar clases na casa, xa que non pode subir escaleiras debido a un ataque de reúma, engadindo: "prometo que ninguén o saberá".[44]

Carolina Casanova faleceu o 8 de febreiro de 1910 en Madrid, sendo aínda profesora de canto no Conservatorio. O día seguinte á súa morte instalouse no Conservatorio unha capela ardente para que profesorado e alumnado da institución puideran rendirlle a súa derradeira homenaxe e unirse ao cortexo fúnebre animados por Tomás Bretón, a pesar de non haber clases con motivo das festas do Entroido. O xornal madrileño La Correspondencia de España publicou sobre a morte da soprano ferrolá que "a arte española, coa morte de Carolina Cepeda, sufriu unha perda irreparable".[45]

Foi enterrada na Sacramental de San Xusto, en Madrid, nunha tumba sinxela na que tan só figura o seu nome e data de nacemento, acompañada polos restos doutras persoas da súa familia. A súa sepultura está localizada no chamado Patio de Santa Xertrude, onde tamén se encontran os compositores Federico Chueca e Ruperto Chapí, así como Jorge Ronconi, a quen substituíra Carolina Casanova no conservatorio.[46]

Características[editar | editar a fonte]

Podemos atopar descricións do canto de Carolina Casanova na prensa do seu tempo. A constancia, as dotes musicais, a flexibilidade e extensión da súa voz, así como as súas cualidades físicas e a súa presenza foron algunhas das características que se destacaron da voz de Carolina Casanova xa dende os seus inicios.[11]. En 1869 o xornal La Iberia definía o canto da soprano ferrolá do seguinte xeito: "A señora Cepeda posúe unha magnífica voz, de gran extensión e moi simpática; o seu canto é correcto e o seu estilo de boa escola",[12] e logo do seu debut no Teatro Real o xornal La Época destacaba a súa "fermosa e potente voz e a súa boa figura", augurándolle "un porvir feliz".[18]

No seu tempo Carolina Casanova foi comparada con Giulia Grisi, unha das grandes sopranos do século XIX, e falecida en 1869,[47] no tempo no que a soprano ferrolá iniciaba a súa carreira. Coincidindo co seu debut na capital británica, o 13 de xullo de 1878, The New York Times referíase a Carolina Casanova do seguinte xeito:[28]

Unha nova cantante apareceu en Londres, na Royal Italian Opera, Mlle. Cepeda —en realidade señora— que asumiu o difícil papel de Valentina en Les Huguenots. O seu talento tense comparado co da Grisi. Posúe unha beleza pouco común, unha voz pura e ben educada e un instinto dramático de primeira orde.

Tamén a prensa italiana salientou tanto a súa voz como as dotes escénicas de Carolina Casanova, como recolleu o xornal Sferza de Nápoles en 1881:[14]

Dende o momento no que pisa a escena, o público comprende que ten ante si a unha grande artista. A súa figura é impoñente; o seu xesto escultórico. Que dicir da súa voz? Xa suave, xa docísmia, xa vibrante e forte, segundo a situación.

Carolina Casanova foi tamén comparada con Giuditta Pasta, outra das grandes sopranos do seu tempo nunha das súas visitas ao Teatro Imperial de San Petersburgo.[36]

A soprano ferrolá era descrita como unha cantante completa tamén por Enrique Sánchez Torres, quen tamén destaca as súas interpretacións de Giacomo Meyerbeer, e en 1891 en Nueve músicos clásicos y seis artistas españoles definíaa como unha desas persoas que:[44]

enchen o teatro... Todo nela era exuberante: a voz, a figura, a arte... é tan valente que é capaz de ir con Stagno e Uetam á fin do mundo... dramático musical... A súa "salva Raúl" é desas frases que fan lembrar sempre a un artista... Á Cepeda, aínda que sempre demostra que sabe cantar, tendes que oíla nas óperas de Meyerbeer...

Repertorio[editar | editar a fonte]

Se ben Carolina Casanova representou principalmente ópera italiana, tamén encontramos no seu repertorio ópera francesa, alemá e española. Posiblemente algunhas das óperas que interpretou nunha lingua distinta da italiana foran versións nesa lingua, xa que as fontes mencionan moitas veces estas óperas co título en italiano.[i] Entre as óperas que estaban no repertorio da soprano ferrolá encontramos: La sonnambula e Norma de Billini; Les Huguenots, Robert le diable (aparece como Roberto il diavolo) e L’Africaine de Meyerbeer; La traviata, Aida, Il trovatore, Ernani, Rigoletto e Un ballo in maschera de Verdi; Ruy Blas de Marchetti; Faust de Charles Gounod; Le nozze di Figaro e Don Giovanni de Mozart; Lohengrin e Tannhäuser de Wagner; Il barbiere di Siviglia e Semiramide de Rossini; Le duc d’Albe (aparece como Il duca d’Alba), Maria di Rohan, Linda di Chamounix, Poliuto, Don Pasquale e Lucrezia Borgia de Donizetti; Il re Manfredi de Montuoro; La Juive (aparece tamén como L’Ebrea) de Halévy; Mefistofele de Boito; ou as óperas españolas de Tomás Bretón Guzmán el Bueno e Los amantes de Teruel.[21]

Homenaxes[editar | editar a fonte]

A escritora coruñesa Emilia Calé adicoulle un poema á soprano ferrolá.

No seu tempo, Carolina Casanova recibiu o recoñecemento do público nos teatros nos que actuou. Atopamos homenaxes escritas á soprano ferrolá, como o escrito en Baía (Brasil) o 15 de xullo de 1868, durante as primeiras xiras que realizou por Latinoamérica, pola escritora, pintora e melómana Joaquina Navarro de Cunha e Menezes, filla do coronel e barón de Rio Vermelho, que lle adicou "á distinguida prima donna ... intérprete sublime camiño da gloria".[11]

A escritora coruñesa Emilia Calé, que sería nai da pianista de sona Emilia Quintero Calé, e que mantiña unha relación de amizade coa diva ferrolá, adicoulle un poema á diva ferrolá titulado "Á la célebre diva Carolina Casanova de Cepeda", escrito en 1885. Este poema foi escrito con ocasión dunha festa que a soprano celebrou na súa casa-quinta de Vilaboa (Culleredo), e na que a filla de Emilia Calé interpretou algunhas pezas ao piano e a súa nai leu o poema, que publicaría ese mesmo ano en Madrid El Correo de la Moda.[48]

En 1905 publicouse un "método completo" de canto obra do Marqués de Altavilla, que tamén fora profesor no Real Conservatorio de Madrid. No método, amais dos contidos puramente teóricos, o autor adica unhas páxinas ás personalidades do canto máis famosas da súa época, entre as cales menciona a Carolina Casanova.[j][49]

Con todo, a pesar da súa traxectoria e de ter sido célebre no seu tempo, a figura de Carolina Casanova caeu no esquecemento tanto no mundo da ópera como na súa cidade natal, e boa parte da súa traxectoria vital e profesional seguen a ser descoñecidos.[50]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A presenza do apelido Cepeda débese a que adoptouno do seu marido ao casar.[1]
  2. Existen datos contraditorios sobre o lugar de nacemento de Carolina Casanova, citando como lugares de nacemento Madrid ou Barcelona, con todo tanto os documentos de San Xiao, onde foi bautizada, como os do rexistro de nacementos do Arquivo do Concello sitúan como lugar de nacemento a cidade departamental.[3]
  3. O corpo de carabineiros de Facenda dependería tanto do Exército como de Facenda, o que explicaría que fontes como o Diccionario de Música Lábor afirmen que era oficial do Exército e que morrera nun motín en Madrid.[5]
  4. O Teatro da Zarzuela era coñecido tamén como Teatro de Jovellanos ou Teatro Jovellanos por estar situado en dita rúa da capital de España.
  5. As recensións da prensa peruana indicaban que Carolina Casanova chegaba ao país logo de ter percorrido con éxito os principais teatros de Alemaña e Europa en xeral, así como os de América Central.[11]
  6. Logo da Revolución de 1868 e a posterior instauración da Primeira República Española, o Teatro Real pasou a denominarse Teatro Nacional da Ópera.[17]
  7. A ópera de Verdi é a máis representada no teatro barcelonés con 442 representacións dende a súa estrea.[23]
  8. O título orixinal da obra de Fromental Halévy é La Juive, mais as fontes indican o título en italiano, polo que posiblemente debutara cantando unha versión en lingua italiana.
  9. No caso das óperas alemás non se pode asegurar que foran versións nunha lingua distinta da alemá, xa que o repertorio alemán de Carolina Casanova non tiña tradución a outras linguas, con todo é probable que foran versións noutra lingua, xa que era unha práctica común na época.
  10. O nome da soprano ferrolá aparece acompañado polo apelido do seu marido, isto é, Carolina Cepeda.
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 Puyol 2011, p. 70.
  2. "El intérprete pasó de la academia de canto a los barcos". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de febreiro de 2011. Consultado o 8 de abril de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Puyol 2011, p. 68.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Burgoa, Juán José (10 de setembro de 2017). "Carolina Casanova Rodríguez". Diario de Ferrol (en castelán). 
  5. 5,0 5,1 5,2 Puyol 2011, p. 69.
  6. Puyol 2011, p. 69-70.
  7. Unamuno, P. (10 de xaneiro de 2015). "Cuando Gayarre era Giuliano". El Mundo (en castelán). Consultado o 10 de abril de 2018. 
  8. "PROVINCIAS". Revista de Bellas Artes (en castelán) (Madrid) (10): 80. 9 de decembro de 1866. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Puyol 2011, p. 71.
  10. "CRÓNICA NACIONAL". La Escena (en castelán) (Madrid) (16): 126. 28 de abril de 1867. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 11,7 Puyol 2011, p. 72.
  12. 12,0 12,1 "TEATROS". La Iberia (en castelán). 26 de outubro de 1869. Consultado o 13 de abril de 2018. 
  13. "NOTICIAS GENERALES". La Época (en castelán). 25 de abril de 1870. Consultado o 13 de abril de 2018. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Puyol 2011, p. 74.
  15. 15,0 15,1 "TERCERA EDICIÓN". La Correspondencia de España (en castelán). 17 de febreiro de 1873. Consultado o 6 de maio de 2018. 
  16. "TERCERA EDICIÓN". La Correspondencia de España (en castelán). 27 de abril de 1873. Consultado o 6 de maio de 2018. 
  17. "La historia del Teatro Real" (en castelán). Teatro Real. Consultado o 6 de maio de 2018. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 Puyol 2011, p. 73.
  19. 19,0 19,1 "1864-1873" (en italiano). Teatro Comunale di Bologna. Consultado o 29 de xuño de 2018. 
  20. "Mercante di Venezia, Il". Archivio Storico Ricordi (en inglés). Roicordi. Consultado o 29 de xuño de 2018. 
  21. 21,0 21,1 21,2 Pereira Martínez, Carlos. "CAROLINA CASANOVA DE CEPEDA: DO “COVENT GARDEN” A CULLEREDO". Symphonia (Conservatorio Superior de Música de Coruña). Consultado o 29 de xuño de 2018. 
  22. Puyol 2011, p. 87.
  23. 23,0 23,1 "Aida" (en catalán). Arxiu històric de la Societat del Gran Teatre del Liceu. 14 de outubro de 2018. 
  24. Conmemoración del centenario del estreno absoluto de "Aida" de Guiseppe Verdi (PDF) (en castelán). Universidade Autónoma de Barcelona. Consultado o 14 de outubro de 2018. 
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Puyol 2011, p. 75.
  26. da Fonseca Benevides, Francisco. O Real Theatro de S. Carlos de Lisboa (PDF) (en portugués). Lisboa. p. 364-365. 
  27. Hurst, P. G. The operatic age of Jean de Reszke. Forty years of opera 1874-1914 (en inglés). Nova York: Robert R. McBride Co. p. 59. Consultado o 8 de xullo de 2018. 
  28. 28,0 28,1 28,2 Puyol 2011, p. 76.
  29. 29,0 29,1 29,2 Puyol 2011, p. 77.
  30. "ECOS DE TODAS PARTES". La Época (en castelán). 9 de xaneiro de 1879. Consultado o 8 de xullo de 2018. 
  31. "TEATROS". Crónica de la música (en castelán). 26 de agosto de 1880. 
  32. "CORREO EXTRANJERO". Crónica de la música (en castelán). 4 de maio de 1881. 
  33. "Hemeroteca". La Vanguardia (en castelán). 4 de outubro de 1881. Consultado o 7 de febreiro de 2018. 
  34. Puyol 2011, pp. 78-79.
  35. Puyol 2011, pp. 77-78.
  36. 36,0 36,1 "GALLEGAS DISTINGUIDAS". Galicia Moderna (37) (A Habana). 10 de xaneiro de 1886. 
  37. 37,0 37,1 Puyol 2011, p. 81.
  38. "EL PERSONAJE" (en castelán). Fundación Julián Gayarre. Consultado o 26 de outubro de 2018. 
  39. "JULIÁN GAYARRE. BIOGRAFÍA CRONOLÓGICA" (PDF) (en castelán). Fundación Julián Gayarre. Consultado o 26 de outubro de 2018. 
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 Puyol 2011, p. 82.
  41. 41,0 41,1 41,2 Puyol 2011, p. 83.
  42. "Crónica". La Dinastía (en castelán). 22 de xullo de 1891. Consultado o 28 de outubro de 2018. 
  43. Puyol 2011, p. 84.
  44. 44,0 44,1 Puyol 2011, p. 85.
  45. "Carolina de Cepeda" (PDF). La Correspondencia de España (en castelán). 9 de febreiro de 1910. 
  46. Puyol 2011, p. 86.
  47. Encyclopaedia e The New Grove Dictionary of Opera. Ver tamén: Beale 1890; De Candia and Hird 1910; Engel 1886, pp. 332 and 336–337; e Floris e Serra 1986.
  48. Pereira Martínez, Carlos (4 de decembro de 2014). "Emilia Calé Torres Sanjurjo e Culleredo: dous poemas dedicados a Rosalía de Castro e Carolina Casanova". terraetempo.gal. Consultado o 17 de abril de 2018. 
  49. Marc Heilbron Ferrer, ed. (2003). Mariano Rodríguez de Ledesma Colección de cuarenta ejercicios o estudios progresivos de vocalización (París, 1828c). Colección Textos Universitarios (en castelán) 30 (Editorial CSIC - CSIC Press). p. 35. ISBN 8400081919. 
  50. Puyol 2011, pp. 67-68.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]