Portal:Diversidade sexual

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A diversidade sexual e de xénero (DSX) ou simplemente diversidade sexual é un termo que se usa para referirse de maneira inclusiva a toda a diversidade de sexos, orientacións sexuais e identidades de xénero, sen necesidade de especificar cada unha das identidades, comportamentos e características que conforman esta pluralidade.

En Occidente, habitualmente utilízanse clasificacións simples e herméticas en torno ao sexo (homes, mulleres e intersexuais), á orientación sexual (heterosexuais, homosexuais e bisexuais) e á identidade de xénero (transxéneros e cisxéneros), reunidas baixo as siglas LGTBI (lesbianas, gais, transxéneros, bisexuais e intersexuais). Con todo, outras culturas posúen maneiras diferentes de entender o sistema sexual.

A diversidade sexual tamén inclúe ás persoas intersexuais, que nacen cunha variedade de características intermedias entre homes e mulleres. Ademais tamén se inclúen todas as identidades transxénero e transexuais que non se encadran dentro do sistema de xénero binario e que, do mesmo xeito que a orientación sexual, poden experimentarse en distintos graos máis aló do cisxénero e a transexualidade, como é o caso das persoas de xénero fluído.

Por último, a diversidade sexual tamén engloba ás persoas asexuais, quen experimentan desinterese na actividade sexual; así como a todas aquelas persoas que consideran que a súa identidade non se pode definir, incluídas no ámbito anglosaxón baixo o termo paraugas queer.

Artigo destacado

editar

A coñecida como rebelión de Stonewall consistiu nunha serie de manifestacións espontáneas e violentas contra unha redada policial que tivo lugar na madrugada do 28 de xuño de 1969, no pub coñecido como o Stonewall Inn do barrio neoiorquino de Greenwich Village. Fálase decote destes disturbios como da primeira ocasión na historia de Estados Unidos en que a que a comunidade LGTB loitou contra un sistema que perseguía os homosexuais co visto e prace do goberno, e son xeralmente recoñecidos como o catalizador do movemento moderno a prol dos dereitos LGTB nos Estados Unidos e en todo o mundo.

Había poucos estabelecementos que acollesen persoas abertamente homosexuais durante as décadas de 1950 e 1960. Os que si o facían eran xeralmente bares, aínda que os seus propietarios e administradores raramente eran gais. O Stonewall Inn, naquela época, era propiedade da mafia. Contaba cunha gran variedade de clientes, e era coñecido por ser popular entre as persoas máis marxinadas da comunidade gai: transexuais, drag queens, novos efeminados, prostitutos masculinos e mozos sen teito. As redadas policiais nos bares gais eran algo rutineiro durante a década dos 60, pero os axentes de policía perderon repentinamente o control da situación no Stonewall Inn e atraeron o xentío, provocando que se rebelasen. A tensión entre a policía de Nova York e os residentes gais de Greenwich Village produciu máis protestas a seguinte tarde, e sucesivamente varias noites despois. En cuestión de semanas, os residentes do Village organizáronse rapidamente en grupos de activistas para concentrar esforzos en prol de establecer lugares para que os gais e lesbianas puidesen manifestar abertamente a súa orientación sexual sen medo a ser arrestados.

Tras os disturbios de Stonewall, a comunidade homosexual de Nova York fixo fronte a obstáculos de índole xeracional, de clase e de xénero para formar unha comunidade cohesionada. O 28 de xuño de 1970 tiveron lugar as primeiras marchas do Orgullo Gai nas cidades de Nova York e Os Ánxeles, conmemorando o aniversario dos disturbios. Co tempo, outras cidades foron organizando marchas similares. Hoxe día celébranse actos do Orgullo Gai anualmente por todo o mundo cara a finais de xuño, para lembrar os disturbios de Stonewall.

Imaxe destacada
Categorías
Biografía destacada

editar

Leelah Alcorn, nada o 15 de novembro de 1997 en Kings Mills (Ohio), e finada o 28 de decembro de 2014, foi unha rapaza transxénero estadounidense cuxo suicidio atraeu a atención dos medios nacionais e internacionais. Alcorn publicara unha nota de suicidio no seu blog de Tumblr, escribindo sobre estándares sociais relacionados coas persoas transxénero e expresando esperanza en que a súa morte crearía un diálogo sobre a discriminación, abuso e falta de apoio para as persoas transxénero.

Asignada ó xénero de varón no seu nacemento como Joshua Alcorn, criouse en Ohio no seo dunha familia afiliada co movemento da Igrexas de Cristo. Ós 14 anos de idade indicoulle a súa condición de transxénero ós seus pais, que rexeitaron aceptar a súa identidade de xénero feminina. Ós 16 anos de idade denegáronlle a súa petición de someterse a terapia de reasignación sexual, someténdoa no seu lugar a unha terapia de conversión cristiá coa intención de convencela de que rexeitase a súa identidade de xénero e aceptase o xénero que lle asignaran ó nacer. Tras revelarlles ós seus compañeiros de clase que lle atraían os varóns, os seus pais sacárona da escola e prohibíronlle o acceso ás redes sociais. Na súa nota de suicidio Alcorn citou a soidade e a alienación como motivos chave da súa decisión de poñer fin a súa vida e culpou ós seus pais por causar estes sentimentos.

Alcorn dispuxo a publicación en liña da súa nota de suicidio varias horas despois da súa morte, atraendo en pouco tempo a atención internacional dos medios e redes sociais. Varios activistas LGTB reclamaron atención para o suceso cualificándoo como unha proba dos problemas sufridos pola xuventude transxénero. Pouco despois do seu suicidio comezou unha campaña de peticións para o establecemento da chamada "Lei de Leelah", a prohibición da terapia de conversión nos Estados Unidos, apoiada polo entón presidente do país Barack Obama. Ó ano seguinte a cidade de Cincinnati aprobou unha lei para a ilegalización da terapia de conversión.

Sabías que...?

editar

Lili Elbe en 1926.


Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (4)

Artigos bos (0)

Proxectos relacionados
Portais relacionados

editar

Feminismo
Feminismo

Feminismo

Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons