Julián Besteiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Julián Besteiro Fernández
Julián Besteiro
c. 1931

1925 – 1931
Precedido por Pablo Iglesias Posse
Sucedido por Remigio Cabello

1925-1931; 1932 – 1934
Precedido por Pablo Iglesias Posse
Sucedido por Anastasio de Gracia

14 de xullo de 1931 – 9 de outubro de 1933[b]
Sucedido por Santiago Alba Bonifaz

5 de marzo de 1939 – 31 de marzo de 1939[2]

1918-1923; 1931 – 1939

Datos persoais
Nacemento 21 de setembro de 1870
Madrid  España
Falecemento 27 de setembro de 1940
Carmona  España
Partido Unión Republicana[3]
Partido Republicano Radical[3]
Partido Socialista Obrero Español
Profesión Catedrático e político
Alma máter Universidade de Madrid
Universidade da Sorbona
Sinatura Sinatura de Julián Besteiro

Julián Besteiro Fernández, nado en Madrid o 21 de setembro de 1870 e falecido en Carmona (provincia de Sevilla) o 27 de setembro de 1940, foi un catedrático e político español, presidente das Cortes durante a Segunda República, así como do Partido Socialista Obrero Español e da Unión Xeral de Traballadores.

Alumno da Institución Libre de Enseñanza, estudou Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid e iniciouse na política no partido da Unión Republicana, pasando máis tarde a formar parte do Partido Republicano Radical. En 1912, ano no que tamén obtivo a súa cátedra na Universidade Central, ingresou no PSOE. Tivo un papel protagonista na folga xeral de 1917, polo que foi encarcerado en Cartaxena. Foi elixido deputado 1918 e liberado de prisión, comezando entón a súa actividade parlamentaria.

Sucesor de Pablo Iglesias como líder do PSOE e da UGT trala morte deste último, apoiou unha postura colaboracionista coa ditadura de Miguel Primo de Rivera. Trala proclamación da Segunda República, en 1931 converteuse no presidente das Cortes Constituíntes e en 1934 opúxose á deriva revolucionaria do seu partido durante a folga de outubro.

Tralo comezo da guerra civil opúxose á influencia comunista no goberno republicano e participou no golpe de estado contra o goberno de Juan Negrín levado a cabo polo coronel Segismundo Casado, formando parte do Consello de Defensa de Madrid en calidade de ministro de Exteriores. Foi o único membro deste consello que permaneceu en Madrid cando as forzas do bando sublevado entraron na cidade durante a ofensiva final da guerra o 28 de marzo de 1939. Sometido a un consello de guerra e acusado de promover un un socialismo moderado, foi condenado a trinta anos de prisión. Faleceu en 1940 vítima dunha infección no cárcere de Carmona, nunhas condicións de presidio deficientes.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Nado en Madrid o 21 de setembro de 1870,[4][5] era fillo dun comerciante de ultramarinos de orixe galega.[6] Ingresou en 1879 na Institución Libre de Enseñanza,[7] creada tres anos antes por Francisco Giner de los Ríos, ó que Besteiro profesou unha grande admiración,[8] adicándolle numerosos eloxios na prensa en anos posteriores.[9] Entre 1887 e 1890 realizou estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Madrid,[10] tendo como docentes entre outros a Nicolás Salmerón —quen fora presidente da Primeira República Española— e Luis Simarro.[11]

No curso 1895-1896 trasladouse ata París para ampliar os seus estudos na Sorbona.[10] Á súa volta a España en 1897 gañou por oposición a cátedra de profesor de instituto en Ourense, trasladándose posteriormente a un instituto de Toledo onde exerceu a docencia desde 1899 ata 1908, ano no que obtivo licenza para estudar no estranxeiro, malia que o seu cesamento administrativo no se produciu ata o ano 1912.[12]

Comezos na política[editar | editar a fonte]

Fotografía de Besteiro publicada en outubro de 1912 en Vida Socialista.

A primeira formación política na que militou foi a Unión Republicana,[13] fundada en 1903 por Nicolás Salmerón e Alejandro Lerroux. En novembro dese ano foi elixido concelleiro en Toledo.[14] Tras producirse en 1908 unha crise no seo da Unión Republicana, Lerroux fundou o Partido Republicano Radical no que Besteiro ingresou ese mesmo ano.[15]

En 1909 viaxou a Alemaña e visitou as universidades de Berlín, Múnic e Leipzig,[16] onde tomou contacto coa teses marxistas.[17] De volta en España e antes do seu ingreso no PSOE no ano 1912,[18] ingresou brevemente na Prisión Modelo en 1911 por mor dunha conferencia na Casa del Pueblo de Madrid,[19] na que se manifestou en contra da guerra en África.[20] Durante esta estancia en prisión confraternizou con Andrés Saborit e Daniel Anguiano.[20] En 1912 obtivo a cátedra de Lóxica da Universidade Central.[8][21]

En 1913 casou coa profesora de Ciencias Físicas Dolores Cebrián Fernández de Villegas, que impartía clases na Escola Normal de Mestres de Toledo.[22] Ese mesmo ano converteuse en conselleiro do concello de Madrid[21] polo distrito de Chamberí.[23] Posteriormente foi elixido concelleiro de novo nos anos 1917 e 1931.[21] Antes de chegar á vicepresidencia da Unión Xeral de Traballadores ocupou os cargos de vogal e vicesecretario do sindicato.[5]

O 8 de xuño de 1916 liderou o comité da UGT que visitou ó Conde de Romanones, presidente do Consello de Ministros, para transmitirlle as demandas da clase obreira. A negativa por parte do executivo á hora de satisfacer estas demandas, entre as que se incluía o fin da guerra de Marrocos,[24] foi o preludio da folga de decembro dese ano.[24] Foi tamén un dos asinantes, xunto a Largo Caballero e Vicente Barrio, do acordo de colaboración coa CNT, representada por Salvador Seguí e Ángel Pestaña, en Zaragoza o 17 de xullo de 1916,[25][26] que facilitou a folga xeral do 18 de decembro.[24]

O 9 de agosto de 1917 a UGT convocou unha folga xeral revolucionaria que non obtivo os resultados agardados, e Besteiro foi xulgado por un tribunal militar e sentenciado a cadea perpetua o 4 de outubro xunto a Anguiano, Largo Caballero e Saborit.[27] Foron trasladados ó cárcere de Cartaxena,[28][c] mais non permaneceron alí moito tempo xa que nas eleccións de febreiro de 1918 foron elixidos deputados,[30] e liberados tras unha campaña no seu favor.[31]

A actividade parlamentaria de Besteiro entre 1918 e 1923 comezou cunha explicación e xustificación da folga de 1917.[32] Tamén lle prestou interese a temas como a sanidade e a educación, lamentándose nesta última cuestión do analfabetismo e o desfase entre a fin da educación primaria e a idade mínima para traballar.[33] En febreiro de 1919 asistiu á Conferencia de Berna en representación do PSOE.[34][35] Durante os últimos anos de vida de Pablo Iglesias, debilitado por unha enfermidade, Besteiro foi o líder de facto do PSOE desde a vicepresidencia do partido.[32][36] No congreso do PSOE de 1920 Besteiro mantivo, ó igual que Largo Caballero, unha posición ambivalente e contemporizadora fronte ós discursos terceiristas que buscaban a adhesión incondicional ó Comintern.[37][d]

Ditadura de Primo de Rivera[editar | editar a fonte]

Besteiro, Daniel Anguiano, Andrés Saborit e Francisco Largo Caballero no cárcere de Cartaxena, por Campúa (1918).

Trala instauración da ditadura de Primo de Rivera Besteiro adoptou, como gran parte do sindicato e do partido, unha postura de colaboración co novo réxime,[38] sendo frecuentes as súas declaracións favorables á nova situación institucional.[39] Argumentaba que a posta en funcionamento dun sistema democrático era responsabilidade da burguesía e que se trataba de algo no que non lle correspondía involucrarse de forma activa á clase traballadora.[38] Consecuentemente, e ata que a burguesía cumprise a súa misión histórica, a Unión Xeral de Traballadores debía aproveitar as oportunidades ofrecidas polo réxime para mellorar a posición da clase traballadora organizada ó redor do sindicato socialista.[40] Esta postura de colaboración tivo a oposición dentro do PSOE de Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos,[41] que propoñían un modelo de estado de sistema bicameral.[42][43][44]

En 1925 Besteiro sucedeu Pablo Iglesias á fronte do PSOE.[e] Nos últimos tempos da ditadura a posición de Besteiro tivo un cariz segundo Preston "en certo modo pasivo".[46] Nunha reunión da UGT en agosto de 1929, a ruptura da á obreira de Largo Caballero coa vía colaboracionista co réxime e a distensión de Besteiro, que mantivo a súa postura de 1924, provocou unha liña de fractura no partido,[47] que volveu a reproducirse co rexeitamento de Besteiro á colaboración socialista coas forzas republicanas no chamado Pacto de San Sebastián.[48] En 1930 bloqueou a celebración da folga xeral prevista para o 15 de decembro dese ano.[49] Co triunfo das teses contrarias ás súas, na reunión do 22 de febreiro de 1931 dimitiu dos seus cargos tanto no PSOE coma na UGT, secundado por varios socialistas achegados como Saborit, Trifón Gómez e Lucio Martínez.[50][51][f]

Porén, Besteiro formou parte en representación do PSOE da candidatura por Madrid da Conjunción Republicano-Socialista para as eleccións municipais fixadas para o 12 de abril de 1931. O triunfo desta coalición fronte ós monárquicos foi considerable e Besteiro foi un dos trinta concelleiros desta conxunción que resultaron elixidos,[54] no seu caso polo distrito de La Latina.[55]

Segunda República Española[editar | editar a fonte]

Besteiro, c. 1931

En 1931, trala instauración da Segunda República Española, Besteiro, que se presentou como candidato nas eleccións constituíntes[56] foi elixido case por unanimidade presidente das Cortes republicanas constituídas o 14 de xullo,[57][58] cargo que ocupou ata o 9 de outubro de 1933.[1] Porén, chegou a afirmar que os socialistas non debían colaborar coas forzas republicanas á hora de conformar gobernos burgueses para, nas súas palabras, "conservar a nosa (a do partido) independencia e a nosa autonomía".[56] Experimentou non obstante neste período unha "republicanización", cunhas formulacións previas ás eleccións constituíntes de 1931 que, segundo Emilio Lamo de Espinosa, podía subscribilos "calquera republicano burgués".[59]

En 1933 replicoulle a Amaro del Rosal que "facer un movemento para poñer en funcionamento o Socialismo mediante a ditadura do proletariado" considerábao "un absurdo imposible nas circunstancias actuais, e o anuncio destes propósitos, que non se realizarán e se se intentan realizar resultarán nun fracaso enorme, non servirá máis que para estimular a reacción".[60]

Besteiro, que experimentou durante este período unha deriva cara a posicións máis conservadoras,[61] viuse obrigado a dimitir en xaneiro de 1934 da presidencia da UGT que recuperara no congreso da mesma en outubro de 1932,[5][53] e mantívose á marxe da faceta revolucionaria do PSOE que deu lugar á Revolución de outubro, á que se opuxo.[62] Chegou a afirmar que o perigo fascista estaba mellor representando por Largo Caballero e os seus seguidores que pola CEDA,[63] e advertiu que "España non era Rusia" e que a insurrección requiriría aínda máis violencia e desembocaría probablemente nun fracaso.[64] O 28 de abril de 1935 ingresou como membro da Academia de Ciencias Morales y Políticas cun discurso titulado Marxismo y Antimarxismo,[65][66] interpretado coma un episodio máis do conflito coa liña "caballerista" do partido.[67]

Besteiro no centro xunto a Édouard Herriot durante unha visita deste último a España en 1932.

Para as eleccións de febreiro de 1936 o PSOE integrouse na Fronte Popular. O partido achegaba sete candidatos á candidatura frontepopulista pola cidade de Madrid. Como en anteriores procesos electorais da etapa republicana, a Agrupación Socialista Madrileña elixiu ós seus candidatos mediante antevotacións. Nestas quedou rexistrado un predominio da facción revolucionaria caballerista, que superou amplamente á candidatura encabezada por Besteiro. Largo Caballero obtivo o 92 % dos votos. Besteiro foi elixido candidato nunha segunda volta.[68] O seu cada vez menor apoio nas filas socialistas contrastou cos resultados obtidos nas eleccións nas que foi elixido deputado, sendo o segundo candidato máis votado tras Manuel Azaña e o primeiro socialista con 224 540 votos.[69][70]

Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Tralo comezo da guerra civil volveu ó concello de Madrid como presidente do denominado Comité de Reforma, Reconstrución e Saneamento.[71][58] Besteiro, que se opuxo frontalmente ó conflito,[56] caracterizouse durante o mesmo polo seu anticomunismo[72] e pola súa aposta por unha paz negociada.[73] Desde moi cedo deu por perdida a guerra, mais rexeitou repetidamente abandonar a capital malia as presións dos seus achegados.[74] A comezos de 1937 rexeitou trasladarse ata Buenos Aires como embaixador malia atoparse enfermo. Durante anos controlara unha tuberculose latente, mais o traballo, a mala alimentación e o frío empeoraron a súa saúde.[75]

En maio de 1937 Manuel Azaña, presidente da República, designouno como representante do goberno republicano na coroación de Xurxo VI de Inglaterra coa misión de procurar unha intervención internacional no conflito. Para isto entrevistouse con Anthony Eden, ministro de Exteriores británico, nunha reunión organizada polo embaixador Pablo de Azcárate na que non obtivo ningún resultado concreto.[76] Entrevistouse tamén co primeiro ministro francés Léon Blum.[76] Dende entón Besteiro desenvolveu unha animadversión cara a Juan Negrín, novo xefe do goberno trala saída de Largo Caballero, xa que este non quixo escoitar o seu informe sobre estes encontros.[77][78]

A partir de 1938 mostrouse propicio a aceptar unha serie de responsabilidades políticas que axudaran a conseguir a fin da guerra. Chegou a manter reunións con membros da Falanxe clandestina e con axentes franquistas e quintacolumnistas,[79][80] que tentaron convencelo de que asumira a xefatura do goberno coa fin de facilitar o camiño cara a unhas negociacións de paz.[81] Ese mesmo ano viaxou ata Barcelona invitado por Azaña a unha reunión para configurar un novo goberno, cita que resultou infrutuosa.[82] Durante esta visita, un empeoramento da súa enfermidade obrigouno a gardar cama no hotel durante un tempo.[83] Pesimista con respecto á causa republicana —opinaba que de gañar a guerra a República converteríase nun estado comunista—,[84] Besteiro chegou a pensar, segundo Helen Graham, que unha ditadura liderada por Franco sería semellante á ditadura de Primo de Rivera e permitiría a colaboración socialista.[85][g] A retórica de Besteiro, que chegou a acusar a Julio Álvarez del Vayo, a Luis Araquistáin e a Juan Negrín de "entregados" ós comunistas,[89] era a finais de 1938 segundo Paul Preston "indistinguible da proveniente do bando rebelde".[90]

En febreiro de 1939 produciuse a súa depuración como catedrático por parte do bando franquista xunto a outros docentes,[91] mediante a Orde Ministerial do 4 de febreiro de 1939 publicada no BOE o 17 de febreiro dese mesmo ano.[92]

Besteiro, que creu na boa vontade de Franco ata o final do conflito,[93] sumouse á controvertida iniciativa do coronel Segismundo Casado e formou parte do Consello Nacional de Defensa —do que, tras rexeitar o cargo de presidente por crer que debía ocupalo un militar,[94] foi nomeado ministro de Exteriores—[95] que o 5 de marzo de 1939 deu un golpe de estado contra a República representada polo doutor Juan Negrín. Esta conspiración perseguía a consecución dun armisticio con Franco que nunca se chegou a materializar.[96]

En 1939 presentou un proxecto de Plan Rexional de Madrid (titulado Esquema y Bases para el desarrollo del Plan Regional, tamén coñecido como "Plan Besteiro")[97] no que apuntaba a necesidade de incorporar ó termo municipal de Madrid os municipios limítrofes.[98] O prólogo do proxecto, escrito por Besteiro, introducía como principal referencia para a cidade a experiencia do Plan de Londres.[99]

O 27 de marzo de 1939 celebrouse a última reunión do Consello Nacional de Defensa. O 28 de marzo tódolos membros do consello agás Besteiro partiron en avión cara a Valencia.[100] Besteiro propuxo o nomeamento do anarquista Melchor Rodríguez García como alcalde de Madrid, cargo que este aceptou[101] e á súa vez rendeu ó bando franquista no mesmo día.[102]

O 29 de marzo Besteiro, enfermo, foi detido nos sotos da sede do ministerio de Facenda,[103] lugar no que tiña o seu despacho e vivía dende o 5 de marzo,[104] e desde onde se dirixía frecuentemente por radio ós madrileños, e foi enviado ó cárcere de Porlier.[105] Esta prisión era un antigo colexio salesiano reconvertido en cárcere nunhas condicións deplorables.[106] Segundo Aurora Alcojor, a súa detención incomodou ó goberno de Franco, que prefería non ter que sometelo a un xuízo.[107]

Consello de guerra[editar | editar a fonte]

O mesmo 29 de marzo comezou o proceso contra Besteiro instruído polo xuíz militar Carlos de Sabater.[108] O 12 de xuño foi trasladado á prisión Del Cisne a petición do seu avogado. Esta era un antigo convento reconvertido apresuradamente en establecemento penitenciario, mais as condicións hixiénicas eran mellores que en Porlier.[109] O 8 de xullo Besteiro foi sometido a un consello de guerra baixo a acusación de "delito de adhesión á rebelión militar". O fiscal foi Felipe Acedo Colunga, levando a acusación como un intento de "condena da revolución" personificada en Besteiro.[110] Acedo fora alumno del, e describiuno como un "home honesto e inocente de calquera delito de sangue", "persoa honrada" e "simpático á multitude e a nós mesmos desde o punto de vista persoal".[107] Porén, solicitou a pena de morte para el polo "crime de promover un socialismo aceptable mediante a moderación",[111] e por ter sido "nefasto, terriblemente nefasto, na política española".[107]

O seu avogado defensor foi o tradicionalista Ignacio Arenillas,[107] quen só aceptou o cargo cando Besteiro conseguiu convencelo de que nunca pertencera á masonaría.[112] Arenillas, ademais de resaltar as virtudes persoais de Besteiro, negou que existira causa para xulgalo e engadiu que non se lle estaba axuizando polos seus actos, senón polas súas ideas.[107] O xuízo oral durou case cinco horas,[112][113] e ó final do mesmo Besteiro empregou o seu dereito á último quenda de palabra para reafirmar as súas conviccións políticas, recalcando o seu tempo como militante e a súa participación na folga xeral de 1917. Estas palabras ían en contra da estratexia do seu avogado e prexudicaron a súa defensa.[114]

O tribunal, presidido polo xeneral Manuel Nieves Coso e integrado por sete xenerais e xefes,[115] condenouno a cadea perpetua por un delito de "rebelión militar",[116] pena que foi conmutada por unha condena de 30 anos de prisión,[117][118][119] quedando Besteiro incluído no sistema de revisións e indultos.[107]

Presidio e morte[editar | editar a fonte]

Tumba de Julián Besteiro no cemiterio civil de Madrid.

Besteiro foi trasladado, previo paso po02la prisión do paseo del Cisne de Madrid,[116] ó mosteiro trapense de San Isidro de Dueñas, na provincia de Palencia.[28] O mosteiro reconvertérase parcialmente en prisión destinada a un grupo de sacerdotes vascos e para o propio Besteiro.[120] Nas decenas decenas de cartas que lle escribiu a súa esposa, nas que nunca manifestou rancor nin arrepentimento, explicaba que lle trataban ben e que "destináronme a unha habitación nunha parte nova, sinxela, limpa, chea de sol".[107] Porén, ó pouco tempo os propios monxes do mosteiro alegaron que non podían atender a súa estancia. As autoridades decidiron trasladalo e algúns madrileños puideron contemplar o último paso pola capital de Besteiro nun camión aberto cargado de sacerdotes que lle rodeaban.[107] Un dos seus acompañantes, o padre Ugarte, afirmou:

(...) don Julián, sentado estoicamente nun recuncho do vagón, agardaba meditando, sen dúbida, na homenaxe silenciosa de tantas xentes que, ó recoñecelo, non puideron reprimir un xesto de adhesión emocionada e de dor.
(Tradución do orixinal)[107]

O 30 de agosto de 1939 Besteiro chegou ó cárcere de Carmona (Sevilla), dende continuou a súa relación cos sacerdotes nacionalistas vascos presos[121][h] e seguiulle escribindo a súa muller. As xestións para conseguir o seu traslado ou liberación non tiveron éxito. Os seus achegados tentaron que se lle aplicara unha norma legal que permitía a excarceración de presos de setenta anos ou próximos a esa idade, mais a decisión tiña que tomala o ministro do Exército, o xeneral José Enrique Varela. Existen indicios de que este e outros xenerais asinaron unha petición dirixida a Franco, mais o ditador non aceptou a liberación de Besteiro.[123]

Os sacerdotes vascos foron liberados pouco a pouco ó longo do ano 1940, o que complicou a situación de Besteiro.[124] A súa alimentación empeorou e viuse obrigado a realizar labores de limpeza nas que antes lle axudaban os cregos.[125] O 19 de setembro comunicáronlle á súa muller que Besteiro padecía unha enterocolite, algo que xa sufrira no pasado. Porén, tanto os síntomas como o tratamento eran diferentes ós de outras ocasións, o que preocupou a Dolores Cebrián. A súa solicitude de trasladalo a un hospital foi rexeitada polo médico da prisión. Tamén rexeitou que fose atendido por outros tres médicos da localidade. Finalmente Dolores conseguiu por medio dunhas amizades que fose un especialista de oídos a atendelo, mais este pouco puido facer para salvarlle a vida a Besteiro.[124]

Besteiro, xa moi enfermo, expresou a súa última vontade nun momento de lucidez, recollida por Saborit:

Morro sendo socialista. Cando a liberdade en España volva a facer ós homes libres, quero que os meus restos sexan envoltos nunha bandeira vermella e soterrados ó carón da tumba do que foi o meu mestre: Pablo Iglesias.
(Tradución do orixinal)[126]

Finou o 27 de setembro de 1940[4][5][119][127][107] nunhas condicións de presidio deficientes: "Espantosas" segundo o profesor Juan Marichal,[28] "angustiosas" para Eusebio Fernández García[119] e de "dramática agonía" segundo Enrique Sánchez Lubián,[128] quen tamén indicou que o persoal médico non fixo nada para curar a septicemia que padecía.[128] Jaume Claret Miranda cualificou esta prisión de "campo de concentración",[91] mentres que Antonio Jiménez-Landi sostivo que ni a personalidade nin as condicións físicas de Besteiro conmoveron ó alcaide de Carmona, que non permitiu que se lle fixera ningunha consideración.[127] As fontes son ambivalentes no que se refire á causa do seu falecemento, que unhas atribúen a unha infección,[127] que segundo Preston tería collido nas latrinas,[129] e outras á tuberculose.[107][130]

A súa morte pasou desapercibida naquel momento para os españois por mor do silencio da prensa do país. Si se tivo coñecemento no exilio. O xornal comunista España Democrática, editado en Montevideo, adicoulle o artigo titulado Ha muerto Besteiro, uno de los responsables del golpe de Casado, no que o acusaban de non ter participado na guerra "non por repulsión á violencia senón por ausencia de identificación desa gran epopea".[107] Serrano Súñer admitiu con posterioridade nas súas memorias publicadas en 1977 que a condena e morte en prisión de Besteiro "constituíu un acto torpe".[131]

Influencias e ideoloxía[editar | editar a fonte]

Monumento a Julián Besteiro, de José Noja, en Madrid

Marxista revisionista,[132][56] Besteiro era admirador de Karl Kautsky[133] e era contrario á idea da ditadura do proletariado,[132] chegando a pensar que os intentos de instaurala demostrarían ser unha "inútil ilusión infantil".[134] Non obstante defendeu este concepto na Conferencia de Berna de febreiro de 1919 no caso ruso, posición aparentemente contraditoria que Besteiro xustificou posteriormente argumentando que en Rusia tratábase dun caso de elección entre "ditadura socialista ou anarquía".[135] Neste sentido Juan Avilés Farré indicou que para Iglesias e Besteiro neses momentos primaba un intento por manter a unidade socialista.[136]

Durante a ditadura de Primo de Rivera propuxo a representación parlamentaria de intereses socioeconómicos sindicais mediante unha segunda cámara de carácter corporativo —o Senado— nun principio equiparable en poder ó Congreso, aínda que máis tarde indicou que debería ser de carácter simplemente consultivo.[44]

Vinculado á facción dereitista do PSOE,[137] Stanley G. Payne cualificouno como posiblemente o "único teórico marxista" de importancia no partido.[138] Malia o seu status no panorama socialista previo á guerra civil, Paul Preston afirmou que, lastrado por certa "rixidez moral", as contribucións efectivas de Besteiro ó pensamento marxista foron moi escasas.[139] Pola súa banda Gerald H. Meaker describiuno como un "menxevique español".[140] Na configuración do seu pensamento confluíron influencias positivistas, neokantianas, marxistas e krausistas.[141]

Emilio Lamo de Espinosa sinalou a existencia nas posicións políticas de Besteiro de tres períodos marcados por unhas datas específicas: 1912, 1919 e 1924, sendo plenamente reformista a partir desta última.[127] Besteiro, que para Ricardo de la Cierva nunca foi un "verdadeiro marxista" senón "un doutrinario aberto ás evolucións da socialdemocracia europea",[142] acentuou o seu anticomunismo co transcurso da Guerra Civil.[143]

Obra[editar | editar a fonte]

  • El voluntarismo y el individualismo en la filosofía contemporánea (Tese). 1911. 
  • Los juicios sintéticos a priori desde el punto de vista lógico. Madrid: Editorial Tecnos. 1977 [1912]. 
  • El problema de la vivienda y la acción municipal. Madrid: Imprenta Municipal. 1920. 
  • Socialismo y escuela. Madrid: Imprenta Municipal. 1929. 
  • La lucha de clases como hecho social y como teoría. Madrid: Gráfica Socialista. 1929. 
  • Los caminos del socialismo. Madrid. 1933. 
  • "Política y filosofía". Asturias y sus hombres (Conferencia, Gijón). Tolosa: Imprimerie Dulaurier. 1964 [1933]. 
  • Los problemas del socialismo. 1934. 
  • Marxismo y antimarxismo. México: Editorial Pablo Iglesias. 1966 [1935]. 
  • "El rumbo de la República". Asturias y sus hombres (conferencia, Bilbao). Tolosa: Imprimerie Dulaurier. 1964 [1936]. 
Póstumas
  • Lamo de Espinosa, E., ed. (1983). Obras Completas. Madrid: Centro de Estudios Constitucionales. 
  • de Zulueta, C., ed. (1998). Cartas desde la prisión. Madrid: Alianza. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Primeiro presidente das Cortes republicanas. Durante a ditadura de Primo de Rivera, José de Yanguas Messía foi presidente da Asamblea Nacional Consultiva.
  2. Interino desde o 14 ata o 26 de xullo.[1]
  3. Andrés Saborit defendeu nas súas memorias sobre a folga que Besteiro foi o principal artífice da mesma.[29]
  4. Fronte á opción dos terceiristas de unirse incondicionalmente á Internacional Comunista, triunfou a solución intermedia de Fernando de los Ríos de impoñer tres condicións para aceptar e unha viaxe a Moscova de dous delegados (o propio de los Ríos e Anguiano) para negociar.[37]
  5. Relevouno na presidencia do PSOE e da UGT trala súa morte,[42] pero non foi ata 1928 cando foi escollido presidente nos congresos do PSOE e da UGT.[5][45]
  6. Remigio Cabello, proposto polo Comité Nacional e aprobado polas agrupacións, ocupou o cargo de presidente do PSOE ata o Congreso de 1932, no que foi elixido Largo Caballero coma novo presidente, pasando Cabello á ocupar a vicepresidencia,[52] O posto de presidente da UGT quedou vacante trala dimisión de Besteiro. No congreso da UGT de outubro de 1932 constituíuse unha nova executiva con Besteiro de novo como presidente.[53]
  7. Besteriro afirmou que agardaba poder reconstruír unha UGT como durante a ditadura de Primo de Rivera.[86][87] De acordo coas memorias de Eustaquio Cañas (gobernador civil de Murcia ó final da guerra civil) Besteiro afirmoulle que agardaba que se puidese reconstruír unha UGT de carácter moderado, "como as Trade Unions inglesas".[88]
  8. Compartiu presidio en Carmona cun grupo de sacerdotes vascos. Unha fotografía nesta prisión dun centenar destes na que tamén aparecía retratado Besteiro tivo un alcance internacional, pola imaxe que proxectaba dunha represión franquista transversal que afectaba ós políticos anciáns e a unha parte do clero.[122]
Referencias
  1. 1,0 1,1 "Besteiro Fernández, Julián". Buscador Histórico de Diputados (en español). Congreso dos Deputados de España. 
  2. "Ministros y miembros de organismos de gobierno. Regencias, Juntas de Gobierno, etc (1808-2000)" (en español). Centro de Ciencias Humanas y Sociales (CCHS) - CSIC. 
  3. 3,0 3,1 Heywood 1990, p. 33.
  4. 4,0 4,1 Amodia, José (1995). "Besteiro Fernández, Julián". En A. T. Lane. Biographical Dictionary of European Labor Leaders (en inglés) 1. p. 89. ISBN 0-313-29899-8. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "Besteiro Fernández, Julián". Diccionario Biográfico del Socialismo Español. Fundación Pablo Iglesias. 
  6. Thomas, Hugh (1980). La guerra civil española: Los orígenes de la guerra (en español). Urbión. p. 127. ISBN 9788485266791. 
  7. Jiménez-Landi 1996, p. 465.
  8. 8,0 8,1 Díaz Díaz 1980, p. 582.
  9. Samaniego Boneu, Mercedes (1977). La política educativa de la Segunda República durante el bienio azañista. Historia de España en el mundo moderno: Estudios, Historia de España en el mundo moderno (en español) 6 (Madrid: CSIC). p. 68. ISBN 84-00-03633-6. 
  10. 10,0 10,1 Bandrés Ponce, Javier; Llavona Uribelarrea, Rafael (1991). "Julián Besteiro y la Introducción de la Psicología Científica en España" (PDF). Revista de historia de la psicología (en español) 12 (3-4): 259–268. ISSN 0211-0040. 
  11. Cortés Valenciano 2012, p. 17.
  12. Ruiz Alonso, José María (2011). "Julián Besteiro, catedrático del Instituto de Toledo". Revista cuatrimestral del Consejo Escolar del Estado. Profesorado de enseñanza secundaria, memoria y patrimonio (en español) (Consejo Escolar del Estado): 176–187. ISSN 1886-5097. 
  13. Fernández García, Eusebio (1978). "Los becarios de la Filosofía de la Junta para la Ampliación de Estudios y sus repercusiones en la Filosofía española anterior a la guerra civil" (PDF). Cuadernos salmantinos de filosofía (en español) (Universidade Pontificia de Salamanca) (5): 435–446. ISSN 0210-4857. 
  14. Cortés Valenciano 2012, p. 22.
  15. Preston 1999, p. 236.
  16. Díaz Díaz 1980, p. 583; Sánchez Lubián 2002, p. 240.
  17. Díaz Díaz 1980, p. 583.
  18. Heywood 1990, p. 33; Preston 1999, p. 236.
  19. Marichal, Juan (30 de setembro de 1990). "La singularidad de Julián Besteiro". El País (en español). 
  20. 20,0 20,1 Sánchez Lubián 2002, p. 235.
  21. 21,0 21,1 21,2 de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, p. 29.
  22. Preston 1999, p. 236; Sánchez Lubián 2002, p. 243.
  23. Lamo de Espinosa 1973, p. 29.
  24. 24,0 24,1 24,2 Meaker 1974, p. 42.
  25. Romero Salvadó, Francisco J. (1999). Spain 1914-1918: Between War and Revolution (en inglés). Routledge. p. 36. ISBN 0-415-21293-6. 
  26. Forcadell Álvarez, Carlos (2008). "El primer sindicalismo de masa en España: la movilización social y política en 1916-1920". En de la Calle Velasco, Mª Dolores; Redero San Román, Manuel. Movimientos sociales en la España del siglo XX (en español). Universidade de Salamanca. p. 76. ISBN 978-84-7800-314-3. 
  27. Meaker 1974, p. 91.
  28. 28,0 28,1 28,2 Marichal, Juan (14 de xullo de 1988). "Julián Besteiro: De Cartagena a Carmona". El País (en español). 
  29. de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, p. 133.
  30. Preston 1994, p. 11.
  31. Preston 1999, p. 236; Sánchez Lubián 2002, p. 236.
  32. 32,0 32,1 Cabrera Calvo-Sotelo, Mercedes (19 de maio de 1976). "Julián Besteiro, parlamentario". El País (en español). 
  33. de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, p. 174-175, 177-179.
  34. Alba, Víctor (1983). The Communist Party in Spain (en inglés). Novo Brunswick: Transaction. pp. 3–4. ISBN 0-87855-464-5. 
  35. Heywood 1990, p. 62; Meaker 1974, p. 190.
  36. Heywood 1990, p. 69.
  37. 37,0 37,1 Heywood 1990, pp. 72-73; Meaker 1974, p. 271.
  38. 38,0 38,1 Collier, Ruth Berins (1999). Paths Toward Democracy: The Working Class and Elites in Western Europe and South America (en inglés). Cambridge University Press. p. 53. ISBN 0-521-64369-4. 
  39. Perfecto García, Miguel Ángel (1997). Tusell Gómez, Javier; Montero García, Feliciano; Marín Arce, José María, eds. "Regeneracionismo y corporativismo en la Dictadura de Primo de Rivera". Las derechas en la España contemporánea (en español): 188. ISBN 84-7658-524-1. 
  40. Preston 1999, pp. 237-238.
  41. Redero San Román 1992, p. 21.
  42. 42,0 42,1 Jiménez-Landi 1996, p. 467.
  43. González Cuevas, Pedro Carlos (1989). "Salvador de Madariaga, pensador político". Revista de estudios políticos (en español) (Madrid: Centro de Estudios Constitucionales) (66): 145–182. ISSN 0048-7694. 
  44. 44,0 44,1 García Cuadrado, Antonio M. (2013). "La representación parlamentaria de intereses socio-económicos en la doctrina constitucional" (PDF). Revista de Derecho Político (en español) (Madrid: UNED) (88): 169–214. ISSN 0210-7562. 
  45. Redero San Román 1992, pp. 17-18.
  46. Preston 1994, p. 27.
  47. Andrés Gallego 1977, pp. 170-171; 176-177.
  48. Preston 1999, pp. 238.
  49. Preston 1999, pp. 238 y 240.
  50. Olabarri Gortázar, Ignacio (1981). Andrés Gallego, José, ed. Socialismo, comunismo y anarquismo, su acción política. Historia General de España y América: Revolución y Restauración: (1868-1931) (en español). Tomo XVI-2 (Ediciones Rialp). p. 169. ISBN 8432121142. 
  51. Heywood 1990, p. 117.
  52. Redero San Román 1992, p. 18.
  53. 53,0 53,1 Redero San Román 1992, pp. 17-19.
  54. "Resultados de las elecciones municipales en Madrid". ABC (Madrid). 14 de abril de 1931. 
  55. Lamo de Espinosa 1973, p. 78.
  56. 56,0 56,1 56,2 56,3 Bizcarrondo, Marta (9 de outubro de 1990). "... pero no tanto". El País (en español). 
  57. Cabrera Calvo-Sotelo, Mercedes (1995). "Las Cortes republicanas". Ayer (en español) (20): 13–47. ISSN 1134-2277. 
  58. 58,0 58,1 Jiménez-Landi 1996, p. 468.
  59. Lamo de Espinosa 1973, pp. 79-80.
  60. Arbeloa, Víctor Manuel (2012). "El PSOE y la UGT tras las elecciones legislativas de 1933" (PDF). Memoria y Civilización (en español) (Universidade de Navarra) 15: 167–186. ISSN 1139-0107. 
  61. Preston 1999, p. 329.
  62. Jackson 1972, pp. 470-471.
  63. Pastor, Manuel (2012). "Historia de la UGT". Revista Española de Ciencia Política (en español) (Asociación Española de Ciencia Política y de la Administración) (28): 127–132. ISSN 1575-6548. 
  64. Payne, Stanley G. (2012). The Spanish Civil War (en inglés). Cambridge University Press. p. 20. ISBN 978-1-107-00226-5. 
  65. Payne, Stanley G. (1993). Spain's First Democracy: The Second Republic, 1931-1936 (en inglés). University of Wisconsin Press. p. 261. ISBN 0-299-13670-1. 
  66. "Recepción de don Julián Besteiro en la Academia de Ciencias Morales y Políticas". ABC: 23. 30 de abril de 1935. 
  67. de Blas Zabaleta, Patricio (1 de dedembro de 2002). "Julián Besteiro: octubre de 1934". El País (en español). 
  68. Tusell 1970, pp. 134-135.
  69. Tusell 1970, p. 160.
  70. "Julián Besteiro. Elecciones 16.2.1936". Histórico de diputados (en español). Congreso dos Deputados. 
  71. Montoliú, Pedro (1996). Madrid, villa y corte: historia de una ciudad, Volumen 1 (en español). Madrid: Sílex. p. 259. ISBN 84-7737-057-5. 
  72. Preston 1999, p. 249.
  73. Preston 1999, p. 245.
  74. Preston 1999, p. 244; Jiménez-Landi 1996, p. 468.
  75. Jackson, Gabriel (2010). La República española y la guerra civil (en español). Barcelona: Crítica. pp. 500–502. ISBN 978-84-08-05500-6. 
  76. 76,0 76,1 Preston 1999, pp. 245-247.
  77. Jackson 1972, p. 476; Preston 1999, p. 247.
  78. Romero Salvadó, Francisco J. (2005). The Spanish Civil War: Origins, Course and Outcomes (en inglés). Palgrave Macmillan. p. 158. ISBN 978-0333-75435-1. 
  79. Casanova, Julián (2013). A Short History of the Spanish Civil War (en inglés). I.B.Tauris. p. 130. ISBN 978-1-84885-657-8. 
  80. Romero Salvadó, Francisco J (2013). Historical Dictionary of the Spanish Civil War (en inglés). Scarecrow Press. p. 81. ISBN 978-0-8108-5784-1. 
  81. Graham 2002, p. 371.
  82. Preston 1999, pp. 249-51.
  83. de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, p. 369-370, 382-383.
  84. Bolloten 1991, p. 630.
  85. Graham 2002, p. 393.
  86. Tébar Rubio-Manzanares 2013, p. 70.
  87. Juliá, Santos (2002). "Consejo de Guerra contra Julián Besteiro". En Muñoz Machado, Santiago. Los grandes procesos de la historia de España (en español). Barcelona: Crítica. pp. 466–483. ISBN 84-8482-347-4. 
  88. Tuñón de Lara, Manuel (2000) [1966]. La España del siglo XX (en español). Tres Cantos: Ediciones AKAL. p. 829. ISBN 84-460-1491-2. 
  89. Bahamonde Magro, Ángel; Cervera Gil, Javier (2000). Así terminó la Guerra de España (en español). Madrid: Marcial Pons Historia. p. 284. ISBN 84-95379-09-0. 
  90. Preston 2014, p. 52.
  91. 91,0 91,1 Claret Miranda, Jaume (2006). "Cuando las cátedras eran trincheras. La depuración política e ideológica de la Universidad española durante el primer franquismo". Hispania Nova. Revista de Historia Contemporánea (en español) (6). ISSN 1138-7319. 
  92. Goberno de España (17 de febreiro de 1939). "Orden de 4 de febrero de 1939 separando definitivamente del servicio a varios Catedráticos de Universidad" (PDF). Boletín Oficial del Estado (en español) (48): 932. 
  93. Preston 2014, p. 286.
  94. Montoliú, Pedro (2000). Madrid en la guerra civil: La historia, Volumen 1 (en español) (2ª ed.). Madrid: Sílex Ediciones. p. 335. ISBN 84-7737-072-9. 
  95. Preston 1999, p. 257.
  96. Preston 1999, p. 254.
  97. Benabent Fernández de Córdoba, Manuel (2006). La ordenación del territorio en España: evolución del concepto y de su práctica en el siglo XX (en español). Xunta de Andalucía e Universidade de Sevilla. p. 92. ISBN 84-472-0869-9. 
  98. Alcolea Moratilla, Miguel Ángel; García Alvarado, José María (2006). "Cambios municipales en la Comunidad de Madrid (1900-2003)". Anales de Geografía de la Universidad Complutense (en español) 25: 316. ISSN 0211-9803. 
  99. Sambricio, Carlos (2003). "El Plan Regional de 1939: la síntesis de una experiencia". Plan Besteiro 1939: Esquema y bases para el desarrollo del Plan Regional de Madrid (en español). Editorial Nerea. p. 20. ISBN 84-89569-96-7. 
  100. Santacreu Soler, José Miguel (2011). "La huida imposible: El fracaso de las gestiones del Consejo Nacional de Defensa en marzo de 1939". Ebre 38: revista internacional de la Guerra Civil, 1936-1939 (en español) (6): 82. ISSN 1696-2672. 
  101. Preston 2014, p. 315.
  102. Preston 2014, p. 292.
  103. Lamo de Espinosa, Emilio (27 de setembro de 1990). "El socialismo de Julian Besteiro". El País (en español). 
  104. Preston 1999, p. 260.
  105. Preston 2014, p. 311.
  106. de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, p. 410-411.
  107. 107,00 107,01 107,02 107,03 107,04 107,05 107,06 107,07 107,08 107,09 107,10 107,11 Alcojor, Aurora M. (2006). Laviana, Juan Carlos, ed. Julián Besteiro, símbolo del socialismo moderado, muere en la cárcel de Carmona. 1939-1940. Franco-Hitler: Diálogo de sordos en Hendaya (en español) (Madrid: Unidad Editorial). p. 35. ISBN 84-89192-59-6. 
  108. Tébar Rubio-Manzanares 2013, pp. 70-71.
  109. de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, p. 413.
  110. Tébar Rubio-Manzanares 2013, p. 73.
  111. Preston 1999, p. 261; Preston 2014, pp. 312-313.
  112. 112,0 112,1 Ruiz, Julius (2005). Franco's Justice: Repression in Madrid After the Spanish Civil War (en inglés). Oxford University Press. pp. 97–98. ISBN 0-19-928183-1. 
  113. Tébar Rubio-Manzanares 2013, p. 76.
  114. de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, p. 421-424.
  115. de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, p. 417.
  116. 116,0 116,1 Montoliú, Pedro (2005). Madrid en la posguerra, 1939-1946: los años de la represión (en español). Sílex Ediciones. p. 55. ISBN 84-7737-159-8. 
  117. de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, p. 425.
  118. Burgos, Antonio (25 de setembro de 1976). "A los treinta y seis años de su muerte: Julián Besteiro será recordado en Carmona" (PDF). Triunfo (en español) (713): 44. 
  119. 119,0 119,1 119,2 Fernández García, Eusebio (1976). "Julián Besteiro. Ética y política" (PDF). Cuadernos para el diálogo (en español) (Edicusa) (179). ISSN 0011-2534. 
  120. de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, p. 428-430.
  121. Redondo, Gonzalo (1993). Historia de la Iglesia en España, 1931-1939: La Guerra Civil, 1936-1939 (en español). Ediciones Rialp. p. 290. ISBN 84-321-3016-8. 
  122. Chueca Intxusta, Josu (2011). "La Guerra Civil a través de las publicaciones vascas en el exilio franco- americano". Amnis 2. ISSN 1764-7193. 
  123. de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, pp. 437-438.
  124. 124,0 124,1 de Blas Zabaleta & de Blas Martín-Merás 2002, pp. 438-441.
  125. Preston 1999, p. 263.
  126. Saborit, Andrés (1967). Julián Besteiro. Editorial Losada. p. 24. 
  127. 127,0 127,1 127,2 127,3 Jiménez-Landi 1996, p. 470.
  128. 128,0 128,1 Sánchez Lubián, Enrique (9 de decembro de 2003). "El republicano más honrado". El Mundo (en español). Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2004. 
  129. Preston 2014, p. 314.
  130. Crozier, Brian (1969). Franco, historia y biografía. Tomo 1. Madrid: Novelas y Cuentos. p. 426. ISBN 84-265-7048-8. 
  131. Preston 1999, pp. 262-263; 452.
  132. 132,0 132,1 Preston 1994, p. 14.
  133. Preston 1994, p. 14; Heywood 1990, p. 63.
  134. Payne, Stanley G. (2004). The Spanish Civil War, the Soviet Union, and Communism (en inglés). New Haven e Londres: Yale University Press. p. 44. ISBN 0-300-10068-X. 
  135. Heywood 1990, pp. 62-63.
  136. Avilés Farré, Juan (2000). "El impacto de la revolución rusa en las organizaciones obreras españolas (1917-1923)". Espacio, tiempo y forma. Serie V, Historia contemporánea (13): 17–32. ISSN 1130-0124. 
  137. Payne 2006, pp. 32-33; Bolloten 1991, p. 576.
  138. Payne 2006, p. 32.
  139. Preston 1999, p. 234.
  140. Meaker 1974, p. 27.
  141. Fernández García, Eusebio; Peces-Barba Martínez, Gregorio (1979). "Ideología socialista (1879-1979)". Partido Socialista obrero Español. Este viejo y nuevo Partido. Madrid: Fundación Pablo Iglesias. p. 362. ISBN 978-84-300-0907-7. 
  142. Andrés Gallego 1977, p. 178.
  143. Preston 1999, p. 249; Tébar Rubio-Manzanares 2013, p. 71.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]