Biblia Kennicott
Biblia Kennicott | |
---|---|
Bodleian Library | |
Dúas das páxinas completamente ilustradas da Biblia Kennicott nunha edición facsímile. | |
Tamén coñecido como | Primeira Biblia de Kennicott |
Tipo | Códice |
Data | 24 de xullo de 1476 |
Lugar de orixe | A Coruña |
Lingua(s) | Hebreo |
Escriba(s) | Moisés Ibn Zabarah |
Ilustrado por | Joseph Ibn Hayyim |
Promotor | Isaac de Braga |
Material | Pergamiño |
Dimensións | 30 cm × 23,5 cm |
Formato | Rolo |
Letra | Sefardí |
Contido | Biblia hebrea, Sefer Mikhlol de David Kimhi |
Posesións previas | Biblioteca Radcliffe |
Descuberta | Adquirida por Patrick Chalmers en Xibraltar no século XVIII |
Identificador | MS. Kennicott 1 |
[ modificar datos en Wikidata ] |
A Biblia de Kennicott, ás veces denominada primeira Biblia de Kennicott,[1] é unha copia manuscrita da Biblia hebrea escrita na cidade da Coruña en 1476,[2] sendo un dos manuscritos iluminados máis exquisitos que se coñecen en lingua hebrea;[3] está considerado como unha das obras cume da ilustración medieval,[4] e mesmo o manuscrito sefardí máis luxosamente ilustrado do século XV.[5] O manuscrito foi redactado na cidade da Coruña polo calígrafo Moisés Ibn Zabarah e iluminado por Joseph Ibn Hayyim e foi descuberto no século XVIII.[6] É considerado por algúns, como o historiador Carlos Barros, o manuscrito relixioso máis importante da Idade Media galega.[7]
O manuscrito recibe o seu nome de Benjamin Kennicott, un cóengo da catedral da Igrexa de Cristo de Oxford (Inglaterra), que mercou o manuscrito á Biblioteca Radcliffe, de onde foi transferido á Biblioteca Bodleian en 1872.[6][8]
Un dos aspectos máis destacados do exemplar é a estreita colaboración que amosa entre o autor do texto e o iluminador, algo poucas veces conseguido neste tipo de traballo, segundo o historiador da cultura xudía Cecil Roth.[9]
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia da comunidade xudía da Coruña.
Non se coñece con exactitude cando chegaron e se estableceron na cidade da Coruña persoas xudías, mais o primeiro documento da presenza hebrea data de 1375. A xudaría coruñesa foi medrando rapidamente ao longo da Baixa Idade Media. Pénsase que logo das persecucións que o pobo xudeu sufriu en Castela, un gran número de persoas xudías se refuxiou en Galicia en xeral, e na cidade herculina en particular. Sábese que a comunidade xudía coruñesa comerciaba con Castela e Aragón, e que en 1451 contribuíron ao rescate da xudaría de Murcia cunha elevada suma de cartos,[10] o que podería demostrar a prosperidade da comunidade.
A chamada Biblia de Kennicott foi redactada na cidade da Coruña en 1476, pouco antes da expulsión dos xudeus de España. Na época, a cidade herculina contaba cunha próspera comunidade xudía que, segundo Cecil Roth, era unha das comunidades hebreas máis ricas da Península Ibérica, posuíndo varias biblias en hebreo, entre as cales cita a Biblia de Cervera.[a] Amais da prosperidade económica, a comunidade xudía herculina tiña unha relevante actividade cultural, destacando a maior escola de iluminadores hebreos de Europa,[12] entre os que salientou a mediados do século XV Abrahán Ibn Hayyim, que era considerado o mestre máis distinguido do continente na arte de mesturar cores para iluminar manuscritos e que realizou un dos libros máis empregados en Europa a finais da Idade Media e nos inicios do Renacemento, o Tratado del arte de mezclar colores.[13] A fama dos artistas iluminadores coruñeses queda patente na obra de Roth The Jews in the Renaissance, na que cita os xudeus coñecidos máis importantes nesta arte en Europa, se ben explica:[14]
“ | Desgraciadamente o labor destes artistas (os xudeus iluminadores de manuscritos) ficou en xeral anónima en Italia. Coñecemos algúns iluminadores españois desta época, como Joseph Ibn Hayyim, que produciu a soada Biblia Kennicott, da Universidade de Oxford; e algúns alemáns moi competentes, como Joel ben Simon, autor de belos códices. | ” |
— Cecil Roth |
A pesar disto cómpre sinalar que non se coñece a existencia de tradición anterior no que se refire á iluminación de textos hebreos en Galicia, polo que a Biblia Kennicott non pode atribuírse a unha escola en concreto, senón que segundo Kogman-Appel trátase dun fenómeno illado.[5]
Poucos anos despois da realización da Biblia, en 1492, os Reis Católicos asinaron en Granada o chamado Decreto da Alhambra, que obrigou as persoas que profesasen a relixión xudía a abandonar o reino ou a converterse ao cristianismo. Este feito provocou o exilio de moitas familias hebreas, a moitas das cales se lles perdeu a pista, como no caso da familia Hayyim, cuxo apelido aparece en distintas partes de Europa, en Turquía e en Palestina, aínda que se descoñece se se trata de descendentes dos iluminadores coruñeses, ou se estes morreron na Coruña ou marcharon de España.[15]
Historia
[editar | editar a fonte]En 1476 Isaac, un prateiro xudeu da Coruña fillo de Salomón de Braga, encargou unha Biblia iluminada ao escriba Moisés Ibn Zabarah,[16] quen viviu na cidade herculina xunto coa súa familia por conta do seu patrón durante os dez meses que se prolongou o seu traballo escribindo dous folios diarios.[17] Pola súa banda, o traballo de iluminación do manuscrito foi encomendado a Joséph ibn Hayyim, un dos poucos iluminadores dos que se lembra o nome e do que só se ten constancia de que asinara esta obra.[b][19] Segundo o catedrático Cecil Roth, o encargo da Biblia puido ter sido motivado pola presenza na cidade herculina da chamada Biblia de Cervera, que era propiedade da familia xudía coruñesa Mordechai cando menos dende 1375; o historiador británico suxeriu:[20][7]
“ | na segunda metade do século XV, Isaac, fillo de don Salomón de Braga, teríaa visto e ambicionouna. Sendo incapaz de adquirila, tería encargado outro códice con aínda máis ricas ilustracións e seguindo as súas mesmas directrices, a dous artistas excepcionalmente competentes. | ” |
A presenza da Biblia catalá na Coruña demóstrase pola anotación do rexistro de nacemento na cidade herculina de Samuel, fillo de Mordechai, no seu folio 450v. Outro nacemento, desta volta de Judá Ibn Mordechai, rexistrado no folio 451v, seguramente é da mesma familia. Non se pode asegurar que a Biblia de Cervera permanecese na cidade cando Isaac encargou a Biblia Kennicott, mais parece posible que aínda permanecese na Coruña 37 anos despois, cando Isaac de Braga podería tela visto e encargado un exemplar similar.[20]
Coñécese a data exacta e o lugar de finalización da Biblia e a identidade de quen a mandou realizar da man do propio calígrafo, que nun longo colofón (folio 438r) afirma que rematou o traballo "na cidade da Coruña, na provincia de Galicia no noroeste de España, o mércores día terceiro do mes de Ab no ano 5236 da Creación", isto é o 24 de xullo de 1476, e afirma ser o único responsable do texto completo dos 24 libros da Biblia: copiouna, engadiu as notas de vocalización, escribiu todas as notas do massorah e contrastouna cun exemplar exacto da Biblia, corrixindo o seu texto. Ibn Zabarah declara tamén no colofón que a escribiu para o:[6]
“ | ... admirable novo Isaac, fillo do falecido, honorable e querido don Salomón de Braga (que descanse en paz a súa alma no xardín do Edén) | ” |
A sinatura en 1492 do Decreto da Alhambra, que obrigaba a abandonar os territorios das coroas de Castela e Aragón ou converterse ao cristianismo,[21] fixo que Isaac de Braga tivese que abandonar España, se ben probablemente non tivo que deixar o país rapidamente xa que levou a Biblia con el. Para protexer o manuscrito encargou un estoxo para o seu transporte que podía ser pechado con chave, levando o nome en hebreo Yzahak. As referencias a este estoxo son as últimas referencias que se teñen do exemplar en mans xudías, perdéndose a súa pista durante case 300 anos,[20] e o último que se sabe do seu propietario é que abandonou a cidade da Coruña en 1493 por mar coa axuda de armadores e oficiais reais, levando xunto coa Biblia uns 2 500 000 marabedís.[22] Con todo, pode trazarse un posible percorrido dende a cidade herculina cara ao norte de África, e finalmente a Xibraltar, onde sería adquirida polo comerciante escocés Patrick Chalmers.[23]
Os seguintes datos que se teñen do libro datan de xuño de 1770, cando o hebraísta e cóengo, estudante da Biblia e bibliotecario da Biblioteca Radcliffe de Oxford, Benjamin Kennicott, suxeriu aos administradores da biblioteca que a posesión dun manuscrito da Biblia hebrea podía darlle maior prestixio á Biblioteca, e informounos de que tiña un manuscrito nas súas mans "moi elegante e finamente iluminado", e que estaba á venda. O libro chegara ás mans de Kennicott por medio do conde de Panmure, a quen o seu propietario, Patrick Chalmers, lle confiara que a adquirira en Xibraltar.[23] Finalmente, segundo o libro de actas dos administradores de Radcliffe, en Oxford mercaron "un manuscrito hebreo do Antigo Testamento" o día 5 de abril de 1771 a Chalmers.[6] Durante pouco máis de cen anos a Biblia Kennicott permaneceu en Radcliffe, ata que en 1872 foi transferida á Biblioteca Bodleian de Oxford.[23] Na Biblioteca de Oxford foi catalogada co nome de Kennicott en honor ao cóengo que a descubrira 100 anos antes para servirse do seu texto hebreo.[24]
Inicialmente non se lle deu moita importancia ao manuscrito, xa que na época non se consideraba que pagase a pena estudar a arte xudía. Todo cambiou en 1923, cando a catedrática Rachel Wischnitzer publicou en Berlín un traballo sobre ela e empregou un dos seus folios como portada, pasando a ser considerada unha xoia da arte xudía.[6] A partir da década de 1920 a Biblia Kennicott pasou a ser unha obra descrita e analizada repetidas veces, publicándose xa en 1982 unha descrición detallada realizada polo historiador israelí Bezalel Narkiss, a historiadora da arte tamén israelí Aliza Cohen-Mushlin, e o tamén historiador israelí nado en Rusia Victor Tcherikover.[5] Un dos principais estudosos do manuscrito foi precisamente Narkiss, quen xunto con Cohen-Mushlin, realizou unha introdución á edición facsímile do manuscrito realizada en 1985. Foi precisamente Narkiss quen se encargou dos traballos de supervisión da edición facsímile.[25][26]
Para facilitar o acceso ao manuscrito, en 2013 o Museo Xudeu de Nova York publicou unha edición dixital da Biblia Kennicott que pode ser consultada no sitio web do museo.[27] Tamén nunha das salas do Centro de Información Xudía de Galicia, en Ribadavia, hai un sistema dixital que permite consultar o manuscrito páxina a páxina.[28]
Dende 2015, a comunidade xudía galega, principalmente por medio do colectivo Comunidade Xudía Bnei Israel de Galiza,[29] reclamou o regreso do manuscrito orixinal á cidade herculina, sendo un dos asuntos tratados pola comunidade xudía galega durante a visita á cidade do tesoureiro da delegación europea da Unión Mundial do Xudaísmo Progresista David Pollak en 2015. A Coruña conta cun exemplar facsímile que foi adquirido pola Xunta de Galicia e que se atopa exposto na Academia de Belas Artes. A Comunidade Bnei Israel defende a devolución á cidade do manuscrito fundamentándose na xustiza moral e histórica e o valor histórico que o libro ten para a cidade:[4]
“ | A comunidade xudía de Galicia está convencida de que o regreso da Biblia Kennicott non só suporía un acto de xustiza moral e histórica, senón que tamén reportaría un alto valor engadido para a cidade, por canto aumentaría o legado histórico da Coruña. | ” |
Tamén a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) instou á Xunta de Galicia a recuperar o manuscrito e levalo de volta a Galiza, mais non a súa devolución á cidade herculina na que foi elaborada senón ao Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela:[30]
“ | A Biblia xudía de Galicia é sen dúbida parte sobranceira do noso Patrimonio cultural, é xa que logo, parte da nosa Memoria Histórica. Demandamos do Goberno galego que faga esforzos para recuperar esta xoia que xamais debeu deixar Galicia. O seu lugar non é Oxford, o seu lugar é o Museo do Pobo Galego | ” |
Aínda que en 2015 se chegou a especular coa posibilidade de que o exemplar orixinal fose cedido por un tempo para ser depositado nunha institución da cidade,[4] finalmente non se chegou a concretar un acordo.
A Biblia Kennicott foi un dos cen obxectos seleccionados polo Consello da Cultura Galega para formar parte da exposición Galicia Cen,[31] unha exposición itinerante creada co obxectivo de difundir a historia e a cultura de Galicia mediante unha selección de cen pezas dende o Paleolítico ata os últimos anos do século XX e que se iniciou en Santiago de Compostela en maio de 2016.[32]
Características
[editar | editar a fonte]Características xerais e caligrafía
[editar | editar a fonte]A Biblia de Kennicott contén os cinco libros da Tora (Xénese, Éxodo, Levítico, Números e Deuteronomio), os libros de Profetas e Haxiógrafos, así como o tratado gramatical Sefer Mikhlol do rabino David Kimhi (tamén coñecido polo seu acrónimo hebreo RaDaK, רד"ק —Rabino David Kimhi—) que foi copiado da Biblia de Cervera.[30][33][34] O exemplar orixinal está encadernado en pel de cabra de cor marrón cunha decoración de entrelazos xeométricos, e estaba protexida por un estoxo de madeira.[35]
A Biblia está escrita maioritariamente a dúas columnas de 30 liñas cada unha, e o estilo de letra que empregou Ibn Zabarah para a súa redacción foi a cursiva sefardí, empregando tinta castaña,[35] nunhas páxinas de 300 por 235 milímetros.[7] Na elaboración da obra houbo unha estreita colaboración entre calígrafo e ilustrador, perceptible ao examinar con detalle a relación entre o texto e as iluminacións, tamén pode verse esta colaboración nas decoracións realizadas por Ibn Hayyim nas marxes e no espazo entre as columnas, que non requiriu que o escriba deixase especiais espazos en branco.[20]
A Biblia Kennicott distínguese pola destacada compenetración entre o calígrafo e o iluminador, feito que se pode apreciar nos mutuos agasallos que ambos se fan: Moisés procura salientar os feitos que concirnen a Xosé, fillo de Xacob, mentres que Joseph decora con especial primor o Salmo 90, a oración a Moisés.[7]
A calidade do manuscrito non pasou inadvertida para os contemporáneos de Moisés Ibn Zabarah, e dixeron deste manuscrito que:[7]
“ | ... non foi feito por un home, senón polo Anxo de Deus, un perfecto sabio, piadoso e santo... | ” |
O volume consérvase nun estoxo de coiro que puido ser realizado polo propio escribán, polo que se deduce dunha frase críptica que figura no colofón.[36]
Ilustracións
[editar | editar a fonte]A obra foi concibida como unha obra de arte por Ibn Zabarah, polo que contratou para ilustrar as marxes, o espazo entre as columnas e as letras capitulares, así como para intercalar páxinas marabillosamente debuxadas, a Joseph Ibn Hayyim, daquela o mellor iluminador europeo xunto co xudeu alemán Joel Ben Simon.[7][33] O manuscrito orixinal, realizado en pergamiño dunha alta calidade,[24] consta de 922 páxinas de 300 por 235 milímetros das cales 238 están ilustradas con cores vivas e lámina de prata, con imaxes ricas tanto en detalles como en simbolismo, facendo do manuscrito unha obra de estilo único con imaxes antropomorfas e zoomorfas, amais de salientar figuras moi estilizadas e mesmo abstractas,[33] provocando estas miniaturas un efecto ornamental que aumenta cun enxeñoso fondo composto por un debuxo marxinal de arabescos vermellos, azuis e verdes, con detalles de ouro ocasionais.[37] No manuscrito, as ilustracións a folio enteiro decoran os pergamiños engadidos á Biblia (os 15 primeiros e os 12 últimos) nos que expón o compendio gramatical para o estudante de escritura. Pola súa banda, moitos dos marcos teñen unha morfoloxía arquitectónica e presentan ilustracións que non teñen relación co texto, e que ás veces condicionan a extensión da escritura, o que pode indicar que os marcos foron realizados con anterioridade ao texto. Con todo, é no Pentateuco onde se encontran as decoracións máis enxeñosas, situadas ao inicio de cada un dos 54 parashioth ou seccións nas que está dividida a lectura semanal deste libro. Segundo Roth, na Biblia Kennicott o adorno predomina sobre a ilustración, representando o triunfo dos convencionalismos sobre as conviccións, e sinala que:[37]
“ | ... [Joseph Ibn Hayyim] prefire empregar normalmente elementos decorativos —debuxos de intricado entrelazamento, nos que segue unha tradición secular que se remonta a comezos da Idade Media, grotescos, dragóns, e bestas mitolóxicas, e moitas outras cousas polo estilo. Ten unha grande habilidade para representar animais, especialmente paxaros, nos cales mostra tamén un grande amor por eles. Hai tamén unha serie de cousas de grande entretemento, como o oso festivo tocando unha gaita, ou o ataque polos gatos armados a un castelo defendido por ratos. En xeral hai moi pouco sabor xudeu neste traballo, que é unha mestura, totalmente individual, de elementos góticos, renacentistas e mouriscos, especialmente notable pola riqueza de imaxes e pola execución meticulosa. | ” |
— Cecil Roth |
Gerardo Boto, con todo, achaca este convencionalismo á pouca exixencia de Isaac de Braga e ao escaso talento de Joseph ibn Hayyim:[38]
“ | Non existe ningún interese por representar con certa convicción e si con convención, quizais porque Isaac de Braga non foi un comitente especialmente puntilloso nin Joseph ibn Hayyim un miniaturista de grande oficio. O seu repertorio zoolóxico e teriomórfico é froito da adecuación das fórmulas de raizame altomedieval ao talante grotesco dos séculos tardíos. | ” |
— Gerardo Boto (tradución do orixinal). |
Os debuxos que presenta o manuscrito combinan motivos islámicos, cristiáns e populares, e conta con 24 encabezados de libros canónicos, 49 parashá, 27 páxinas de arcadas profusamente iluminadas enmarcando o texto do Sefer Mikhlol, nove páxinas de alfombra, e 150 encabezados de salmo.[27] É frecuente a utilización do recurso de moldear o corpo de animais a xeito de letras, unha tradición antiga que xa fora formulada nos scriptoria merovinxios a finais do século VIII, e que reaparece neste manuscrito.[38] A decoración baséase en gran variedade de modelos do pasado, entre eles a propia Biblia de Cervera. Outro trazo característico da Biblia Kennicott, e que comparte tamén coa Biblia de Cervera, é a inclusión de ilustracións narrativas e figurativas. Deste xeito, os dous ilustradores rompen coa tradición antifigurativa característica das biblias sefardís.[5]
En xeral, a arte do manuscrito é profundamente mudéxar que bebe do plateresco hispánico, o que se pon de manifesto especialmente nos arcos separados por unha soa columna que enmarcan as distintas páxinas do Sefer Mikhlol que introduce o texto bíblico, sendo cada aximez distinto e un modelo orixinal de arte mudéxar hispánica.[39] Con todo, a Biblia Kennicott non recibiu unicamente influencias sefardís. Sheila Edmunds atopa conexións dos motivos zoomorfos do manuscrito coas ilustracións dos naipes de Europa central, concretamente aos producidos durante o século XV nos territorios da actual Alemaña e os Países Baixos, que foron moi populares e influíron considerablemente na iluminación de manuscritos. Edmunds sinala especialmente a presenza destes elementos na decoración do texto de Kimhi e nos elaborados parashás do corpo da Biblia. Segundo Edmunds, Ibn Hayyim tivo acceso aos modelos alemáns polos contactos comerciais que existían entre Alemaña e a comunidade xudía coruñesa ou o patrón que encargou o manuscrito.[40]
Polo que respecta á cor, González López destaca a riqueza de brillantez destas como característica da escola coruñesa de iluminación. Roth salienta a profusión de ouro e, en menor medida prata, que hai nas marxes, compostas cunha grande habilidade que segundo o autor "dan case a sensación de ser esmalte", sen se converteren en ostentación ou vulgaridade grazas ao balance e o gusto do artista, que rara vez se repite e coida os detalles, facendo do manuscrito, en palabras de Roth, "unha coherente obra de arte dende o comezo ata a fin".[9]
Cómpre salientar, no referente á iluminación do manuscrito, que este é testemuña de como os textos hebreos abandonaron, posiblemente por influencia do Renacemento, a tradición iconoclasta árabe, que rexeitaba a representación de figuras de calquera tipo de criatura. Segundo Roth:[15]
“ | A iluminación, na total significación da verba, de manuscritos hebreos pode sorprender aos que lembren como foi interpretada, en determinadas fases da historia xudía, a prohibición severa en contra facer calquera "imaxe gravada". Porén, na Idade Media a prohibición non foi sempre executada, e algúns códices hebreos deste tempo —a maior parte de procedencia alemá e italiana— están suntuosamente ilustrados segundo a moda dos manuscritos ordinarios daquel tempo. Mais en España a tradición iconoclasta musulmá tivo por moito tempo unha forte influencia tanto nos árabes como nos xudeus. Esta é a razón da tendencia dos manuscritos hebreos españois a estar máis ben adornados que iluminados con respecto ao tema (como están os códices que non son xudeus). E aínda máis, as páxinas iluminadas son a miúdo postas aos comezos ou aos finais do volume, separadas do texto real, que é inviolable. Este é o caso do Códice Kennicott, no cal os principais folios iluminados son os quince primeiros e os doce que veñen despois da Biblia. | ” |
Con todo, os seus autores non se afastaron radicalmente da tradición iconoclasta árabe e procuraron unha posición moderada entre o mundo iconoclasta árabe e o cristián renacentista, que procuraba as figuras humanas e animais.[15]
A Biblia Kennicott é, segundo Kogman-Appel, un exemplo único no contexto da decoración bíblica do século XV, caracterizada polo estilo modesto, as escasas innovacións, e un frecuente retorno ás tradicións decorativas pasadas.[41]
Colofón
[editar | editar a fonte]Un aspecto destacable da Biblia Kennicott atópase no seu colofón, onde se achegaba información sobre o escriba e ás veces sobre o vocalizador, pero que en raras ocasións facían mención ao artista iluminador. Esta Biblia constitúe unha das poucas excepcións, xa que unha páxina completa está adicada ao artista, cuxo nome aparece escrito en grandes letras zoomórficas e antropomórficas.[18] Segundo Carlos Barros, foi o propio iluminador quen puxo a súa propia sinatura cunhas enormes letras que representan figuras de homes e mulleres espidas, animais e seres fabulosos en toda unha páxina do manuscrito que din:[7]
“ | Eu, Joseph Ibn Hayyim, iluminei e completei este libro. | ” |
O colofón indícanos tamén a identidade do escriba que realizou a copia e permítenos coñecer a data exacta e o lugar de finalización da Biblia, así como a identidade de quen mandou realizar o traballo. Deste xeito, da man do propio calígrafo, sabemos que foi finalizada o 24 de xullo de 1476 e o nome de Isaac, apuntando a que se trataba do fillo de Salomón de Braga.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- Referencias
- ↑ Michael Gerli, ed. (2003). Medieval Iberia. An Encyclopedia (en inglés). Londres: Routledge. p. 115. ISBN 0-415-93918-6.
- ↑ "La Biblia de Kennicott y la importancia de la tradición hebrea en España". biblias.com. Consultado o 04-01-2018.
- ↑ "O facsímile da Biblia de Kennicott na BUSC". Blog da Biblioteca Universitaria da Santiago de Compostela. Consultado o 20 de xaneiro de 2017.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 García, Rodri (4 de xuño de 2015). "Los judíos quieren recuperar la «Biblia de Kennicott»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 23 de febreiro de 2017.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Kogman-Appel 2004, p. 212.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Antonio Rubio 2006, pp. 219-20.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Barros, Carlos. "A BIBLIA KENNICOTT. Unha biblia xudía na Galicia do século XV". AGAI. Consultado o 2 de xuño de 2017.
- ↑ "La Biblia de Kennicott y la importancia de la tradición hebrea en España" (en castelán). biblias.com. Consultado o 20 de xaneiro de 2017.
- ↑ 9,0 9,1 González López 1967, pp. 201.
- ↑ "A Coruña". Biografías (en castelán). Centro de Documentación y Estudios Moisés de León. Consultado o 31 de marzo de 2017.
- ↑ "Biblia de Cervera" (en castelán). Biblioteca Digital Mundial. Consultado o 2 de xuño de 2017.
- ↑ González López, E. (1987). La escuela de iluminadores hebreos en la Coruña: Su labor: La Biblia Kennicott iluminada y en hebreo (en castelán). A Coruña.
- ↑ González López, E. (1967). Tesouro de arte galego: a Biblia en hebreo da Universidade de Oxford. Grial. p. 197.
- ↑ Roth, Cecil (1959). The Jews in the Renaissance (en inglés). Filadelfia. p. 207.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 González López 1967, pp. 199.
- ↑ "Braga, Salomón de". Biografías (en castelán). Centro de Documentación y Estudios Moisés de León. Consultado o 30 de xaneiro de 2017.
- ↑ "ZABARAH, MOISéS IBN." (en castelán). Centro de Documentación y Estudios Moisés de León. Consultado o 30 de marzo de 2017.
- ↑ 18,0 18,1 "15th Century. The Kennicott Bible" (en inglés). Universidade de Arizona. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2017. Consultado o 30 de marzo de 2017.
- ↑ Metzger, Thérèse. "Joseph ibn Hayyim - illuminator". Grove Art Online (en inglés). Oxford University Press. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2017. Consultado o 30 de marzo de 2017.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 20,3 Antonio Rubio 2006, p. 222.
- ↑ "The Edict of Expulsion of the Jews". Foundation for the Advancement of Sephardic Studies and Culture. Consultado o 31 de xaneiro de 2017. Transcrición do Decreto da Alhambra. (en inglés)
- ↑ "Isaac". Biografías (en castelán). Centro de Documentación y Estudios Moisés de León. Consultado o 31 de xaneiro de 2017.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 "The Kennicott Bible". Polonsky Foundation Digitalization Project (en inglés). Bodleian Libraries and Biblioteca Apostolica Vaticana. 2013. Consultado o 31 de xaneiro de 2017.
- ↑ 24,0 24,1 González López 1967, pp. 198.
- ↑ Barral, Dolores (1998). La Coruña en los siglos XIII al XV: historia y configuración urbana de una villa de realengo en la Galicia medieval (en castelán). Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 72.
- ↑ "The Kennicott Bible" (en inglés). Universidade de Princeton. Consultado o 6 de maio de 2017.
- ↑ 27,0 27,1 "The Kennicott Bible, the Most Lavisly Illuminated Hebrew Bible to Survive from Medieval Spain (July 24, 1476)" (en inglés). Historyofinformation.com. Consultado o 30 de marzo de 2017.
- ↑ "Ribadavia. Biblia Kennicot" (en castelán). Red de Juderías de España. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2016. Consultado o 1 de abril de 2017.
- ↑ "Benvida" (en castelán). Comunidade Xudía Bnei Israel de Galiza. Consultado o 23 de febreiro de 2017.
- ↑ 30,0 30,1 "A Biblia xudía da Coruña, o grande patrimonio esquecido". Vieiros. 7 de agosto de 2007. Consultado o 2 de xuño de 2017.
- ↑ "Catáloco. Idade Media". Consello da Cultura Galega. Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2017. Consultado o 1 de abril de 2017.
- ↑ "Galicia Cen". Consello da Cultura Galega. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2017. Consultado o 1 de abril de 2017.
- ↑ 33,0 33,1 33,2 Romero, Santiago (29 de xullo de 2016). "Un perdido tesoro coruñés". La Opinión (en castelán). Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ "The Kennicott Bible" (en inglés). Universidade de Duke. Arquivado dende o orixinal o 06 de decembro de 2016. Consultado o 5 de marzo de 2017.
- ↑ 35,0 35,1 Antonio Rubio, María Gloria. "Biblia Kennicott". En Villares, Ramón. Galicia Cen. Obxectos para contar unha cultura. Consello da Cultura Galega. p. 121. ISBN 978-84-92923-71-7.
- ↑ Cecil Roth.—Prólogo ao folleto da Biblioteca Bodleian, da Universidade de Oxford, 3. Citado en González López (1967), p. 198
- ↑ 37,0 37,1 González López 1967, p. 200.
- ↑ 38,0 38,1 Boto, Gerardo (2007). "“Monerías” sobre pergamino. La pintura de los márgenes en los códices hispanos bajomedievales (1150-1518)" (PDF). Boletín de Arte (en castelán) (Departamento de Historia del Arte de la Universidad de Málaga) (28): 47–48. ISSN 0211-8483.
- ↑ González López 1967, pp. 200-201.
- ↑ Kogman-Appel 2004, p. 213.
- ↑ Kogman-Appel 2004, p. 214.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Biblia Kennicott |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Antonio Rubio, Mª Gloria de (2006). Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, ed. Los judíos en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. pp. 219–20. ISBN 84-95892-50-2.
- González López, Emilio (abril, maio e xuño de 1967). "Un tesouro de arte galego: A Biblia en hebreo da Universidade de Oxford" (PDF). Grial (Vigo) (16): 199.
- Kogman-Appel, Katrin (2004). "The first Kennicott Bible". Jewish book art between Islam and Christianity. The decoration of Hebrew Bibles in Medieval Spain (en inglés). Leiden: Brill. pp. 212–215. ISBN 90-04-13789-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Edición dixital completa da Biblia Kennicott no sitio web da Bodleian Library (en inglés).
- A Biblia de Kennicott no Museo Xudeu de Nova York (en inglés).
- Vídeo educativo sobre a Biblia Kennicott (en inglés).