Enrique Líster

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Enrique Líster
Enrique Líster 1936 (cropped).JPG
Nacemento21 de abril de 1907
 Ameneiro
Falecemento8 de decembro de 1994
 Madrid
SoterradoCemiterio Civil de Madrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterEscola Lenin
OcupaciónCanteiro, político e militar
PremiosOrder of the Cross of Grunwald, 2nd class
editar datos en Wikidata ]

Enrique Liste Forján, coñecido como Enrique Líster, nado en Ameneiro (Calo, Teo) o 21 de abril de 1907 e falecido en Madrid o 8 de decembro de 1994[1], foi un militante comunista e dirixente militar republicano galego, que combateu na guerra civil española e na Segunda guerra mundial.

Recibiu formación militar na Unión Soviética, en academias do Exército Vermello e durante a guerra civil española tivo un destacado papel organizando e dirixindo as milicias do Quinto Rexemento. Posteriormente pasou a mandar varias unidades do Exército Popular da República. En menos de dous anos pasou de mandar unha brigada mixta a dirixir todo un corpo do exército, o famoso V Corpo do Exército. Pero ao final da guerra, tivo que marchar do país, exiliándose de novo na Unión Soviética, onde ampliou os seus estudos militares e chegou a Xeneral, participando na Segunda guerra mundial.

Lister foi un dos membros do núcleo duro do Partido Comunista de España e acabaría por enfrontarse a Santiago Carrillo polo seu abandono das teses marxista-leninistas que o partido seguira anteriormente. Debido a isto abandonou o PCE e fundou en 1973 o Partido Comunista Obreiro Español (PCOE), o cal volveu integrar en 1986 no PCE, logo de que este expulsase a Carrillo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os principios do militante[editar | editar a fonte]

Canteiro de profesión,[2] emigrou con seu pai a Cuba ós once anos. Nos seus anos de adolescente fíxose sindicalista e foi encarcerado nun reformatorio dous anos durante a ditadura de Gerardo Machado.[3] En 1925 recibiu unha carta na que lle contaban que súa nai recibira unha malleira por parte do ferreiro do seu pobo e do seu fillo. Reuniu todos os seus aforros, viaxou a Galicia e comprou unha pistola para vingarse. A Garda Civil incautoulla pero mercou outra e finalmente enfrontouse a tiros co fillo do ferreiro, que acabou cun disparo no pulmón, mentres Líster sofreu unha ferida na cabeza.[3] Despois de participar no Sindicato de Oficios Varios de Teo-Ames xunto aos seus irmáns, un novo enfrontamento coa Garda Civil obrigouno a marchar de novo a Cuba en xaneiro de 1927. Alí traballou como canteiro na construción do Capitolio da Habana e ingresou no Primeiro Partido Comunista de Cuba, acabado de fundar.[4] Debido á represión que a ditadura de Machado desatou contra os comunistas, o partido decidiu que o mellor era que Líster deixase o país, polo que volveu a Galicia.[3] Ingresou na célula de Santiago de Compostela do Partido Comunista de España e participou activamente nas loitas dos traballadores agrarios en Galicia, converténdose rapidamente nun importante activista sindical no difícil contexto do pistoleirismo patronal contra os sindicatos, na fase final da ditadura do xeneral Primo de Rivera.

Estancia na URSS[editar | editar a fonte]

A inicios dos anos 30, proclamada a Segunda República, pola súa condición de cadro destacado do PCE foi enviado á URSS onde cursou estudos de formación política e militar na Academia Político-Militar V. I. Lenin, unha escola de oficiais da Komintern en Moscova; e na Academia Frunze, unha academia militar do Exército Vermello, nomeada así en honor a Mijail Frunze, e na que se impartían asignaturas baseadas na disciplina operacional-táctica, marxismo-leninismo, historia e traballo político do Partido, historia da arte militar e da guerra, linguas estranxeiras e outras seccións de investigacións científicas. Durante o seu período como estudante formou parte da Brigada de Traballadores de choque, traballando como barreneiro na construción do metro da capital soviética, onde a súa experiencia xuvenil como canteiro foi moi apreciada.[4]

Líster e a guerra civil española[editar | editar a fonte]

Ó seu retorno, en 1936, Líster fíxose cargo das tarefas políticas sobre cuestións militares que o PCE asumiu ante o crecente perigo golpista. Así, xunto con Juan Modesto e outros soldados comunistas e republicanos, integrou o liderado das Milicias Antifascistas Obreiras e Campesiñas (MAOC), que funcionou como unha forza de choque armada do PCE.

Tras gañar as eleccións de febreiro de 1936 a Fronte Popular (coalición das forzas democráticas que incluía os partidos republicanos ata a esquerda radical e os partidos nacionalistas) aceleráronse os plans golpistas da clandestina Unión Militar Española (UME), composta por oficiais ultradereitistas, reaccionarios católicos ou ben abertamente falanxistas. Ante esa situación, a rede de contactos establecida nos cuarteis por Líster e numerosos soldados e oficiais axudou a coñecer o alcance do perigo e facilitou moito o esmagamento do golpe en numerosas unidades.[Cómpre referencia]

Tras fracasar o golpe militar organizado polo xeneral Mola en xullo de 1936, a situación derivou rapidamente cara á guerra aberta. Na fase inicial da guerra civil española, Líster tivo un papel moi destacado na organización do Quinto Rexemento, a primeira escola militar para formación de milicianos, creada nun convento socializado da madrileña rúa de Francos Rodríguez. O 20 de setembro de 1936, asumiu a xefatura do Quinto Rexemento, en substitución de Enrique Castro Delgado.[5]

Tras marchar ós combates na serra de Madrid, comezou o seu rápido ascenso por méritos de guerra, participando nos posteriores do Texo, Toledo e no suroeste de Madrid. Tras a militarización das unidades de voluntarios e a creación do Exército Popular da República, Lister converteuse no comandante da 1ª Brigada Mixta do Exército Popular.[6], tendo ao seu carón un oficial soviético como asesor.[7] Durante o transcurso da guerra alcanzaría o grao de Maior de Milicias, a máxima graduación para os procedentes da escala non profesional.

Alcanzou verdadeira notoriedade ao ser o encargado da defensa dun sector da cidade durante a Batalla de Madrid, ó mando da 1ª Brigada Mixta. Foi posteriormente o responsábel da 11ª División, converténdoa na máis selecta unidade republicana, encargada de soportar os peores combates nas batallas de Guadalajara, Brunete, Belchite e Teruel.[8] As Brigadas baixo o seu mando constituían normalmente un batallón especial, adestrado para operacións especiais nas liñas próximas á fronte e que axudase nas operacións de ruptura ou defensa a para as que eran requiridos a míudo. O avance nocturno en Brunete, que permitiu ocupar a poboación e capturar o Estado Maior inimigo na zona - operación realizada case sen baixas - ou a ruptura por sorpresa en Teruel foron dirixidos por Líster.

No exército popular o mando das grandes unidades non estaba limitado polo grao, polo que un Maior podía asumir nun determinado momento o mando dunha división ou mesmo dun corpo de exército; así, Líster dirixiu a 11ª División e máis tarde actuou como xefe do V Corpo de Exército.

Enrique Líster xunto ao periodista soviético Mikhail Koltsov en 1936.

En 1937, o goberno constitucional republicano ordenou que se disolvera o Consello de Aragón, a institución que controlaba gran parte do Aragón non ocupado polos franquistas e que estaba organizando de forma autónoma polos anarcosindicalistas da CNT e outras forzas afíns, por entender que se estaba entorpecendo o esforzo da guerra e para sufocar unha forma de poder dual revolucionario que impedía á República exercer a súa autoridade e a lei na zona. O ministro de Defensa Nacional, o socialista Indalecio Prieto, ordenou persoalmente a Líster proceder á disolución do Consello de Aragón, xerando conflitos serios coas milicias e rematando con varios encarceramentos e fusilamentos.[9]

En 1938, trala batalla de Teruel e a posterior Batalla de Aragón, Líster foi un dos oficiais encargados de conter a avalancha inimiga que ameazaba con cortar a zona republicana en dous sectores, pero sen éxito. Despois da primeira crise de Checoslovaquia, o goberno español valora que a única posibilidade de gañar a guerra consiste en manterse firme ata o momento no que estale a guerra en Europa contra o nazismo, cuxo detonante podería ser naquel momento a resistencia checa á anexión dos Sudetes por parte do III Reich. En xullo de 1938, o reorganizado EPR en Cataluña emprende unha ofensiva no río Ebro (a Batalla do Ebro) coas súas forzas de choque, o Exército do Ebro ó mando do maior Juan Modesto, rearmado cos recursos que Francia permitiu cruzar a fronteira nos días da crise checa. Líster recibe o mando do V Corpo do Exército (Divisións 11ª, 45ª e 46ª), encargándose do sector sur (Serra de Pàndols e ata El Pinell de Brai) resistindo con éxito durante dous meses o peso dos ataques franquistas. Finalmente, en setembro de 1938, os franco-británicos deciden pregarse ás pretensións hitlerianas de anexión dos Sudetes checos e no Pacto de Múnic de finais dese mes, o primeiro ministro británico Neville Chamberlain sela a sorte de Checoslovaquia e de España. En novembro de 1938, tras sufrir graves perdas humanas e de material, as tropas do Exército do Ebro retíranse organizadamente cara a Cataluña.

Sen posibilidade de repoñer as súas perdas militares e coa batalla diplomática perdida pola política franco-británica de apaciguamiento ante o nazismo e o fascismo, a República Española sofre a ofensiva contra Cataluña por parte do groso do exército franquista xunto cos seus aliados italianos e alemáns. O V Corpo do Exército fai parte da defensa e Líster manda as súas forzas nos lugares de maior perigo. Trala rotura da fronte, o V Corpo do Exército cobreu a retirada do groso das forzas e a poboación civil, que trala caída de Barcelona inundaba as estradas camiño de Francia. As derradeiras forzas do EPR en cruzar a fronteira foron as mandadas polo maior Líster.[10]

Polos excepcionais servizos prestados, Lister foi ascendido a Tenente Coronel e volveu da fronte con outros comandantes militares e políticos do PCE. Unha vez en España, quedou ás ordes do goberno presidido por Juan Negrín, quen se atopaba con numerosos obstáculos na súa política de resistencia para unha paz negociada. Nas filas do Estado Maior do Grupo de exércitos da Rexión Centro, un núcleo importante de conspiradores tentan unha rendición ás forzas franquistas e boicotean tódolos esforzos. O golpe militar do coronel Casado impidiu finalmente manter a loita e a derrota militar da República Española foi definitiva. Líster, xunto con outros cadros militares e políticos, logrou marchar ó exilio e escapar da represión franquista.[11]

Líster na segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

Exiliado na URSS, e tras un novo período na Escola Militar, participou nas discusións e tensións sufridas polo PCE nese tempo como resultado do desenlace negativo da guerra española e dos cuestionamentos de Stalin a algúns dos líderes comunistas españois. Como formaba parte do núcleo de militantes comunistas que foran militares de alta graduación, foi apartado da primeira liña política e incorporado ó Exército Vermello xa entrada a segunda guerra mundial. Líster alcanzou o grao de xeneral e combatiu nas forzas da URSS, de Polonia e de Iugoslavia.[12]

Líster e o PCE despois da guerra mundial[editar | editar a fonte]

Despois do fin da Segunda Guerra Mundial, Líster continuou a ser parte da dirección do PCE, destacando moi pronto pola súa actitude crítica cara á nova dirección do partido elixida en 1959 en Praga, despois da morte do secretario xeral José Díaz. As diverxencias co seu substituto Santiago Carrillo, partidario da penetración en sindicatos verticais da España franquista, chegaron a ser moi importantes. Instalado en Francia trala etapa na URSS, Líster levou a cabo algunhas tarefas de organización e encadramento dos guerrilleiros españois que continuaron a loita contra a ditadura franquista, pero o seu peso político no interior do PCE diminuíu ante a consolidación da liña carrillista da chamada Reconciliación Nacional.

En 1961 volveu a Cuba, nunha visita de 30 días, invitado polo novo goberno revolucionario cubano. Recibiu unha homenaxe pública na Habana, onde foi presentado polo Che Guevara, que no seu discurso recitou un par de versos que Antonio Machado lle dedicara a Líster nun dos seus poemas.[13][14]

Cando tivo lugar en 1968 a intervención soviética en Checoslovaquia, onde residía circunstancialmente coa súa familia, Lister foi testemuña da primavera de Praga e considerou a intervención soviética un erro[15] porque desautorizaba ante a poboación aos comunistas que se mantiveran en posicións ortodoxas.[16] Malia esta posición, opúxose firmemente a que Carrillo usase como escusa as diverxencias ante a intervención soviética para purgar aos comunistas de liña dura. A crise aberta no PCE iniciou o camiño para a escisión que levou a Lister a fundar o Partido Comunista Obreiro Español (PCOE) en 1973, denunciando a liquidación do proxecto comunista a mans do sector eurocomunista.

Volta a España[editar | editar a fonte]

En 1977 volveu do exilio tras entregárselle o seu pasaporte, coincidindo coa legalización do PCOE.

Trala expulsión de Santiago Carrillo do PCE en 1986, Líster anunciou a reintegración e disolución do PCOE no PCE de Gerardo Iglesias,[17] nun Congreso Extraordinario que se celebrou os días 18, 19 e 20 de abril e no que estaban representados 10.000 militantes da organización. Algúns membros do liderado do PCOE opuxéronse á integración, unha actitude que Líster describiu como "catro chafalleiros que non entenden ningunha palabra do momento en que vivimos".[18]

Finalmente, Lister morreu en Madrid o 8 de decembro de 1994 nos días en que Izquierda Unida (IU) celebraba a súa IV Asemblea en Madrid e os seus restos foron levados con honras ao cemiterio civil de Madrid.

Obras[editar | editar a fonte]

As súas experiencias da Guerra Civil e o PCE recóllense nos seguintes ibros:

  • Nuestra guerra (A nosa guerra, 1966)
  • Memorias de un luchador (Memorias dun loitador, 1977).
  • Así destruyó Carrillo el PCE (Así destruíu Carrillo o PCE, 1983).


Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • A estancia de Líster en Cuba está mencionada no libro: Gordievsky, Oleg (1990). KGB: The Inside Story. Hodder & Stoughton. ISBN 0-340-48561-2. 
  • Sobre Líster como xefe militar ver o libro: Beevor, Anthony (2006). The Battle For Spain. Phoenix. ISBN 0-7538-2280-6. 
  • Margarita Ledo dirixiu a película Liste, pronunciado Líster, unha biografía do personaxe.
  • Preston, Paul (1986). La Guerra Civil española (en castelán). DeBolsillo. ISBN 978-84-663-3948-3. 
  • Alpert, Michael (2013). The Republican Army in the Spanish Civil War, 1936–1939 (en inglés). Cambrige University Press. ISBN 978-84-3230-682-2. 
  • Rojas, Carlos (1975). La Guerra civil vista por los exiliados (en castelán). GeoPlaneta. 
  • Bolloten, Burnett (1991). The Spanish Civil War: Revolution and Counterrevolution (en inglés). The University of North Carolina Press. ISBN 978-1-4696-2446-4. 
  • Engel, Carlos (1999). Historia de las Brigadas Mixtas del Ejército Popular de la República (en castelán). ISBN 84-922644-7-0. 
  • Thomas, Hugh (2001). The Spanish Civil War. Penguin Books. 
  • Núñez Seixas, Xosé Manoel (2006). O exilio galego de 1936. Ediciós do Castro. 
  • Sánchez Cervelló, Josep; Agudo, Sebastián (2015). Las Brigadas Internacionales: Nuevas perspectivas en la historia de la Guerra Civil y el exilio (en castelán). Estudis sobre Conflictes Socials. ISBN 978-84-8424-363-2. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Obituario no New York Times (en inglés).
  2. Preston 1986, p. 126.
  3. 3,0 3,1 3,2 Pérez Leira, Lois (8 de decembro de 2015). "Enrique Lister: 21º aniversario de su fallecimiento" (en castelán). Consultado o 14 de agosto de 2019. 
  4. 4,0 4,1 Margarita Ledo Andión (2007). Liste, pronunciado Líster (Documental). 
  5. Rojas 1975, p. 241.
  6. Engel 1999, p. 8.
  7. Bolloten 1991, p. 273.
  8. Bolloten 1991, p. 525.
  9. Gambau Gil, Antonio (2007). Consejo de Defensa y movimiento colectivista de Aragón, 1936-1939 (en castelán). Centro de Estudios del Bajo Aragón-Caspe. 
  10. "Regreso al exilio". El País (en castelán). 24 de novembro de 2011. Consultado o 17 de xullo de 2019. 
  11. Bolloten 1991, p. 689.
  12. Sánchez Cervelló & Agudo 2015, p. 153.
  13. Fragmento gravado do discurso do Che Guevara sobre Líster (Youtube) (en castelán). 2 de xuño de 1961. 
  14. "Transcrición do dicurso completo do Che Guevara" (en castelán). Consultado o 14 de agosto de 2019. 
  15. "El último que regresó a España". El País (en castelán). 9 de decembro de 1994. Consultado o 17 de xullo de 2019. 
  16. Margarita Ledo Andión (2007). Liste, pronunciado Líster (Documental). 
  17. "El partido comunista de Líster se integrará en abril en el PCE". El País (en castelán). 21 de marzo de 1986. Consultado o 17 de xullo de 2019. 
  18. "Líster califica de "regreso a casa" la reintegración en el PCE". El País (en castelán). 19 de abril de 1986. Consultado o 17 de xullo de 2019.