Avelino Rivas Pombo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Avelino Rivas Pombo, coñecido como Edelmiro e Rubio, nado en Corme en 1916 e falecido en Val do Dubra o 22 de maio de 1947, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cando a súa nai Asunción Pombo asumíu que o seu home non volvería de América, colleu aos seus fillos e foi vivir para a aldea de San Roque de Fóra. En 1936 Avelino estaba afiliado á JSU.

Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi chamado a filas, alistouse, foi ao fronte, e pasouse ao bando republicano. Incorporouse a 1ª Brigada Mixta Líster e tamén loitou no Batallón de Milicias Populares Galegas.

Dous anos e medio despois, saíu de Cataluña cara Francia e foi internado no campo de concentración da praia de Argelès-sur-Mer ata agosto de 1939, cando puido coller un barco logo de conseguir asilo político en América. O seu destino final foi Arxentina, pero pode que previamente pasara unha breve etapa asilado na República Dominicana.

Dirixente do PCE[editar | editar a fonte]

Volveu a Galicia mediado 1943 agochado a bordo dun barco. Xunto a outros militantes que a dirección do PCE consegue meter en Galicia por este procedemento constitúe un equipo de cadros políticos na Coruña que estivo completo e operativo en 1944. O seu labor foi dirixir e coordinar a actividade das células que había na cidade e en toda a zona norte de Galicia, animar a creación doutras novas, e exercer de enlace entre estas células e a dirección.

En maio de 1945 produciuse unha caída, e o grupo queda disolto ao ingresar os seus membros na cadea. Avelino tamén cae, pero os militares que instrúen a causa non descobren que é un cargo importante e déixano en liberdade o 19 de xuño seguinte sen cargos.

Aínda que só, segue facendo o labor de dirección na Coruña. Na segunda metade do ano 45 entra en contacto con Leopoldo Marcos González, Gervasio García de Cos e Aniceto Sánchez Chicharro, camaradas do partido que non se exiliaron, formando os catro o Comité Local da Coruña, e en poucos meses xa teñen organizados a un número importante de militantes.

O traballo político de Avelino estendeuse a Lugo, Santiago de Compostela, Ferrol, Corme, Corcubión, Ordes, Sada, Noia, Santa Comba e Carballo, onde animou a creación de células e conectou as xa existentes coa dirección do partido. Avelino foi, xunto con Víctor García, o máximo dirixente do PCE en Galicia entre a primavera de 1945 e a de 1946. Ademais, o único fiel á nova dirección, xa que nas cidades e vilas do sur de Galicia os comités locais eran leais a Víctor García García "O Brasileño", que rompera a comunicación coa dirección do partido, e actuaba por libre. Avelino enfrontouse a el, visitando o sur de Galicia neste ano, para intentar illar ao Brasileño e gañar a confianza dos militantes do sur, cousa que non conseguiu.

A nova dirección do PCE concentrada en Francia a finais de 1945 mandou un novo equipo de cadros para que se fixeran co control do PCE en Galicia (neste equipo estaban José Gómez Gayoso e Antonio Seoane). A nova dirección chegou a primeiros de abril de 1946 e recriminou a Avelino erros no seu labor, perdendo o seu poder. A nova dirección quixo dar un golpe de efecto e organizou unha xornada de loita antifranquista o 1 de maio de 1946, que tivo lugar na Coruña. Recomendaron a Avelino que abandonase a vida civil e se incorporase á guerrilla, coa que xa viña traballando en coordinación con Marrofer. A pesar disto, asignáronlle un posto na nova dirección provincial, e tamén contaron con el para conseguir que Víctor García recoñecera á nova dirección ou, no caso contrario, fora eliminado.

Guerrilleiro[editar | editar a fonte]

Incorporouse definitivamente á guerrilla na primavera de 1946. Nos meses seguintes viviu no monte, e foi perdendo confianza na loita que estaban levando a cabo ao ver como moitos compañeiros van sendo abatidos a balazos, e como moitos enlaces van caendo prisioneiros. Ao principio, na primavera de 1946, desprazábase por toda a provincia co chamado Grupo Volante, que viña sendo coma o comité central de guerrillas na provincia, e no que Avelino era home de confianza de Marrofer. Esta etapa truncouse o 26 de xuño de 1946, cando Avelino e Marrofer foron cercados pola Garda Civil, xunto con outros oito guerrilleiros pertencentes a diferentes destacamentos da IV Agrupación. Un deles era o seu curmán Paco Cousillas Pombo. O cerco foi en Milreu, un lugar da parroquia de Fervenzas, no concello de Aranga. Avelino, Paco e outros cinco guerrilleiros conseguiron evadir o cerco. Marrofer, Lisardo Freixo e José Doldán tiveron menos sorte, e morreron tiroteados pola Garda Civil.

A morte de Marrofer provocou a reorganización da IV Agrupación, que pasou a ser liderada por Manuel Ponte Pedreira, pasando Avelino a desempeñar a función de comisario político. Neste novo papel, Avelino ten que cambiar de destacamento cada pouco, e segue dependendo moito da rede de enlaces que comeza a fallar. Os problemas empezaron cando Manuel Ponte foi abatido pola Garda Civil, xunto a outros tres guerrilleiros, nos arredores do Fontao (Frades). Ponte levaba no peto unha lista cos nomes dalgúns enlaces e a Garda Civil, tirando deste fío, conseguiu desmantelar totalmente a rede de enlaces da Costa da Morte e das comarcas de Ordes e Arzúa.

O 22 de maio de 1947 Avelino e outro guerrilleiro saíron de Santa Comba en dirección a Tordoia, e alguén delatou este feito á Garda Civil de Bembibre. Tres números da benemérita vestíronse de feirantes e esperaron aos guerrilleiros no cruzamento entre a estrada de Santa Comba a Tordoia e a de Carballo a Santiago. Mentres, outro grupo de gardas apostáronse nos montes de Arabexo, sitos entre o cruzamento e Tordoia. Cando chegaron os guerrilleiros, os gardas disfrazados tentaron achegarse a eles, pero Avelino e o compañeiro non caeron na trampa, abandonaron a estrada e seguiron a valmontes cara a Tordoia. Cando chegaron aos montes de Arabexo, o outro grupo de gardas empezou a dispararlles, matando instantaneamente a Avelino, e conseguindo zafarse o outro internándose no monte.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vidal Collazo, Fernando (2007). "Avelino Rivas Pombo, principal dirigente del PCE en Galicia entre 1943 y 1946". Comunicaciones del II Congreso de historia del PCE. De la resistencia antifranquista a la creación de IU. Un enfoque social. Fundación de Investigaciones Marxistas. ISBN 84-87098-44-4. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]