Antonio Seoane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Antonio Seoane
AlcumeJulián e Jorge
Nacemento13 de outubro de 1906
Lugar de nacementoBoiro
Falecemento6 de novembro de 1948
Lugar de falecementoCampo da Rata
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

Antonio Seoane Sánchez, coñecido como Julián ou Jorge, nado en Boiro o 13 de outubro de 1906 e finado na Coruña o 6 de novembro de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou a Arxentina cando tiña cinco anos, instalándose no barrio de San Telmo, onde vivían miles de emigrantes galegos. Cando medrou comezou a traballar no xornal La Prensa. Foi bailarín de tango e directivo da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, o que o levou a relacionarse con moitos galegos do bando republicano, fuxidos da Guerra Civil. En 1939 afiliouse ao Partido Comunista de España co propósito de loitar contra a ditadura franquista.

Volveu clandestinamente a España en 1943 e logo de fallarlle os contactos establecidos en Pamplona e Barcelona onde realizou tarefas de axitación e propaganda, pediu instrución a Buenos Aires e ordenáronlle dirixirse a Madrid. En 1946 chegou a Galicia como responsábel do Exército Guerrilleiro de Galicia xunto a José Gómez Gayoso.

En 1948, Julián, como era coñecido dentro do Exército Guerrilleiro e no Partido Comunista, foi delatado por un infiltrado na guerrilla, e o 10 de xullo agardábao o Xefe do Servizo de Información da Garda Civil no bar “Barlovento” da cidade da Coruña, onde foi detido por axentes da benemérita, xunto coa súa compañeira Josefina González Cudeiro. O traidor que delatou a Seoane tamén lle facilitou información á policía sobre unha reunión que ía ter lugar a mañá seguinte entre Seoane e Gayoso no domicilio do primeiro, situado no número 23 da rúa Real no centro da Coruña. Cando Gayoso chegou ao domicilio de Seoane foi recibido por axentes que o feriron gravemente cun disparo que lle entrou pola sen e lle saíu por un ollo, conseguiu fuxir pero ao pouco foi detido completamente ensanguentado.

Monumento a Antonio Seoane e outros loitadores contra o fascismo no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Xulgado en consello de guerra sumarísimo o 18 de outubro con José Gómez Gayoso, José Bartrina Villanueva, Juan José Romero Ramos, Carmen Orozco Muñoz e outros,[1] foi condenado a morte. Seoane, como Xefe do Exército Guerrilleiro de Galicia e Gayoso, como Secretario Xeral do PCE en Galicia, sendo os máximos responsables, sabían que tiñan poucas opcións de salvar a vida, pero apelaron ás familias para que mobilizasen a opinión internacional e exerceran presión sobre a ditadura franquista e conseguir que lles rebaixen as condenas aos outros condenados. A campaña non deu os froitos agardados e o día 6 de novembro de 1948, ás 7 horas e 45 minutos, Seoane e Gaioso foron executados no garrote vil,[2] sendo soterrados no Cemiterio Civil da Coruña, nas tumbas número 98 e 99.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Voz de Galicia, 19-10-1948, p. 2.
  2. "Sentencia cumplida", La Voz de Galicia, 7-11-1948, p. 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]