Enriqueta Otero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Enriqueta Otero diante da Porta de Alcalá en 1962.

Enriqueta Otero Blanco, nada en Miranda (Castroverde) o 26 de febreiro[1] de 1910 e falecida en Lugo o 31 de outubro de 1989, foi unha mestra e guerrilleira antifranquista galega (adoptou o alcume de María Dolores).[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Terceira de oito irmáns, estudou no Colexio da Milagrosa, da praza do Ferrol de Lugo[3]. Fixo Maxisterio na Escola Normal da Lugo, rematando en 1928. Exerceu de mestra en varias escolas da provincia de Lugo (San Cosme de Barreiros, Ferreirós e Montefurado), no colexio Gómez Baquero de Madrid e, de regreso a Galiza, en Cea (Vilagarcía de Arousa). En 1936 recibiu unha bolsa de estudos en xordomudos, polo que se trasladou ao Colexio Nacional de Xordomudos de Madrid. Nesta época xa se achegara ao PCE e casara cun mestre republicano.

Ao estalar a guerra civil, dedicouse á evacuación de cativos ao Levante. Logo traballou como enfermeira no Hospital Militar de Carabanchel. En xaneiro de 1937, incorporouse como miliciana da cultura á defensa de Madrid no Exército do Centro. Participou na creación de varios fogares-soldado ou hospitais-escola. Fíxose cargo dunha gardaría para os fillos dos soldados e organizou un hotel de repouso para as viúvas e compañeiras dos soldados na provincia de Alacant.

Co golpe do coronel Casado aliñouse coa política de Negrín e dos comunistas, foi detida por membros socialistas do Consello Nacional de Defensa e conducida ao cárcere. O 27 de marzo de 1939, un día antes da rendición de Madrid, fuxiu xunto a outras presas.

Conseguiu chegar a Lugo, á casa do párroco de Santa María a Nova, Manuel Gómez Díaz[3], ata onde a alcanzou a persecución policial, se ben librou grazas ao crego. Nestes primeiros meses de semiclandestinidade, acubillouse en varias vilas da provincia, sempre baixo identidade falsa. Houbo un novo intento policial por capturala en 1942. Comezou a establecer conexións cos fuxidos e cos antifascistas de Becerreá, onde colaborou nunha primitiva estrutura guerrilleira. Sen contactos co PCE ata 1944, a súa influencia política e organizativa en parte da provincia de Lugo percibiuse na posterior medra política e guerrilleira provincial.

En 1944 formou parte do Comité Provincial de Lugo e o ano seguinte mantivo relacións directas co PCE. En febreiro dese ano foi responsable de finanzas e de organización. O seguimento sobre o PC de Lugo e sobre Enriqueta Otero intensificouse a partir de finais de 1945. En xaneiro de 1946 varias caídas afectaron a toda estrutura provincial; en febreiro caeron ata cincuenta persoas vinculadas á resistencia.

O 18 de febreiro de 1946 foi ferida e detida en Lugo,[4] xunto con Xosé Vicente Rodríguez. Ameazada e torturada, a intervención dalgunhas antigas profesoras salvouna de ser asasinada. Acusada dun delito de rebelión militar e de actividades comunistas, foi condenada a morte pero a sentenza trocouse por unha condena a trinta anos[4] por rebelión militar e catro anos por un atentado contra a autoridade, dos que faría en total dezanove.[5]

Foi encarcerada na Prisión Provincial de Lugo, a carón da Estación de autobuses, e en outubro de 1946 foi trasladada ao cárcere de Amorebieta e a finais de novembro á Prisión Central de Mujeres de Segovia,[6] no que pasou cinco anos baixo deplorables condicións hixiénicas, médicas, climatolóxicas e alimentarias, polo que participou nas folgas de principios de 1949, que reivindicaban melloras carcerarias.

En outubro de 1951 foi enviada ao penal de castigo de Guadalaxara e meses despois confinárona no penal de Alcalá de Henares, no que conseguiu a liberdade condicional en 1960. A definitiva houbo de esperar ata 1965.[7]

Ao saír da cadea abriu un longo contencioso-administrativo para ser rehabilitada como mestra nacional, o que conseguiu en outubro de 1974. Tras pasar por diferentes escolas, onde intentou promover actividades culturais de base, xubilouse en 1980.

En 1977 creou a Asociación Popular O Carriño, inspirada nas Misións Pedagóxicas republicanas, como un espazo de cultura, reflexión e discusión, afastado do ensino tradicional. Tamén fundou en Castroverde unha Casa da Muller con nome de "Candida", destinada a dignificar a situación das mulleres do medio rural.

Foi enterrada na súa parroquia natal, envolta na bandeira republicana, evocada como «a última guerrilleira galega, a Pasionaria do pobo galego».

Obra[editar | editar a fonte]

A obra de Enriqueta Otero foi recompilada por A. Rodríguez Gallardo en Letras armadas. As vidas de Enriqueta Otero Blanco, Lugo, Fundación Dez de Marzo, Concello, 2005.

  • Textos de combate.
  • Prosa política e humanista.
  • Textos de promoción cultura e popular.
  • Poesía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Transcrición de entrevista pola COPE , tirada do libro "Lucenses 2"". Consultado o 18-05-2017. 
  2. Marco, Aurora (2014). Contra o silencio. Mulleres na resistencia antifranquista. En Acuña, Ana (ed.). Letras nómades. Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega,. Berlín: Frank&Timme GmbH. p. 45. ISBN 978-3-7329-0095-4. 
  3. 3,0 3,1 "Galicia Dixital". Consultado o 19-05-2017. 
  4. 4,0 4,1 Máiz, Bernardo (1988). Galicia na II República e baixo o franquismo (1930-1976). Col. Xerais universitaria. Xerais. p. 179. ISBN 84-7507-320-4. 
  5. Graña Pérez, Beatriz (2003). Voces da memoria: galegas exiliadas, emigradas e resistentes durante o réxime franquista. Santiago de compostela: Concello de Santiago; Universidade de Santiago de Compostela. p. 84. ISBN 84-9750-267-1. 
  6. Castillo Gómez, Antonio; Sierra Blas, Verónica (dirs.) (2014). Cinco siglos de cartas. Historia y prácticas epistolares en las épocas moderna y contremporánea. Huelva: Publicaciones Universidad de Huelva. p. 399. ISBN 978-84-16621-51-4. 
  7. Bernardo Máiz no seu libro "Galicia na II República..." afirma, no que semella un erro tipográfico, que foi no 1955.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]