Jesús Iglesias Escourido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Jesús Iglesias Escourido
Nacemento1909
Lugar de nacementoCovas
Falecemento1983
Lugar de falecementoViveiro
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornaleiro e guerrilleiro
editar datos en Wikidata ]

Jesús María Iglesias Escourido, coñecido como Franco e Tizón, nado en Covas (Viveiro) en 1909 e finado no mesmo concello en 1983, foi un xornaleiro e guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xornaleiro aveciñado en Covas. Ao estalar o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu ao monte. O 23 de xuño de 1937 participou no intento de asalto da tarrafa viveirense Nosa Señora das Dores cos irmáns Benedicto e Cesareo Díaz Fuentes, Modesto Villar Ínsua e Francisco Gómez Núñez “Trostky”, co obxectivo de fuxir á zona republicana. Por este feito foi xulgado en Ferrol acusado de rebelión militar, sendo declarado fuxido e en rebeldía. Finalmente uniuse ao Grupo Neira. Os seus irmáns foron detidos e encarcerados no campo de concentración de Arnao (As Figueiras, Castropol) en xullo de 1940 para obrigalo a entregarse.[1] Foi procesado en 1942 polo Xulgado Militar de Ferrol na causa 531/42 acusado de roubo a man armada e asasinato.[2] A partir de 1942 converteuse no xefe dun pequeno destacamento especializado en accións de propaganda. En 1945 integrouse no grupo comandado por Benedicto Fuentes Díaz que actuaba nas zonas de Melide e Alto Ulla con Evaristo Candelas, Francisco Gómez Núñez “Trotsky”, Leonardo Gómez Pérez “Trancas” e Domingo Villar Torres “Domingo de Cancela”. En 1946, considerando que a loita armada se transformara nunha "provocación innecesaria", resistiu coas armas na man aos dirixentes da IV Agrupación Guerrilleira que viñeran pedirlle "que elevara el nivel de la lucha". Logo da evasión do Santa Teresa en decembro de 1946, creou un dos grupos que actuaban na comarca. Foi novamente procesado en 1949 polo Xulgado Militar Eventual número 1 de Lugo na causa 339/49 xunto con Amador Iglesias Pardo, Modesto Serantes, Plácido Rivera Cociña e Juan Casabella; e na causa 365/49.[3] Jesús Iglesias rendeuse á Garda Civil de Viveiro en agosto de 1951. Foi condenado a 20 anos de prisión. Despois da súa liberación volveu coa familia e abriu o bar Tizón en Viveiro. Morreu en 1983.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Los Iglesias Escourido, siete hermanos de Viveiro presos en el campo de concentración de Arnao.
  2. Requisitoria, La Voz de Galicia, 26-8-1943, p. 2
  3. Requisitorias, El Progreso, 13-11-1949, p. 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • García Rodríguez, Fernando (2020). Memoria de Arnao, campo de concentración de Figueras. Mandala. ISBN 9788418115660. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]