Saltar ao contido

Batalla de Teruel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Teruel
Parte de Guerra civil española

Mapa do contorno onde se desenvolveu a Batalla de Teruel. Indícanse as situacións inicial e final, así como a correspondente ao día 20 de decembro de 1937, cando a cidade queda cercada polas tropas republicanas e comeza a batalla pola toma da capital.
Data 15 de decembro de 1937 a 22 de febreiro de 1938
Lugar Teruel, Aragón
Resultado Vitoria do bando nacional
Belixerantes
Bando nacional Segunda República española
Líderes
Fidel Dávila Arrondo
Domingo Rey d'Harcourt
Juan Hernández Saravia
Forzas en combate
20.000 soldados
da 52ª División,
140 avións,
500 pezas de artillaría,
uns 6000 civís
locais armados
77.000 soldados,
120 avións,
100 tanques
Baixas
Miles de mortos,
varios avións
derrubados
Miles de mortos,
35% dos tanques e avións destruídos,
14.000 prisioneiros

Denomínase Batalla de Teruel ao conxunto de operacións militares que, durante a guerra civil española, tiveron lugar entre o 15 de decembro de 1937 e o 22 de febreiro de 1938 na cidade de Teruel e os seus arredores.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

As operacións militares do Bando Nacional conseguiran o control do norte de España e varias divisións preparábanse para un ataque definitivo sobre Madrid. A principios de decembro de 1937 o Alto Mando nacionalista planeaba a ofensiva no centro e coidou a súa fronte nordeste con bombardeos sistemáticos dos aeródromos de Aragón, que lle deron o control total do aire na zona de Guadalaxara.

Doutra banda, o mando republicano conseguira información fidedigna dun avance cara a Madrid preparado para o 18 de decembro. Tras os fracasos de Belchite e Brunete, a falta de resposta suporía unha derrota inminente en todas as frontes e Cataluña quedaría ao descuberto.

Durante a primeira quincena do mes, o Exército Republicano acumulou homes e material ao redor de Teruel, principalmente polo sur, e o río Alfambra. A fronte, en forma de cuña, tiña uns 60 km. Previamente foran acumulados efectivos na provincia de Zaragoza dentro do plan abortado de lanzar unha rápida ofensiva sobre Estremadura e cortar a zona controlada polos nacionalistas en dous.

As forzas en combate

[editar | editar a fonte]

O Exército Republicano contaba cuns 90.000 homes divididos en tres corpos de exército principais, o XVIII, o XX e o XXII (tamén integrado por parte do XXVII). Previamente, avións tipo Moscas e Chatos (Polikarpov I-15), ao redor de 120, foran trasladados aos aeródromos de Levante (Vilafranca del Penedès e Sabadell) para apoiar a ofensiva e fuxir dos bombardeos nacionalistas en Aragón. O xeneral Juan Hernández Saravia, xefe do Exército de Levante, preparou as operacións, do mesmo xeito que faría posteriormente na Batalla do Ebro.

A forza nacionalista contaba cuns 3900 homes armados da 52 División dentro da cidade de Teruel, dos cales case o 40% non eran militares, todos eles ao mando do coronel Domingo Rei d´Harcourt. A eles sumouse unha parte da poboación non adestrada militarmente, chegando algunhas cifras a confirmar a participación de 10.000 efectivos.

Teruel atopábase defendida por unha liña de trincheiras e aramados que foran preparadas tempo antes, ao considerarse que representaba un saínte moi ameazado polos republicanos.

Inicio da ofensiva republicana

[editar | editar a fonte]

As tropas republicanas, seguras dunha vitoria fácil pola gran desproporción de material e homes entre os dous bandos, inician a ofensiva o 15 de decembro sobre as 15:00 horas, sen empregar apenas artillaría nin aviación, con tres columnas de entrada.

Avión Fiat CR.32 que loitou polo bando nacional

O plan inicial do xeneral Rojo era rodear a cidade nunha operación de envolvemento usando seis divisións, establecendo ao mesmo tempo outras dúas divisións que se irían reforzando para evitar a prevista contraofensiva nacionalista. Líster coa 11ª División toma Concud, mentres que a 25ª División fai o propio con San Blas. Dous corpos de exército rodean rapidamente a cidade e íllana de subministracións e reforzos nacionalistas. Os atacantes contactan co XVIII Corpo de Exército o día 20. A sorpresa permite a Enrique Líster chegar aos arredores da cidade e tomar prisioneiros. O frío (durante os días de combate chegouse aos -20 °C) era intenso e os soldados republicanos ían mellor equipados para o ataque. O 17 de decembro os republicanos empregan abundantemente a aviación, causando graves danos ás forzas aéreas nacionalistas que acudiran en axuda dos asediados. Os raids aéreos sucédense entre os Fiat CR-32 e os Messerschmitt Bf 109 nacionalistas, e os Polikarpov I-15 e I-16 republicanos. Estes derruban numerosos bombardeiros Heinkel Hei 111. O día 18 os republicanos colocan un corpo de exército ao sur de Teruel, sobre a Muela, e atacan o Cemiterio vello.

Avión Polikarpov I-15 que loitou polo bando repúblicano

A aviación nacionalista, con temperaturas nos aeródromos de Castela de ata -10 °C, apenas pode ofrecer resistencia ao avance republicano. As divisións nacionalistas aínda non están preparadas para liberar os asediados. O 19 de decembro algunhas tropas do xeneral Aranda chegan á fronte, pero o seu número é moi reducido e apenas poden facer nada. Ese mesmo día prodúcense os primeiros combates dentro da cidade, no cemiterio e o campo de fútbol. O 22 de decembro varias unidades republicanas entran na cidade de Teruel con apoio da artillaría, que controla o perímetro da cidade, e ven os primeiros carros republicanos na emblemática Praza do Torico. A vitoria cómoda favorece un desenvolvemento precipitado dos movementos de tropas republicanas que sofren un gran número de baixas polo sistema de defensa pechado que ofrecen os nacionalistas, sabedores de que só un combate casa por casa pode parar a ofensiva.

As operacións militares dentro da cidade desenvólvense cunha conquista casa por casa, perigosa para ambos os bandos e con gran cantidade de baixas civís, a pesar de que se tratou de cumprir as ordes de Indalecio Prieto de protexer ao máximo á poboación civil, situando ás mulleres e nenos en zonas máis seguras. Dentro da cidade, a artillaría republicana varre cada edificio onde se atopa a resistencia nacionalista: Banco de España, Convento de Santa Clara e o Hotel Aragón foron as zonas de máis encarnizada loita, chegándose ao uso das baionetas.

O 24 de decembro, varios oficiais republicanos son condecorados e ascendidos pola súa inminente vitoria, aínda que quedan dous redutos: o Seminario e a Comandancia. Finalmente mínanse varios puntos e pontes para facilitar a rendición dos redutos resistentes e, tras intensos combates, a cidade réndese o 8 de xaneiro.

A contraofensiva nacionalista

[editar | editar a fonte]

As baixas do exército republicano son numerosas. Os combates e o frío fixeron madeixa na tropa. Os primeiros días de xaneiro o exército republicano perdeu moitos dos seus avións de caza a mans dos preto de 140 cazas nacionalistas que están no aire. Con todo, existe un equilibrio de forzas que fai pensar nunha consolidación da posición, cunha numerosa forza de infantaría, carros blindados e tanques.

O Alto Mando nacionalista ordenara ao xeneral Varela polo sur e ao xeneral Aranda polo norte a reconquista da cidade. O 31 de decembro o xeneral García Valiño ocupa algunhas zonas nos arredores. Mobilízanse en dirección á zona o Corpo de Exército Galicia e o Castela, co apoio da aviación, dúas divisións navarras e a artillaría italiana.

Os bombardeos aéreos sobre as posicións republicanas son os máis duros que ata ese momento se sucederon na guerra, empregándose con especial éxito á Lexión Cóndor, que debe paralizar os seus ataques os días 31 de decembro e 1 de xaneiro debido o vento que impide voar.

O XXII Corpo de Exército republicano será chamado a defender o centro urbano mentres que o resto de unidades se retira a posicións estratéxicas. O 2 de xaneiro as tropas nacionalistas tratan de entrar en Teruel, pero o xeneral Saravia ordena a voadura das pontes e fracasa a ofensiva. Ao mando de varios corpos de exército, cuns 100.000 homes, inician a contraofensiva mellor preparados e sen as présas de salvar unha gornición que xa caeu.

O 17 de xaneiro toman as posicións altas dos arredores da cidade, que os republicanos non conseguen soster a pesar de realizar grandes labores de fortificación. Medio milleiro de pezas de artillaría e medio centenar de avións atacan as posicións dos arredores da cidade. A marxe dereita do Río Alfambra atópase en poder do exército nacionalista o 22 de xaneiro. Agora os republicanos son asediados e os nacionalistas sitiadores. Con todo, a defensa da urbe é forte, e tras unha semana de combates as posicións apenas se moven.

O 25 de xaneiro os republicanos lanzan unha ofensiva para romper o cerco. Ambos os bandos sofren considerables problemas de toda orde para manter activos os seus exércitos, dada a intensidade do frío e as penosas condicións do combate. Durante tres días as baixas multiplícanse en ambos os bandos e prodúcense choques corpo a corpo nos arredores de Teruel. Os máis de 100 tanques T-26 republicanos mostran gran capacidade pero, pola contra, a aviación e artillaría nacionalista son máis efectivas. O 29 de xaneiro lóitase corpo a corpo nos arredores da cidade, a baioneta calada.

O 7 de febreiro as tropas nacionalistas deciden facer unha operación envolvente que levante o statu quo de xaneiro e, polo norte, rompen a fronte republicana, pasando o río Alfambra. O 19 de febreiro chega o V Corpo de Exército republicano, pero é tarde. O día 20 a fronte está pechada e as tropas republicanas cercadas sen subministracións. Os nacionalistas entran en Teruel e a resistencia é moi débil. Os republicanos reciben orde de retirarse por parte de «O Campesiño», non compartida polo xeneralato republicano, pero é case imposible saír do cerco e máis de 14.000 soldados son feitos prisioneiros. O 22 de febreiro saen as últimas forzas republicanas de Teruel combatendo. Ao entrar as tropas nacionalistas aprézase a devastación da cidade: decenas de edificacións destruídas, o 35% dos tanques e carros blindados republicanos destruídos e centenares de mortos.

As consecuencias

[editar | editar a fonte]

A batalla de Teruel foi unha proba para o Exército Popular Republicano da súa capacidade para organizarse e efectuar operacións militares solventes fronte a un inimigo mellor armado e máis profesional. Pero foi tamén a evidencia de que o camiño cara Aragón e Cataluña quedaba expedito para as tropas rebeldes e que as diferenzas entre os xenerais máis profesionais como Saravia e Rojo fronte a Enrique Líster e O Campesiño foran claves á hora de organizar mellor as accións, como despois se repetiría no futuro. A primavera de 1938 quedaba aberta para a ofensiva nacionalista cara ao nordeste da península.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • CASANOVA, J. (1985): Anarquismo y revolución en la sociedad rural aragonesa, 1936-1938. Ed. Siglo XXI de España (Madrid). ISBN 84-323-0512-X
  • MARTÍNEZ BANDE, J. La batalla de Teruel. Ed. San Martín (Madrid). ISBN 84-7140-088-X
  • THOMAS, Hugh. La Guerra Civil Española. Ed. Grijalbo (Barcelona), 1976. ISBN 84-253-2767-9
  • TUÑÓN DE LARA, Manuel. La batalla de Teruel. Instituto de Estudios Turolenses. (Zaragoza), 1986. ISBN 84-505-5073-4

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]