Amador Domínguez Pan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Amador Domínguez Pan, coñecido como Jaime Pimentel, nado en Pravio (Cambre) en 1916 e finado na Coruña o 25 de xaneiro de 1949, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Destinado como cabo da Armada no cruceiro España II, era militante da CNT. Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi dos que intentou en Ferrol impedir que a oficialidade puxera o cruceiro ao servizo dos sublevados. Desertou para evitar a detención pero foi apresado uns meses despois. Xulgado, foi condenado a prisión, onde pasou máis de seis anos. O seu irmán Benito Domínguez Pan foi paseado o 7 de setembro de 1937. Saíu en liberdade condicional o 28 de febreiro de 1943 e dedicouse a organizar os grupos que operaban nos Castros e San Pedro de Nós para axudar aos ex-presos republicanos que saían en liberdade. O grupo foi desarticulado pola policía, e Amador pasou á clandestinidade para evitar unha nova detención.

Na primavera de 1946 formou parte do Grupo Volante A, da IV Agrupación Guerrilleira, con Francisco Rey Balbís, Manuel Ramiro Souto, José María Castelo Mosquera e José María Díaz Pan, empregando o alcume de Jaime Pimentel.[1] O grupo integrouse despois do novo destacamento Enrique Líster, no que Amador foi o seu primeiro xefe militar. Participou no atentado contra Manuel Doval Lemat, xefe da Falange de Cambre o 16 de abril de 1946.[1]

Abandonou o destacamento o 21 de xullo de 1947 sen avisar aos compañeiros, decidido a marchar de España. Foi capturado na casa do enlace Jesús Pena Bolón en Calvelo (Sofán, Carballo) o 18 de agosto de 1948.[1] Xulgado en consello de guerra na Coruña o 14 de decembro de 1948, xunto con tres enlaces, foi condenado a pena de morte e axustizado por garrote vil, na cadea da Coruña o 25 de xaneiro de 1949.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Biografía por Bernardo Máiz" (PDF). Consultado o 21-06-2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Martínez, Lupe (2007). Coa man armada. "Ejercito Guerrillero de Galicia" -IV Agrupación- 1946 - 1948. Vigo: A Nosa Terra. pp. 101–103. ISBN 978-84-8341-166-7. 
  • Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-231-8. 
  • Máiz, Bernardo (1988). Galicia na II República e baixo o franquismo. Vigo: Xerais.  ISBN 84-7507-320-4.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]