Banda Bassotti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Banda Bassotti
Banda Bassotti, 1. May 2008 Kreuzberg 2.jpg
Orixe Roma, Italia Flag of Italy.svg
Período 1987 - actualidade
Xénero(s) ska, punk rock
Selo(s) discográfico(s) Gridalo Forte
Páxina web www.bandabassotti.org

Banda Bassotti é un grupo musical italiano que desenvolve un estilo próximo ao ska e ao punk. Formouse nun barrio obreiro da periferia de Roma no ano 1987, nun momento no que os seus membros eran todos traballadores da construción.

O nome de Banda Bassotti está tomado do nome en italiano dos "Beagle Boys" (os "Apandadores"), unha banda de ladróns do universo Disney.

O grupo nace moi vinculado ao movemento red skin e cunha ideoloxía de esquerda revolucionaria que non deixan de expresar nas súas cancións. Caracterízanse por unha saudade nostálxica dos logros da Unión Soviética e pola solidariedade coas causas dos pobos sen estado e das loitas populares de todas as partes do mundo. Así, nas súas cancións pódese atopar o compromiso coa causa do independentismo vasco, co pobo palestino, cos zapatistas e tamén cos movementos sociais de esquerdas. Apesar de non tratar o tema en ningunha canción, nos concertos na Galiza, tamén amosaron as súas simpatías co independentismo galego, e en xeral coa loita dos pobos do Estado español na procura do seu dereito de autodeterminación.

As simpatías co movemento vasco levounos a gravar co selo Esan Ozenki no ano 1995, creando en Italia a filial Gridalo Forte Records. Acompañaron a Negu Gorriak en diversos concertos por todo o mundo, creando unha relación de amizade e simpatía con membros da banda. Cando Negu Gorriak dá o seu concerto de despedida en 1996 acompáñase deles no escenario. Naquela época rumoréase que Banda Bassotti tamén se despedirá dos escenarios ese mesmo ano, porén, tras seis anos sen gravar, volven no 2001 co disco Un'altro giorno d'amore, un duplo CD gravado ao vivo, coa asistencia de Kaki Arkarazo no apartado técnico e con Fermin Muguruza como convidado nun par de temas (un deles unha versión de Kortatu). Dende entón o grupo recupera o seu ritmo de actividade, sacando case un disco novo por ano e dando xiras sen descanso por todo o mundo. É destacábel o seu traballo Así es mi vida, un conxunto de versións de cancións políticas, a maior parte do cancioneiro republicano e do movemento revolucionario suramericano. Nese disco cantan en castelán, catalán, inglés, ruso, alemán e italiano.

Polémica e altercados[editar | editar a fonte]

En 1996 cando o grupo se dispuña a embarcar no aeroporto de Roma para acudir aos concertos de despedida de Negu Gorriak, foi agredido por un grupo de extrema dereita e estivo a piques de non poder acudir á cita.

En xuño de 2007 o grupo dá un concerto nun local social de Padua como apoio aos membros do grupo armado Nuove Brigate Rosse (Novas Brigadas Vermellas), considerado terrorista polo Estado italiano. O feito trouxo unha grande polémica no país.

O 28 de xuño de 2007, durante un concerto na cidade de Roma, parte do público asistente foi agredido por un grupo de extrema dereita que se presentou armado e invocando a Mussolini. Dous espectadores resultaron feridos.

En agosto de 2007, a Asociación de Víctimas do Terrorismo pediu a suspensión dun concerto da banda en Ferrol, contratado co concello. As alegacións eran que Banda Bassotti facía apoloxía do terrorismo e apoiaba "a ETA e ao seu contorno". As probas remitían á canción "Yup La La" de Así es mi vida, onde se fala da organización armada como "brazo do pobo" e que pode interpretarse como un canto de alegría polo asasinato de Carrero Blanco no ano 1973. A petición sería axiña apoiada por Novas Xeracións do Partido Popular e máis pola Unión Federal de Gardas Civís. A alcaldía de Ferrol negouse a suspender o concerto, que se celebrou a noite do 11 de agosto con grande asistencia de público e sen ningún incidente destacábel.

Así mesmo, no ano 2008 o "Festival Agitación" programado pola UJCE (Unión de Juventudes Comunistas de España) foi censurado por incluír no cartel a Banda Bassotti, o cal provocou moita crispación na organización comunista e moitas outras que mostraron o seu apoio ante esta clara violación do dereito á libre expresión.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Figli della Stessa Rabbia (1992)
  • Bella Ciao (mini-CD con 4 temas) (1993)
  • Avanzo de Cantiere (1994)
  • Un Altro Giorno d'Amore (CD duplo ao vivo, 2001)
  • L'Altra Faccia dell'Impero (2002)
  • Así es mi Vida (versións de cancións revolucionarias do mundo, 2003)
  • Amore e Odio (2004)
  • Baldi e Fieri (miniCD dedicado aos siareiros do Livorno Brigate Autonome Livornesi, 2005)
  • Vecchi Cani Bastardi (2006)
  • Viento, lucha y sol (Gridalo Forte, 2008)
  • Check Point Kreuzberg - Live at the SO36 - Berlin (dobre CD en directo, gravado en decembro do 2009, Rude Records, 2010)

Teñen participado tamén en varios recompilatorios como Balla e difendie outros de Gridalo Forte Records.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]