Manuel Ponte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Manuel Ponte Pedreira, coñecido co sobrenome de Xastre, nado no Fontao (Abellá, Frades) o 20 de agosto de 1911 e finado na mesma aldea o 21 de abril de 1947, foi un guerrilleiro galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aprendeu en Ordes o oficio de xastre e ingresou nas Juventudes Socialistas. Foi elixido presidente de Unión Republicana de Ordes o 12 de xuño de 1936. Ao producirse a sublevación do 18 de xullo de 1936 colaborou na defensa de Ordes, pero cando cae en poder dos sublevados fuxe ao monte. Logo dunhas semanas entregouse e foi xulgado en Compostela por traizón, sendo condenado a cadea perpetua. Permaneceu en prisión no cárcere da Coruña, participando en varios intentos de fuga, ate que obtivo a liberdade vixiada o 22 de maio de 1941. Na súa estadía na prisión ingresou no Partido Comunista de España. En 1945 incorporouse á guerrilla comunista. En xuño de 1946 ao morrer Marcelino Rodríguez Fernández (Marrofer) accedeu á xefatura da IV Agrupación guerrilleira, relanzando a súa actividade co aumento das accións guerrilleiras. Por mor dunha delación, a Garda Civil cercouno con varios dos seus homes e morreu no enfrontamento.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con María del Carmen Rivas Vaamonde o 19 de novembro de 1935, coa que tivo dous fillos, Manuel Pablo (que morreu en 1937) e María del Carmen.

Homenaxes[editar | editar a fonte]

Xosé Luís Méndez Ferrín adicoulle o poema "Na memoria de Ponte", do libro Poesía enteira de Heriberto Bens (1980).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Astray Rivas, Manuel (1992). Síndrome del 36 - La IV Agrupación del Ejército Guerrillero de Galicia. Sada: Do Castro. ISBN 84-7492-584-3. 
  • Martínez, Lupe (2007). Coa man armada. "Ejercito Guerrillero de Galicia" -IV Agrupación- 1946 - 1948. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-8341-166-7. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]