José Blanco Núñez
José Blanco Núñez | |
---|---|
Alcume | Ferreirín e Pepito |
Nacemento | 1921 |
Lugar de nacemento | A Coruña |
Falecemento | xullo de 1952 |
Lugar de falecemento | Sada |
Nacionalidade | España |
Ocupación | membro da resistencia |
[ editar datos en Wikidata ] | |
José Blanco Núñez, coñecido como Ferreirín e Pepito, nado na Coruña cara a 1921 e finado en 1952, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Zapateiro de Elviña. En 1944 tiña a responsabilidade política dun pequeno grupo de homes baixo a dirección de Manuel Ponte Pedreira. Foi detido en maio de 1945 con Manuel Bello Parga, José Soto Pombo e Francisco Cousillas Pombo, que ingresaron na Prisión Provincial, mentres José ingresou no calabozo do seu Rexemento de Artillería número 48, por ser nese momento soldado de recrutamento.[1] Foi ferido nunha perna nun enfrontamento coa Garda Civil en Parada (Ordes) o 26 de xuño de 1946, que lle custou a vida ao enlace Antonio Recouso Boquete. Foi integrante do Destacamento Enrique Líster xunto a Francisco Rey Balbís. En 1948 asumiu con Manuel Pena Camino a dirección do destacamento Eduardo Xaneiro. O 4 de marzo de 1948 en Carres a Garda Civil atacou as dúas casas onde se refuxiaba Ferreirín cos seus homes, mataron o guerrilleiro Antonio Nouche Costa, conseguindo Ferreirín escapar; pero en represalia a familia que ocupaba as casas foi executada. O Xulgado Especial de Accidentes Ferroviarios da Oitava Rexión Militar publicou en outubro de 1948 unha requisitoria contra el e José María Díaz Pan, Emilio Claudio Díaz, Francisco Rey Balbís, José Remuiñán Barreiro, José Pedreira de la Iglesia, Enrique Ferreirós Candamo, Jesús Valeiro Gómez, José Antonio Cortiñas Blas e Antonio López Arias.[2] O 8 de xaneiro de 1949 participou con Benigno Andrade García, José Remuiñán Barreiro, Antonio López Arias e Manuel Bastida Franco na morte de José Couceiro Taboada, subcabo de Somatén, xefe de Falange e mestre e da súa muller María Constela en Soutelo de Montes. Ese ano pasou a ser responsable da prensa do PCE e en xaneiro de 1950 foi nomeado secretario de organización.[3]
Arrestado en marzo de 1952 na súa cidade natal e trasladado a Madrid, colaborou coa policía e a información que proporcionou permitiu desmantelar a rede de enlaces da guerrilla. Malia iso foi executado preto de Sada en xullo de 1952.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Lamela García, Luis (2003). "Aspectos desconocidos de la guerrilla del Llano" (PDF). Anuario Brigantino (26): 281–294. Consultado o 30 de agosto de 2012.
- ↑ "Requisitoria", La Voz de Galicia, 20-10-1948, p. 2.
- ↑ Máiz, Bernardo; op.cit. páx.167
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Máiz, Bernardo (1988). Galicia na II República e baixo o franquismo. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-320-4.
- Martínez, Lupe (2007). Coa man armada. "Ejercito Guerrillero de Galicia" -IV Agrupación- 1946 - 1948. Vigo: A Nosa Terra. p. 95. ISBN 978-84-8341-166-7.
- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. pp. 43–44. ISBN 84-8485-231-8.
- Serrano, Secundino (2001). Maquis. Historia de la guerrilla antifranquista. Madrid: Temas de Hoy. ISBN 84-8460-103-X.