Mario de Langullo
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 29 de setembro de 1913 San Pedro |
| Morte | 7 de xullo de 1986 Seadur |
| Outros nomes | Mario de Langullo Pinche |
| Actividade | |
| Ocupación | maquis |
| Membro de | |
| Carreira militar | |
| Participou no conflito | guerra civil española |
| Familia | |
| Pai | Juan Rodríguez Rodríguez |
Mario Rodríguez Losada, coñecido como Mario de Langullo e Pinche, nado en San Pedro (Cesuris, Manzaneda) o 29 de setembro de 1913 e finado en Seadur (Larouco) o 7 de xullo de 1986, foi un dos últimos guerrilleiros en abandonar a loita armada contra o réxime do xeneral Franco. Pasou de escapado a guerrilleiro, e era moi afamado en todo o oriente da provincia de Ourense e no sur da de Lugo.[Cómpre referencia]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Juan Rodríguez Rodríguez e Arsenia Losada. con quince anos emigrou a Bilbao, onde traballou como peón e participou en diversos conflitos laborais. Regresou á provincia de Lugo en 1935.
Logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 o seu pai foi nomeado concelleiro e despois alcalde de Manzaneda (posteriormente foi asasinado polos falanxistas de Langullo o 10 de abril de 1937). Ó producirse o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, Mario Rodríguez viuse obrigado a botarse ó monte para salvar a vida. Alí dirixiu un grupo guerrilleiro que operou por Quiroga, Manzaneda e Trives realizando accións de sabotaxe, ataque ao goberno e represión de colaboradores e delatores. Colaborou coa III Agrupación luguesa da Federación de Guerrillas de León-Galicia primeiro e despois co Exército Guerrilleiro de Galicia como responsable do Destacamento de Trives da II Agrupación. Mantivo fondas discrepancias con Manuel Fernández Soto polas súas ideas excesivamente militaristas.
A consolidación do réxime ditatorial fixo cada vez máis difícil a continuidade da acción guerrilleira, que abandonou en 1951, manténdose illado no monte e pasando á clandestinidade, para posteriormente fuxir a Francia o 29 de agosto de 1968. Puido saír de España grazas ao párroco de Seoane Vello[Cómpre referencia]. Instalouse en Nogent sur Vermisson (Loiret).
Regresou a Galiza en 1979. Faleceu en 1986 en Seadur (Larouco).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alonso, Juan Carlos (2025). El último maqui. Vida y leyenda de Mario de Langullo. Almuzara. ISBN 978-84-10527-25-6.
- Domínguez González, Xosé (1992). Mario de Langullo. O derradeiro fuxido. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-165-5.
- Sotelo Blanco, Olegario (1992). Antropoloxía cultural da terra de Caldelas (vol. 2). Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. pp. 435–447. ISBN 84-7824-133-7.
- Téllez, Antonio (2000). A guerrilla antifranquista de Mario de Langullo o Pinche. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-95350-25-4.