José Gómez Gayoso
José Gómez Gayoso | |
---|---|
![]() | |
Alcume | López |
Nacemento | 28 de abril de 1909 |
Lugar de nacemento | Maceda |
Falecemento | 6 de novembro de 1948 |
Causa | garrote |
Nacionalidade | España |
Ocupación | político e membro da resistencia |
[ editar datos en Wikidata ] | |
José Gómez Gayoso, coñecido como López,[1] nado en Maceda o 28 de abril de 1909 e finado na Coruña o 6 de novembro de 1948, foi un político e guerrilleiro antifranquista galego.[2]
Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mestre e afiliado ao PCE, en 1935 converteuse en secretario de organización do partido. O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid, onde asistía a uns cursiños de marxismo. Durante a guerra foi secretario de Francisco Antón, comisario político do Exército do Centro, e traballou con Luis Delage, comisario do Exército do Ebro. Colaborou co Enrique Líster e Santiago Álvarez nas emisións radiofónicas que o Partido Galeguista realizaba desde a capital. Tamén colaborou na organización das Milicias Galegas e dirixiu o periódico Nueva Galicia. Viaxou á Unión Soviética para recibir instrución militar, coincidindo con Castelao na celebración do Primeiro de Maio.
Exiliado en Francia, marchou á República Dominicana e finalmente a Cuba en 1940. Volveu clandestinamente a Madrid a principios de 1944 para traballar na delegación do Comité Central do PCE e a finais de 1945 apareceu en Galicia como Secretario Xeral do PCE en Galicia. Encargouse de impulsar a organización da guerrilla e afianzar e fortalecer o partido.
En 1948 Antonio Seoane foi delatado por un infiltrado na guerrilla, e o 10 de xullo agardábao o Xefe do Servizo de Información da Garda Civil no bar “Barlovento” da cidade da Coruña, onde foi detido por axentes da benemérita, xunto coa súa compañeira Josefina González Cudeiro. O traidor que delatou a Seoane tamén lle facilitou información á policía sobre unha reunión que ía ter lugar a mañá seguinte entre Seoane e Gayoso no domicilio do primeiro, situado no número 23 da rúa Real no centro da Coruña. Cando Gayoso chegou ao domicilio de Seoane foi recibido por axentes que o feriron gravemente cun disparo que lle entrou pola sen e lle saíu por un ollo, conseguiu fuxir pero logo dunha persecución foi detido completamente ensanguentado.
Torturado durante dous meses, foi xulgado en consello de guerra o 18 de outubro con Antonio Seoane Sánchez, José Bartrina Villanueva, Juan José Romero Ramos, Carmen Orozco Muñoz e outros,[3] e condenado a pena de morte. Foi executado no garrote vil na Coruña con Antonio Seoane o 6 de novembro de 1948.[4] Houbo unha intensa campaña de solidariedade internacional lanzada desde Cuba para salvarlle a vida pero foi inútil.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Pseudónimos galegos en ogalego.eu: l". www.ogalego.eu. Consultado o 2023-01-10.
- ↑ Portomeñe Pérez, Carlos A. (2022). Vivir e morrer pola causa. Galaxia. ISBN 978-84-9151-961-4.
- ↑ La Voz de Galicia, 19-10-1948, p. 2.
- ↑ "Sentencia cumplida", La Voz de Galicia, 7-11-1948, p. 2.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Alonso Montero, Xesús (2004). As últimas horas de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane, loitadores antifranquistas. Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-134-6.
- "Gómez Gayoso, Xosé". Diccionario enciclopédico galego universal 31. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 26. ISBN 84-7680-429-6.
- "Gómez Gayoso, Xosé". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 159.
- "Gayoso, José". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 982. ISBN 978-84-8288-942-9.
- Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Gayoso, José". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-231-8.
- Santidrián Arias, Víctor Manuel (2003). Historia do PCE en Galicia (1920-1968). Sada: Do Castro. ISBN 978-84-8485-079-3.