Manuel Castro Rodríguez
Manuel Castro Rodríguez | |
---|---|
Nacemento | 1906 |
Lugar de nacemento | Castro Caldelas |
Falecemento | 21 de febreiro de 1946 |
Lugar de falecemento | Alcalá de Henares |
Nacionalidade | España |
Ocupación | militar e membro da resistencia |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Manuel Castro Rodríguez, nado en Castro Caldelas en 1906 e fusilado en Alcalá de Henares o 21 de febreiro 1946,[1] foi un militar galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Membro do Partido Comunista de España, foi comisario político do V Rexemento do Exército Republicano. Estivo ao mando da 19ª Brigada Mixta[2] e da 48ª Brigada Mixta.[3] Fóille concedida a Medalla ao Valor do Exército da República o 1 de outubro de 1938.[4] Foi tenente coronel no Exército español. Logo do remate da Guerra Civil exiliouse en Francia e entrou na resistencia contra os alemáns e o réxime de Vichy, acadando o grao de tenente xeneral, mandou o batallón de Tarbes e a 26ª Agrupación Guerrilleira. En 1944 o PCE enviouno a Galicia para organizar os grupos guerrilleiros antifranquistas do país. En outubro de 1944 presidiu a xuntanza de Abegondo á que acudiron Manuel Ponte, José Ramuñán Barreiro, Francisco Rey Balbís, Chema Urquiola, Adolfo Allegue Allegue, Juan Pérez Dopico e outros responsábeis das guerrillas, e na que lles expón as consignas da Unión Nacional Española e acórdase a constitución do Exército Guerrilleiro de Galicia. Como Manuel Castro non foi aceptado por todas as partidas déronlle o mando a Marcelino Rodríguez Fernández (Marrofer).[5]
Intentou axudar a Cristino García Granda a facer o mesmo cos grupos que operaban nas serras de Gredos e Guadarrama pero non deu os resultados que procuraba. O 13 de xuño de 1945 nun enfrontamento entre a Garda Civil e Manuel Castro e os seus homes morreron cinco guerrilleiros. Os superviventes movéronse cara a Madrid para tentar relanzar a resistencia urbana. O 20 de outubro a policía detivo a Cristino García, Manuel Castro e varios dos seus homes. Xulgados en consello de guerra sumarísimo o 22 de xaneiro de 1946, Manuel e Cristino foron condenados a pena de morte o 8 de febreiro xunto con Antonio Medina Vega, Francisco Esteve, Luis Ávila Núñez, Francisco Carranque Muñoz, Eduardo González, Gonzalo González, Joaquín Almazán e Eduardo Fuertes. Foi fusilado na madrugada do 21 de febreiro de 1946 con Cristino García Granda e Antonio Medina nas tapias do cemiterio municipal de Carabanchel Bajo, onde foron soterrados.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ La Voz de Galicia, 22-2-1946, p. 6.
- ↑ 19ª Brigada Mixta
- ↑ 48ª Brigada Mixta
- ↑ Medalla del Valor del Ejército de la República
- ↑ Casanova, Julián (2002). Morir, matar, sobrevivir. La violencia en la dictadura de Franco. Barcelona: Crítica. p. 232. ISBN 84-8432-321-8.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Maiz, Bernardo (1988). Galicia na II República e baixo o franquismo. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-320-4.
- Serrano, Secundino (2002). Maquis. Historia de la guerrilla antifranquista. Madrid: Temas de Hoy. ISBN 84-8460-155-2.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Cristino García Granda: comunista hasta el final por Xavier Lacosta.