Juan García Durán
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de febreiro de 1915 A Torre, España |
Morte | 12 de decembro de 1986 (71 anos) Alacant, España |
Educación | Sorbona |
Director de tese | Pierre Vilar |
Actividade | |
Ocupación | maquis, historiador, escritor |
Membro de | |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Juan García Durán, pseudónimo de Luís Costa García, tamén coñecido como El Fugas, nado na Torre (Vilagarcía de Arousa)[1] o 26 de febreiro de 1915 e finado en Alacant o 12 de decembro de 1986, foi un militante anarquista galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Aínda que nado no lugar de Torre en 1915, pasou a maior parte da súa infancia en Vilaxoán. Foron seus pais Cándido Costa Saborido e Concepción García Soto. Do primeiro aprendeu o oficio de carpinteiro e herdou a súa paixón pola cultura e a política. Cándido Costa tiña ideas republicanas polas que sufriu presidio no cárcere de Cambados unha vez iniciada a guerra civil. A súa nai sufrirá terrible persecución por ser muller e nai de "roxos". Luis Costa García con 15 anos militaba nas Juventudes Libertarias e afiliouse á Confederación Nacional do Traballo (CNT). En novembro de 1931 presidiu un mitin cenetista en Betanzos. En 1934 casou con Dolores Martínez Santiago coa que tivo un fillo, Luis Costa Martínez. En 1935 era o secretario do sindicato anarquista de carpinteiros na súa comarca. En 1936 asistiu ao congreso da CNT en Zaragoza en representación dos sindicatos de Vilagarcía. Pouco antes da sublevación do 18 de xullo de 1936 estableceuse na Coruña, fuxindo da persecución á que estaba sometido pola súa actuación nun conflito laboral no porto de Vilagarcía. Este suceso obrigouno a cambiar a súa identidade.
En 1936 foi detido na Coruña, nun par de ocasións, por ir indocumentado, chegando a pasar 2 meses na cadea de Coruña. Os seus compañeiros acollérono, traballou como carpinteiro co mestre Silva e viviu na casa do seu amigo Lino Carrión. Agardaron a oportunidade de fuxir nun pesqueiro en dirección a Asturias para integrarse na resistencia. Un destes intentos, que tivo lugar na noite do 3 de marzo de 1937 nas proximidades do Porto de San Pedro na Coruña, resultou abortado pola intervención da Garda Civil. Moitos anarquistas foron detidos nesa ocasión. Luis Costa conseguiu fuxir para ser detido con dous compañeiros libertarios, Secundino Rodríguez Eiras e Lino Carrión, por unha confidencia, o 1 de xullo de 1937 cando preparaban unha nova fuga nun bou cara á zona leal. Ingresou no cárcere da Coruña. Ocultou a súa verdadeira identidade para que non o asociasen cos acontecementos de Vilagarcía e dixo ser Juan García Durán nado en Comillas (Cantabria). Foi sometido a un consello de guerra con Secundino Rodríguez e Lino Carrión o 9 de outubro,[2] sendo condenado á morte, pero foille conmutada a pena aos cinco meses pola de cadea perpetua. Probablemente este cambio obedeceu á falta de cargos contra el.
En 1942 foi trasladado ao penal de Alcalá de Henares. Revisada a súa causa, quedou reducida a condena a doce anos e un día. Ao existir unha disposición segundo a cal o que levase cumprida máis da metade da condena sairía en liberdade condicional, o 18 de maio de 1943 saíu en liberdade. Estableceu a súa residencia na Coruña pois non podía regresar cos seus pais ou coa súa dona a Vilaxoán pois sería detido como Luis Costa. Reingresou na CNT clandestina e canda a con Fernando López Mantiñán trataron de artellar a organización sindical. Ese mesmo ano foi elixido secretario xeral da Confederación Rexional Galaica da CNT. En marzo de 1946, logo de contactos co Partido Galeguista, desprazouse a Madrid para crear a Xunta Galega da Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas. Porén, foi detido na Gran Vía xunto a Ramón Piñeiro, o resto do comité rexional, e un membro do PNV. Fuxiu e estivo escapado durante un mes, ata que foi encarcerado en Alcalá-Meco. Volveu ser condenado a morte, e unha vez máis trócanlla por unha prisión de 30 anos. En 1950 volveu fuxir, desta volta do cárcere de Yeserías.
Exiliouse a Francia e posteriormente a Australia onde casou con Jeanette Villemin, descendente de españois e secretaria en Camberra da embaixada francesa. Tiveron un fillo, Jean-Pierre. Adquiriu a nacionalidade australiana co nome de Jhon García. Co traslado da súa dona a Montevideo, pasou a residir nesa cidade publicando 1936-1939. Bibliografia de la Guerra Civil española en castelán, inglés e francés. Por esta obra, chamárono á EUA para ser asesor de Historia Moderna e contemporánea de España na Biblioteca do Congreso de Washington. Volveu a Francia, licenciouse en Historia na Universidade da Sorbona e doutorouse o 28 de novembro de 1975 coa tese Guerre civile espagnole 1936-1939. Interventions etrangères sur mer, dirixida por Pierre Vilar. Realizou un traballo infatigable en distintos lugares do mundo buscando información sobre o seu leitmotiv, a guerra civil española: Rusia, China, Vaticano, RDA etc. Con ese material publicou a súa derradeira obra La guerra civil española. Fuentes. Pouco antes de morrer creou un premio de investigación na Universidade de Barcelona sobre a guerra civil, dotado con tres millóns de pesetas.
Posuía a mellor colección do mundo sobre os carteis da guerra civil española.
Obra
[editar | editar a fonte]- Por la libertad: como se lucha en España; México D.F., 1956. Existe unha tradución ao galego (Vigo, 2001).
- Gramática española: porque la gramática es una ciencia; México D.F., 1962.
- 1936-1939: Bibliografía de la Guerra Civil española; Montevideo, 1964. Publicada en tres idiomas.
- La guerra civil española. Fuentes (Archivos, Bibliografía y Filmografía); Barcelona, 1985.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández, Eliseo; Pereira, Dionisio (2004). O anarquismo na Galiza. Santiago de Compostela: Positivas. pp. 128–129. ISBN 84-87783-79-1.