Represión franquista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mulleres suplicando aos soldados rebeldes pola vida dos seus familiares prisioneiros. Constantina (Sevilla), verán de 1936.
Fosa común en Estépar, provincia de Burgos, con 26 vítimas do bando republicano. A escavación tivo lugar nos meses de xullo e agosto do 2014.

A represión franquista refírese ao longo proceso de violencia física, económica, política e cultural que sufriron durante a Guerra Civil Española os partidarios do bando republicano na zona sublevada, e durante a posguerra e o Réxime de Franco os perdedores da Guerra Civil -os republicanos-, os que os apoiaban ou podían apoialos, os que eran denunciados como antifranquistas -fóseno ou non-, así como posteriormente os membros de organizacións políticas, sindicais e en xeral quen non estaba de acordo coa existencia da ditadura franquista, manifestaban a súa oposición á mesma e quen constituían ou podían constituír un perigo para a mesma.

Na historiografía non española, a represión franquista adóitase denominar terror branco (white terror en inglés, terreur blanche en francés).[1][2][3][4]

O período álxido de represión e violación dos dereitos humanos (que corresponde ao chamado "terror branco") empezou co alzamento militar de xullo de 1936 e considérase que rematou en 1945, cando a Segunda Guerra Mundial puxo fin ás ditaduras de Hitler e Mussolini, principais apoios do réxime franquista. A partir de 1945, ano da promulgación do Foro dos Españois, adóitase falar de represión franquista, unha represión que se aplicou durante toda a ditadura até o falecemento de Francisco Franco en novembro de 1975.[5]

Segundo distintos informes coincidentes, España é o segundo país do mundo en número de desaparecidos cuxos restos non foron recuperados nin identificados, tras Cambodia.[6][7][8][9]

Tipos de represión[editar | editar a fonte]

Milicianos republicanos caídos prisioneiros dos sublevados durante a Batalla de Guadarrama.

A ditadura franquista recorreu ó longo de toda a súa existencia, até 1976, ós métodos represivos propios de todo réxime non democrático. A non observancia destas prohibicións levaba penas de cárcere, sancións e multas, así como violencia física na primeira fase represiva do Réxime. A represión exercida polo franquismo estendeuse a toda a sociedade e pode clasificarse do seguinte modo:

A represión violenta e física[editar | editar a fonte]

Axustizamentos, asasinatos e desaparicións forzosas[editar | editar a fonte]

Localización xeográfica das fosas ou lugares de enterramento da Guerra Civil Española das que se dispón información.

Símbolos segundo a actuación realizada sobre cada unha delas:      Fosa aínda non intervida.      Fosa aínda non atopada.      Transferida ó Val dos Caídos.      Parcial ou totalmente exhumada. Acordo coas circunstancias do homicidio. Fonte: Ministerio de Xustiza de España

Inclúe os axustizamentos "legais", en cumprimento de sentenzas ditadas por tribunais militares durante o período da guerra civil, os asasinatos ilegais, as chamadas sacas, practicadas á marxe das autoridades militares, pero co pleno coñecemento de que se estaban levando a cabo. As "sacas" foron especialmente intensas durante os meses de xullo e agosto de 1936. Dentro do ámbito da represión física tamén se inclúe o encarceramento e calquera pena de privación de liberdade. A represión violenta e física exercida polo réxime continuou despois da fin da contenda, en período de paz, e prolongouse até os anos 1970, adoptando métodos non tan masivos e máis axustados á legalidade establecida polo sistema xudicial vixente naquel período. As desaparicións forzosas seguiron producíndose até despois da Segunda Guerra Mundial.[10][11][12] Moitos dos encargados da represión ou a administración nos campos foran vítimas na zona republicana, e por este motivo mantiveron unha vontade de furia e vinganza cara aos vencidos.[13] Tampouco os funcionarios de alta instancia da posguerra se mostraron moi contrarios a este clima de represión e vinganza: O Director Xeral de Prisións, Máximo Cuervo Radigales, e o xefe do Corpo Xurídico Militar, Lorenzo Martínez Fuset, contribuíron en non pouca medida a crear este clima represivo.[14]

Balance[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Xenocidio en España.

Moitas das vítimas foron enterradas en fosas comúns repartidas por toda España, a miúdo fóra dos cemiterios e espalladas polo campo, e sen que a súa morte fose inscrita nos rexistros civís. Desde principios dos anos 2000, diversas asociacións de vítimas do franquismo como a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica encargáronse de localizar estas fosas para identificar os restos dos axustizados e entregalos ós seus familiares para que puidesen darlles unha sepultura digna. A lei de memoria histórica, aprobada en decembro de 2007, pretende facer efectivos os novos dereitos recoñecidos ás vítimas do franquismo para equipararlas ás vítimas do outro bando, e estableceu un mapa de fosas e vítimas, en constante actualización.[15]

Segundo o historiador británico Antony Beevor, o número total de vítimas da represión franquista podería achegarse a 200.000, tendo en conta que en varias provincias o reconto aínda non fora efectuado en 2005.[16]

Segundo o historiador británico Hugh Thomas, o balance da represión levada a cabo polos nacionais cifraríase en 75.000 mortos durante a guerra, dos que dous terzos corresponderían aos primeiros meses do conflito (incluíndo as execucións nos campos de concentración, as ordenadas polos tribunais despois de 1936 e os mortos na fronte).[17] Estas cifras alcanzarían 100.000 mortos se se inclúen os represaliados polos nacionais nos territorios conquistados.

Diversas estimacións presentan cifras ao redor de 150.000 vítimas, algunhas apuntando até 400.000 mortos, segundo o período considerado e a inclusión ou non das vítimas mortas en campos de concentración.[18][19][20] O historiador francés Guy Hermet subliña que as masacres se prolongaron máis tempo baixo o goberno franquista. En canto aos centos de miles de presos internados en campos de concentración franquistas, 192.000 serían fusilados, ás veces varios anos despois da fin da contenda, con picos de varios centenares de execucións ao día nalgúns períodos de 1939 e 1940.[21]

Nenos roubados[editar | editar a fonte]

Episodio menos coñecido da represión franquista, o réxime alentou separar a nenos das súas nais cando estas estaban encarceradas. Cando os nenos nados no cárcere alcanzaban tres anos de idade (que non era común ao recibir intencionadamente unha dieta hipocalórica que lles provocaba unha alta mortalidade), e cando non existían familiares que puidesen facerse cargo deles, pasaban a ser "tutelados" pola Sección Feminina da Falanxe, e en particular polos Padroados de Redención de Penas que se encargaban de educar aos fillos dos detidos.[22] Segundo estudo publicado por Ricard Vinyes, entre 1944 e 1945 o Padroado de San Pablo contabilizou 30.000 menores fillos de encarcerados e exiliados, aos que habería que engadir 12.000 tutelados polo Padroado da Merced.[Nota 1][23] O auto de instrución realizado polo Xulgado de Instrución Penal n° 5 da Audiencia Nacional española cifra en 30.960 o número de nenos de detidos republicanos cuxas identidades foron supostamente cambiadas no Rexistro Civil para que fosen entregados a familias que apoiaban o réxime franquista.[24]

En novembro de 1940, o Ministerio de Gobernación publicou un decreto sobre os orfos de guerra, a saber fillos de pais fusilados ou desaparecidos (exiliados, esquecidos nos cárceres, fuxitivos e clandestinos), segundo o cal só «persoas irreprochables desde o punto de vista relixioso, ético e nacional» podían obter a tutela deses nenos. En decembro de 1941, unha lei permitiu que os nenos que non lembrasen o seu nome, fosen repatriados ou cuxos pais non puidesen ser localizados fosen inscritos no Rexistro Civil baixo un novo nome, o que facilitou que puidesen ser adoptados de forma irregular. Esta práctica estendeuse a todo o período da ditadura franquista.

Na súa Declaración de condena da Ditadura Franquista do 17 de marzo de 2006 (Recomendación 1736, punto 72, 73, 74 e 75), o Consello de Europa afirmou que os «nenos perdidos» son vítimas do Franquismo, dado que os seus «apelidos foron modificados para permitir a súa adopción por familias adictas ao réxime». Tamén afirmou que «o réxime franquista invocaba a 'protección de menores' pero a idea que aplicaba nesta protección non se distinguía dun réxime punitivo», e que «frecuentemente eran separados das demais categorías de nenos internados nas Institucións do Estado e sometidos a malos tratos físicos e psicolóxicos».[25]

A represión administrativa[editar | editar a fonte]

Practicada con todos os funcionarios do Estado Republicano, tanto nas institucións Centrais, como en deputacións e municipios, levada a cabo mediante un proceso de purga coñecido co nome de depuración. Os funcionarios eran castigados con sancións que ían desde o encarceramento, o traslado forzoso, a suspensión de emprego e soldo, a inhabilitación e a separación.[26] Para a obtención dunha praza, dábase prioridade aos leais ao Movemento Nacional, e esixíase a presentación de "certificados de boa conduta" expedidos polo xefe local de FET e das JONS —a través dos informes do Servizo de Información e Investigación— e o cura da parroquia.[27]

Miles de oficiais que serviran á República foron expulsados do exército.[28]

A represión educativa[editar | editar a fonte]

A represión administrativa practicada no Sistema Educativo foi especialmente intensa, tanto no ensino primario e secundario como nas universidades. Institucións pioneiras de educación superior e de investigación como a Residencia de Estudantes de Madrid foron desmanteladas por ser consideradas subversivas, e os contidos educativos foron revisados para axustarse aos estritos criterios políticos, relixiosos e culturais do Réxime, en todos os niveis do ensino.[29] A cuarta parte dos mestres e profesores de España foron expulsados do ensino.[30] Xa foi estudada no caso do Maxisterio Nacional, con diversas investigacións de ámbito nacional e local. O Corpo de Funcionarios e Telégrafos tamén foi obxecto de estudo e investigación, así como diversos concellos.

Nos casos de persoas afectadas polas depuracións políticas tanto no ámbito laboral como nas administracións públicas, estas víronse privadas do seu dereito a percibir unha xubilación.

A represión relixiosa[editar | editar a fonte]

A relixión católica foi instaurada como relixión oficial do Estado, e a súa doutrina declarada fonte de inspiración da lexislación.[31][32] As demais relixións quedaron limitadas ó ámbito privado e prohibíronse as súas manifestacións públicas. No entanto, en 1967 foi reformada a lei para incluír no seu articulado a liberdade relixiosa, prohibindo as manifestacións externas de toda relixión que non fose católica, e reafirmando a protección oficial que o Estado brindaba a esta última.[33] Os lazos privilexiados entre o Estado e a Igrexa católica levaron a que se falase de nacional catolicismo.[34]

A represión lingüística[editar | editar a fonte]

Implicaba a prohibición ou ridiculización das linguas de España diferentes do castelán, única lingua recoñecida politicamente. A posguerra xerou unha nova brutalidade despois da ocupación de Cataluña: odio á autonomía catalá, a represión contra a lingua e a cultura propias. Nos primeiros anos de posguerra, perseguiu de forma sistemática a lingua e a cultura catalás, vascas e galegas, sobre todo na administración, nos medios de comunicación, na escola, na universidade, na sinalización pública e en xeral en toda manifestación pública.[27]

O franquismo deu mostras pronto de respecto á lingua catalá, quizá porque entre as súas filas había moitos burgueses catalanistas e porque con el colaboraron importantes políticos dese signo, como Francesc Cambó. En 1945, o estado subvencionou e colaborou na homenaxe a Mosén Cinto Verdaguer e un ano antes fixera obrigatorio a inclusión do catalán nas cátedras de filoloxía hispánica. Algo parecido ocorreu co resto das linguas. No ano 1945 funcionaban as academias do vasco e do galego, dedicadas a normalizar devanditos idiomas, e uns poucos anos máis tarde, en 1957, fundouse a primeira ikastola. Xa en 1948 editábase a revista Egan, en eúscaro. Aínda que non se permitía o seu uso en instancias oficiais, o seu uso cotián e na vida cultural non estaba perseguido nin sancionado.

A represión económica[editar | editar a fonte]

A represión económica foi practicada mediante multas económicas (pago de cantidades fixas), incautacións totais ou parciais de bens e embargos de contas bancarias, decididas pola Comisión Central de Bens Incautados polo Estado e por comisións provinciais de incautación. Aplicouse en virtude dun decreto aprobado o 10 de xaneiro de 1937, en particular os seus artigos 6 e 8 que sancionaban economicamente a "os responsables de danos ou prexuízos causados a España". O 9 de febreiro de 1939, a Lei de Responsabilidades Políticas ampliou ese decreto para "liquidar as culpas contraídas por quen contribuíron con actos ou omisións graves a forxar a subversión vermella, a mantela viva durante máis de dous anos e a entorpecer o triunfo do Movemento Nacional". O artigo 10 impuña sancións económicas a todos os condenados por tribunais militares. Estas sancións aplicábanse mesmo tras o falecemento do condenado. As incautacións realizábanse a particulares, partidos políticos, asociacións, firmas comerciais.[35] Só en Galicia, estímase que até 1945 o réxime franquista abriu expediente civil ou político a 14.492 persoas sospeitosas de ser de esquerdas ou de non ter un comportamento «acorde coas novas circunstancias».[36]

Esta lei aplicábase non só a todos os opositores ao réxime senón tamén aos que serviran civil e militarmente baixo a Segunda República. Vulneraba a irretroactividade penal, castigando ideas e actos anteriores ao levantamento franquista, e por tanto legais cando se realizaron.[37]

Á parte das multas gobernativas e as incautacións, a represión económica exercíase tamén mediante as subscricións patrióticas obrigatorias. Empregadas primeiro nos anos de guerra para sufragar as campañas bélicas dos nacionais, as subscricións patrióticas mantivéronse baixo o Réxime e tiñan un forte impacto propagandístico. Eran todo menos voluntarias, xa que si alguén non contribuía segundo as súas posibilidades económicas era multado, e publicábanse as multas en prensa cun propósito claramente intimidatorio.

O 13 de abril de 1945, o Ministerio de Xustiza publicou un decreto que declarou extinguidos os procedementos de Responsabilidades Civís e Políticas e os tribunais creados para a súa aplicación, ao considerar cumprida a súa misión. Creou a Comisión Liquidadora de Responsabilidades Políticas para resolver os casos pendentes e os recursos presentados contra as sentenzas sancionadoras. Boa parte dos recursos foron sobreseídos ou indultados, e os bens e o diñeiro incautados foron devoltos nas décadas posteriores, por un importe equivalente ao que tiñan nas datas de incautación, o que representaba unha forte devalorización.

A restitución do patrimonio histórico e acumulado dos sindicatos de traballadores, asociacións empresariais e sociedades vinculadas a eles, non se tratou até o inicio da Transición, cando un Real Decreto Lei de 1976 repartiu entre os sindicatos maioritarios os bens acumulados polo sindicato vertical, recentemente abolido. A devolución do patrimonio histórico das organizacións sindicais non foi contemplada de feito até a aprobación en 1986 da Lei de Cesión de Bens do Patrimonio Sindical Acumulado.[38]

A represión laboral[editar | editar a fonte]

Levada a cabo en todos os ámbitos produtivos, con despedimentos de posto de traballo, inhabilitacións laborais e profesionais. As organizacións patronais realizaban listas de "vermellos" ou "sindicalistas" para evitar que entrasen ás empresas. No caso de membros de profesións liberais, foi levada a cabo polos propios colexios profesionais, despois da súa correspondente depuración. Os funcionarios públicos que serviran durante a República foron despedidos de acordo coa "Lei de Depuración".

A represión política[editar | editar a fonte]

Prohibíronse os partidos políticos, sindicatos, asociacións e xornais non afíns ao réxime. Anulouse a liberdade de expresión para opinións contrarias ao goberno ou simplemente discrepantes, e estableceuse desde as mesmas instancias de goberno un sistema de censura de todos os medios de comunicación.

A represión cultural[editar | editar a fonte]

A censura foi aplicada a temas non relacionados directamente coa política: literatura, poesía, música, artes plásticas, cine e teatro. Impúxose un modelo cultural definido segundo os criterios establecidos polo Estado. A censura que aplicaba o réxime afectou a todas as actividades intelectuais e aos medios de comunicación, e chegou a incluír a manipulación fotográfica.[39] O cine e o teatro serían vítimas dunha dobre censura civil e eclesiástica, sendo prohibidas obras de diferentes autores.

Antes de ser representadas, as obras de teatro tiñan que pasar o filtro da Xunta de Censura de Obras Teatrais que, en moitas ocasións, impuña a eliminación de frases, a desvirtuación de diálogos e situacións dramáticas, e mesmo a súa prohibición total. O nacente teatro realista, do mesmo xeito que a novela e o cine realista, foi prohibido por ser considerado próximo ao marxismo, e censurábanse as obras que representaban aspectos da realidade española que o réxime se esforzaba en ocultar. Se as obras temperás de Antonio Buero Vallejo, primeiras mostras do realismo social no teatro da posguerra española, escaparon á censura, dúas obras súas foron prohibidas máis adiante. Na década de 1940, prohibíronse varias obras de Jardiel Poncela (aínda que apoiase o levantamento franquista), Juan José Alonso Millán, Alfonso Paso, Alfonso Sastre, Lauro Olmo, José María Rodríguez Méndez e Francisco Nieva, e reduciuse a boa parte dos dramaturgos españois ao ámbito do teatro de cámara. Recuperouse a liberdade de expresión nos escenarios o 4 de marzo de 1978, durante a Transición democrática, cando entrou en vigor o Real Decreto 262/1978 sobre liberdade de representación de espectáculos teatrais.[40]

Na novela o réxime non puido evitar que algúns escritores reflectisen as míseras condicións de vida daqueles anos corenta. Un pintor, o palentino Ambrosio Ortega, Brosio, foi a persoa que máis anos permaneceu nos cárceres franquistas, ao permanecer preso desde 1947 até 1970 pola súa colaboración co maquis.[41][42][43]

Extensión da represión[editar | editar a fonte]

A represión franquista iniciouse no mesmo comezo da guerra civil, naquelas provincias onde triunfou rapidamente a conspiración armada contra a República, o chamado Alzamento, finalizando na década dos anos 70, coa morte de Francisco Franco.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vinyes, Ricard; Armengou, Montse; Belis, Ricard.
  1. Antony Beevor, La guerra civil española, col.
  2. Stanley G. Payne, A History of Spain and Portugal, Tomo 2 Capítulo 26, 'The Spanish Civil War of 1936-1939'[1] (consultado o 23 de xullo de 2010)
  3. Guy Hermet, La Guerre d'Espagne, Seuil, 1989
  4. Pierre Broué e Émile Témime, La Révolution et la guerre d'Espagne, Ediciones de Minuit, 1961, (reedición en 1996)
  5. Stanley G. Payne, El régimen de Franco 1936–1975, Alianza Editorial, Madrid, 1987, ISBN 84-206-9553-X
  6. Jueces para la democracia acusa al Gobierno de incumplir la ley de memoria
  7. El Gobierno se queja por la "excesiva atención" de la ONU a los desaparecidos del franquismo.
  8. "España es el segundo país con más desaparecidos después de Camboya".
  9. Al menos 88.000 víctimas del franquismo continúan sepultadas en fosas comunes.
  10. BBC, 16/10/2008, La Historia detrás de la decisión, consultado o 26/06/2011.
  11. La ONU insta a España a juzgar el franquismo, 17/09/2010 lavozdeasturias.
  12. Urgente ratificar Convención sobre desapariciones forzadas: CICR y AI, publimetro 30-08-2010.
  13. Hugh Thomas (1976); Historia de la Guerra Civil Española, páx. 993
  14. Hugh Thomas (1976); Historia de la Guerra Civil Española, páx. 991
  15. [2]
  16. Antony Beevor, La Guerre d'Espagne, Calmann-Lévy, 2006, páxs. 180-181, ISBN 2-7021-3719-9
  17. Hugh Thomas, La guerre d'Espagne, Robert Laffont, 2009, páxs.209 e 711.
  18. CASANOVA, Julían; ESPINOSA, Francisco; MIR, Conxita; Moreno Gómez, Francisco.
  19. Michael Richards, A Time of Silence: Civil War and the Culture of Repression in Franco's Spain, 1936-1945, Cambridge University Press, 1998, páx.11.
  20. Gabriel Jackson, La república española y la guerra civil RBA., 2005, Barcelona. páx.466.
  21. Guy Hermet, La Guerre d'Espagne, Seuil, 1989, páx. 180.
  22. Franco desplegó en la postguerra la "multi-represión" contra los vencidos con métodos nazis
  23. Los niños robados del Franquismo, Ruth Alvarado Sánchez.
  24. «Report of the Working Group on Enforced or Involuntary Disappearances - Mission to Spain (A/HRC/27/49/Add.1)».
  25. Audiencia Nacional: Auto del juez Baltasar Garzón de 18 de noviembre de 2008.
  26. La depuración de la educación española durante el franquismo (1936-1975).
  27. 27,0 27,1 Paul Preston, The Spanish Civil War.
  28. Javier Tusell, La dictadura de Franco, Ediciones Altaya, Madrid, 1996, páx. 174
  29. La destrucción de la ciencia en España: depuración universitaria en el franquismo, por Luis E. Otero Carvajal, Editorial Complutense, Madrid, 2006, ISBN-10 84-7491-808-1, ISBN-13 978-84-7491-808-3
  30. Helen Graham, The Spanish Civil War.
  31. Segundo o artigo 6 do Fuero de los Españoles de 1945, texto orixinal de 1945 [3].
  32. Art. 2 da Ley de Principios del Movimiento Nacional de 1958: La Nación española considera como timbre de honor el acatamiento a la Ley de Dios, según la doctrina de la Santa Iglesia Católica, Apostólica y Romana, única verdadera y fe inseparable de la conciencia nacional, que inspirará su legislación.
  33. Artº 6 del Fuero de los españoles, texto reformado en 1967.
  34. El Nacional Catolicismo (España), por Stanley G. Payne en artehistoria.jcyl.es.
  35. Fondos documentales sobre la Guerra Civil y Postguerra española conservados en el archivo del ministerio de Justicia, Ana María Fernández Hidalgo, María José Remón Ripalda, Boletín de la ANABAD (Federación Española de Asociaciones de Archiveros, Bibliotecarios, Arqueólogos, Museólogos y Documentalistas) XXXIX (1989), núms. 3-4.
  36. Pérez Pena, Marcos (1 de xullo de 2016).
  37. La represión en la provincia de Segovia en los orígenes del régimen de Franco - La represión económica y administrativa, por Santiago Vega Sombría (Universidad Complutense, Madrid), revista Hispania Nova, nº 4, 2004
  38. El patrimonio sindical acumulado, por Francisco Javier Magaña Balanza e Sara Rico Letosa, Universidade de Zaragoza, en dialnet.unirioja.es.
  39. Los castos retoques del franquismo en el septimo arte
  40. Muñoz Caliz, Berta (30 de marzo de 2006).
  41. Leonoticias «El Museo de la Siderurgia y la Minería presenta este sábado la exposición 'Brosio, el pintor de los mineros'» Consultado o 14 de maio de 2013
  42. El Norte de Castilla «Fallece a los 90 años Brosio, el pintor de los mineros.
  43. Diario Palentino «Muere Ambrosio Ortega Alonso "Brosio", conocido como el "pintor de los mineros".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Álvarez, Asunción; Silva Barrera, Emilio (coord.) (2004). La memoria de los olvidados: un debate sobre el silencio de la represión franquista. Ámbito Ediciones, S.A., Valladolid. ISBN 978-84-8183-132-0. 
  • Belis i Garcia, Ricard; Armengou, Montse; Martínez i Muntada, Ricard (2005). Las fosas del silencio ¿hay un holocausto español?. Nuevas ediciones de bolsillo. ISBN 978-84-9793-625-5. 
  • BERZAL DE LA ROSA, Enrique; DELGADO CRUZ, Severiano; GONZÁLEZ DE LA PEÑA, María del Mar; PABLO LOBO, Carlos de; REVILLA CASADO, Javier; RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Javier; SIERRA, Carlos de la; VEGA SOMBRÍA, Santiago: "De las Urnas al Paredón". León: Fundación 27 de Marzo, 2012. p. 568. ISBN 978-84-616-1998-6
  • Berzal de la Rosa, Enrique (Coord.), "Testimonio de voces olvidadas". León: Fundación 27 de Marzo, 2007. 2 v. (355, 314 p.) ISBN 978-84-6120-680-3
  • Berzal de la Rosa, Enrique; Delgado Cruz, Severiano; Pablo Lobo, Carlos de; Revilla Casado, Javier; Rodríguez González, Javier; Sierra, Carlos de la; Vega Sombría, Santiago, "Cárceles y campos de concentración en Castilla y León". León: Fundación 27 de Marzo, 2011. p. 729. ISBN 978-84-615-5410-2
  • Berzal de la Rosa, Enrique; Blanco Rodríguez, Juan A.; Delgado Cruz, Severiano; Gutiérrez Flores, Jesús; Martín Barrio, Adoración; Martín González, Eduardo; Martín Jiménez, Ignacio; Pablo Lobo, Carlos de; Rodríguez González, Javier; Sánchez, Rafael; Sierra, Carlos de la; Vega Sombría, Santiago, "Muerte y represión en el magisterio de Castilla y León". León: Fundación 27 de Marzo, 2010. p. 533. ISBN 978-84-614-5323-8
  • Julián Casanova (coord.) (2004). Morir, matar, sobrevivir: la violencia en la dictadura de Franco. Ediciones Crítica. ISBN 978-84-8432-506-2. 
  • Cobo Romero, Francisco (2005). Franquismo y posguerra en Andalucía Oriental: represión, castigo a los vencidos y apoyos sociales al régimen franquista: 1936-1950. Universidad de Granada. ISBN 84-338-3328-6. 
  • El genocidio franquista en Valencia: las fosas silenciadas del cementerio. Icaria. 2008. ISBN 978-84-7426-996-3. 
  • García Colmenares, Pablo (2008). Represión en una villa castellana de la retaguardia franquista, Dueñas (1936-1945). ARMH - Palencia. ISBN 978-84-612-6052-2. 
  • García Bilbao, Xulio; García Bilbao, Pedro; Paramio Roca, Carlos (2010). La represión franquista en Guadalajara. Silente, Guadalajara. ISBN 978-84-96862-34-0. 
  • García Colmenares, Pablo (2008). ¡Queriamos matarlos!: historia y memoria de la víctimas de la represión franquista enterradas en la ciudad de Palencia (1936-1945). Ayuntamiento de Palencia. ISBN 978-84-612-2320-6. 
  • Gutmaro Gómez Bravo e Jorge Marco (2011). La obra del miedo. Violencia y sociedad en la España franquista (1936-1950). Península, Barcelona. ISBN 978-84-9942-091-2. 
  • Santos Juliá Díaz (ed.) (2004). Víctimas de la guerra civil. Ediciones Temas de Hoy. ISBN 978-84-8460-333-7. 
  • Marín Muñoz, Antonio (2007). La reconstrucción de la provincia de Jaén bajo el Franquismo (1939-1957). Jaén,. ISBN 978-84-611-8488-0. 
  • Martínez Pereda, Lucio (2015): Medo político e control social na retaguarda franquista. Vigo, Xerais. ISBN. 978-84-9914-808-3.
  • Mateos, Abdón; Soto, Alvaro (1997). El final del franquismo, 1959-1975. Madrid, Temas de Hoy. ISBN 84-7679-326-X. 
  • Moreno Gómez, Francisco (2008). 1936: el genocidio franquista en Córdoba. Crítica, Barcelona. ISBN 978-84-7423-686-6. 
  • Otero Carvajal, Luis Enrique (Ed.) (2006). La depuración de la Ciencia en España: depuración universitaria en el franquismo. Complutense, Madrid. ISBN 978-84-7491-808-3. 
  • Pablo Lobo, Carlos de, "La depuración del magisterio primario en la provincia de Soria". En: Revista de Soria, 47 (2004), p. 113-122.
  • Pablo Lobo, Carlos de. "La depuración de la educación española durante el franquismo (1936-1975. Institucionalización de una represión", en "Foro de Educación", 9 (2007) 203-228 [4]
  • Prada Rodríguez, Julio (2006). De la agitación republicana a la represión franquista: Ourense 1934-1939. Ariel, Barcelona. ISBN 978-84-344-5208-4. 
  • Payne, Stanley (1997). El primer franquismo, 1939-1959. Temas de Hoy, Madrid. ISBN 84-7679-32-1. 
  • Silva Barrera, Emilio; Macías, Santiago (2006). Las fosas de Franco. RBA Coleccionables S.A. ISBN 978-84-473-4426-0. 
  • Sánchez Tostado, Luis Miguel (2005). Víctimas: Jaén en guerra (1935-1950). Ayuntamiento de Jaén. ISBN 978-84-88183-92-7. 
  • Silva Barrera, Emilio (2006). Las fosas de Franco: crónicas de un desagravio. Ediciones Temas de Hoy. ISBN 978-84-8460-479-2. 
  • Tusell, Javier (1997). La transición española. Temas de Hoy, Madrid. ISBN 84-7679-327-8. 
  • Villarroya i Font, Joan [et al.] - ARMH Valladolid - ARMH Palencia (coord.) (2006). La represión franquista: mito, olvido y memoria. Universidad de Valladolid, Centro Buendía. ISBN 84-689-9763-3.