Exército Popular da República

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Exército Popular da República (EPR) foi a denominación adoptada polas forzas armadas terrestres da Segunda República Española tras a reorganización emprendida polas súas autoridades e a disolución das milicias de voluntarios xurdidas nos primeiros meses da guerra civil española, en resposta ao apoio da maior parte das forzas armadas regulares cara ao bando sublevado.

Creación[editar | editar a fonte]

Destacados líderes da milicia comunista coma Enrique Líster ou Juan Modesto foron promotores desta iniciativa xa que a inexperienza dos milicianos xunto coa desorganización no campo de batalla era a causa das principais derrotas que sufría a República. A reforma levada a cabo por Francisco Largo Caballero constitúe o cambio dun exército desorganizado, dominado polas milicias e sen preparación nun exército moderno á altura do exército Nacional. Grazas a este novo exército a República tivo grandes acertos coma Brunete e o comezo da Batalla do Ebro baixo o mando do xeneral Vicente Rojo. A derradeira milicia en integrarse ó Exército Popular foi o Quinto Rexemento, a principal milicia comunista liderada por Líster.

Reformas e organización do Exército Popular[editar | editar a fonte]

O mando pertencía ó Presidente (Largo Caballero) que era asesorado polo ministro da Guerra e polo Consello Superior, que era un comité político. No segundo escaño estaba o Comandante Estrada que era o Estado Maior Central do Ministerio da Guerra e despois Vicente Rojo, 2º Xefe do Estado Maior e Indalecio Prieto, ministro do Mar e Aire. No último posto aparecían os Teatros de Operacións que dirixían as Brigadas Mixtas.

O termo Brigadas Mixtas vén dado pola integración das diferentes armas do Exército nel, estas eran as antigas tropas profesionais coas milicias dos sindicatos e partidos. O establecerse unha xerarquía militar os mandos e rexementos estaba coordinados e semellaba unha organización propia dun exército da época, non coma no comezo da guerra. Aínda que isto foi un avance para o bando Republicano apareceron os seguintes problemas:

O descontento dos anarquistas e a creación do Comisariado da Guerra[editar | editar a fonte]

Moitas milicas da CNT-FAI estaban en contra da organización que propoñían os comunistas e Largo Caballero, para estes anarquistas supoñía rebaixarse ó nivel do exército Nacional xa que non toleraban a diferenciación de rangos e non aturaban estar baixo o mando dun superior. A entrada de ministros anarquistas no goberno de Largo Caballero foi o comezo do cambio na actitude das milicias anarquistas.

Non estando seguros da lealdade dos soldados creouse baixo a influencia do modelo soviético un Comisariado da Guerra. Este comisariado existía para garantir a efectividade dos combatentes no campo de batalla. En cada rexemento había algún comisario político encargado de facer cumprir a vontade dos mandos, levando a cabo calquera acción para conseguir a obediencia dos integrantes da brigada. Hai numerosas testemuñas de comisarios (algúns de orixe soviética, pasando coma españois) que executaban os desertores no medio da batalla diante do resto de compañeiros para eliminar calquera intento de sedición.

Este tipo de actos crearon un clima de desconfianza interna cara aos comunistas por parte dos anarquistas e esquerdistas non comunistas, xa que consideraban un manexo descarado do Kremlin Ruso nas accións militares da República.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]