Francisco Rey Balbís

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaFrancisco Rey Balbís
Biografía
Nacemento19 de marzo de 1917 Editar o valor em Wikidata
San Cibrao, España Editar o valor em Wikidata
Morte9 de xaneiro de 2010 Editar o valor em Wikidata (92 anos)
A Habana, Cuba Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
Outros nomesMoncho Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmembro da resistencia Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
ConflitoGuerra civil española Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsBenigno Rey Balbís Editar o valor em Wikidata

Francisco Rey Balbís, Moncho, nado en San Cibrao (Cervo) o 19 de marzo de 1917 e finado na Habana o 9 de xaneiro de 2010,[1] foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Benigno Rey Infante, patrón de barco. En 1926 a familia trasladouse a vivir a Gandarío (Bergondo), onde comezou a asistir á escola do Pósito Marítimo. Ao rematar a primaria comezou a traballar como axudante de ferreiro.

Con 19 anos, chegoulle a citación para o servizo militar. Foi enviado a Teruel, onde se pasou ao exército leal. Militou nas Juventudes Libertarias da FAI. Coa derrota da República e ante a imposibilidade de fuxir a Francia, andou escapado por Valencia, Madrid e Segovia ata chegar a Galicia. Ante o acoso policial, entregouse no cuartel de Infantaría de Mariña de Ferrol. Foi condenado a 30 anos. Pasou cinco anos na cadea da Coruña. Alí fíxose comunista por influencia de Jesús Guzmán Carreiras. Ao saír creou unha célula do PCE en Gandarío e incorporouse á loita guerrilleira co alcume de "Moncho".

Integrouse no Destacamento Enrique Lister xunto con José Blanco Núñez "Ferreirín". Formou parte da IV Agrupación que dirixía Marcelino Rodríguez Fernández, "Marrofer". En 1946 Marrofer caeu en combate, sucedéndolle Manuel Ponte; en abril de 1947 caeu Ponte e designouse a "Moncho" á fronte da xefatura da Agrupación ata que en 1950 o PCE decidiu desactivar a guerrilla e atravesou os Pirineus coa súa compañeira María Gallego Abeledo para exiliarse en Francia. Alí traballou para o PCE baixo o mando de Julián Grimau.

En 1952 foi delegado ao V Congreso do PCE que se realizou en Praga. A situación en Francia endureceuse cando a policía falanxista e a francesa acordaron repatriar aos exiliados españois. Por orientación do PCE propuxéronlle que abandonase Francia e marchara a Cuba. Chegou á Habana o 2 de febreiro de 1964 coa súa filla de oito anos.

Viviu e traballou en Cuba. Integrouse nas milicias e nos Comités de Defensa da Revolución. Ensinou na escola Antón Makarenko, creada para formar mestres. Casou con Isabel Álvarez Morán. Seguiu mantendo relación co PCE. Marxista-leninista até o final, dende finais dos anos sesenta foi crítico cos postulados menos ortodoxos de Santiago Carrillo. En 1984 participou activamente na fundación do Partido Comunista de los Pueblos de España, organización á que seguiu vinculado até a morte.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]