Alternativa dos Veciños

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alternativa dos Veciños (AV)
Movemento veciñal asembleario
Dirixentes e organización
Líder Ángel García Seoane
Historia
Fundación 1979
Posicións políticas
Ideoloxía Socialismo
Comunismo
Progresismo
Nacionalismo galego
Pacifismo
Representación
Concelleiros en Oleiros
14 / 21
Concelleiros en Culleredo
3 / 21
Deputados provinciais na Coruña
1 / 31
Outros datos
Páxina web alternativadosvecinos.org

Alternativa dos Veciños é un partido político local que actuou ao longo da súa historia no concello de Oleiros, non obstante nas eleccións de 2015 presentou candidaturas tamén nos concellos da Coruña, Arteixo e Culleredo iniciando un proceso de ampliación que lle permitu entrar na Deputación da Coruña.

Orixes[editar | editar a fonte]

Ten a súa orixe na creación dunha candidatura independente para as eleccións municipais de 1979 que representase ás distintas asociacións de veciños do concello co nome de Candidatura dos Veciños, con Xosé Luís Martínez como candidato á alcaldía, que resultou elixido alcalde.

Nas eleccións de 1983 presentouse xa como Alternativa dos Veciños, dirixida por Anxo García Seoane. Se ben non logrou acadar a alcaldía nos comicios, tras presentar unha moción de censura acadou o goberno municipal. Dende 1991, AV está rexistrada como partido político, presidido por Anxo García Seoane.

Organización[editar | editar a fonte]

Alternativa ten unha vida interna na que participan habitualmente unhas 2.000 persoas, representadas pola Comisión de Seguimento e o Comité Executivo, órganos de elección asemblearia nas distintas parroquias do Concello. Alternativa concorre aos procesos electorais despois de procesos abertos entre os que se seleccionan candidatos, elixidos en primeira instancia por asembleas parroquiais. Os 30 elixidos (3 por cada parroquia) sométense ás eleccións abertas, unhas primarias nas que adoitan participar unhas 5.000 persoas e que serven para confeccionar as listas electorais ao concello.

As persoas que saen elixidas como concelleiros son controlados polo Comité Executivo e este pola comisión de seguimento.

Este sistema de implicación cidadá na xestión municipal ten o seu reflexo nos orzamentos participativos do concello, no que toman parte as entidades veciñais de cada parroquia.

Os resultados da acción política da Alternativa en Oleiros son os maiores índices de parques e espazos públicos por habitante de Galicia, o maior índice de inversións públicas municipais, unha rede de 10 bibliotecas públicas equipadas e activas, unha rede de 15 centros sociais e culturais, tres auditorios públicos e o maior número de vivendas de promoción pública por habitante.

En xuño de 2006 o fiscal xefe de Galicia presentou unha denuncia por prevaricación contra García Seoane[1], o que provocou tensións no seo do goberno municipal formado por AV e BNG. En setembro de 2006, unha nova denuncia do fiscal polos intereses urbanísticos do Alcalde e as sospeitas de corrupción provocaron a saída do goberno municipal do único concelleiro do BNG. Dende entón AV goberna en minoría.

En abril de 2011 o fiscal solicita o arquivo da denuncia contra Angel García Seoane, por entender que os delitos que se lle atribuían non aparecen suficientemente xustificados[2][3].

Eleccións[editar | editar a fonte]

  • 1987: 3.296 votos (40,46 %), 8 concelleiros.
  • 1991: 4.362 votos (53,2 %), 10 concelleiros.
  • 1995: 4.913 votos (42,53 %), 9 concelleiros.
  • 1999: 5.583 votos (41,28 %), 9 concelleiros.
  • 2003: 7.286 votos (45,4 %), 10 concelleiros.
  • 2007: 37,37 %, 9 concelleiros.
  • 2011: 8.343 votos (48,35 %), 11 concelleiros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. " El fiscal jefe de Galicia denuncia al alcalde de Oleiros por prevaricación", artigo en La Opinión, 2 de xuño de 2006 (en castelán).
  2. "El fiscal solicita archivar la denuncia contra Seoane por acciones urbanísticas",artigo en La Opinión de A Coruña, 9 de abril de 2011 (en castelán).
  3. "El fiscal exime a García Seoane de un delito de prevaricación", artigo en A Voz, 9 de abril de 2011 (en castelán).