Anova-Irmandade Nacionalista
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Anova-Irmandade Nacionalista (Anova) | |
---|---|
Partido político da Galiza | |
Dirixentes e organización | |
Portavoz nacional | Martiño Noriega |
Historia | |
Fundación | 14 de xullo de 2012 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Esquerda, socialismo, comunismo, nacionalismo, anticapitalismo, independentismo, asemblearismo, ecoloxismo, internacionalismo, republicanismo, antiimperialismo[1] |
Representación | |
Parlamento Europeo | 0 / 751 |
Parlamento de Galicia | 0 / 75 |
Alcaldes de Galicia | 0 / 313 |
Congreso dos Deputados (escanos galegos) | 0 / 23 |
Outros datos | |
Na rede | |
www.anova.gal | |
Anova-Irmandade Nacionalista (AINA) é unha formación política galega, nacionalista e independentista de esquerda, integrada polo Encontro Irmandiño[2] e coa participación da Fronte Popular Galega[3][4]. Dende 2022 o seu portavoz nacional é Martiño Noriega. Ata entón viña exercendo como tal dende 2017 Antón Sánchez[5], o cal fora precedido polo fundador do partido, Xosé Manuel Beiras Torrado. Xorde a partir de Encontro Irmandiño, escisión do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no 2012.[6]
Historia
[editar | editar a fonte]Pouco despois da escisión de varios sectores do Bloque Nacionalista Galego (BNG) tras a súa XIII Asemblea Nacional, entre os que destacaron Máis Galiza e Encontro Irmandiño,[7] comezaron varios procesos de confluencia que, por unha banda, se materializaron na creación do Novo Proxecto Común. Con todo, sectores de Máis Galiza descolgáronse deste proceso, buscando crear un proxecto máis conservador e cuestionando o proxecto impulsado polo Encontro Irmandiño no chamado Novo Proxecto Común.[8] No devandito proxecto participaron militantes de Fronte Popular Galega,[9], Fronte Obreira Galega[10], Movemento pola Base e Causa Galiza, entre outras organizacións; con todo Causa Galiza finalmente desmarcouse do proceso.[11]
Finalmente, o 14 de xullo de 2012 celebrouse en Santiago de Compostela a Asemblea Nacional do Novo Proxecto Común,[12] adoptando o nome de Anova-Irmandade Nacionalista, cunha coordinadora nacional de 75 membros entre os que se atopaban Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, alcalde de Teo.[13][14] Como elementos do seu programa, anunciouse que a formación incorporaría o ecoloxismo,[15] o republicanismo e o independentismo.[6]
Así mesmo o membro da coordinadora, líder da Fronte Popular Galega e concelleiro de Alternativa Canguesa de Esquerdas Mariano Abalo anunciou que traballaría para incorporar a Esquerda Unida ao proxecto.[16]
Malia anunciarse no seu momento a integración de Unidade da Esquerda Galega en Compromiso por Galicia,[17] posteriormente anunciouse que o seu líder Óscar Lomba foi elixido membro da Coordinadora Nacional de Anova e viuse forzado a abandonar o Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia.[18] Actualmente a militancia de Unidade da Esquerda Galega atópase repartida entre Compromiso por Galicia e Anova-Irmandade Nacionalista, aínda que todos manifestaron o seu desexo de contribuír á unidade da esquerda e o nacionalismo galego.
A pesar de non sumarse ao proceso que orixinou Compromiso por Galicia, ambas as partes mostráronse dispostas a seguir dialogando.[19][20]
Anova-Irmandade Nacionalista rexistrouse como partido político o 11 de febreiro do ano 2013, baixo as siglas AINA[21].
Nese ano, o sector de Unidade da Esquerda Galega integrado en Anova dende a súa creación formou xunto cos militantes de Nova Esquerda Socialista un colectivo organizado dentro de Anova, baixo o nome Nova Esquerda Galega.[22]
En setembro de 2014, os integrantes da Fronte Obreira Galega deciden abandonar Anova de xeito progresivo.[23] Ao mes seguinte, tras a segunda Asemblea Nacional de Anova, a corrente Cerna decidiu tamén deixar a formación tras consultalo nun referendo interno[24].
Tras o fracaso nas autonómicas de 2020, Martiño Noriega abandona a primeira liña política e retoma a súa profesión de médico de Atención Primaria no SERGAS. No entanto, o 24 de setembro de 2022 volve a ocupar o cargo de portavoz nacional, constituíndo a nova Comisión Permanente (equivalente a unha executiva clásica) xunto a Oriana Méndez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Iria Otero, Antonio Negreira, Antía Comesaña e Iván Rodríguez. O obxectivo consiste en activar o partido face as municipais de 2023 e as seguintes eleccións ao Parlamento de Galicia.
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2012
[editar | editar a fonte]Tras o anuncio do adianto das eleccións autonómicas, Anova manifestou a súa vontade de conformar unha ampla coalición de esquerdas, que englobaría o Bloque Nacionalista Galego, Compromiso por Galicia e Esquerda Unida;[25] Equo Galicia tamén mostrou a súa predisposición a unirse á fronte.[26] Pola súa banda Compromiso por Galicia tamén ofreceulle só a ANOVA concorrer xuntos en coalición.[27]
O 4 de setembro o Consello Político de Esquerda Unida aceptou presentarse con Anova ás eleccións;[28] igualmente uniranse á coalición EQUO.[29] Será esta unha alianza electoral de esquerda anticapitalista, denominada Alternativa Galega de Esquerda.[30][31]
Malia a anunciarse a incorporación de Compromiso por Galicia (CxG) á coalición,[32] esta finalmente presentarase en solitario.[33]
Alternativa Galega de Esquerda obtivo o 13,99% dos votos nas eleccións de 2012 e 9 deputados, dos cales 4 corresponden a Anova.
En outubro dese mesmo ano, o parlamentario de Anova e cabeza de lista de AGE por Ourense, David Fernández Calviño, deixou o seu escano no Parlamento para marchar a investigar a Dinamarca[34]. O seu posto ocupouno a número dous da lista, que era membro de Esquerda Unida, deixando en 3 os representantes de Anova no Parlamento.
En novembro de 2014, outra parlamentaria de Anova, Consuelo Martínez García deixa a formación xunto co resto de membros da corrente Cerna[35], pasando ao grupo mixto do Parlamento, e deixando a Anova con só 2 parlamentarios.
Eleccións ao Parlamento Europeo de 2014
[editar | editar a fonte]Nas eleccións ao Parlamento Europeo do ano 2014, Anova participou na coalición La Izquierda Plural xunto con outras forzas políticas de esquerda do Estado, como Izquierda Unida, Iniciativa per Catalunya Verds e Espazo Ecosocialista Galego entre outras[36]. Anova acadou un eurodeputado nestas eleccións, xa que dos seis parlamentarios que acadou La Izquierda Plural, a número cinco, Lidia Senra representaba a Anova[37].
Eleccións municipais de 2015 en Galicia
[editar | editar a fonte]Nas eleccións municipais do ano 2015, Anova apostou por apoiar candidaturas cidadás de confluencia[38] en varios concellos, participando militantes de Anova nas listas de Marea Atlántica na Coruña, Compostela Aberta en Santiago de Compostela, Marea de Vigo, Ferrol en Común, Marea Pontevedra e Lugonovo nas grandes cidades galegas, así como en listas de confluencia noutras vilas pequenas. Na cidade de Ourense, inicialmente apoiaron a lista Ourense en Común, pero finalmente presentáronse ás eleccións en solitario[39].
Así mesmo, promoveu xunto con Esquerda Unida o partido político instrumental SON[40] coa finalidade de poder acadar algún deputado provincial. As candidaturas adscritas a esta coalición levaron a palabra SON no seu nome.
Tras as eleccións foron elixidos alcaldes cinco membros de Anova: Martiño Noriega en Santiago de Compostela, Rafael Sisto Edreira en Teo, Benito Portela Fernández en Sada, Antonio Negreira Noya en Val do Dubra e David Rodríguez Estévez en Manzaneda.
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2016
[editar | editar a fonte]Anova concorreu ás eleccións galegas de 2016 na coalición En Marea, obtendo dous deputados no Parlamento de Galicia (David Rodríguez Estévez e Antón Sánchez García).
Eleccións xerais de abril de 2019
[editar | editar a fonte]Anova estivo negociando compartir listas con Podemos e Esquerda Unida para as eleccións xerais de abril de 2019. No entanto, non se chegou a un acordo, esas dúas forzas presentáronse canda Equo baixo a marca En Común-Unidas Podemos (Podemos-Esquerda Unida-Mareas en Común-Equo) e Anova non participou nos comicios.
Eleccións municipais de 2019 en Galicia
[editar | editar a fonte]Igual que en 2015, nas eleccións municipais do ano 2019, apoiou candidaturas de confluencia en municipios diversos. Dos alcaldes citados en 2015, só conservou os de Teo e Sada. En Val do Dubra logrou sela forza máis votada, pero non logrou conervala alcaldía dado o acordo do PP con outras forzas. O alcalde de Sada, Benito Portela, foi destituído o 18 de novembro de 2022 mediante unha moción de censura, encabezada por María Nogareda (Alternativa dos Veciños) e asinada tamén polos concelleiros do PP e do PSOE. Todos eles foron expulsados dos seus respectivos partidos.
Eleccións xerais de novembro 2019
[editar | editar a fonte]Anova non participou nas eleccións xerais de novembro de 2019.
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2020
[editar | editar a fonte]Despois da dobre ausencia nas xerais, participou nas eleccións galegas de 2020 cos seus exsocios formando a coalición Galicia en Común-Anova Mareas (Podemos-Esquerda Unida-Anova). Anova encabezou a lista por Lugo co exdeputado no Congreso por En Marea Miguel Anxo Fernán-Vello e colocou o seu líder, Martiño Noriega, no terceiro posto pola Coruña. A coalición fracasou rotundamente cun 3,94 %, pouco máis da quinta parte do apoio de En Marea catro anos antes, e quedou fóra da Cámara ao non acadar o mínimo do 5 % en provincia ningunha.
Eleccións municipais de 2023 en Galicia
[editar | editar a fonte]Nas eleccións municipais do ano 2023, presentouse unicamente como tal en Val do Dubra e obtivo 596 sufraxios (0,04 % do total galego), que renderon tres escanos. Aínda que foi o mesmo número que na convocatoria anterior, na que se presentou baixo a marca Son de Val do Dubra-Anova-Son en Común, pasou do primeiro ao terceiro posto, aínda que nesta ocasión volveu acceder ao goberno como socio minoritario dos socialistas. O citado Benito Portela recuperou a alcaldía de Sada a través de Sadamaioría sete meses despois de ser censurado e en Teo perdeuse a alcaldía baixo a nova marca de Proxecto Común de Teo.
Eleccións xerais de España de 2023
[editar | editar a fonte]Para as eleccións xerais de 2023 Anova rexeitou presentarse e pediu "concentrar o voto en defensa da democracia e da soberanía nacional de Galicia".[41]
Eleccións autonómicas de 2024
[editar | editar a fonte]Nas eleccións galegas de 2024 Anova pediu o voto para o Bloque Nacionalista Galego[42].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2012. Consultado o 09 de xaneiro de 2013.
- ↑ "El proyecto liderado por Beiras nace como ANova - Irmandade Nacionalista", La Voz de Galicia, 14-07-2012.
- ↑ A Conferencia Nacional ante o proceso constituínte dun novo referente político Arquivado 06 de setembro de 2012 en Wayback Machine., páxina web da FPG.
- ↑ No Día da Patria xunt@s con ANOVA-Irmandade Nacionalista Arquivado 17 de outubro de 2012 en Wayback Machine., páxina web da FPG.
- ↑ Beiras entrega el relevo en su partido al diputado Antón Sánchez con el encargo de unir izquierda y nacionalismo
- ↑ 6,0 6,1 Beiras arenga a ANOVA-Irmandade Nacionalista pedindo "independencia", Europa Press, 15 de xullo de 2012.
- ↑ O nacionalismo galego refúndase, El Mundo, 11 de maio de 2012.
- ↑ Beiras cre que o referente de 'Novo Proxecto Común' debe "ser colectivo" Arquivado 01 de marzo de 2014 en Wayback Machine. O Correo Galego, 14 de xullo de 2012.
- ↑ Non Día da Patria xunt@s con ANOVA-Irmandade Nacionalista Arquivado 17 de outubro de 2012 en Wayback Machine., Web de FPG].
- ↑ Anova pierde a FOGA, uno de los tres partidos que la forman. www.lavozdegalicia.es, 13/09/2014 (en castelán)
- ↑ Causa Galiza desmárcase do Novo Proxecto Común de Beiras, La Voz de Galicia, 15 de xullo de 2012.
- ↑ Novo Proxecto constitúese en asemblea sen o independentismo e cunha candidatura de consenso con Beiras e Noriega, Europa Press, 13 de xullo de 2012.
- ↑ ANOVA-Irmandade Nacionalista, nome da organización política, Europa Press, 14 de xullo de 2012.
- ↑ Constituída a nova formación galega ANOVA-Irmandade Nacionalista Arquivado 24 de febreiro de 2014 en Wayback Machine., ABC, 14 de xullo de 2012.
- ↑ Militantes escindidos do BNG crean ANOVA-Irmandade Nacionalista, Faro de Vigo, 15 de xullo de 2012.
- ↑ Abalo pugnará para que EU en Galicia participe en Anova-Irmandade Nacionalista, Faro de Vigo, 16 de xullo de 2012.
- ↑ O colectivo que integran exmilitantes do PSdeG entra en Compromiso, Europa Press, 24 de xuño de 2012.
- ↑ "O responsábel de Unidade da Esquerda Galega renuncia ao seu posto non Consello Nacional de Compromiso por Galicia". Sermos Galiza. 20 de xullo de 2012. Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2019. Consultado o 04 de febreiro de 2019.
- ↑ Compromiso por Galicia volverá establecer conversacións con Encontro Irmandiño, Europa Press, 11 de xuño de 2012.
- ↑ Beiras cre que o referente do novo proxecto nacionalista, que ten "as portas abertas", debe "ser colectivo" Arquivado 22 de febreiro de 2014 en Wayback Machine. Que, 14 de xullo de 2012.
- ↑ Rexistro de partidos políticos Arquivado 30 de setembro de 2017 en Wayback Machine.. Ministerio de Interior.
- ↑ Anova xa conta con outro colectivo organizado "transformador e revolucionario". www.galiciaconfidencial.com, 26/03/2013.
- ↑ Anova pierde a FOGA, uno de los tres partidos que la forman. www.lavozdegalicia.es, 13/09/2014
- ↑ Resultados do referendo de Cerna Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. www.cerna.org, 27/10/2014.
- ↑ Beiras expón unha «alianza estratéxica» para as eleccións galegas a BNG, EU e Compromiso por Galicia Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 31 de agosto de 2012.
- ↑ EQUO ve "con bos ollos" a proposta de Beiras de conformar unha fronte electoral amplo "contra o PP" Arquivado 05 de novembro de 2013 en Wayback Machine., Que, 1 de setembro de 2012.
- ↑ Compromiso ofrécelle a Anova un pacto electoral, El País, 30 de agosto de 2012.
- ↑ Esquerda Unida acepta presentarse en coalición con Beiras ás eleccións galegas Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 4 de setembro de 2012.
- ↑ EQUO súmase á Syriza galega con Xosé Manuel Beiras e Esquerda Unida, El Mundo, 5 de setembro de 2012.
- ↑ Esquerda Unida acepta presentarse en coalición con Anova, El Progreso, 4-9-2012
- ↑ Anova e EU presentaranse como 'Alternativa Galega de Esquerda', Europa Press, 11 de setembro de 2012.
- ↑ Compromiso por Galicia aposta por unha “coalición técnica” con EU e Beiras, El País, 6 de setembro de 2012.
- ↑ Compromiso por Galicia descólgase do pacto de esquerdas, O País, 8 de setembro de 2012.
- ↑ Os 60 días que tensaron as costuras de AGE. praza.gal, 16/12/2013.
- ↑ Martínez abandona AGE tras marchar de Anova e compartirá o Mixto con Carmen Iglesias. praza.gal, 4/11/2014.
- ↑ Resultados obtidos por La Izquierda Plural nas Eleccións ao Parlamento Europeo Arquivado 02 de decembro de 2021 en Wayback Machine.. elecciones.mir.es, 26/5/2014.
- ↑ Lidia Senra, elixida candidata de Anova ao Parlamento Europeo Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. www.crtvg.es, 31/03/2014.
- ↑ Anova-IN aposta pola confluencia nacional de mareas e outras fórmulas cidadás para dar a batalla tamén nas Deputacións Arquivado 02 de xuño de 2015 en Wayback Machine.. anova.gal, 6/9/2014
- ↑ Lito Prado encabezará la candidatura de Anova en Ourense. www.lavozdegalicia.es, 20/4/2015
- ↑ Case noventa concellos contarán con candidaturas cidadás ou de confluencia. praza.gal, 22/04/2015.
- ↑ "Anova chama a concentrar o voto na defensa da democracia e da soberanía nacional da Galiza". Nós Diario. 2023-06-05. Consultado o 2023-08-14.
- ↑ "Beiras y el BNG firman la paz del nacionalismo gallego para concentrar el voto". ELMUNDO (en castelán). 2024-01-15. Consultado o 2024-11-22.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web de ANOVA - Irmandade Nacionalista
- asembleasnacionalistas.net Arquivado 07 de agosto de 2012 en Wayback Machine.
- Web de Encontro Irmadiño