Frente Popular Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Fronte Popular Galega»)
Frente Popular Galega (FPG)
Membro de Anova
MocidadesXeira (2013-2021)
Historia
Fundación1987
Posicións políticas
IdeoloxíaMarxismo-leninismo
Independentismo galego
Concelleiros
7 / 3.811
[1]
Outros datos
PublicaciónEspiral
Na rede
frentepopular.gl
Manifestación do Día da Patria de 1991 en Santiago de Compostela

A Frente Popular Galega é unha organización política galega situada ideoloxicamente no marxismo-leninismo e no independentismo, que traballa pola consecución dunha República Galega[2].

A súa acción política guíase polos principios de: independencia nacional, socialismo, anticolonialismo, democracia popular, anti-imperialismo, solidariedade internacionalista e auto-organización[3].

Historia[editar | editar a fonte]

Cando en 1986 a UPG acepta a participación do BNG no Parlamento Galego, 13 membros do seu Comité Central, liderados por Mariano Abalo, secretario xeral, e Xan Carballo, secretario xeral da INTG, deixan o partido, constituíndo o Colectivo Comunista 22 de marzo, que o 25 de xullo de 1986 transfórmase no Partido Comunista de Liberación Nacional. A III Asemblea Nacional do BNG expulsa ao PCLN porque pedían o voto para HB nas eleccións europeas.

En 1987 o PCLN e Galiza Ceive-OLN xunto con outras organizacións menores de carácter local como os Colectivos Nacionalistas de Trasancos e Vigo, Grupos Independentistas Galegos de Santiago de Compostela e o colectivo Iskeiro de Ferrol forman a FPG que celebrou a súa asemblea constituínte en xuño de 1988. A súa presentación pública prodúcese o 10 de marzo de 1988

En xuño de 1989 sufriu a escisión dos sectores nucleados en torno a Galiza Ceive-OLN que apoiaban a loita armada do EGPGC que constitúen a Assembleia do Povo Unido (APU). En 1992, o grupo editor da vella revista Espiral, liderado por Xosé Luís Méndez Ferrín, incorpórase á FPG, que en 1994 abandona o seu carácter frontista converténdose en partido.

Nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2001 obtivo 3.176 votos (0'3%), nas eleccións xerais de 2004 tivo 2.257 votos (0'12%) e 1 concelleiro por Cangas nas eleccións municipais de 2003. Nas eleccións autonómicas de 2005 conseguiu 2.982 votos (0'2%).

Nas eleccións municipais de 2007 presentouse en Vigo, onde contou con 549 votos (0,36%) e en coalición con outras forzas de esquerda en Cangas na candidatura da Alternativa Canguesa de Esquerdas que contou con 1890 votos (13,1%) e 3 concelleiros, o que supuxo a entrada no goberno municipal, converténdose o líder da FPG, Mariano Abalo en concelleiro de urbanismo de Cangas.

Nas eleccións ao Parlamento de Galicia 2009 presentaron a Xosé Luís Méndez Ferrín como candidato a presidente da Xunta[4], mentres que para as eleccións europeas de 2009 integrouse na candidatura Iniciativa Internacionalista – A Solidariedade entre os Pobos, indo doutra volta Méndez Ferrín no número 6 da mesma.[5] Porén, o Tribunal Supremo, a instancias do goberno do PSOE, ilegalizou esta candidatura por estar, na opinión deles, promovida pola esquerda abertzale (considerada pola xustiza española como "contorna" de ETA)[6]. Tras ser recorrida a sentenza, o Tribunal Constitucional volveu legalizar dita candidatura[7].

En 2012 o partido integrouse no novo partido Anova-Irmandade Nacionalista (Anova-IN)[8], partipando xunto a estes nas coalicións Alternativa Galega de Esquerda (2012-2015), En Marea (2015-2019) e Galicia en común (2019-actualidade). Grazas a esta política de alianzas a FPG conseguiu varios representantes a nivel local en concellos coma Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol ou A Coruña.

En 2021 a organización celebrou o seu noveno congreso, no que se enfrontaron dúas candidaturas, unha na que se encadraron históricos como Méndez Ferrín ou as concelleiras de Vigo, Coruña e Ferrol, e outra conformada na súa maioría por un sector de militantes da organización xuvenil do partido, Xeira, que a abandonaran en xaneiro dese ano[9]. Finalmente, a primeira lista resultou gañadora do congreso, sendo elixida secretaria-xeral Oriana Méndez[10]. Un sector da militancia abandonou o partido e fundou o Partido Comunista pola República Galega (PCRG)[11][12][13][14].

Os referentes xuvenís da FPG foron Adiante (Mocidade Revolucionaria Galega) entre 2004 e 2013 e Xeira entre 2013 e 2021.

Evolución do voto[editar | editar a fonte]

Eleccións Votos % Deputado(s)
Eleccións ao Parlamento de Galicia 1997 3.395 0.22 0
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2001 3.176 0.21 0
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2005 2.982 0.18 0
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2009 2.903 0.17 0

Dende as eleccións municipais do 2007 preséntase coaligado con Esquerda Unida e co Partido Comunista do Povo Galego, no concello pontevedrés de Cangas baixo a denominación de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE). Nos resultados que se mostran a continuación súmanse os votos de ACE cos de FPG noutros concellos.

Nas eleccións municipais do 2011 presentouse por primeira vez no concello pontevedrés de Redondela, obtendo 613 votos e moi preto de conseguir un concelleiro. Nestas eleccións presentouse por segunda vez na cidade de Vigo, mellorando os seus resultados anteriores.

Eleccións Votos % (en Galiza) Concelleiro(s)
Eleccións Municipais 1999 645 0.04 1
Eleccións Municipais 2003 967 0.06 1
Eleccións Municipais 2007 2.434 0.14 2
Eleccións Municipais 2011.[15] 2.924 0.19 2

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Díficil de contar porque a FPG non concorreu coma tal, senón formando parte de coalicións e candidaturas cidadás. Polo menos 2 concelleiros en Vigo, 2 en Cangas do Morrazo, 1 en Santiago de Compostela, 1 n'A Coruña e 1 en Ribadavia.
  2. A FPG pide a unidade da esquerda para acadar a "República galega", nova no diario dixital Galicia Confidencial o 21 de xullo de 2010.
  3. "A Frente Popular Galega.". Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2008. Consultado o 09 de outubro de 2008. 
  4. Méndez Ferrín será o candidato da FPG á presidencia da Xunta, Vieiros, 26 de xaneiro de 2009.
  5. Comunicado de prensa: Componentes de la candidatura[Ligazón morta], iniciativainternacionalista.org (en castelán)
  6. O Supremo anula a lista de Méndez Ferrín Arquivado 19 de maio de 2009 en Wayback Machine., A Nosa Terra.
  7. Auto íntegro do Tribunal Constitucional Arquivado 29 de maio de 2009 en Wayback Machine., PDF, en castelán.
  8. "A FPG agardará ao que as asembleas de ANOVA decidan sobre a fronte de esquerdas". Praza Pública. 2012-08-23. Consultado o 2021-12-20. 
  9. Diario, Nós. "A FPG chega dividida ao seu Congreso". Nós Diario. Consultado o 2022-03-23. 
  10. Diario, Nós. "Oriana Méndez, nova secretaria xeral da FPG: "A nosa aposta pola fronte popular era e é honesta"". Nós Diario. Consultado o 2021-12-20. 
  11. Diario, Nós. "Nace o Partido Comunista pola República Galega". Nós Diario. Consultado o 2021-12-20. 
  12. Díaz, Oscar (2022-01-11). "El Bloque del Este: Entrevista al PCRG (Partido Comunista pola República Galega)". El Bloque del Este. Consultado o 2022-02-22. 
  13. Canarias-semanal.org. "COMUNISTAS GALLEGOS SE RECOMPONEN EN UNA NUEVA ORGANIZACIÓN". Canarias-semanal I Digital informativo de ámbito internacional y actualización diaria (en castelán). Consultado o 2022-02-22. 
  14. "Moncho Lareu, membro do comité central do novo partido PCRG (Partido Comunista Pola República Galega) -". 2022-01-18. Consultado o 2022-02-22. 
  15. http://resultados.elpais.com/elecciones/2011/municipales/11/index.html

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]