Ricardo I de Inglaterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ricardo I de Inglaterra nun retrato do século XVII

Ricardo I de Inglaterra, nado en Oxford o 8 de setembro de 1157 e finado o 6 de abril de 1199, foi rei de Inglaterra desde o 6 de xullo de 1189 ata a súa morte. Tamén foi duque de Normandía, de Aquitania e de Gascuña, señor de Irlanda e Chipre, conde de Anjou e de Nantes. Foi coñecido como Ricardo Corazón de León, grazas á súa boa reputación como líder militar e guerreiro.[1] Os musulmáns referíanse a el como Melek-Ric' ou Malek al-Inkitar (Rei de Inglaterra).[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Ricardo foi o terceiro fillo home de Henrique II de Inglaterra e Leonor de Aquitania. Aínda que naceu no Palacio de Beaumont, en Oxford (Inglaterra) foi esencialmente francés, ó igual que a maior parte da familia real. Tras a separación dos seus pais permaneceu coa súa nai e recibiu o título de duque de Aquitania en 1168 e conde de Poitiers en 1172. Mentres, o seu irmán Henrique foi coroado como segundo rei de Inglaterra, ao servizo do seu pai.

Ricardo foi un home de moi boa educación. Escribiu poesía tanto en francés e occitano. Dicíase del que era moi atractivo, con cabelos rubios e loiros, ollos claros e complexión pálida, aínda que esta descrición debe tomarse con cautela ó non ser contemporánea nin por corresponder coa imaxe da súa efixie en Fontevraud. Aparentemente tiña unha estatura maior ca do promedio, pero dado que o seu corpo se perdeu durante a Revolución Francesa, non se coñece a súa estatura exacta.

Desde a mocidade pareceu mostrar habilidades políticas e militares destacadas e volveuse notorio póla súa valentía e cabaleirosidade, loitando fortemente para controlar as revoltas dos nobres no seu propio territorio. Como os seus irmáns, Ricardo desafiou á autoridade do seu pai constantemente e o seu sentido da responsabilidade volvíase cuestionable.

Revoltas contra Henrique II[editar | editar a fonte]

Ricardo Corazón de León

En 1161, o seu irmán Henrique foi coroado co-rei de Inglaterra xunto co seu pai, sendo ademais designado como Henrique II (1170-1183), pero os historiadores adoitan chamalo Henrique o Mozo para non confundilo co seu sobriño do mesmo nome Henrique III. En 1173, xunto cos seus irmáns Henrique e Godofredo, e apoiados polo rei Filipe II de Francia e a súa nai, rebelouse contra o seu pai, planeando destronalo e deixar ó seu irmán Henrique como único rei de Inglaterra. Neste primeiro enfrontamento, Henrique II saíu vitorioso e mandou encerrar a Leonor de Aquitania.

Henrique II invadiu Aquitania en dúas ocasións. Ós dezasete anos, Ricardo foi o último en manterse en contra do seu pai, finalmente negouse a loitar con el fronte a fronte e pediulle perdón. En 1174, Ricardo prestou xuramento de lealdade ó seu pai.

Entre 1181 e 1182, Ricardo enfrontou unha rebelión sobre a sucesión do condado de Angoulême. Os seus opositores foron onde Filipe II de Francia para pedirlle o seu apoio e a loita estendeuse cara Lemosín e Périgord. Ricardo foi acusado de crueldade contra os seus obxectivos. Porén, co apoio do seu pai e de Henrique o Mozo, tivo éxito sobre o vizconde Aimar V de Limoges e o conde Elie de Périgord.

Cando Ricardo sufocou a rebelión dos condes, volveu a desafiar o seu pai no trono. Entre 1180 e 1183 creceu a tensión entre Ricardo e o seu pai, como rei, Henrique II mandaba a Ricardo pagarlle homenaxe o seu irmán Henrique o Mozo, pero Ricardo negábase. Finalmente en 1183, Henrique o Mozo e Godofredo, duque de Bretaña, invadiron Aquitania nun intento de someter a Ricardo. O conflito tivo unha breve pausa cando en 1183 finou Henrique o Mozo. Pero Henrique II apresurouse para dar permiso ó seu fillo menor Xoán para invadir Aquitania. O finar Henrique o Mozo, Ricardo pasou a ser o herdeiro ó trono de Inglaterra, porén seguiu loitando contra o seu pai.

No 1187, Ricardo alíase con Filipe II de Francia, ó que Ricardo promete concederlle os seus dereitos sobre Normandía e Anjou. En 1188, Henrique II planea darlle Aquitania ó seu fillo Xoán. Un ano máis tarde, Ricardo trata de tomar o trono de Inglaterra para si mesmo. O 4 de xullo de 1189 as forzas de Ricardo e Filipe derrotaron ó exército de Henrique en Ballans.

Henrique, co consentimento de Xoán, acorda nomear a Ricardo como sucesor. O 6 de xullo, Henrique II de Inglaterra finou en Chinon e Ricardo converteuse en rei de Inglaterra, duque de Normandía e conde de Anjou. Roger de Hoveden afirma que o corpo de Henrique sangrou pola nariz en presencia de Ricardo, o que se tomou como un sinal de que Ricardo fóra o que causou a súa morte. Finalmente foi coroado como duque o 20 de xullo e como rei na Abadía de Westminster, en Londres, o 3 de setembro.

Rei de Inglaterra[editar | editar a fonte]

Tumba en Fontevraud.

Libre para perseguir os seus propios intereses, Ricardo non permaneceu moito tempo en Inglaterra. Inmediatamente despois da súa subida ao trono comezou a preparar a expedición á Terra Santa, que seria a Terceira Cruzada. Para tal propósito, acudiu ó tesouro do seu pai, cobrou novos impostos, vendeu títulos e cargos por cuantiosas sumas a quen quixese pagar e liberou o rei Guillerme I de Escocia do seus impostos de vasalaxe por 10,000 marcos. O único problema foi a constante ameaza que Filipe II de Francia representaba para os seus territorios continentais, e que Ricardo solventou convencéndoo para que se unise tamén á cruzada.

A primeira parada dos cruzados foi en Sicilia cara 1190, onde Ricardo e Filipe se inminscuiron na política local, saqueando algunhas cidades do camiño. Foi neste momento cando Ricardo se gañou a inimizade do Sacro Imperio Romano Xermánico e nomeou o seu sobriño Arturo como o seu herdeiro. No 1191, Ricardo e o seu exército desembarcan en Chipre debido a unha tempestade. A presenza de tantos homes foi considerada unha ameaza polo líder bizantino da illa, e en breve xurdiron os conflitos. A resposta de Ricardo foi violenta: non só negouse a partir, senón que masacrou ós habitantes das cidades que se lle resistiran. Despois do cerco de Cantaras, Isaac Comneno abdicou e Ricardo fíxose co poder da illa. Foi tamén neste ano cando casou coa princesa Berenguela de Navarra.

En xuño de 1191, Ricardo chegou á Terra Santa a tempo de aliviar o cerco de Acre imposto por Saladino. Xa sen aliados, a causa dunha serie de problemas con Filipe de Francia e co duque Leopoldo V de Austria. A campaña foi todo un éxito e deulle o status de heroe. Mentres, a influencia do seu irmán Xoán en Inglaterra e de Filipe II, demasiado próximo a Aquitania e Normandía, obrigárono a volver a Europa.

Na viaxe de volta, Ricardo encontrouse con Leopoldo V de Austria, que aínda non lle perdoara os insultos recibidos en Chipre, foi feito prisioneiro e entregado ó emperador Henrique IV. O seu cativerio en Dürnstein, Austria, non foi moi duro e durante os catorce meses que estivo retido (de decembro de 1192 a febreiro de 1194) Ricardo continuou tendo acceso ós privilexios que determinaban a súa condición de rei. O seu rescate custou uns 150,000 marcos pagados do tesouro de Inglaterra, suma que dobraba ó dobre da renda anual da coroa, e que colocou ó país na bancarrota. Como proba de agradecemento a Deus pola súa liberación, Ricardo arrepentiuse publicamente dos seus pecados e foi coroado por segunda vez. A pesar dos esforzos de Inglaterra por liberalo, Ricardo abandonou de novo o país para combater por problemas fronteirizos con Francia para xa non volver máis.

Ricardo finou a consecuencia das feridas provocadas por unha frecha que o acadou no abdome en abril de 1199. De ter usado unha armadura ese día, non tería morto. O seu corpo foi sepultado na Abadía de Fontevraud, a carón de Henrique II e de Leonor de Aquitania.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Turner & Heiser 71"
  2. 'Maalouf' . Les Croisades vues par les Arabes. Editorial: J'ai lu. Autor: Amin Maalouf. Idioma: Francés. Ano: 1984. Páxinas 318. ISBN:2-290-11916-4. Parte: V. Número: XI. Capítulo: L'impossible rencontre

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Henrique II de Inglaterra
Flag of England.svg
Rei de Inglaterra e Señor de Irlanda

1189 - 1199
Sucesor:
Xoán I de Inglaterra