Catedral de Durham

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 54°46′25″N 1°34′34″O / 54.77347539, -1.576214961

Catedral e castelo de Durham
Vista xeral da Catedral de Durham.
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísReino Unido Reino Unido
TipoCultural
CriteriosII, IV, VI
Inscrición1986 (10ª Sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador370

A Igrexa Catedral de Cristo, a Virxe María e San Cuthbert, coñecida como a Catedral de Durham, atópase na cidade de Durham, no norte de Inglaterra. A catedral foi fundada en 1093, e segue sendo un importante centro relixioso a día de hoxe. Está considerada como un dos máis acabados exemplos de arquitectura normanda en Europa e en 1986 foi designada Patrimonio da Humanidade xunto ao Castelo de Durham. Desde o alto da torre de 66 metros de altura, á que se accede tras 325 chanzos, pódese divisar o Castelo, a localidade de Durham e a área circundante.

A catedral alberga un santuario e diversos tesouros relacionados con san Cuthbert de Lindisfarne, un santo do século VII. Tamén descansan nela a cabeza de Oswald de Northumbria e os restos de Beda o Venerable. Actualmente celebra servizos relixiosos diarios, nos que, agás os luns, intervén o coro da catedral.

Historicamente, a catedral era a sede do bispo de Durham, unha figura poderosa até ben entrado o século XIX. O episcopado de Durham segue sendo o cuarto máis importante na xerarquía da Igrexa de Inglaterra.

Historia[editar | editar a fonte]

Fresco da Catedral de Durham representando a San Cuthbert

Período saxón[editar | editar a fonte]

A orixe de Durham como centro relixioso remóntase á antiga diocese de Lindisfarne, establecida por santo Aidan de Lindisfarne a instancias de san Osvaldo de Northumbria polo ano 635. A sede permaneceu en Durham até o ano 664, cando se trasladou a York, aínda que posteriormente foi reinstaurada no 678 polo arcebispo de Canterbury. A comunidade de Lindisfarne albergou a varios futuros santos, como san Cuthbert de Lindisfarne, que é fundamental na construción posterior da Catedral de Durham.

Tras repetidos asaltos viquingos, os monxes abandonaron Lindisfarne no 875, levándose consigo as reliquias de san Cuthbert. A diocese seguiu sendo itinerante até o 882, cando restableceron unha comunidade en Chester-le-Street. A sede ficou alí até o 995, cando novas incursións viquingas lle obrigaron aos monxes a trasladar novamente as reliquias. Segundo as lendas locais, os monxes comezaron a seguir a dúas leiteiras que estaban buscando unha vaca marela, e estas guiáronos a unha península formada por un meandro do Río Wear. Cando chegaron a ese lugar, foilles imposible seguir movendo o ataúde de San Cuthbert, o que interpretaron como un sinal de que debían construír alí o novo santuario. Unha versión máis prosaica para a elección deste lugar é a súa posición facilmente defendible nun alto, e que unha comunidade establecida neses terreos gozaría da protección do Conde de Northumberland, xa que o bispo, Aldhun de Durham, tiña fortes lazos familiares cos Condes. En calquera caso, froito da lenda, a rúa que vai desde as torres da catedral até Palace Green denomínase Dun Cow Lane, é dicir, "rúa da vaca marela".

Inicialmente construíuse unha estrutura temporal moi simple de madeira para albergar as reliquias de san Cuthbert. O santuario foi posteriormente trasladado a outro edificio máis sólido, aínda que tamén de madeira, coñecido como White Church ("igrexa branca"). Esta igrexa foi mudada tres anos máis tarde por unha construción de pedra do mesmo nome, e en 1018 xa só faltaba por construír a torre oeste. Durham pronto se converteu nun centro de peregrinación, favorecido por un culto crecente a San Cuthbert. O rei Canuto II de Dinamarca foi un dos primeiros peregrinos, e garantiulle privilexios e terras á comunidade de Durham. Tanto a importancia relixiosa e económica como a posición estratéxica da Catedral axudaron a que xurdira un pobo ao seu arredor, que é o núcleo da cidade moderna posterior.

Idade Media[editar | editar a fonte]

A nave central da catedral.
Plano da Catedral de Durham.
Vista lateral da catedral.

A catedral actual foi inicialmente deseñada e construída baixo o mandato do primeiro Príncipe-Bispo, Guillerme de San Calais. A construción iniciouse en 1093, aínda que Guillerme morreu antes de que se rematara esta fase, en 1135, deixando a responsabilidade da construción ao seu sucesor, Ranulf Flambard. O edificio é notable pola bóveda da súa nave principal, con arcos apuntados transversais apoiados alternativamente en columnas relativamente finas e en columnas grosas, e con arcobotantes ocultos no triforio, sobre os corredores. Estas características parecen ser precedentes da arquitectura gótica que se estendería polo norte de Francia unhas décadas máis tarde, sen dúbida, debido á influencia de canteiros normandos involucrados na construción. Non obstante, en xeral, a Catedral de Durham pertence propiamente ao estilo románico.

A tumba de san Cuthbert descansa no lado leste da Catedral, e no seu día foi un elaborado monumento de mármore e ouro. No século XII, o bispo Hugh de Puiset engadiu a Capela Galilea no extremo oeste da catedral. Consagrada á Virxe María, contiña os restos de Beda o Venerable e de Thomas Langley, cuxa tumba tapou a grande entrada oeste da Catedral. Tanto William of St. Carilef, Ranulf Flambard como Hugh de Puiset están enterrados na Sala Capitular, que se encontra fronte ao claustro e que data de 1140.

No século XIII, engadiuse unha nova capela, a Capela dos Nove Altares, no extremo leste da catedral. A torre medieval orixinal foi destruída por un raio, polo que a torre actual data do século XV.

Disolución[editar | editar a fonte]

A tumba de Cuthbert foi destruída baixo as ordes de Henrique VIII de Inglaterra en 1538, e na actualidade é un modesto trono de pedra. Dous anos despois, en 1540, o mosteiro beneditino de Durham foi disolto, pese ao cal a Catedral e o seu claustro permaneceron en bo estado de conservación. O último prior, Hugh Whitehead, converteuse no primeiro deán da Catedral.

Séculos XVII-XIX[editar | editar a fonte]

En 1650, a catedral de Durham foi utilizada como cárcere para prisioneiros de guerra, e albergou a soldados escoceses capturados durante a batalla de Dunbar (3 de setembro de 1650). Até 5.000 prisioneiros morreron mentres eran trasladados á catedral, ou mentres estaban retidos nela. Os seus corpos foron soterrados en tumbas sen identificar. Os superviventes embarcáronse cara ao Caribe, Virxinia e Massachusetts. Cento cincuenta prisioneiros escoceses foron embarcados con destino a Berwick (Maine) en decembro de 1650.

A Capela dos Nove Altares contén un gran rosetón do século XVII, reconstruído no século XVIII, e unha estatua de William Van Mildert (1826-1836), último príncipe-bispo de Durham e impulsor da fundación da Universidade de Durham.

Século XX[editar | editar a fonte]

En 1986, a catedral, canda o castelo veciño, foi denominada Patrimonio da Humanidade da Unesco. O comité encargado de tomar a decisión declarou que "A Catedral de Durham é o maior e o máis perfecto monumento do estilo arquitectónico normando en Inglaterra".[1]

Actualmente, a catedral segue sendo sede do bispo de Durham. Tamén foi utilizada en películas e representacións teatrais, así, na saga de Harry Potter a catedral apareceu como o Escola Hogwarts, aínda que cunha agulla na súa torre para estilizala; vistas do interior da catedral tamén apareceron na película ElizabethElizabeth (1998). En 1996, a fachada oeste foi utilizada polo artista Bill Viola para a súa instalación de vídeo The Messenger .

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]