Arquitectura do Barroco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
A abadía de Melk (Stift Melk), Wachau, Austria.
Sta. Maria della Salute, Venecia

A arquitectura do Barroco, tamén coñecida como arquitectura barroca, é un período da historia da arquitectura que veu precedida do Renacemento e do Manierismo; xerouse en Roma durante o século XVII e estendeuse até mediados do século XVIII polos Estados absolutistas europeos.

O termo Barroco, derivado do portugués barru, "perla de forma diferente ou irregular", utilizouse nun primeiro momento de forma despectiva para indicar a falta de regularidade e orde do novo estilo. A característica principal da arquitectura barroca foi a utilización de composicións baseadas en puntos, curvas, elipses e espirais, así como figuras policéntricas complexas compostas de motivos que se intercalaban uns con outros. A arquitectura valeuse da pintura, a escultura e os estucados para crear conxuntos artísticos teatrais e exuberantes que servisen para enxalzar os monarcas que os encargaron.

Nalgúns países europeos como Francia e Inglaterra e noutras rexións da Europa setentrional produciuse un movemento máis racionalista derivado directamente do Renacemento que se denominou Clasicismo barroco. Ao longo do século XVIII foise desenvolvendo en Francia un movemento derivado do Barroco que multiplicaba a súa exuberancia e baseábase fundamentalmente nas artes decorativas que se denominou Rococó e acabouse exportando a boa parte de Europa.

Fachada de San Carlo Borromeo en Noto, Sicilia.

Contrariamente ás teorías segundo as cales o movemento barroco xurdiu a partir do Manierismo, foi o Renacemento tardío o movemento que acabou desencadeando en último termo o Barroco. De feito, a arquitectura manierista non foi suficientemente revolucionaria para evolucionar radicalmente, nun sentido espacial e non só superficial, a partir dos estilos da antigüidade aos novos fins populares e retóricos da época do contrarreformismo.

Xa no século XVI, Miguel Anxo Buonarroti anunciara o Barroco dunha forma colosal e masiva na cúpula da Basílica de San Pedro de Roma, así como as alteracións nas proporcións e as tensións das ordes clásicas expresados na escaleira de acceso á Biblioteca Laurenciana de Florencia, do mesmo autor, e a enorme cornixa engadida ao Palacio Farnese. Estas intervencións suscitaran diversos comentarios na súa época pola súa brusca alteración das proporcións clásicas canónicas. Non obstante, noutras obras Miguel Anxo cedera á influencia manierista, polo que foi só tras o fin do Manierismo cando se redescubriu a Miguel Anxo como o pai do Barroco.

O novo estilo desenvolveuse en Roma, e alcanzou o seu momento álxido entre 1630 e 1670; a partir de entón o Barroco estendeuse polo resto de Italia e de Europa, mentres que no século XVIII Roma volveu de novo ao Clasicismo seguindo o exemplo de París.

A influencia do Barroco non se limitou ao século XVII; a principios do século XVIII desenvolveuse o estilo denominado Rococó, que non sendo unha pura continuación do primeiro podería ser considerado como a última fase do Barroco.

Desenvolvemento histórico e xeográfico[editar | editar a fonte]

A xénese da arquitectura barroca iníciase en Italia, con figuras tan determinantes como Gian Lorenzo Bernini e Francesco Borromini.

En España, a arquitectura barroca vai estar presidida polo gusto pola desornamentación e a sobriedade que introducira o estilo herreriano, con importantes edificios nos que impera un estilo mesurado e case clásico.

Palacio dos Capitáns Xenerais, na Habana.

En América, tras a conquista española, a linguaxe do barroco desenvolveuse en forma importante enriquecéndose coa man de obra e os conceptos propios da arquitectura e arte precolombianas, como o uso extensivo de cores brillantes, destacándose en forma especial o barroco mexicano, o peruano e o cubano.

En Alemaña e en Austria a inspiración italiana combinada coa francesa creará edificios de grande exuberancia decorativa, sobre todo nos interiores, de luminosidade brusca, que darán paso ao estilo Rococó, que se define polo gusto polas cores luminosas, suaves e claros.

En Inglaterra predomina o equilibrio e a austeridade.

O urbanismo[editar | editar a fonte]

Exemplo de Arquitectura do Barroco no Brasil.
Catedral Metropolitana e Praza da Constitución, Cidade de México nos anos 50.

A cidade do barroco vese como a imaxe do seu gobernante, cuxa importancia se mide polo seu tamaño e polo número dos seus habitantes.

Nas cortes máis poderosas de Europa, a estrutura urbana tentará ostentosamente asentar os valores e a estrutura política creada polos dirixentes.

A cidade vaise a estruturar ao redor dun centro, como o poder absoluto ten como centro o Rei, ao que conflúen grandes vías, rectas de amplas perspectivas. As prazas serán un dos grandes elementos, reflexo e símbolo do poder civil ou relixioso, entendidas como escenarios de festas e representación.

Os cambios vanse reflectir mellor nas pequenas cortes europeas, onde as realizacións poden cambiar e determinar a imaxe de toda a cidade, como é o caso de Würzburg, mentres que nos grandes organismos urbanos como París ou Roma, a complexidade e a aparatosidade dos proxectos vaise enfrontar coa cidade preexistente, que dificulta en gran medida a transformación pretendida, conseguíndose mellores resultados nas novas residencias dos soberanos, fóra da cidade, como é o caso de Versalles.

América recibiu os conceptos urbanísticos renacentistas primeiro e barrocos posteriormente, ao longo da extensiva urbanización que os colonizadores europeos levaron a cabo durante os séculos XVI a XIX.

A arquitectura galega no Barroco[editar | editar a fonte]

Fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago de Compostela.

A arquitectura barroca transformou Santiago de Compostela, centro do barroco galego, comezando pola catedral, á que se lle engadiron as torres e a fachada do Obradoiro. Esta transformación da arquitectura e da arte coincide coa da sociedade e economía no Reino de Galiza, coa fidalguía de pazo e a Igrexa como clases directoras do cambio.[1] Este é un dos períodos álxidos da historia da arte galega, de xeito tal que desde o Románico non se asistira a un afán semellante de renovación coma o que se vai desenvolver desde mediados do século XVII até a segunda metade do seguinte. Tanto a nivel urbano coma rural prodúcese un fenómeno de mudanza das estruturas só comparable aos momentos culminantes de épocas históricas anteriores. Hai que resaltar o rol do Cabido Catedralicio de Santiago neste pulo renovador, pola súa privilexiada situación económica e o afán por conservar o templo compostelán como un dos edificios máis significativos da Cristiandade, defendendo a opción artística que desde alí irradiará da man de novos arquitectos.

Pazo de Fefiñáns en Cambados, combina o barroco con outros estilos post-renacentistas

A recuperación económica galega a partir dos primeiros anos do século XVIII propicia a aparición dunha nova clientela, a pequena nobreza. O historiador Alfredo Vigo di que o Barroco «foi unha apoloxía do Reino de Galiza, unha imaxe do triunfo e do seu vínculo con Deus», afirma que a primeira etapa do Barroco galego foi moi vexetal, enligada á metáfora do país como paraíso terreal (contrastando cos mapas medievais nos que se presentaba como o reino do Xuízo Final e do Finis Terrae); e na segunda metade do século XVII e XVIII o estilo varía, simultaneamente ás reivindicacións de representación nas Cortes, recuperada en 1622 grazas Diego Sarmiento de Acuña, e á confirmación de Santiago como centro de peregrinación e padroado, uns anos despois de que o cardenal italiano César Baronio negase que o apóstolo tivese predicado en Hispania.[2]

A arquitectura civil está representada polos numerosos pazos coma o pazo de Oca, o de Fefiñáns (de aire clásico, combina elementos barrocos con outros post-renacentistas italianos[3]), o de Castrelos, o de Ortigueira, ou a reconstrución do pazo de Dodro.

  • Arquitectos destacados
  • Construcións destacadas

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Villares, Ramón (2004). Historia de Galicia. Editorial Galaxia. [cómpre nº de páxina]
  2. "O barroco como estilo nacionalista en Galicia". 
  3. "Universidade de Navarra, arquivado desde o orixinal". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • José Milicua (dir.), Barocco e rococò. Architettura, scultura e pittura, en Storia Universale dell'Arte, Istituto Geografico De Agostini, Novara 1989

Outros artigos[editar | editar a fonte]