Os Pinos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Himno galego")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Os Pinos
Os Pinos
A partitura oficial do himno de Galicia, composta por Pascual Veiga, é a seguinte.pdf
Primeiros compases da introdución do himno galego.
Himno deGalicia Galicia
LetraEduardo Pondal
1907
MúsicaPascual Veiga
1907
Adoptado1981

Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886)[1], concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.

Os autores[editar | editar a fonte]

Eduardo Pondal, a letra[editar | editar a fonte]

Eduardo Pondal, autor da letra.
Artigo principal: Eduardo Pondal.

Pascual Veiga, a música[editar | editar a fonte]

Pascual Veiga, autor da música.
Artigo principal: Pascual Veiga.

Pascual Veiga Iglesias naceu en Mondoñedo o 9 de abril de 1842. Foi precisamente na súa cidade natal onde tivo os seus primeiros contactos coa música, sendo admitido como Neno de Coro da catedral en 1852, daquela dirixido por José Pacheco Basanta. Posteriormente recibiu formación como organista con Tomas Burón e Rafael Tefall. Precisamente, ao trasladarse á Coruña en 1864 conseguiu un posto como organista na Colexiata de Santa María. En 1896 foi nomeado profesor do Conservatorio Nacional de Música, polo que se trasladou a Madrid, cidade na que faleceu o 12 de xullo de 1906, seis meses antes da estrea do Himno galego na Habana.[2]

Entre as súas obras máis coñecidas salientan a Alborada Gallega e o propio himno. Ademais do seu labor como compositor, Pascual Veiga desempeñou un labor destacado na creación e dirección de conxuntos corais, recibindo numerosos galardóns. En 1882 fundou na cidade da Coruña "El Nuevo Orfeón", que pouco despois mudaría o seu nome polo de Coral Polifónica El Eco, sendo a coral polifónica máis antiga de España.[2][3]

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

As orixes da procura dun himno para Galicia remóntanse ao século XIX, cando a maior parte dos países de Europa crearon, difundiron e oficializaron os seus respectivos himnos.[4] Nos círculos nacionalistas de Galicia sentíase e debatíase esta necesidade de posuír un himno nacional dende mediados dese século como parte do proceso de recuperación e formación da consciencia nacional galega.[5] Dende 1808 existía un himno galego, o Himno da Guerra de Independencia ou Himno do Batallón de Literarios, composto na guerra de independencia.[6]

Xa dende 1880 rexístranse numerosas propostas de creación dun himno galego, ano no que xorde a primeira proposta explícita durante a Exposición Rexional de Pontevedra, na que se convocou un premio para un "Himno á Galicia en dialecto del país" que acabaría gañando un texto de Andrés Muruais ao que puxo música Felipe Paz Carvajal e que comezaba:[4][6]

Hirmans, con entusiasmo
Cantemos a Galicia
Pra nós outra delicia
Com’ ela xa non hay

Dese mesmo ano data a letra do Himno a Galicia do migrante padronés Manuel Barros:[6]

Erte é escoita, Galicia adorada
d'os teus fillos o doce cantar
Erte é escoita, que bril' a alborada
d'o gran dia que n' ha de pasar
Longos siglos chorando te viron
sentadiña n'a veira d'o mar
E as ondiñas mil veces ch' oiron
libertá, libertá sospirar".

Nestes primeiros exemplos tamén salienta a figura do destacado compositor coruñés Marcial del Adalid, que compuxera varios himnos orquestrais, entre eles a súa Marcha triunfal Galicia, datada en 1881, un ano despois da Exposición Rexional.[6]

Nacemento do himno de Pondal e Veiga[editar | editar a fonte]

Os Pinos xurdiu, do mesmo xeito que algunhas das propostas que xurdiran anos atrás, a partir dun certame celebrado na Coruña en agosto de 1890 convocado polo Orfeón Coruñés Nº 4, dirixido daquela por Pascual Veiga, o 22 de maio dese mesmo ano, e no que se premiaría á mellor “marcha regional gallega” escrita para orfeón sobre o texto "Os Pinos" de Pondal.[4] Veiga pedira ao poeta pontecesán, considerado a figura máis sobranceira da poesía galega da época logo da morte de Rosalía en 1885, a creación dun texto axeitado "con obxecto de que, a maneira da Marcha Real, Marsellesa, etc., sexa cantado en toda a Galiza co entusiasmo que desperta no ánimo o Sentimento da patria”.[4][7]

Estreouse na cidade da Habana o 20 de decembro de 1907 e, ao igual que a bandeira de Galicia, é froito da emigración. Desde 1907 até 1923, o himno galego foi cantado por rexionalistas e agraristas nos seus actos e devagariño foi sendo aceptado e recoñecido como tal, impoñéndose a outras propostas como o Himno da Acción Gallega. Cando se prohibiu o uso durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera, as sociedades galegas de América intensificaron o seu interese pola súa interpretación pública. Durante a Segunda República acadou un certo grao de recoñecemento, porén non chegou a ser considerado oficialmente como Himno de Galicia.

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que conduciu á guerra civil española, e a vitoria franquista, o himno galego foio eliminado do espazo público en España, mais mantívose precisamente onde nacera, na diáspora galega, así como no exilio que se produciu logo da contenda, existindo notas na prensa de interpretacións en Buenos Aires, Montevideo, A Habana ou Cidade de México.[6] Sufriu un rexeitamento frontal durante o período do franquismo en España, e mesmo durante a etapa de aperturismo só se cantaba, todo o máis, en actos culturais, e unicamente a modo de simple canción, unha máis de tantas do vasto folclore galego. Dende 1960 comeza a interpretarse de xeito máis explícito, aínda que disimulando os seus aspectos ideolóxicos. En concreto, cantábase só a primeira parte.

En 1975, mentres tiñan lugar uns actos folclóricos na festa do Apóstolo, a xente comezou a se erguer das cadeiras para entoalo. Ao ano seguinte instaurouse este costume de xeito definitivo na praza da Quintana, sendo así mesmo ratificado polas autoridades competentes e asistentes ao acto. Ao cabo, a maioría dos partidos non nacionalistas haberíano asumir no decorrer da campaña electoral de 1977.

A primeira gravación da que se ten constancia realizouna o Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo o 19 de novembro de 1918.

En 2002 María Pilar Veiga González, neta de Pascual Veiga, entregou á Real Academia Galega a partitura orixinal do himno xunto con uotros documentos relacionados co compositor mindoniense, que a familia conservaba en Arxentina.[8]

Aniversarios[editar | editar a fonte]

O 19 de decembro de 2006, con motivo do 25º aniversario do Estatuto de autonomía de Galicia, durante a sesión do Parlamento de Galicia o guitarrista vigués Cuchús Pimentel e o cantaor de Xinzo de Limia Delio Domínguez realizaron unha "versión flamenca" do himno. A versión sorprendeu aos deputados, e provocou un enfrontamento dialéctico entre o PSdeG-PSOE e o BNG, daquela socios de goberno. Os nacionalistas, desconformes coa versión interpretada, esixiron que en futuras ocasións respectárase a versión clásica do himno, e o seu portavoz Carlos Aymerich chegou a afirmar que "[co PPdeG] había que poñerlle saias aos gaiteiros para disfrazalos de escoceses, e agora co PSOE parece que hai que arrincar por bulerías ou tocar con ritmos aflamencados". O daquela presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño asegurou que o himno "non está reñido con ningunha música" e que os actos conmemorativos polo aniversario contaban co acordo da Mesa do Parlamento, algo que Aimerich desmentiría con posterioridade. Pola súa banda, Delio Domínguez asegurou que "en absoluto foi unha versión flamenca".[9][10][11]

En 2017 conmemorouse o centenario da estrea do himno galego en Cuba nun acto celebrado no Instituto José Cornide da Coruña.[12] O 31 de maio dese mesmo ano presentouse en Santiago de Compostela o documental O Himno por Andrea Pousa, no que se revisa e analiza o himno galego a través de entrevistas con fundacións e personalidades da cultura e a lingua galega.[13]

Xénese e motivos do texto[editar | editar a fonte]

O texto do himno é froito da correspondencia que mantiveron Eduardo Pondal e Pascual Veiga en 1890, no que o compositor lle solicitaba ao escritor un texto para unha partitura que ía presentar con motivo dun certame que ía elixir o mellor himno galego para o caso de que o premio resultase deserto. Logo de varias redaccións envioulle un primeiro texto que titulou Breogán. Pascual Veiga solicitoulle algúns cambios na acentuación para adaptalo ritmicamente á música.

O texto definitivo publicouse xa como Os Pinos por primeira vez o 22 de maio de 1890 nun folleto do certame musical que convocara o Orfeón nº 4 da Coruña para elixir a mellor Marcha Rexional Galega. O texto apareceu tamén n'A Monteira e en El Eco de Galicia da Habana. Ao final, aínda que houbo ensaios, o himno non se chegou a interpretar. A maioría das versións do texto derivan do texto que apareceu na número 18 da revista Galicia da Habana en 1905. En 1935 o texto integrouse na segunda edición, realizada pola RAG, de Queixumes dos pinos, base das versións modernas do texto.

O motivo central do texto é que Galiza debe acordar do seu sono (apatía política) e emprender o camiño cara á liberación. Para iso deberá escoitar a voz dos rumorosos piñeiros, ou sexa, o pobo galego como entidade nacional histórica.

O nome do país non figura en ningures no poema, como é habitual en Pondal, e fanse referencias metafóricas ao "Fogar" e á "Nazón de Breogán".

Ademais do celtismo e do helenismo sempre presentes na obra de Pondal, foi a súa capacidade para penetrar nos sentimentos do pobo e expresar as súas aspiracións fundamentais, o que posibilitou o seu éxito.

Letra[editar | editar a fonte]

Placa na praza maior de Lugo.

En 1890, cando foi escrito o poema orixinal, aínda non existía unha norma ortográfica establecida do idioma galego. A letra do himno oficializada en 1984 seguiu a normativa ortográfica vixente naquela altura (Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego), polo que existen certas diferenzas gráficas entre a versión orixinal do poema de Eduardo Pondal, a letra oficial do himno e a escrita consonte a ortografía actual.

Letra orixinal de 1890

Que din os rumorosos
Na costa verdecente,
Ó rayo trasparente,
Do prácido luar...?
Que din as altas copas
D'escuro arume arpado,
Co seu ben compasado,
Monótono fungar...?
Do teu verdor cingido,
É de benígnos astros,
Confin dos verdes castros,
E valeroso clán,
Non dés a esquecemento,
Da injuria o rudo encono;
Despérta do teu sono,
Fogar de Breogán.
Os boos e generosos,
A nosa voz entenden;
E con arroubo atenden,
O noso rouco son;
Mas, sós os ignorantes,
E férridos e duros,
Imbéciles e escuros
No-nos entenden, non.
Os tempos son chegados,
Dos bardos das edades,
Q'as vosas vaguedades,
Cumprido fin terán;
Pois donde quer gigante,
A nosa voz pregóa,
A redenzón da bóa
Nazón de Breogán.

Letra de 1984

Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

A letra orixinal de 1890 foi o primeiro texto que se publicou d'Os Pinos, que apareceu o 22 de maio de 1890 no folleto coas obras presentadas ao certame musical convocado polo Orfeón nº 4 da Coruña que dirixía Pascual Veiga.

Outros himnos e propostas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eduardo Pondal. Fondos da Real Academia Galega, ed. "Queixumes dos pinos" (en galego). Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 23 de xuño de 2009. 
  2. 2,0 2,1 "Veiga Iglesias". La Ciudad Gallega de los Músicos. Fundación Barrié. Consultado o 23 de xullo de 2020. 
  3. "El eco de 130 años de historia". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de decembro de 2011. Consultado o 23 de xullo de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Ferreiro Fernández 2008, p. 51.
  5. Ferreiro 2007, p. 11.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Pérez Pena, Marcos (20 de decembro de 2018). "Así naceu o himno galego. 111 anos de popularización, exilio e máis ou menos estrofas". Praza.gal. Consultado o 10 de xuño de 2020. 
  7. Ferreiro 2007, p. 13.
  8. García, R. (26 de outubro de 2001). "Una nieta de Pascual Veiga dona a Galicia la partitura original del Himno Gallego". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  9. López, Pablo (20 de decembro de 2006). "Himno gallego con aire flamenco". El País (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  10. Sampedro, Domingos (21 de decembro de 206). "La versión flamenca del himno gallego enfrenta a PSOE y BNG". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2020. 
  11. "Fragmento da "versión flamenca" do himno galego.". 
  12. "A Academia celebra o 110º aniversario da estrea do Himno na Habana". Praza.gal. 20 de decembro de 2018. Consultado o 10 de xuño de 2020. 
  13. "El himno gallego pasa una revisión por su ciento décimo aniversario". galiciapress.es (en castelán). 31 de maio de 2017. Consultado o 11 de xuño de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]