Galicia é o título dun semanario ilustrado que se publicou na Habana entre 1902 e 1930, baixo o subtítulo de Revista semanal ilustrada, se ben este subtítulo foi modificado en numerosas ocasións.[1] En 1905 engadiu á cabeceira o lema: Autonomía regional. Fundouno o rexionalista Vicente López Veiga, natural de Moeche (A Coruña) quen foi o seu primeiro director ata o número 48 do segundo ano, para ser substituído por José Benito Cerdeira, que tamén figura como administrador a partir dese mesmo número. Constantino Horta foi o director de 1906 a 1908.
O primeiro número saíu o 25 de xullo de 1902 e desapareceu o 30 de maio de 1930. A partir de 1911 abandonou o formato grande (40 x 28 cm) e aumentou significativamente o número de páxinas. A lingua utilizada foi maioritariamente o castelán, reservando o galego para algúns textos poéticos, aínda que tamén nalgún en prosa.[2] O 25 de xullo de 1920 publicouse un número extraordinario integramente en galego.
↑Como tal, Revista Regional de más circulación en la República de Cuba, Revista gráfica Regional de La Habana, ou Publicación semanal Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba.
↑En 1902 apareceu un poema con algunhas palabras en portugués.
↑Entre outros Conde de Castelnovo que agocha ao propio López Veiga.