Imperio Bizantino

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Imperio de Oriente»)

Modelo:Xeografía políticaImperio Bizantino
Imperium Romanum (la)
Βασιλεία Ῥωμαίων (grc)
Romania (la)
Ῥωμανία (grc) Editar o valor em Wikidata

Nomeado en referencia aConstantinopla Editar o valor em Wikidata
Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 41°00′55″N 28°59′05″L / 41.0153, 28.9847Coordenadas: 41°00′55″N 28°59′05″L / 41.0153, 28.9847
CapitalConstantinopla (330 (Gregoriano)–1453) Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación17.000.000 (300) Editar o valor em Wikidata
Lingua oficiallingua grega
lingua latina
Grego medieval (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
RelixiónCristianismo ortodoxo Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación17 de xaneiro de 395 Editar o valor em Wikidata
Disolución29 de maio de 1453 Editar o valor em Wikidata
Sucedido porEmirado de Creta (pt) Traducir, Imperio Otomán, Ducado de Brescia e Maona de Quíos e Focea Editar o valor em Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía absoluta
Dominato (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
• Xefe de estadoByzantine emperor (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
MoedaSólido Editar o valor em Wikidata

Βασιλεία Ῥωμαίων
Imperio Romano (Bizantino)


(Emblema da Dinastía Paleólogo)

Lema: Βασιλεὺς Βασιλέων
Βασιλεύων Βασιλευόντων

(Grego: Rei de reis que reina sobre os reinantes)

Cronoloxía
-667 Fúndase a Antiga cidade de Bizancio (futura Constantinopla).
330 Constantino fai de Constantinopla a capital.
395 División permanente do Imperio Romano trala morte de Teodosio I.
527
Xustiniano I ascende a emperador.
532-537
Xustiniano I constrúe a Igrexa da Divina Sabedoría.
533-554
Os xenerais de Xustiniano I reconquistan África do Norte e Italia dos vándalos e ostrogodos.
568 Os longobardos invaden Italia.
634-641 Perda de Exipto, Siria e Palestina fronte aos árabes. Nas décadas seguintes toman a maior parte do Norte de África e despois conquistan Sicilia.
730-787
813-843
Controversias iconoclastas resultan na perda da maioría dos territorios italianos do Imperio xunto con algúns territorios no sur.
1054 A Igrexa de Constantinopla sepárase da Igrexa de Roma.
1071 Batalla de Manzikert. A maior parte de Asia Menor pérdese. Os normandos conquistan os últimos enclaves bizantinos en Italia.
1204 Toma de Constantinopla polos Cruzados. Créase o Imperio Latino.
1261 Miguel VIII Paleólogo, emperador bizantino do Imperio de Nicea, libera Constantinopla.
1453 Constantinopla é conquistada polos turcos otománs

O Imperio Bizantino (chamado tamén, Imperio Romano de Oriente) foi un imperio cristián medieval de cultura grega cuxa capital estaba en Constantinopla ou Bizancio (actual Istambul). Abarcaba todo o Mediterráneo oriental, pero co tempo foi sufrindo importantes reducións territoriais.

Non hai un consenso xeral en canto á data de inicio do Imperio Bizantino. Para algúns autores a data clave é a fundación de Constantinopla no ano 330, en tanto que outros estudosos consideran como acta de nacemento do Imperio Bizantino a morte de Teodosio I, en 395, cando o Imperio Romano foi definitivamente dividido en dúas metades, oriental e occidental. Outros pensan que pode falarse con propiedade de Imperio Bizantino a partir do momento en que foi deposto o último emperador romano de Occidente, Rómulo Augústulo (476).

A desaparición do Imperio Romano de Oriente produciuse coa caída de Constantinopla en poder dos turcos otománs en 1453. Con todo, a desaparición do estado bizantino non acabou cos sentimentos nacionalistas do pobo, xa que os actuais habitantes de Grecia considéranse herdeiros da tradición bizantina.

O nome "Imperio Bizantino"[editar | editar a fonte]

"Imperio Bizantino" é unha expresión moderna que resultaría estraña aos seus contemporáneos. O nome orixinal do Imperio en grego era Romania (Ρωμανία) ou Basileía Romaíon (Βασιλεία Ρωμαίων), tradución directa do nome en latín do Imperio Romano, Imperium Romanorum.

A expresión "Imperio Bizantino" (de Bizancio, antigo nome de Constantinopla) é unha creación do historiador alemán Hieronymus Wolf, quen en 1557 -un século despois da caída de Constantinopla- a utilizou na súa obra Corpus Historiae Byzantinae para designar este período da historia en contraposición coas culturas grega e romana da Antigüidade clásica. O termo non se fixo de uso frecuente ata o século XVII, cando foi popularizado por autores franceses, como Montesquieu.

O éxito do termo pode gardar certa relación co histórico rexeitamento de occidente a ver no Imperio Bizantino ao herdeiro lexítimo de Roma, polo menos desde que, no século IX, Carlomagno e os seus sucesores esgrimiron o documento apócrifo coñecido como "Doazón de Constantino" para se proclamaren, coa conivencia do Papado, emperadores romanos. Desde esta época, o título Imperator Romanorum (emperador dos romanos) quedou reservado aos soberanos do Sacro Imperio Romano Xermánico, mentres que o emperador de Constantinopla era chamado Imperator Graecorum (emperador dos gregos), e os seus dominios, Imperium Graecorum, Graecia, Terra Graecorum ou mesmo Imperium Constantinopolitanus.

A palabra "bizantino" adquiriu despois un sentido pexorativo, como sinónimo de "decadente", debido á obra de historiadores como Edward Gibbon, William Lecky ou o propio Arnold J. Toynbee, quen, comparando a civilización bizantina coa Antigüidade clásica, viron a historia do Imperio Bizantino como un prolongado período de decadencia. Influíu seguramente tamén nesta apreciación o punto de vista dos cruzados dos reinos de Europa occidental que visitaron o imperio desde final do século XI.

En galego utilízase a expresión «discusión bizantina» para referir a unha disputa sobre cuestións carentes de verdadeira importancia, seguramente baseada nas interminábeis controversias teolóxicas sostidas polos intelectuais bizantinos.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Para asegurar o control do Imperio Romano e facer máis eficiente a súa administración, Diocleciano, no final do século III, instituíu o réxime de goberno coñecido como tetrarquía, dividindo o imperio en dúas metades, gobernadas por dous emperadores augustos, cada un dos cales levaba asociado un césar, un "vice-emperador" e futuro herdeiro. Trala abdicación de Diocleciano o sistema perdeu a súa vixencia e abriuse un período de guerras civís que non concluíu ata 324, cando Constantino I o Grande unificou ambas partes do Imperio.

Constantino reconstruíu a cidade de Bizancio como nova capital en 330. Chamouna "Nova Roma" pero coñeceuse popularmente como Constantinopla. A nova administración tivo o seu centro na cidade, gozaba dunha envexábel situación estratéxica e estaba situada no nó das máis importantes rutas comerciais do Mediterráneo oriental.

Constantino foi tamén o primeiro emperador en adoptar o cristianismo, relixión que foi incrementando a súa influencia ao longo do século IV e terminou por ser proclamada polo emperador Teodosio I, no final de dita centuria, relixión oficial do Imperio. Á morte do emperador Teodosio, en 395, o Imperio dividiuse definitivamente: Honorio, o seu fillo máis vello, herdou a metade occidental, con capital en Roma, mentres que ao seu outro fillo, Arcadio, lle correspondeu a oriental, con capital en Constantinopla. Para a maioría dos autores, é a partir deste momento cando comeza propiamente a historia do Imperio Bizantino. Mentres que a historia do Imperio Romano de Occidente concluíu en 476, cando foi deposto o xove Rómulo Augústulo polo xermano Odoacro, a historia do Imperio Bizantino prolongarase durante aínda case un milenio.

Historia temperá[editar | editar a fonte]

En tanto que o Imperio de Occidente se afundiu de forma definitiva, os sucesores de Teodosio foron capaces de conxurar as sucesivas invasións de pobos bárbaros que ameazaron o Imperio de Oriente. Os visigodos foron desviados cara a Occidente polo emperador Arcadio (395-408). O seu sucesor, Teodosio II (408-450) reforzou as murallas de Constantinopla, facendo dela unha cidade inexpugnábel (de feito, non sería conquistada por tropas estranxeiras ata 1204), e logrou evitar a invasión dos hunos mediante o pago de tributos ata que se disgregaron e deixaron de representar un perigo trala morte de Atila, en 453. Pola súa banda, Zenón (474-491) evitou a invasión do ostrogodo Teodorico, dirixíndoo cara a Italia.

A unidade relixiosa foi ameazada polas herexías que proliferaron na metade oriental do Imperio, e que puxeron de relevo a división en materia doutrinal entre as catro principais sedes orientais: Constantinopla, Antioquía, Xerusalén e Alexandría. Xa en 325, o Concilio de Nicea condenara o arianismo que negaba a divindade de Cristo. En 431, o Concilio de Éfeso declarou herético o nestorianismo. A crise máis duradeira, con todo, foi a causada pola herexía monofisita que afirmaba que Cristo só tiña unha natureza, a divina. Aínda que foi tamén condenada polo Concilio de Calcedonia, en 451, gañara numerosos adeptos, sobre todo en Exipto e Siria, e todos os emperadores fracasaron nos seus intentos de restabelecer a unidade relixiosa. Neste período iníciase tamén a estreita asociación entre a Igrexa e o Imperio: León I (457-474) foi o primeiro emperador coroado polo patriarca de Constantinopla.

No final do século V, durante o reinado do emperador Anastasio I, o perigo que supoñían as invasións xermánicas parece definitivamente conxurado. Os pobos xermánicos, xa asentados no desaparecido Imperio de Occidente, están demasiado ocupados consolidando as súas respectivas monarquías como para interesárense por Bizancio.

A época de Xustiniano[editar | editar a fonte]

Mapa do Imperio Bizantino en 550. As conquistas de Xustiniano aparecen en verde

Durante o reinado de Xustiniano (527-565), o Imperio chegou ao apoxeo do seu poder. O emperador propúxose restaurar as fronteiras do antigo Imperio Romano, para o que emprendeu unha serie de guerras de conquista en Occidente:

  • Entre 533 e 534 un exército ao mando do xeneral Belisario conquistou o reino dos vándalos, na antiga provincia romana de África. O territorio, unha vez pacificado, foi gobernado por un funcionario denominado magister militum.
  • Entre 535 e 536, Belisario arrebatou aos ostrogodos Sicilia e o sur de Italia, chegando ata Roma. Tras unha breve recuperación dos ostrogodos (541-551), un novo exército bizantino, comandado esta vez por Narsés, anexionou de novo Italia ao Imperio.
  • En 552 os bizantinos interviñeron en disputas internas da Hispania visigoda e anexionaron ao Imperio extensos territorios do sur da Península Ibérica, chamándoa Provincia de Spania. A presenza bizantina en Hispania prolongouse ata o ano 620.

Na fronteira oriental, Belisario detivo as ansias expansionistas do persa Cosroes I (531-579), ao que derrotou na batalla de Daras.

Xustiniano nos mosaicos da igrexa de San Vital de Rávena

As campañas de Xustiniano en Occidente deixaron exhausta a facenda imperial e precipitaron ao imperio nunha situación de crise, que chegaría ao seu punto culminante a comezos do século VII.

A época de Xustiniano non só destaca polos seus éxitos militares. Baixo o seu reinado, Bizancio viviu unha época de esplendor cultural, malia a clausura da Universidade de Atenas, destacando, entre outras moitas, as figuras dos poetas Nono de Panópolis e Paulo Silenciario, o historiador Procopio, e o filósofo Xoán Filópono. Entre 528 e 533, unha comisión nomeada polo emperador codificou o Dereito romano no Corpus Iuris Civilis, permitindo así a transmisión á posteridade dun dos máis importantes legados do mundo antigo. O esplendor da época de Xustiniano atopa o seu mellor exemplo nunha das obras arquitectónicas máis afamadas da historia da Arte, a igrexa de Santa Sofía, construída durante o seu reinado polos arquitectos Antemio de Tralles e Isidoro de Mileto.

O repregamento de Bizancio[editar | editar a fonte]

Os séculos VII e VIII constitúen na historia de Bizancio unha especie de "Idade Escura" acerca da cal temos moi escasa información. É un período de crise, do cal, malia as tremendas dificultades externas (a fustrigación do islam e os continuos ataques de búlgaros e eslavos) e internas (as loitas iconoclastas), o Imperio saíu transformado e reforzado.

As ameazas exteriores[editar | editar a fonte]

Historia de Grecia

Grecia prehelénica
Prehistoria de Grecia
-3200 Civilización cicládica
-2700 Civilización minoica
 -1550 Civilización micénica
Grecia antiga
 -1200 Idade escura
 -800 Época arcaica
 -510 Época clásica
 -323 Época helenística
 -146 Grecia romana
Grecia medieval
 330 Imperio bizantino
 1202 Cuarta cruzada
 1453 Grecia otomana
Grecia contemporánea
  1799 República das sete illas
  1822 Guerra de independencia
 1832 Reino de Grecia
 1936 Réxime do 4 de agosto
 1941 Ocupación
 1946 Guerra civil
 1967 Ditadura dos coroneis
 1974 República helénica

O século VII comeza coa crise provocada pola espectacular ofensiva do monarca sasánida Cosroes II, que coas súas conquistas en Exipto, Siria e Asia Menor, chegou a ameazar a existencia mesma do Imperio. Esta situación foi aproveitada por outros inimigos de Bizancio, como os ávaros e eslavos, que puxeron sitio a Constantinopla en 626. O emperador Heraclio foi quen, tras unha guerra longa e esgotadora, de conxurar este perigo, rexeitando o asalto de ávaros e eslavos, e derrotando definitivamente aos persas en 628.

Con todo, apenas uns anos despois, entre 633 e 645, a fulgurante expansión do islam arrebata para sempre ao Imperio, exhausto pola guerra contra Persia, as provincias de Siria, Palestina e Exipto. A mediados do século VII, as fronteiras estabilizáronse. Os árabes continuaron facendo presión, chegando ata a ameazar a capital, pero a superioridade naval bizantina, reforzada polas súas magníficas fortificacións navais e o seu monopolio do "lume grego" (un produto químico capaz de arder baixo a auga) salvou a Bizancio.

Na fronteira occidental, o Imperio viuse obrigado a aceptar desde a época de Constantino IV (668-685) a creación dentro das súas fronteiras, na provincia de Moesia, do reino independente dos búlgaros. Ademais, pobos eslavos foron instalándose nos Balcáns, chegando ata o Peloponeso. En Occidente, a invasión dos longobardos fixo moito máis precario o dominio bizantino sobre Italia.

A querela iconoclasta[editar | editar a fonte]

Entre os anos 726 e 843, o Imperio Bizantino foi esgazado polas loitas internas entre os iconoclastas, partidarios da prohibición das imaxes relixiosas, e os iconódulos, contrarios á devandita prohibición. A primeira época iconoclasta prolongouse desde 726, ano en que León III (717-741) suprimiu o culto ás imaxes, ata 783, cando foi restabelecido polo Segundo Concilio de Nicea. A segunda tivo lugar entre 813 e 843. Neste ano foi restabelecida definitivamente a ortodoxia.

Segundo algúns autores, o conflito iconoclasta reflicte tamén a división entre o poder estatal - os emperadores, a maioría partidarios da iconoclastia-, e o eclesiástico - o patriarcado de Constantinopla, en xeral iconódulo-; tamén se sinalou que mentres que en Asia Menor eran maioría os iconoclastas, a parte europea do Imperio era máis ben partidaria do culto ás imaxes.

Transformacións[editar | editar a fonte]

A principios do século IX, o Imperio sufrira varias transformacións importantes:

  • Uniformación cultural e relixiosa: a perda fronte ao islam das provincias de Siria, Palestina e Exipto trouxo como consecuencia unha maior uniformidade. Os territorios que o Imperio conservaba a mediados do século VII eran de cultura fundamentalmente grega. O latín foi definitivamente abandonado en favor do grego. Xa en 629, durante o reinado de Heraclio, está documentado o uso do termo grego basileus en lugar do latín augustus. No aspecto relixioso, a incorporación destas provincias ao islam deu por concluída a crise monofisita, e en 843 o triunfo dos iconódulos supuxo por fin a unidade relixiosa.
  • Reorganización territorial: no século VII - probabelmente na época de Constante II (641-668)- o Imperio foi dotado dunha nova organización territorial para facer máis eficaz a súa defensa. O territorio bizantino organizouse en themata, distritos militares que eran ao mesmo tempo circunscricións administrativas, e cuxo gobernador e xefe militar, o estrategos, gozaba dunha ampla autonomía.
  • Ruralización: a perda das provincias do Sur, onde máis desenvolvemento alcanzaran a artesanía e o comercio, implicou que a economía bizantina pasase a ser esencialmente agraria. A irrupción do islam no Mediterráneo a partir do século VIII dificultou as rutas comerciais. Decreceu a poboación e a importancia das cidades no conxunto do Imperio, en tanto que empezaba a desenvolverse unha nova clase social, a aristocracia latifundista, especialmente en Asia Menor.

Renacemento macedónico[editar | editar a fonte]

O final das loitas iconoclastas supón unha importante recuperación do Imperio, visíbel desde o reinado de Miguel III (842-867), último emperador da dinastía Amoriana, e, sobre todo, durante os case dous séculos (867-1056) en que Bizancio foi rexido pola dinastía macedonia. Este período é coñecido polos historiadores como "renacemento macedónico".

A política exterior[editar | editar a fonte]

Durante estes anos, a crise en que se ve sumido o califato abbásida, principal inimigo do imperio en oriente, debilita considerabelmente a ofensiva islámica. Con todo, os novos estados musulmáns que xurdiron como resultado da disolución do califato, principalmente os aglabís do norte de África e os fatimís de Exipto, loitaron duramente contra os bizantinos pola supremacía no Mediterráneo oriental. Ao longo do século IX, os musulmáns arrebataron definitivamente Sicilia ao imperio. Creta xa fora conquistada polos árabes no ano 824. O século X foi unha época de importantes ofensivas contra o islam, que permitiron recuperar territorios perdidos moitos séculos antes: Nicéforo Focas (963-969) reconquistou o norte de Siria, incluíndo a cidade de Antioquía (969), así como as illas de Creta (961) e Chipre (965).

O grande inimigo occidental do Imperio durante esta etapa foi o Estado búlgaro. Convertida ao cristianismo a mediados do século IX, Bulgaria alcanzou o seu apoxeo en tempos do tsar Simeón (893-927), educado en Constantinopla. Desde 896 o Imperio estivo obrigado a pagar un tributo a Bulgaria, e, en 913, Simeón estivo a piques de atacar a capital. Á morte deste monarca, en 927, o seu reino comprendía boa parte de Macedonia e de Tracia, xunto con Serbia e Albania. O poder de Bulgaria foi con todo declinando durante o século X, e, a principios do século seguinte, Basilio II (976-1025), chamado Bulgaróctonos ("matador de búlgaros") invadiu Bulgaria e anexionouna ao imperio, dividíndoa en catro themata.

O Imperio bizantino á morte de Basilio II
O Imperio bizantino á morte de Basilio II

Un dos feitos máis decisivos, e de efectos máis duradeiros, desta época foi a incorporación dos pobos eslavos á órbita cultural e relixiosa de Bizancio. Na segunda metade do século IX, os monxes de Tesalónica Cirilo e Metodio foron enviados a evanxelizar Moravia a petición do seu monarca, Ratislao. Para levar a cabo a súa tarefa crearon, partindo do dialecto eslavo falado en Tesalónica, unha lingua literaria, o antigo eslavo eclesiástico ou litúrxico, así como un novo alfabeto para poñela por escrito, o alfabeto glagolítico (logo substituído polo alfabeto cirílico). Aínda que a misión en Moravia fracasou, a mediados do século X produciuse a conversión do principado de Kíiv, quedando así baixo a influencia de Bizancio un estado de extensión moito maior que o propio imperio.

As relacións con occidente foron tensas desde a coroación de Carlomagno (800) e as pretensións dos seus sucesores ao título de emperadores romanos e ao dominio sobre Italia. Durante toda esta etapa, malia a perda de Sicilia, o imperio seguiu tendo unha enorme influencia no sur da Península Itálica. As tensións con Odón I, quen pretendía expulsar aos bizantinos de Italia, resolvéronse mediante o matrimonio da princesa bizantina Teófano, sobriña do emperador bizantino Xoán Tzimiscés, con Odón II.

A política relixiosa[editar | editar a fonte]

Trala resolución do conflito iconoclasta, restaurouse a unidade relixiosa do Imperio. No entanto, houbo de facerse fronte á herexía dos paulicianos, que no século IX chegou a ter unha gran difusión en Asia Menor, así como á súa repunta en Bulgaria, a doutrina bogomilita.

Durante esta época foron evanxelizados os búlgaros. Esta expansión do cristianismo oriental provocou os receos de Roma, e a mediados do século IX estalou unha grave crise entre o patriarca de Constantinopla, Focio e o papa Nicolao I, quen se excomungaron mutuamente, producíndose unha primeira separación das igrexas oriental e occidental que se coñece como Cisma de Focio. Ademais da rivalidade pola primacía entre as sedes de Roma e Constantinopla, existían algúns desacordos doutrinais. O Cisma de Focio foi, con todo, breve, e arredor do 877 as relacións entre Oriente e Occidente volveron á normalidade.

A ruptura definitiva con Roma consumouse en 1054, con motivo dunha disputa sobre o texto do Credo, no que os teólogos latinos incluíran a cláusula filioque, significando así, contra a tradición das igrexas orientais, que o Espírito Santo procedía non só do Pai, senón tamén do Fillo. Existía tamén desacordo noutros moitos temas menores, e subxacía, sobre todo, o enfrontamento pola primacía entre as dúas antigas capitais do Imperio.

O declive do Imperio (1056-1261)[editar | editar a fonte]

Emperador Manuel I Comneno (1143-1180)

Tralo período de esplendor que supuxo o renacemento macedónico, na segunda metade do século XI comezou un período de crise, marcado pola crecente feudalización do Imperio e a súa debilidade ante a aparición de dous poderosos novos inimigos: os turcos selxúcidas e os reinos cristiáns de Europa occidental.

Na fronteira oriental, os turcos selxúcidas, que ata o momento centraran o seu interese en derrotar ao Exipto fatimí, empezaron a facer incursións en Asia Menor, de onde procedía a maior parte dos soldados do Imperio. Coa inesperada derrota na batalla de Manzikert (1071) do emperador Romano IV Dióxenes a mans de Alp Arslan, sultán dos turcos selxúcidas, terminou a hexemonía bizantina en Asia Menor. Os intentos posteriores dos emperadores Comnenos por reconquistaren os territorios perdidos revelaranse sempre infrutuosos. Máis aínda, un século despois, Manuel I Comneno sufriría outra humillante derrota fronte aos selxúcidas en Myriokephalon en 1176.

En Occidente, os normandos expulsaron de Italia aos bizantinos nuns poucos anos (entre 1060 e 1076), e conquistaron Dyrrachium, en Iliria, desde onde pretendían abrirse camiño ata Constantinopla. A morte de Roberto Guiscardo en 1085 evitou que estes plans se levasen a efecto. Con todo, poucos anos despois, a Primeira Cruzada converteuse nun quebradizo de cabeza para o emperador Aleixo I Comneno. Discútese se foi o propio emperador o que solicitou a axuda de Occidente para combater contra os turcos. Aínda que teoricamente se comprometeron a poñeren baixo a autoridade de Bizancio os territorios sometidos, os cruzados terminaron por establecer varios Estados independentes en Antioquía, Edesa, Trípoli e Xerusalén.

Os alemáns do Sacro Imperio Romano Xermánico e os normandos de Sicilia e o sur de Italia seguiron atacando o Imperio durante o século XII. As cidades-estado e repúblicas italianas como Venecia e Xénova, ás cales Aleixo concedera dereitos comerciais en Constantinopla, convertéronse nos obxectivos de sentimentos antioccidentais debido ao resentimento existente cara aos francos ou latinos. Aos venecianos en especial lles importunáronlles moito as devanditas manifestacións do pobo bizantino, tendo en conta que a súa frota de barcos era a base da mariña bizantina.

A situación na primeira metade do século XIII.

Frederico I Barbarroxa (emperador do Sacro Imperio Romano) intentou conquistar sen éxito o Imperio durante a Terceira Cruzada, pero foi a cuarta a que tivo o efecto máis devastador sobre o Imperio Bizantino en séculos. A intención expresa da cruzada era conquistar Exipto e os bizantinos, crendo que non había posibilidades de venceren a Saladino (sultán de Exipto e Siria e principal inimigo dos cruzados instalados en Terra Santa), decidiron manterse neutrais. A reticencia bizantina a implicarse na Cruzada, a toma do control da expedición por parte dos venecianos posto que os seus dirixentes non podían pagar o transporte das tropas e a cobiza por parte dos xefes cruzados dos tesouros de Constantinopla fixeron que os cruzados tomasen por asalto Constantinopla en 1204, dando orixe ao efémero Imperio Latino (1204-1261). Por primeira vez desde a súa fundación por Constantino, máis de 800 anos antes, a cidade fora tomada por un exército estranxeiro. O poder bizantino pasou a estar permanentemente debilitado. Neste tempo, o reino serbio, baixo a dinastía Nemanjic, fortaleceuse aproveitando o derrube de Bizancio, iniciando un proceso que culminaría cando en 1346 se constituíu o Imperio Serbio.

Tres estados gregos herdeiros do Imperio Bizantino permaneceron fóra da órbita do recentemente creado Imperio Latino: o Imperio de Nicea, o Imperio de Trebisonda, e o Despotado de Epiro. O primeiro, controlado pola Dinastía Paleólogo, reconquistou aos latinos Constantinopla en 1261 e derrotou a Epiro, revitalizando o Imperio pero prestando demasiada atención a Europa cando a crecente penetración dos turcos en Asia Menor constituía o principal problema.

O final: o sitio turco[editar | editar a fonte]

Para máis información, véxase Caída de Constantinopla

O Imperio Bizantino arredor de 1400

A historia de Bizancio trala reconquista da capital por Miguel VIII Paleólogo é a dunha prologada decadencia. No lado oriental o avance turco reduciu case ao nada os dominios asiáticos do Imperio, convertido nalgunhas etapas en vasalo dos otománs, nos Balcáns debeu competir cos Estados gregos e latinos que xurdiran a raíz da conquista de Constantinopla en 1204, e no Mediterráneo a superioridade naval veneciana deixaba moi poucas opcións a Constantinopla. Ademais, durante o século XIV o Imperio, convertido nun máis de numerosos Estados balcánicos, debeu afrontar a terrible revolta dos almogávares cataláns e dúas devastadoras guerras civís.

Durante un tempo o Imperio sobreviviu simplemente porque selxúcidas, mongois e persas safávidas estaban demasiado divididos para poderen atacar, pero finalmente os turcos otománs invadiron todo o que quedaba das posesións bizantinas fóra dun número de cidades portuarias. (Os otománs - núcleo orixinario do futuro Imperio Otomán - procedían dun dos sultanatos escindidos do Estado selxúcida baixo o mando dun líder chamado Osman I Gazi, que daría o nome á dinastía otomá ou osmanlí).

O Imperio apelou a Occidente en busca de axuda, pero os diferentes Estados poñían como condición a reunificación da igrexa católica e a ortodoxa. A unidade das igrexas foi considerada, e ocasionalmente levada a cabo por decreto legal, pero os cidadáns ortodoxos non aceptarían o catolicismo romano. Algúns combatentes occidentais chegaron en auxilio de Bizancio, pero moitos preferiron deixar ao Imperio sucumbir, e non fixeron nada cando os otománs conquistaron os territorios restantes.

Constantinopla foi nun principio desestimada en pos da súa conquista debido ás súas poderosas defensas, pero coa chegada dos canóns, as murallas - que fora impenetrábeis excepto para a Cuarta Cruzada durante máis de 1.000 anos - xa non ofrecían a protección adecuada fronte aos turcos otománs. A Caída de Constantinopla finalmente produciuse logo dun sitio de dous meses levado a cabo por Mehmet II o 29 de maio de 1453. O último emperador bizantino, Constantino XI Paleólogo, foi visto por última vez cando entraba en combate coas tropas de xanízaros dos otománs, que superaban de xeito rotundo aos bizantinos. Mehmet II tamén conquistou Mistra en 1460 e Trebisonda en 1461.

O mundo bizantino[editar | editar a fonte]

Demografía[editar | editar a fonte]

Son moi poucos os datos que poden permitirnos calcular a poboación do Imperio Bizantino. J. C. Russell[1] estima que no final do século IV a poboación total do Imperio Romano de Oriente era duns 25 millóns, repartidos nunha área de aproximadamente 1 600 000 km². Por volta do século IX, con todo, trala perda das provincias de Siria, Exipto e Palestina e a crise de poboación do século VI, habitarían o Imperio ao redor de 13 millóns de persoas nun territorio de 745.000 km².

Cara ao século XIII, coas importantes minguas territoriais sufridas polo Imperio, non é probábel que o basileus rexese os destinos de máis de 4 000 000 de persoas. Desde entón o territorio do imperio - e, polo tanto, a súa poboación - foi decrecendo rapidamente ata a caída de Constantinopla en 1453.

As maiores concentracións de poboación estiveron sempre na parte asiática do Imperio, especialmente no litoral exeo de Asia Menor.

En canto ás cidades, o crecemento de Constantinopla foi espectacular nos século IV e V. Mentres que a capital de Occidente, Roma, declinara considerabelmente desde os tempos de Augusto, en que chegou a ter preto do millón de habitantes, ata o século V, con só uns 100.000, Constantinopla, que no momento do seu fundación contaba escasamente con 30.000 habitantes, chegou na época de Xustiniano aos 400.000.

Pero Constantinopla non era a única gran cidade do Imperio. A poboación de Alexandría nesa mesma época estimouse en torno aos 300.000 habitantes, algo maior que Antioquía (uns 250.000), seguida doutras cidades como Éfeso, Esmirna, Pérgamo, Trebisonda, Edesa, Nicea, Tesalónica, Tebas e Atenas.

O século VI supuxo un importante retroceso da urbanización debido tanto ás guerras como a unha sucesión de epidemias e catástrofes naturais. No século seguinte, trala perda de Siria, Palestina, Exipto e Cartago, só quedaron dúas grandes cidades no Imperio: a capital e Tesalónica. Parece que a poboación de Constantinopla decreceu considerabelmente durante os séculos VI e VII (a causa, entre outras razóns, da peste) e só comezou a recuperarse a mediados do século VIII. Estímase que a súa poboación sería de 300.000 habitantes durante o renacemento macedónico, e de non menos de 500.000 baixo a dinastía Comnena.

Nos últimos tempos do Imperio as cidades sufriron un pronunciado declive. Estímase que no momento da súa conquista polos turcos a poboación da capital estaba en torno aos 50.000 habitantes, e a da segunda cidade do Imperio, Tesalónica, arredor dos 30.000.

Economía[editar | editar a fonte]

A agricultura[editar | editar a fonte]

Como no resto do mundo na Idade Media, a principal actividade económica era a agricultura. Esta estaba organizada en latifundios, nas mans da nobreza ou do clero.

A industria[editar | editar a fonte]

A principal industria era a téxtil, baseada en talleres de seda estatais, que empregaban a grandes cantidades de operarios. O Imperio dependía por completo do comercio con Oriente para o abastecemento de seda ata que a mediados do século VI uns monxes descoñecidos - quizais nestorianos - lograron levar casulos de vermes de seda a Xustiniano. O Imperio comezou a producir a súa propia seda - principalmente en Siria -, e a súa fabricación foi un segredo celosamente gardado e descoñecido no resto de Europa ata polo menos o século XII.

O comercio[editar | editar a fonte]

Hai que destacar a grande importancia do comercio. Pola súa situación xeográfica, o Imperio Bizantino foi un intermediario necesario entre Oriente e o Mediterráneo, polo menos ata o século VII, cando o islam se apoderou das provincias meridionais do Imperio. Era especialmente importante a posición da capital, que controlaba o paso de Europa a Asia, e ao dominar o Estreito do Bósforo, os intercambios entre o Mediterráneo (desde onde se accedía a Europa occidental) e o Mar Negro (que enlazaba co Norte de Europa e Rusia).

Existían tres rutas principais que enlazaban o Mediterráneo co Extremo Oriente:

1. O camiño máis curto atravesaba Persia, e logo Asia Central (Samarcanda, Bukhara). Coñécese como Ruta da Seda.
2. Unha segunda ruta, moito máis difícil, evitaba Persia, e ía do Mar Negro, a través dos portos de Crimea, ao Caspio, e de aí a Asia Central. Esta ruta foi aberta na época de Xustino II.
3. Por mar, desde a costa de Exipto, a través do mar Vermello e do océano Índico, aproveitando os monzóns, ata Sri Lanka. Esta ruta marítima posibilitaba non só o comercio coa India, senón tamén co reino de Aksum, na actual Eritrea. Unha pormenorizada relación das vicisitudes desta ruta atópase na obra do viaxeiro Cosmas Indicopleustes. O comercio bizantino por esta ruta desapareceu cando no século VII se perderon as provincias meridionais do Imperio.

O comercio bizantino entrou en decadencia durante os séculos XI e XII, por mor das ruinosas concesións que se fixeron a Venecia, e, en menor medida, a Xénova e a Pisa.

Un importante elemento na economía do Imperio foi a súa moeda, o soldo bizantino, de estendido prestixio no comercio mundial da época.

Organización política e administrativa[editar | editar a fonte]

Para máis información, véxase, no artigo Títulos e cargos do Imperio Bizantino, a información acerca dos títulos imperiais, títulos cortesáns e títulos da Administración.

O emperador[editar | editar a fonte]

O xefe supremo do Imperio Bizantino era o emperador (basileus), que dirixía o exército e a administración. Cada emperador tiña a potestade de elixir ao seu sucesor, ao que asociaba ás tarefas de goberno conferíndolle o título de césar. Nalgún momento da historia de Bizancio (concretamente, durante o reinado de Romano Lecapeno) chegou a ver ata cinco césares simultáneos.

O sucesor non era necesariamente fillo do emperador. En moitos casos, a sucesión foi de tío a sobriño (Xustiniano, por exemplo, sucedeu ao seu tío Xustino I e foi sucedido polo seu sobriño Xustino II. Outros personaxes chegaron á dignidade imperial a través do matrimonio, como Nicéforo II ou Romano IV Dióxenes.

Aínda que o emperador elixía o seu sucesor, foron moitos os que chegaron ao poder ao ser proclamados emperadores polo exército (como Heraclio ou Aleixo I Comneno), ou grazas ás intrigas cortesás, ás veces aderezadas con numerosos crimes. Para evitar que os emperadores depostos e os seus familiares reivindicasen o trono, eran con frecuencia cegados e, nalgunhas ocasións, castrados, e confinados en mosteiros. Un caso peculiar é o de Xustiniano II, chamado Rhinotmetos ("Nariz Cortado"), a quen o usurpador Leoncio cortou o nariz e enviou ao desterro, aínda que recuperaría posteriormente o seu trono. Estes crimes atroces foron sumamente frecuentes na historia do Imperio Bizantino, especialmente nas épocas de inestabilidade política.

A figura do emperador estaba especialmente relacionada coa Igrexa, que se converteu nun factor estabilizador, e especialmente co Patriarca de Constantinopla. A monarquía bizantina tiña un carácter cesaropapista: un dos títulos do emperador era Isapóstolos (igual aos Apóstolos), e certas prerrogativas do seu cargo remiten ao rex sacerdos (rei sacerdote) da monarquía israelita. O emperador e o Patriarca tiñan unha relación de mutua interdependencia: aínda que o emperador designaba ao Patriarca, era este o que sancionaba o seu acceso ao poder mediante a cerimonia de coroación. Entre un e outro houbo na historia de Bizancio moitos momentos de tensión, pois os intereses do Estado diferían ás veces dos da Igrexa. Na última etapa do Imperio, por exemplo, cando os emperadores, para obter a axuda de Occidente fronte aos turcos, intentaron restaurar a unidade relixiosa da súa igrexa coa de Roma, atopáronse coa tenaz resistencia dos patriarcas.

Unha das principais bazas do emperador era o seu control sobre unha eficaz administración, que se rexía polo Corpus Iuris Civilis, recompilado na época de Xustiniano. A organización territorial baseábase, desde o século VII, nos thémata ("temas"), provincias ao mando dun strategos ou xeneral.

O exército[editar | editar a fonte]

Para máis información, ver Exército bizantino e, en Títulos e cargos do Imperio Bizantino, o apartado sobre títulos militares.

O exército bizantino foi durante séculos o máis poderoso de Europa. Herdeiro do exército romano, nos séculos III e IV foi substancialmente reformado, desenvolvendo sobre todo a cabalaría pesada (catafracto), de orixe sármata.

A armada bizantina tivo un papel preponderante na hexemonía do Imperio, grazas ás súas áxiles embarcacións, chamadas dromos e ao uso de armas secretas como o "lume grego". A superioridade naval de Bizancio proporcionoulle o dominio do Mediterráneo oriental ata o século XI, cando empezou a ser substituída polo incipiente poder dalgunhas cidades-estado italianas, especialmente Venecia.

Nun primeiro momento existían dous tipos de tropas: os limitanei (guarnicións de fronteira) e os comitatenses. A partir do século VII o Imperio foi organizado en themata, circunscricións tanto administrativas como militares dirixidas por un strategos, cuxa existencia mellorou substancialmente a capacidade defensiva de Bizancio fronte aos seus numerosos inimigos exteriores.

Na defensa de Bizancio xogou un importante papel a hábil diplomacia dos seus emperadores. Os pagos de tributos mantiveron moito tempo afastados aos inimigos do Imperio, e o seu servizo de espionaxe logrou salvar situacións que parecían desesperadas.

Unha das debilidades do exército bizantino, que foi acentuándose co tempo, foi a necesidade de empregar tropas mercenarias, de fidelidade dubidosa. Entre os corpos mercenarios máis coñecidos está a famosa garda varega. A crise máis terríbel que os mercenarios causaron no Imperio foi seguramente a revolta dos almogávares, no século XIV.

A arte da estratexia alcanzou un grande auxe na época bizantina, e ata varios emperadores, como é o caso de Mauricio escribiron tratados sobre a arte militar. Estas doutrinas enxalzaban o sixilo, a sorpresa e o liderado dos comandantes.

Relixión[editar | editar a fonte]

Un dos trazos máis característicos da civilización bizantina é a importancia da relixión e do estamento eclesiástico na súa ideoloxía oficial. Igrexa e Estado, emperador e patriarca, identificáronse progresivamente, ata o punto de que o apego á verdadeira fe (a "ortodoxia") foi un importante factor de cohesión política e social no Imperio Bizantino, o que non impediu que xurdisen numerosas correntes heréticas.

O cristianismo primitivo tivo un desenvolvemento moito máis rápido en Oriente que en Occidente. É moi significativo o feito de que o Concilio de Calcedonia recoñecese en 451 cinco grandes patriarcados, dos cales só un (Roma) era occidental; os outros catro (Constantinopla, Xerusalén, Alexandría e Antioquía) pertencían ao Imperio de Oriente. De todos eles, o principal foi o Patriarcado de Constantinopla, cuxa sé estaba na capital do Imperio. As outras tres sedes foron separándose paulatinamente de Constantinopla, primeiro por mor da herexía monofisita, duramente perseguida por varios emperadores; logo, con motivo da invasión do islam no século VII, as sés de Alexandría, Antioquía e Xerusalén quedaron definitivamente baixo dominio musulmán.

Durante o século VII, houbo algúns intentos da Igrexa Ortodoxa por atraerse aos monofisitas, mediante posturas relixiosas intermedias, como o monotelismo, defendido por Heraclio e polo seu neto Constante II. Con todo, nos anos 680 e 681, no Terceiro Concilio de Constantinopla retornouse definitivamente á ortodoxia.

A Igrexa Ortodoxa sufriu outra crise importante co movemento iconoclasta, primeiro entre os anos 730 e 787, e logo entre 815 e 843. Enfrontáronse dous grupos relixiosos: os iconoclastas, partidarios da prohibición do culto ás imaxes ou iconas, e os iconódulos, que defendían esta práctica. As iconas foron prohibidas por León III comezando así as máis agres disputas. Isto non se resolveu ata que a emperatriz Irene convocou o Segundo Concilio de Nicea en 787 que reafirmou as iconas. Esta emperatriz considerou unha alianza con Carlomagno que unise ambas metades da Cristiandade, pero que foi desestimada.

O movemento iconoclasta rexurdiu no século IX, sendo derrotado definitivamente en 843. Todos estes conflitos internos non axudaron a resolver o cisma que se estaba producindo entre occidente e oriente.

No século IX destaca a figura do patriarca Focio, que por primeira vez rexeitou o primado de Roma, abrindo unha historia de desencontros que culminaría en 1054, co chamado Cisma de Oriente e Occidente. Focio esforzouse tamén en equiparar o poder do patriarca ao do emperador, postulando unha especie de diarquía ou goberno compartido.

O cisma contribuíu, con todo, á transformación da igrexa ortodoxa nunha igrexa nacional. Isto reforzouse máis aínda coa humillación sufrida en 1204 pola invasión dos cruzados e o traslado temporal da sé patriarcal a Nicea.

Durante o século XIV desenvolveuse unha importante corrente relixiosa, coñecida como hesicasmo (do grego hesychía, que pode traducirse como "quietude" ou "tranquilidade"). O hesicasmo defendía o recollemento interior, o silencio e a contemplación como medios de achegamento a Deus, e difundiuse sobre todo polas comunidades monásticas. O seu máximo representante foi Gregorio Palamas, monxe de Athos que chegaría a ser arcebispo de Tesalónica.

Desde final do século XIII houbo varios intentos de volver á unidade relixiosa con Roma: en 1274, en 1369 e en 1438, para conseguir a axuda occidental fronte aos turcos. Con todo, ningún destes intentos chegou a prosperar.

Cultura e arte[editar | editar a fonte]

Para máis información, véxase Arte bizantina

Lingua e literatura[editar | editar a fonte]

Nas orixes do Imperio Bizantino existiu unha situación de diglosia entre o latín e o grego. O primeiro era a lingua da administración estatal, en tanto que o grego era a lingua falada e o principal vehículo de expresión literaria. A Igrexa e a educación utilizaban tamén o grego. A isto debe engadirse que algunhas rexións do Imperio empregaban outras linguas, como o arameo e a súa variante o siríaco en Siria e Palestina, e o copto en Exipto.

Co tempo, o latín foi definitivamente desprazado polo grego, que se converteu tamén na lingua da administración imperial. É significativo que xa na época de Heraclio o título de Augustus, en latín, sexa substituído polo de basileus, en grego. O latín, con todo, continuou aparecendo en inscricións e en moedas ata o século XI.

A invasión do islam e a perda das provincias orientais propiciaron unha maior helenización do Imperio. O grego falado no Imperio era o resultado da evolución do grego helenístico, e adoita denominarse grego medieval ou grego bizantino. Existían grandes diferenzas entre a linguaxe literaria, deliberadamente arcaica, e a linguaxe falada, a koiné popular, moi de cando en cando utilizada na literatura.

A literatura, como en xeral a cultura bizantina en todos os seus aspectos, caracterízase por tres elementos: helenismo, cristianismo e influxo oriental. Helenismo porque continúa a tradición da Grecia clásica pese aos intentos romanizadores de Xustiniano e o seu sobriño Xustino II, que só alcanzaron ao dereito. Cristianismo porque esa foi desde Constantino a relixión do Imperio, malia a oposición intelectual ata ben entrado o século VI; influxo oriental pola estreita relación con pobos asiáticos e africanos.

A literatura bizantina conta cun poema en grego popular, o de Dígenis Akritas, e con líricos de primeira orde como Teodoro Pródromo. Posúe uns xéneros característicos, como os bestiarios, volucrarios, lapidarios e as novelas bizantinas (Eustacio Macrembolita, Os amores de Isinia e Ismino, Teodoro Pródromo, Os amores de Rodante e Dosicles, Nicetas Euxeniano, As aventuras de Drusila e Caricles e Constantino Manasés, Aventuras de Aristandro e Calitea). Foi especialmente fecunda en escritos teolóxicos, cristolóxicos e haxiográficos. Foi en particular relevante para a literatura occidental a historia de Barlaam e Xosafat, onde se atopan alusións á vida de Buda, e que foi divulgada por todo Occidente.

A historia tivo representantes eminentes, como Procopio de Cesarea, secretario que foi do famoso xeneral Belisario durante o reinado de Xustiniano e á vez panexirista do emperador nos seis libros das súas Historias e o seu detractor na chamada Historia secreta. Na lírica destaca o epigrama con figuras como Paulo Silenciario e Agatías, este último antoloxista e historiador do período que seguiu a Xustiniano. Xurxo de Pisidia compuxo poesía e epigramas. Existe un interesante libro de viaxes de Cosmas Indicopleustes. Do século VII destaca un historiador, Simocata, que non chega á importancia de Procopio; neste século destaca o poeta Romano o Mélodo, autor de himnos relixiosos. Entre o século VIII e o XI se compila a xa mencionada epopea nacional Dígenís Akritas, composta nunha lingua semiculta; tamén se fan poemas sobre as fazañas de Alexandre Magno e compóñense enciclopedias como a Suda, de non sempre esquisita veracidade. Recompilouse nesta época o máis importante corpus de epigramática grega que se conserva, a Antoloxía palatina. O cristianismo entra no xénero tradicional pagán coa obra do monxe Teodoro Estudita e da monxa poetisa Casia. Algúns emperadores dedicáronse ás letras, como León VI o Sabio, que foi poeta, así como o seu fillo, Constantino VII Porfiroxéneta. San Xoán Damasceno compuxo tratados teolóxicos e polémicos en escuro estilo; o citado Teodoro escribe tamén sobre a cuestión iconoclasta, así como obras ascéticas e de eséxese.

No último período, desde final do XI, existe unha gran cantidade de literatura polémica relixiosa, pero tamén escriben Focio e Miguel Psellos sobre outros temas e propíciase un renacemento das letras gregas. Este renacemento pasará a Europa coa dispersión dos eruditos bizantinos pola Península Itálica trala conquista de Constantinopla polos otománs. En Italia renacerá o estudo do grego e o humanismo e de aí pasará ao resto do mundo. Tzetzes escribe poemas didácticos e eruditos. O epigrama alcanza cumes en Cristovo de Mitilene ou Xoán Mauropo. Escríbense novelas en Grecia e proliferan os bestiarios e lapidarios, e crónicas como a soada Crónica de Morea, que mandou traducir ao aragonés o gran mestre da Orde de San Xoán de Xerusalén Xoán Fernández de Heredia. O inquedo e inconformista poeta Teodoro Pródromo escribe catro poemas satíricos na lingua popular e escribe a súa Catomiomaquia, ou Loita dos Gatos contra os Ratos a modo de parodia. Hai excelentes historiadores que deixan testemuño das Cruzadas, como Nicetas Acominato, Paquimeras, Nicéforo Brienio ou a súa esposa Ana Comnena, princesa imperial autora de A Alexiada, historia do seu pai Aleixo I Comneno. Durante a época dos Paleólogos a literatura entra en decadencia pero despois xorde con forza a filoloxía.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Arquitectura bizantina.

A arquitectura bizantina é herdeira da arquitectura romana e a arquitectura paleocristiá. É unha arquitectura esencialmente relixiosa, aínda que non faltaron os edificios civís de importancia. Mostra unha marcada predilección polo ladrillo como material de construción (aínda que disimulado por laxas de pedra no exterior e por suntuosos mosaicos no interior). Aínda que utiliza a columna (destaca a substitución do ábaco polo cimacio), a súa innovación máis característica é o uso sistemático da cuberta abovedada. Os tipos de bóveda máis utilizados son a de canón e a de aresta, pero destaca sobre todo a cúpula, coa súa característica base sobre pendente_(arquitectura)s (aínda que tamén se empregou ocasionalmente a cúpula sobre trompas). En canto á planta, a máis frecuente nos templos é a de cruz grega, cunha cúpula na intersección das naves. É frecuente que os templos, ademais do corpo de nave principal, posúan un adro ou narthex, de orixe paleocristiá, e o presbiterio precedido de iconostasio, chamada así porque sobre este cerramento calado colocábanse as iconas pintadas.

Na historia da arte e a arquitectura bizantinos adoitan distinguirse tres períodos ou "Idades de Ouro".

  1. A Primeira Idade de Ouro ten o seu momento máis representativo na época de Xustiniano, e os seus edificios máis destacados son a igrexa dos Santos Serxio e Baco, a de Santa Irene e, sobre todo, a de Santa Sofía, todas elas en Constantinopla.
  2. A Segunda Idade de Ouro coincide co renacemento macedónico (séculos IX, X e XI). Segue sendo a igrexa de planta central cuberta con cúpula o modelo fundamental. Son frecuentes as igrexas de planta de cruz grega inscrita nun cadrado, cos brazos da cruz cubertos con bóvedas de canón, e cinco cúpulas, unha no centro e outras catro nos ángulos. O prototipo era a Nova Igrexa (Nea) construída por Basilio I, hoxe desaparecida. Algunhas igrexas destacadas son a igrexa dos Santos Apóstolos en Constantinopla, Santa Catarina de Salónica, a catedral de Atenas e a basílica de San Marcos de Venecia.
  3. A Terceira Idade de Ouro comeza trala recuperación de Constantinopla en 1261. É unha época de difusión das formas bizantinas, tanto cara ao Norte (Rusia) como cara a Occidente. As novidades deste período son máis ben decorativas que estruturais. Destacan igrexas como Santa María Pammakaristos en Constantinopla, as igrexas do monte Athos ou o conxunto de igrexas de Mistra no Peloponeso.

Escultura[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Escultura bizantina

O estilo bizantino quedou definido a partir do século VI. Anteriormente dominaba o estilo romano tardío, aínda na mesma Constantinopla segundo o evidencian diversas estatuas erixidas por toda a cidade. No entanto, outros monumentos da época iniciaban xa o gusto bizantino, como o Disco de Teodosio de Madrid que ostenta en baixorrelevo as figuras do emperador e a súa corte (393).

O estilo bizantino en escultura debe considerarse como unha derivación do romano, baixo a influencia asiática. Caracterízanlle, en xeral, certo amaneiramento, uniformidade e rixidez ou falta de naturalidade nas figuras xunto coa gravidade, que adoita consistir en esmaltes, en imitacións de pedras e sartas de perlas, en trazos xeométricos e en follaxe estilizada ou desprovista de naturalidade.

Cultivou a arte bizantina moi pouco o vulto redondo pero abundou en relevos sobre marfil, prata e bronce e non abandonou completamente o uso de camafeos e entalles en pedras finas. Nos relevos, como nas pinturas e mosaicos, preséntanse as figuras mirando de fronte.

Mosaicos[editar | editar a fonte]

Da cultura romana Bizancio herdou a decoración mediante mosaicos que chegaron ao seu máximo esplendor con este imperio.

Pintura[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Pintura bizantina.

Son particularmente destacábeis os retablos de temática relixiosa coñecidos como iconas.

Música[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Música bizantina.

A música bizantina, de carácter normalmente relixioso estaba fortemente emparentada co canto gregoriano.

Legado[editar | editar a fonte]

O Imperio Bizantino foi un imperio multicultural, que naceu como cristián e herdeiro da tradición romana, comprendendo a zona de Oriente e que desapareceu en 1453 como un reino grego ortodoxo. O escritor británico Robert Byron describiuno como o resultado dunha tripla fusión: un corpo romano, unha mente grega e unha alma oriental.

Bizancio foi a única potencia estábel na Idade Media. A súa influencia serviu de factor estabilizador en Europa, servindo de barreira contra a presión das conquistas dos exércitos musulmáns e actuando como enlace co pasado clásico e a súa antiga lexitimidade.

A caída do imperio foi traumática, tanto que durante moito tempo se considerou 1453 como a división entre a Idade Media e a Idade Moderna. O conquistador otomán Mehmet II e os seus sucesores consideráronse a si mesmos herdeiros lexítimos dos emperadores bizantinos ata o derrubamento do Imperio Otomán, a principios do século XX. Con todo, o papel do emperador bizantino como cabeza da ortodoxia oriental foi reclamado polos Grandes Duques de Moscova, empezando por Iván III. O seu neto Iván IV o Terríbel converteuse no primeiro tsar de Rusia (o título de tsar provén do latín caesar, "césar"). Os seus sucesores apoiaron a idea que Moscova era a herdeira lexítima de Roma e Constantinopla, a Terceira Roma - unha idea mantida polo Imperio Ruso ata o seu propio fin a principios do século XX.

Desde o punto de vista comercial, Bizancio era o punto de partida da Ruta da Seda, o eixe económico que unía Europa con Oriente, importando materias de luxo como seda e especias. A interrupción desta ruta con motivo da desaparición do Imperio Bizantino provocou a procura de novas rutas comerciais, chegando españois e portugueses a América e África á busca de rutas alternativas. Os portugueses, que acabaron a Reconquista antes e dispuxeron dos recursos necesarios con antelación, crearon un imperio atlántico que permitía alcanzar a India ao circunnavegar África. Os casteláns, posteriormente, patrocinarían a Colón e aos conquistadores, que supoñerían a creación dun imperio colonial que transformaría a España na primeira potencia mundial.

Bizancio desempeñou un papel inestimábel para a conservación dos textos clásicos, tanto no mundo islámico como na Europa occidental, onde sería clave para o Renacemento. A súa tradición historiográfica foi unha fonte de información sobre os logros do mundo clásico. Ata tal punto foi así, que se cre que o rexurdir cultural, económico e científico do século XV non sería posíbel sen a bases establecidas na Grecia bizantina.

A influencia de Bizancio en asuntos como a teoloxía sería vital para pensadores europeos como Santo Tomé de Aquino.

Así mesmo cómpre mencionar que o Imperio foi clave na extensión do cristianismo, relixión que definiría Europa durante séculos. Dos catro maiores focos desta relixión, tres (Xerusalén, Antioquía e Constantinopla) achábanse no seu territorio e ata que aconteceu o cisma de Oriente foi o maior foco espiritual. Tamén foi responsábel da evanxelización dos pobos eslavos, grazas a misioneiros tan soados como Cirilo e Metodio, que evanxelizaron os pobos eslavos e desenvolveron un sistema de escritura que aínda hoxe en día se segue utilizando en moitos países, o alfabeto cirílico. Para rematar, é notábel a súa influencia nas igrexas copta, etíope e a de armenia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «Late Ancient and Medieval Population» (Transactions of the American Philosophical Society, 48 (3), 1958)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Bibliografía[editar | editar a fonte]

En español[editar | editar a fonte]

Historias xerais
  • Cabrera, Emilio (1998.). Historia de Bizancio. Madrid: Ariel. ISBN 84-344-6599-X. 
  • Norwich, John Julius (2000). Breve historia de Bizancio. Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-1819-3. 
  • Ostrogorsky, Georg (1983). Historia del Estado Bizantino. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-690-1.  (título original alemán: Die Geschichte des bizantinischen Staates, 1963)
  • Treadgold, Warren (2001). Breve historia de Bizancio. Editorial Paidós. ISBN 84-493-1110-1.  (título original inglés: A concise history of Byzantium)
O mundo bizantino
  • Bravo García, A., Signes Codoñer, J., Rubio Gómez, E. (2001). El imperio bizantino: historia y civilización: coordenadas bibliográficas. Madrid: Ediciones Clásicas. ISBN 84-7882-195-3. 
  • Baynes, Norman H. (1996 (sétima reimpresión)). El Imperio Bizantino. México D.F.: Fondo de la Cultura Económica. ISBN 968-16-0720-1. 
  • Chrysos, Evangelos (2005). El imperio bizantino, 565-1025 (Enciclopedia del Mediterráneo, 21 ). Icaria. ISBN 84-7426-755-2. 
  • Walker, Joseph M. (2005). Historia de Bizancio. Madrid: Edimat. ISBN 84-9764-502-2. 
Divulgación
  • Asimov, Isaac (1982). Constantinopla. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-1886-1.  (título orixinal inglés: Constantinople - The Forgotten Empire, 1970)

Noutras linguas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

En español
En inglés
Noutras linguas