Sólido (moeda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Solidus redirixe aquí. Para outros usos véxase: solidus (termodinámica).
Para o Sólido característico do Imperio Bizantino, véxase tamén: nomisma.
Sólido a nome de Constantino II (317-337)

O sólido (en latín: solidus) foi unha moeda romana do ouro da época do Imperio, introducida nos inicios do século IV en substitución do áureo, que, por mor da súa estabilidade, continuou a súa existencia en Bizancio ata o século XI, constituíndo a base dos sistemas monetarios de ambos os imperios.[1][2][3][4]

Tras a súa desaparición, o sólido foi a base de diferentes moedas posteriores, con circulación en diferentes rexións do mundo.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

Moeda dun sólido e medio, cuñado a nome de Constantino en 327, no obradoiro monetario de Tesalónica

O sólido foi creado por Constantino na súa reforma monetaria de 310, cun peso teórico de 4,5 gramos de ouro fino, para financiar o seu exército e as súas guerras civís. Na práctica, viña substituír o áureo como moeda de ouro, que fora instituído por Diocleciano, e pasou a se converter na unidade de conta do Imperio, en detrimento do denario de prata.[6]

Cuñouse por primeira vez no obradoiro monetario de Tréveris, cara a 310, e máis adiante, logo da vitoria sobre Maxencio en 312, noutros de Italia, cun peso de 1/72 de libra (4,55 gramos), motivo polo que ás veces amosaba a marca LXXII (72). O sólido dividíase en 24 siliquas. [7][8]

En adiante, Constantino foi quen de manter a estabilidade do peso do sólido, apoiado por feitos como a recuperación, en 324, do tesouro de guerra do seu adversario Licinio, e as confiscacións de metais preciosos que se conservaban en templos, en 331.[9] Paralelamente, para a reposición regular das súas existencias de ouro e para asegurar efectivo para os seus elevados gastos, Constantino tivo que crear novos impostos, que cumpría pagar maioritariamente en ouro:[10]

Ademais das emisións regulares de sólidos, existiron tamén múltiplos co valor dun sólido e medio, dous e aínda máis, que se cuñaron en tiraxes moi limitadas, co gallo de celebrar acontecementos tales como aniversarios imperiais ou nomeamentos dos altos funcionarios, e tamén para agasallos. Estas moedas non estaban destinadas á súa circulación efectiva.[11]

Consolidación[editar | editar a fonte]

A produción de sólidos, que dimunuíra tras a conversión en moeda dos tesouros de Licinio, volveu a coller pulo en 340, grazas a un novo fluxo de ouro proveniente de novos depósitos que comezan a explotarse arredor de 390.[12]

Sólido a nome de Valente, coa marca OB no reverso, que acredita que é de ouro puro

A garantía do peso do sólido era necesaria desde o punto de vista económico, aínda que se ía vendo comprometida polo desgaste natural das pezas causado pola circulación, e tamén pola fraude que supuñan os recortes e as limaduras dos cantos. Para estes efectos, o emperador Xuliano introduciu en 363 a figura duns funcionarios controladores en cada cidade grande do Imperio, responsables de comprobar o peso dos sólidos e de arbitrar nos conflitos producidos no comercio por este problema.[13] Este corpo de funcionarios mantívose vixente baixo a dinastía valentiniana.[14]

En 368, Valentiniano e Valente reforzaron o valor do sólido, pasando a lei do metal precioso do 95 % a máis do 99 %, garantida pola marca OB (obryziacus: "de ouro puro") no reverso dalgunhas moedas.[15]

Baixo Teodosio, a creación das denominacións de medio sólido (semis ou semissis) e, especialmente, dun terzo de sólido (tremis ou tremissis), esta última con 1,5 gramos de ouro e moi amplamente cuñada, fixo máis accesible o uso das moedas de ouro polos particulares, polo que aumentou a súa difusión nos circuítos económicos.[16]

Posición dominante[editar | editar a fonte]

No contexto dun sistema monetario en que o peso e o valor das moedas de prata e de bronce flutuaban adoiro (xeralmente cara a abaixo), o sólido, cunha extensión uniforme polos territorios do Imperio, era a única moeda estable como base da expresión de débedas e prezos. Georges Depeyrot resúmeo así: "o sólido de ouro convértese no pivote da economía e dos cambios durante séculos".[17]

 Co sólido, o ouro pasou a ser a referencia para o sistema fiscal e os gastos imperiais. As taxas e as multas expresábanse nesta moeda e, en ocasións, nas súas fraccións, do mesmo xeito que os gastos militares, os honorarios e as recompensas excepcionais (de aí a palabra actual "soldo").[18]

Na segunda metade do século IV, a produción anual de soldos estímase entre un e dous millóns de pezas, cantidade que de seguro se incrementaría os anos de grandes campañas militares.[19]

O sólido nos imperios de Oriente e de Occidente[editar | editar a fonte]

Sólidos árabe-bizantinos. O de arriba, dos tempos do califa Muawiyah I (661-680); o de abaixo, do califato omeia, imitación dos sólidos de Heraclio (610-641)

En 395, a derradeira separación do Imperio en Occidente e Oriente non cambiou a unidade do sistema monetario, ata tal punto que os sólidos emitidos en Constantinopla circulan con regularidade en Occidente.

Imperio de Oriente[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Nomisma.

No imperio oriental, déuselle a esta moeda a denominación grega de nomisma, aínda que no ámbito numismático é frecuente a alternancia entre ambas as denominacións (sólido e nomisma) para estas moedas orientais, ata a súa desvalorización do século X e a definitiva desaparición baixo o reinado de Aleixo I Comneno (1081-1118), cando foi substituída por unha nova moeda de maior pureza, chamada hyperpyron. Unha derivación dese sólido bizantino foi o denominado besante, que circulou fundamentalmente polo mundo árabe e en certas áreas do Mediterráneo.[20][21]

Imperio de Occidente[editar | editar a fonte]

Cuñaxe visigoda que imita un sólido de Libio Severo (461-466)

A situación é máis complexa no imperio de Occidente tras as grandes invasións: no reduto romano, os obradoiros monetarios imperiais de Rávena, Milán, Roma e, ás veces, Arles, continuaron a emitir soldos coas efixies dos emperadores, ata Rómulo Augústulo en 476, mentres que os pobos xermánicos que se instalaron como federados nas provincias periféricas cuñaban imitacións destas pezas, tamén con bustos e lendas alusivos aos emperadores romanos, aínda que con marcas ficticias do lugar de fabricación. Con estes precedentes, a partir da fin do reinado de Valentiniano III, preto de 450, o reino visigodo de Tolosa emitiu soldos de peso inferior, o efémero reino suevo da Península Ibérica emitiu terzos de soldo, e outro tanto fixeron posteriormente os Burgundios.[22][23]

Logo da fin política do Imperio de Occidente, marcada pola destitución de Rómulo Augústulo en 476, o sólido aínda seguiu circulando. Foi moi imitado polos pobos bárbaros, especialmente polos merovinxios, aínda que as máis das veces no seu valor dun terzo de sólido (tremissis).[24]

Descendentes do sólido[editar | editar a fonte]

O nome do sólido (lat: solidus) está na orixe de denominacións monetarias posteriores como "soldo" (con variantes idiomáticas como sol, sou, shilling, etc.), e doutras palabras do noso idioma, como "soldo" (salario) ou "soldado".[25]

Predecesor:
Aureus Valerian-RIC 0034-transparent.png
Áureo
Solidus Julian-transparent.png
Sólido

Imperio Romano e Imperio Bizantino
Sucesor:
Hyperpiron of Michael VIII Palaiologos.jpg
Hyperpyron

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Glosario de unidades monetarias: Sólido". En Pita Fernández, Ricardo Luís. Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela, 1999. ISBN 84-605-9958-2
  2. Alfaro Asíns, C. et al. "Sólido". En Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7 (en castelán)
  3. "Solidus". En Forvm Ancient Coins (en inglés)
  4. "1Solidus*". En Digalego. Dicionario de galego.
  5. "Solidus. Impact on the world currencies". En Monete-Romane.com (en inglés)
  6. Cepeda, Juan José. "Las reformas de Diocleciano y Constantino I y su reflejo en la composición de los tesoros monetarios". En VIII Curs d'Història Monetària d'Hispània. La moneda de l'Imperi romá. Museu Nacional d'Art de Catalunya. 2004
  7. Depeyrot (2006). Páxina 167.
  8. "La création du Solidus par Constantin". En Les monnaies d'or romaines. www.sacra-moneta.com (en francés)
  9. Depeyrot (1987). Páxina 104.
  10. Petit, Paul. Histoire Général de l'Empire romain. Seuil. París, 1974. Páxina 589. ISBN 978-2-02-002677-2
  11. Depeyrot (1987). Páxina 48.
  12. Depeyrot (1987). Páxinas 113.114.
  13. Codex Theodosianus. 12, 7, 2.
  14. Depeyrot (1987). Páxinas 117-118.
  15. Depeyrot (2006). Páxina 172.
  16. Petit (1974). Páxina 671.
  17. Peyrot (2006). Páxina 168.
  18. Depeyrot (1987). Páxina 113.
  19. Depeyrot (1987). Páxina 47.
  20. Alfaro Asíns, C. et al. (2009). "Nomisma".
  21. Cartwright, Mark. "Byzantine Coinage". En Ancient Histoy Encyclopedia (en inglés)
  22. Vico, Jesús; Cores, M. Cruz. "La moneda visigoda". En Gaceta Numismática. 169. Xuño de 2008 (en castelán)
  23. Depeyrot (1987). Páxinas 90-93.
  24. "Collection de monnaies mérovingiennes". En BnF Gallica (en francés)
  25. Postan, M.; Rich, E.; Miller, E. (eds). The Cambridge Economic History of Europe. Vol. III. Apendix. Cambridge University Press. 1965. Páxina 598: "12 pennies = shilling = scilling = skillingr = solidus = sou = soldo = sueldo"

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]