Enciclopedia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Gran Enciclopèdia Catalana

Unha enciclopedia é unha de referencia que é compendio de información que abrangue tódalas pólas do coñecemento humano..[1] As enciclopedias están divididas en artigos ou entradas, que están ordenados por orde alfabética segundo o nome do artigo.[2] As entradas de enciclopedia son máis longas e achegan información máis polo miúdo que os dicionarios.[2] Ó contrario que as entradas de dicionario, que se centran en información lingüística sobre as palabras, os artigos das enciclopedias céntranse en información factual relativa ó suxeito do artigo.[3][4][5][6]

As enciclopedias existen dende hai 2 000 anos, sendo a máis antiga que se coñece Naturalis historia, escrita arredor do ano 77 por Plinio o Vello. As enciclopedias modernas evolucionaron dende os dicionarios arredor do século XVII. Historicamente, algunhas enciclopedias estaban contidas nun só volume, mentres que outras, como a Encyclopædia Britannica, a Enciclopedia Treccani (62 volumes, 56 000 páxinas) ou a meirande do mundo, Enciclopedia universal ilustrada europeo-americana (118 volumes, 105 000 páxinas), convertéronse en grandes obras multi-volume. Algunhas enciclopedias modernas, como a Wikipedia, son electrónicas e de contidos libres.

Concepto[editar | editar a fonte]

Enciclopedia Der Neue Pauly.

O termo procede do grego εγκύκλιος παιδεία (enkyklios paideia), que significa "nun círculo de instrución".

As enciclopedias poden ser xerais, contendo artigos sobre temas de tódalas áreas, ou poden especializarse nun campo en particular (por exemplo, unha enciclopedia de ciencia). Tradicionalmente, a información ordénase alfabeticamente por palabras que describen os temas.

Moitos escritores antigos (coma o filósofo Aristóteles) fixeron o intento de compendiar todo o coñecemento humano. Non obstante, John Harris é quen recibe o crédito por establecer o agora familiar formato de enciclopedia no 1704 co seu Lexicon technicum. A venerábel Enciclopedia Británica tivo un comezo modesto, de 1768 a 1771 publicáronse tan só tres volumes. Quizais a máis famosa enciclopedia antiga foi a Francesa Encyclopédie, editada por Denis Diderot e completada no 1772.

As enciclopedias, pola súa estrutura de palabras e referencias cruzadas, son extremadamente axeitadas para trasladaren os seus contidos do formato impreso ao formato dixital, debido a dúas razóns: primeiro, porque é bastante doado explorar e atopar o que se está buscando e segundo, porque é posíbel engadir sons, vídeos e outros contidos multimedia.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

En Sumeria, durante o cuarto milenio antes de Cristo, redactouse un glosario temático que se pode considerar como un primeiro intento de ordenar o coñecedemento do mundo. 600 anos despois rexístrase un intento semellante en Ebla que segue unha orde convencional de signos.

No antigo Exipto atópanse tamén listaxes temáticas. A Onomástica do Ramesseum, redactada contra o 1750 a. C. é unha listaxe de palabras agrupadas por categorías. Outra obra do mesmo xénero, moito máis desenvolvida, é a Onomástica de Amenofis, realizada contra o 1100. Componse de 610 elementos organizados de modo temático e segundo o antropólogo Jack Goody, contería máis de 2000 informacións distintas.

O filósofo grego Platón (428-348 a. C.) realizou un resumo dos coñecementos da súa época nun dos seus diálogos, o Timeo: Astronomía, Cosmogonía, Física e Medicina. Esta obra pode considerarse unha "enciclopedia metódica". O seu discípulo Aristóteles (384-322) produciu unha longa cantidade de tratados sobre gran variedade de temas cun espírito verdadeiramente enciclopédico e sen equivalentes no mundo antigo (Poética, Retórica, Lóxica, Política, Física, Psicoloxía, Bioloxía, Ética...). Porén, os seus estudos só foron difundidos 275 anos despois do seu pasamento.

Idade Antiga e Moderna[editar | editar a fonte]

Manuscrito iluminado de 1287 que mostra os enciclopedistas musulmáns, os Irmáns da Pureza

Anos despois créaronse outras obras que eran recompliacións ou epítomes de coñecementos xerais. Un dos repertorios máis temperáns e coñecidos, destinado a salvar os coñecementos esenciais da cultura grecolatina clásica é o titulado Etymologiae composto polo escritor visigodo Isidoro de Sevilla e redactado entre 627-630.[7] Outras obras deste período foron:

Dende o século XVIII[editar | editar a fonte]

O maior fito do período da Ilustración do Século XVIII é a Encyclopédie ou Dictionnaire raisonné des Sciences, des Arts et des métiers, compilada por un grupo de escritores e homes de ciencia de Francia. De maneira plenamente consciente, estes homes estaban dando as costas tanto á relixión como á metafísica vendo na ciencia pura unha nova forza motriz intelectual.

Reuniron nunha vasta obra tódolos coñecementos científicos da época, non como un mero rexistro alfabético, senón como un relato do modo científico de enfrontárense co mundo. Neste sentido, é especialmente interesante o seu Discours préliminaire des editeurs no que se enmarca o coñecemento humano en tres facultades: Historia, Filosofía e Belas Artes, recoñecendo as dificultades da clasificación das ciencias que se viñan desenvolvendo dende o século XVII.

Estes escritores desexaban forxar un poderoso instrumento para a loita contra o escurantismo das autoridades políticas e relixiosas. A maioría das figuras culturais e científicas da época colaboraron nesa empresa. Entre elas destacan D'Alembert, Diderot e Voltaire.

Entre 1768 e 1771, Adam e Charles Black publicaron a Encyclopædia Britannica, que se reimprimi en papel ata a versión informática con correccións e ampliacións. As edicións máis célebres foron a novena (1875-1889) e a undécima (1911) pola súa erudición e estilo literario. A décimo quinta edición divídese en tres partes: unha Micropædia de 12 volumes con artigos curtos de menos de 750 palabras, unha Macropædia de 17 volumes con artigos longos (entre 2 e 310 páxinas) e unha Propædia, nun só volume, que ofrece un esquema xerárquico do coñecemento humano.

No século XXI pasouse á incorporación de contidos en almacenamientos dixitais. O proxecto Gutenberg deu pulo á recompilación de datos antigos.

Enciclopedias galegas[editar | editar a fonte]

Varios exemplares da GEG ocupan as baldas da Biblioteca de Galicia.

Hai catro enciclopedias galegas.[8] De temática galega, a Gran Enciclopedia Gallega Silverio Cañada do ano 1974 de corenta e tres tomos, en lingua castelá e a Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada do ano 2005 en papel e tamén en DVD, en galego.

De temática universal, consultables en liña e editadas en galego son as outras dúas. A Enciclopedia Galega Universal da editorial Ir Indo, que require rexistro e tamén dispón de versión en papel de 16 tomos. E a Galipedia, a versión en galego da Wikipedia, de acceso libre.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Encyclopedia.". Arquivado dende o orixinal o 3 de agosto de 2007.  Glossary of Library Terms. Riverside City College, Digital Library/Learning Resource Center. Consultado o 17 de novembro de 2007.
  2. 2,0 2,1 Hartmann, R. R. K.; James, Gregory; James, Gregory (1998). Routledge, ed. Dictionary of Lexicography. p. 48. ISBN 0-415-14143-5. Consultado o 27 de xullo de 2010. 
  3. Béjoint, Henri (2000). Modern Lexicography, pp. 30–31. Oxford University Press. ISBN 0-19-829951-6
  4. Encyclopædia Britannica (ed.). "Encyclopaedia". Consultado o 27 de xullo de 2010. An English lexicographer, H.W. Fowler, wrote in the preface to the first edition (1911) of The Concise Oxford Dictionary of Current English language that a dictionary is concerned with the uses of words and phrases and with giving information about the things for which they stand only so far as current use of the words depends upon knowledge of those things. The emphasis in an encyclopedia is much more on the nature of the things for which the words and phrases stand. 
  5. Hartmann, R. R. K.; Gregory, James (1998). Routledge, ed. Dictionary of Lexicography. p. 49. ISBN 0-415-14143-5. Consultado o 27 de xullo de 2010. In contrast with linguistic information, encyclopedia material is more concerned with the description of objective realities than the words or phrases that refer to them. In practice, however, there is no hard and fast boundary between factual and lexical knowledge. 
  6. Cowie, Anthony Paul (2009). Oxford University Press, ed. The Oxford History of English Lexicography, Volume I. p. 22. ISBN 0-415-14143-5. Consultado o 17 de agosto de 2010. An 'encyclopedia' (encyclopaedia) usually gives more information than a dictionary; it explains not only the words but also the things and concepts referred to by the words. 
  7. "Enciclopedia y Diccionario diferencias, las enciclopedias en Internet: ventajas de una enciclopedia en impresos y la web". Biblioteca Digital de Trabajos Especiales de Grado. Consultado o 4-12-2010. 
  8. Ferro Ruibal, Xesús; capítulo 397 de Ben falado, TVG.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Enciclopedias

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]