A autenticidade do documento foi posta en dúbida xa durante a Idade Media, pero foi o humanistaLorenzo Valla quen, en 1440, a través da análise lingüística do texto demostrou que non podía estar datado arredor do ano 300, polo que concluíu definitivamente que se trataba dunha fraude da curia romana.
O longo proceso de achegamento entre o pontificado e o reino franco que comezara no pontificado do Papa Gregorio Magno (590-604), acadou un dos seus puntos culminantes na unción real coa que o Papa Estevo III[3] constituíu ao mordomo palatino Pipino o Breve como rei dos francos e patricius romanorum, dando por extinguida a dinastía merovinxia (752). Deste xeito, o Papa arrogábase a capacidade de traspasar a dignidade real dunha dinastía a outra e ao tempo, como contrapartida, concedía ao rei dos francos a capacidade de intervir nos asuntos italianos. De feito, Pipino cruzou os Alpes en dúas ocasións para reconquistar vastas rexións da península italiana de mans dos longobardos e doounas a san Pedro, o Príncipe dos Apóstolos. Foi así como se acabaron constituíndo, en pleno século VIII, os estados da Igrexa, e o Papa quedou convertido nun monarca temporal.[Cómpre referencia]
Cando se fixo necesario xustificar semellante innovación xurídica (de facto, os pontífices exercían xa unha non ben determinada xurisdición gobernativa desde as invasións bárbaras) recorreuse ao vello método medieval de "inventar" un documento que retrotraese no tempo a situación que se daba no presente. Este foi o nacemento do documento que pasou á historia como a Donatio Constantini (ss. VIII-IX).[Cómpre referencia]
↑Hai dúbidas sobre a numeración deste papa, pois existiu un papa Estevo de efémero reinado que debería levar o número II, pero hai cómputos de papas que non o teñen en conta, polo que Estevo III pode aparecer como Estevo II