Saltar ao contido

Imperio do Brasil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaImperio do Brasil
Império do Brasil (pt) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoHino da Independência do Brasil (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 22°54′S 43°12′O / -22.9, -43.2
CapitalRío de Xaneiro Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación14.333.915 Editar o valor en Wikidata
Lingua oficiallingua portuguesa Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica e catolicismo Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación7 de setembro de 1822 Editar o valor en Wikidata
Disolución15 de novembro de 1889 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porBrasil, Estados Unidos do Brasil e Primeira República Brasileira Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía constitucional Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoCongreso Nacional do Brasil , Editar o valor en Wikidata
Moedareal brasileiro Editar o valor en Wikidata

O Imperio do Brasil ( en portugués : Império do Brasil ) foi un estado do século XIX que comprendía en termos xerais os territorios que forman o Brasil e Uruguai actuais ata que este último acadou a independencia en 1828. O goberno do imperio era unha monarquía constitucional parlamentaria representativa baixo o goberno dos emperadores Pedro I e o seu fillo Pedro II. Colonia do Reino de Portugal, o Brasil converteuse na sede do Imperio Portugués en 1808, cando o príncipe rexente portugués, máis tarde rei Xoán VI, fuxiu da invasión de Portugal por Napoleón e estableceuse a si mesmo e ao seu goberno na cidade brasileira do Río de Xaneiro. Xoán VI regresou máis tarde a Portugal, deixando o seu fillo máis vello e herdeiro, Pedro, para gobernar o Reino do Brasil como rexente. O 7 de setembro de 1822, Pedro declarou a independencia do Brasil, despois de librar unha guerra exitosa contra o reino do seu pai, foi aclamado o 12 de outubro como Pedro I, o primeiro emperador do Brasil. O novo país era enorme, escasamente poboado e etnicamente diverso.

A diferenza da maioría das repúblicas hispanoamericanas veciñas, o Brasil tiña estabilidade política, un crecemento económico vibrante, liberdade de expresión constitucionalmente garantida e respecto polos dereitos civís dos seus súbditos, inda que con restricións legais sobre as mulleres e os escravos, estes últimos considerados propiedade e non cidadáns. O parlamento bicameral do Imperio foi elixido segundo métodos relativamente democráticos para a época, do mesmo xeito que as lexislaturas provinciais e locais. Isto levou a un longo conflito ideolóxico entre Pedro I e unha facción parlamentaria considerable sobre o papel do monarca no goberno. Tamén tivo que enfrontarse a outros obstáculos. A infrutuosa guerra cisplatina contra as veciñas Provincias Unidas do Río da Prata en 1828 levou á secesión da provincia de Cisplatina (que máis tarde se convertería en Uruguai). En 1826, a pesar do seu papel na independencia brasileira, converteuse en rei de Portugal; abdicou do trono portugués en favor de María II, a súa filla máis vella. Dous anos despois, ela foi usurpada polo irmán máis novo de Pedro I, Miguel I. Incapaz de ocuparse dos asuntos brasileiros e portugueses, Pedro I abdicou do trono brasileiro o 7 de abril de 1831 e partiu inmediatamente para Europa para restaurar a súa filla no trono portugués.

O sucesor de Pedro I no Brasil foi o seu fillo de cinco anos, Pedro II. Como este último era inda menor de idade, creouse unha rexencia débil. O baleiro de poder resultante da ausencia dun monarca gobernante como árbitro final nas disputas políticas levou a guerras civís rexionais entre faccións locais. Tras herdar un imperio a piques de desintegrarse, Pedro II, unha vez declarado legalmente maior de idade, conseguiu traer paz e estabilidade ao país, que finalmente se converteu nunha potencia internacional emerxente. Brasil foi vitorioso en tres conflitos internacionais (a guerra da Prata, a guerra do Uruguai e a guerra do Paraguai) baixo o goberno de Pedro II, e o Imperio prevaleceu en varias outras disputas internacionais e brotes de conflitos domésticos. Coa prosperidade e o desenvolvemento económico chegou unha afluencia de inmigración europea, incluídos protestantes e xudeus, inda que Brasil seguiu sendo maioritariamente católico. A escravitude, que inicialmente estivera xeneralizada, foi restrinxida por lexislacións sucesivas ata a súa abolición definitiva en 1888. As artes visuais, a literatura e o teatro brasileiros desenvolvéronse durante esta época de progreso. Inda que fortemente influenciado por estilos europeos que ían dende o neoclasicismo ata o romanticismo, cada concepto foi adaptado para crear unha cultura singularmente brasileira.

Inda que as últimas catro décadas do reinado de Pedro II estiveron marcadas por unha continua paz interna e prosperidade económica, non tiña ningún desexo de que a monarquía continuase máis alá da súa vida e non fixo ningún esforzo para manter o apoio á institución monárquica. A seguinte na liña de sucesión ao trono foi a súa filla Isabel, pero nin Pedro II nin as clases dominantes consideraron aceptable unha monarca. Ao carecer dun herdeiro viable, os líderes políticos do Imperio non viron ningunha razón para defender a monarquía. Despois dun reinado de 58 anos, o 15 de novembro de 1889 o emperador foi derrocado nun repentino golpe de estado liderado por unha camarilla de líderes militares cuxo obxectivo era a formación dunha república encabezada por un ditador, formando a Primeira República Brasileira.

Véxase tamén: Historia do Brasil.
Mapa do Brasil en 1823.

O territorio que acabaría sendo coñecido como Brasil foi reclamado polo Reino de Portugal o 22 de abril de 1500, cando o navegante Pedro Álvares Cabral desembarcou na súa costa.[1] O asentamento permanente seguiu en 1532 e, durante os seguintes 300 anos, os portugueses expandíronse lentamente cara ao oeste ata chegar a case todas as fronteiras do Brasil moderno.[1] En 1808, o exército do emperador francés Napoleón I invadiu Portugal, obrigando á familia real portuguesa (a Casa de Braganza, unha rama da milenaria dinastía dos Capetos) a exiliarse. Reestablecéronse na cidade brasileira de Río de Xaneiro, que se converteu na sede non oficial do Imperio Portugués.[2]

En 1815, o príncipe herdeiro portugués Xoán (máis tarde Xoán VI ), actuando como rexente, creou o Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve, o que elevou o status de Brasil de colonia a reino. Ascendeu ao trono portugués ao ano seguinte, tras a morte da súa nai, María I de Portugal. Regresou a Portugal en abril de 1821, deixando atrás o seu fillo e herdeiro, o príncipe Pedro, para gobernar Brasil como o seu rexente. O goberno portugués tomou medidas inmediatamente para revogar a autonomía política que se lle concedera a Brasil dende 1808. A ameaza de perder o seu control sobre os asuntos locais provocou unha oposición xeneralizada entre os brasileiros. José Bonifácio de Andrada, xunto con outros líderes brasileiros, convenceron a Pedro para que declarase a independencia do Brasil de Portugal o 7 de setembro de 1822. O 12 de outubro, o príncipe foi aclamado Pedro I, primeiro emperador do recentemente creado Imperio do Brasil, unha monarquía constitucional. A declaración de independencia foi rexeitada en todo o Brasil por unidades militares armadas leais a Portugal. A guerra de independencia que seguiu librouse en todo o país, con batallas nas rexións do norte, nordeste e sur. Os últimos soldados portugueses en renderse fixérono en marzo de 1824, e a independencia foi recoñecida por Portugal en agosto de 1825.[1][2]

Pedro I atopouse con varias crises durante o seu reinado. Unha rebelión secesionista na provincia cisplatina a principios de 1825 e o posterior intento das Provincias Unidas do Río da Prata (máis tarde Arxentina ) de anexionarse Cisplatina levaron o Imperio á guerra cisplatina : «unha guerra longa, sen gloria e, en última instancia, inútil no sur». En marzo de 1826, Xoán VI morreu e Pedro I herdou a coroa portuguesa, converténdose brevemente en rei Pedro IV de Portugal antes de abdicar en favor da súa filla máis vella, María II. A situación empeorou en 1828 cando a guerra no sur rematou coa perda de Cisplatina por parte do Brasil, que se convertería na república independente do Uruguai. Durante o mesmo ano en Lisboa, o trono de María II foi usurpado polo príncipe Miguel, irmán menor de Pedro I.[2]

Outras dificultades xurdiron cando se abriu o parlamento do Imperio, a Asemblea Xeral, en 1826. Pedro I, xunto cunha porcentaxe significativa da lexislatura, defendeu un poder xudicial independente, unha lexislatura elixida popularmente e un goberno dirixido polo emperador, que tivese amplos poderes executivos e prerrogativas.[3] Outros no parlamento defendían unha estrutura similar, só que cun papel menos influente para o monarca e que o poder lexislativo fose dominante na política e no goberno. A loita sobre se o goberno estaría dominado polo emperador ou polo parlamento continuou nos debates de 1826 a 1831 sobre o establecemento da estrutura gobernamental e política. Incapaz de abordar os problemas no Brasil e en Portugal simultaneamente, o emperador abdicou en nome do seu fillo, Pedro II, o 7 de abril de 1831 e inmediatamente embarcou cara a Europa para restaurar á súa filla no seu trono.[2]

  1. 1,0 1,1 1,2 Vianna, Hélio; Donato, Hernâni (1994). História do Brasil (15a. ed. rev. e atualizada até o governo de Fernando Collor ed.). São Paulo, SP: Melhoramentos. ISBN 978-85-06-01999-3. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Barman, Roderick James; Barman, Roderick James (1988). Brazil: the forging of a nation, 1798-1852. Stanford, Calif: Stanford University Press. ISBN 978-0-8047-1437-2. 
  3. Barman, Roderick James (2001). Citizen emperor: Pedro II and the making of Brazil, 1825 - 1891 (repr. ed.). Stanford, Calif: Stanford Univ. Press. ISBN 978-0-8047-3510-0. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]