A veneración de iconas fora definitivamente abolida polas medidas enérxicas de Constantino V co apoio do Concílio de Hieria (754). Estas tendencias iconoclastas compartíaas o novo emperador, León IV. Tras a súa morte prematura, a súa viúva Irene, como rexente de Constantino VI, desexaba restaurar a veneración de iconas. O concilio de Hieria non tivera a participación das igrexas occidentais e polo tanto non fora aceptado por toda a igrexa, e foi formalmente desacreditado cando Tarasio sucedeu a Paulo o Novo como patriarca de Constantinopla no ano 784. Tarasio desexaba un achegamento ás igrexas occidentais, e convocou un novo concilio, convidando ao papa Hadrián I que aceptou.
O concilio celebrou unha primeira reunión no ano 786, na Igrexa dos Santos Apóstolos de Constantinopla, secasí tras as protestas dos membros da delegación de Roma, que miraban a Constantinopla con desconfianza, disolveuse e trasladouse a Nicea. Participaron cerca de 350 persoas, 308 bispos ou os seus representantes. O patriarca Tarasio presidiu o concilio, celebrándose sete sesións. O concilio concluíu permitindo a veneración das iconas seguindo as pasaxes bíblicas do Êxodo 25:19, Números 7:89, Hebreos 9:5, Ezequiel 41:18 e Xénese 31:34.