Cárcere da Coruña
Cárcere da Coruña | |
---|---|
Edificio | |
Localización | Alcalde Francisco Vázquez 43 15002, A Coruña |
Coordenadas | 43°22′58″N 8°24′15″O / 43.382816, -8.404159 |
Construción | |
Inicio | 1925 |
Remate | 1927 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Prisión Provincial da Coruña, popularmente coñecida como Cárcere da Torre, pola súa proximidade á Torre de Hércules, é un edificio singular que albergaba o antigo centro penitenciario da cidade, construída entre 1925 e 1927 seguindo o proxecto de Juan Álvarez de Mendoza, designado por a Dirección Xeral de Prisións, en colaboración co arquitecto municipal Pedro Mariño. Durante a ditadura franquista, albergou decenas de presos políticos como o último alcalde republicano da cidade, Alfredo Suárez Ferrín, o Gobernador Civil de Coruña Francisco Pérez Carballo, o secretario xeral do PCE en Galicia José Gómez Gayoso ou membros da guerrilla como Antonio Seoane Sánchez ou Benigno Andrade "Foucellas". Na década de 1970 recibiu presos destacados do movemento obreiro de Ferrol e membros da banda terrorista ETA.
Estivo en funcionamento ata 1997, ano en que entrou en servizo o novo centro penitenciario de Teixeiro, máis moderno e con mellores instalacións, e dende entón permaneceu sen uso definido, albergando actos esporádicos como a exposición "From I to J" da cineasta Isabel Coixet,[1] mais cunha deterioración continua das instalacións en medio dunha disputa pola súa cesión entre o concello da Coruña e a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEP).[2]
Historia
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]Dende o peche da prisión medieval do Parrote en 1550 varios edificios da cidade cumpriron a función de penal, entre eles, o castelo de Santo Antón ou o convento de San Francisco, hoxe en ruínas. No século XIX, o cárcere da Audiencia era o principal centro penitenciario da cidade, porén, o aumento da poboación de reclusos e a antigüidade dese edificio provocou que xa en 1894, o entón alcalde da cidade, Carlos Martínez Esparís expresase publicamente a necesidade de construír un novo cárcere amplo e moderno que substituíse o da Audiencia.[3] O ano seguinte concretouse o orzamento que se ía destinar á prisión: 100.000 pesetas, concedidas polo presidente do Directorio militar, a cambio de soares para o Ministerio de Guerra.
Construción
[editar | editar a fonte]A pesar do recoñecemento da necesidade da construción dun novo penal no municipio xa en 1894, e a rapidez coa que se tramitou o expediente de xestión do orzamento para a prisión, o inicio da construción demorouse no tempo debido principalmente a problemas coa situación e o orzamento; baralláronse lugares como o Campo de Marte ou o propio castelo de Santo Antón, mais este último foi rexeitado debido ao custo que supuña conectar a illa con terra, que excedía o orzamento asignado.[3] Finalmente, a situación escollida para erixir o centro foi un soar en Monte Alto, fronte á Torre de Hércules.
A Dirección Xeral de Prisións puxo á fronte do proxecto o arquitecto Juan Álvarez de Mendoza, colaborando o arquitecto municipal coruñés Pedro Mariño.[4] Tras anos de agarda e negociacións, o proxecto finalmente foi datado en Madrid o 30 de xaneiro de 1925,[4] colocándose a súa primeira pedra en maio. Na cerimonia realizouse unha homenaxe á avogada Concepción Arenal.[2]
O edificio finalizou a súa construción en 1927, tras sufrir algúns cambios no seu deseño orixinal, e inaugurouse o 20 de setembro dese mesmo ano. Durante os anos en que funcionou sufriu modificacións na súa disposición e estrutura.
Primeiros anos (1928-1936)
[editar | editar a fonte]Os primeiros anos do penal coruñés estiveron marcados por un tiroteo nas inmediacións da prisión e a polvoreira de Monte Alto acontecido o 15 de maio de 1935, un rebumbio causado polo gánster Andrés Ageitos García, o 3 de agosto de 1935 cando ía ser trasladado á comisaría para facerlle a ficha policial que acabou nun motín dos 300 reclusos que tiña o centro penitenciario naqueles momentos[5] e un intento de fuga, onde un recluso que intentou facerse pasar por persoal de mantemento asasinou un garda que tentou verificar a súa identidade tras unha liorta.
Golpe de Estado e guerra civil (1936-1939)
[editar | editar a fonte]Tralo golpe de Estado, e a toma do poder na cidade por parte de milicias afíns a Franco, o centro comezou a albergar presos detidos por ocupar cargos de responsabilidade durante a Segunda República; así, o 21 de xullo de 1936, o Gobernador Civil de Coruña, Francisco Pérez Carballo,[6] marido de Juana Capdevielle, foi detido e levado á prisión.[6] Tamén varios membros da última corporación municipal republicana foron internados na prisión, entre eles o alcalde, Alfredo Suárez Ferrín,[7] ou o tenente de alcalde, Arturo Taracido Veira.[8]. Así mesmo, numerosas persoas acusadas de non apoiar o novo réxime foron encarceradas na prisión, e moitas delas fusiladas no Campo da Rata.
Coa guerra civil e a ditadura franquista, o cárcere da Coruña converteuse na única prisión de Galicia autorizada para que se puidesen extinguir penas, o que implicou un aumento exponencial no número de reclusos do penal nos anos seguintes.[9]
Intento fracasado de asalto á prisión en 1948
[editar | editar a fonte]O case inmediato estoupido da segunda guerra mundial, sorprendeu moitos ex-combatentes republicanos en Francia; moitos deles uniranse á resistencia francesa, no que foi a Agrupación de Guerrilleros Españoles. A partir de 1944, coa retirada dos exércitos alemáns, moitos destes guerrilleiros reorientaron a súa loita antifascista cara a España, conseguindo algúns enlazar con partidas que permaneceran no monte dende 1939, e tendo o seu apoxeo entre 1945 e 1947. En Galicia, esta guerrilla antifranquista estivo comandada por José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez; ambos foron detidos en 1948 tras ser delatados por un desertor, e conducidos á prisión coruñesa, onde foron condenados a morte nun xuízo sumarísimo.
A guerrilla lanzou en xullo de 1948 unha ofensiva para intentar liberar a ambos do presidio; tres grupos da guerrilla, de seis homes cada un, procedentes de Lugo, Ourense e A Coruña, armados con metralladoras, desembarcaron na praia das Lapas, próxima á prisión, e intentaron entrar no edificio, facéndose pasar por gardas mentres era o cambio de quenda; non obstante, foron descubertos e víronse obrigados a fuxir, fracasando a misión.[10] Gayoso e Seoane foron executados meses máis tarde en catividade.
Dous anos máis tarde, o 9 de marzo de 1952, Benigno Andrade, alias Foucellas, célebre maqui, considerado un dos últimos resistentes en Galicia foi apresado en Oza dos Ríos e trasladado ao edificio coruñés.[11] Foi sometido a un consello de guerra, o 26 de xuño de 1952, onde foi condenado a morte, e a execución da súa sentenza foi o 7 de agosto.
Peche e debate sobre o seu uso futuro e titularidade
[editar | editar a fonte]En 1997, anunciouse que a actividade carceraria da Coruña sería trasladada ao novo centro penitenciario que se estaba a construír en Teixeiro, debido a que o centro da torre quedara obsoleto[12]; en 1998, a orde de 29 de abril de 1998, do ministerio do Interior, creou o centro penitenciario de Teixeiro e clausurou o da Coruña[13], autorizando que este último puidese exercer de xeito temporal as funcións dun Centro de Inserción Social, dependente do novo centro, labores que se desenvolveron ata o ano 2009, ano en que cesou a súa actividade penitenciaria.[9]
O Informe Xeral de 1998 da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias mencionou como nese ano houbo unha alegación de Institucións Penitenciarias á modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbanística, ao ser cualificado o edificio como "fóra de ordenación", e tras a comunicación oficial do concello do 2 de novembro, onde este mostraba a súa disposición a modificar pertinentemente o plan unha vez se desamortizasen os terreos e se asinase un convenio, leváronse a cabo as primeiras negociacións para a cesión do edificio ao concello coruñés, sen acordo "debido a discrepancias en canto á valoración efectuada por ambas as partes".[14]
En 2005, o alcalde Paco Vázquez asinou un convenio con institucións penitenciarias para a devolución do inmoble; o consistorio cedía terreos próximos á prisión para levantar un centro de inserción social, e aboaba 1,12 millóns de euros (a diferenza entre o valor das parcelas cedidas e a do cárcere) e a cambio o edificio pasaba a mans municipais.[15] O alcalde Carlos Negreira decidiu non facer efectivo o convenio, ao entender que o concello cedera en 1925 os terreos para construír un cárcere, e que ao desaparecer ese uso, o edificio debía volver a mans do concello sen custo, abríndose unha vía xudicial para determinar a titularidade do inmoble.[15]
En paralelo, mantívose un debate sobre o uso que se lle vai dar ao edificio unha vez pasase a mans municipais, especialmente polo seu atractivo debido á súa proximidade á Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade. Son varios os usos que se propuxeron ao longo dos anos para este espazo, principalmente como museo ou centro de interpretación da Torre,[16] mais tamén como Parador de Turismo, como propuxo o alcalde Javier Losada.[17]
Durante o ano 2010 a concellaría de cultura conseguiu o permiso de Institucións Penitenciarias para realizar actividades dentro do edificio e o penal albergou a exposición de Isabel Coixet en homenaxe a John Berger, o festival de cine en Super 8 e as actividades do día mundial da arquitectura de 2011.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Isabel Coixet homenajea a John Berger en la cárcel de A Coruña". Diario de Pontevedra (en castelán). 2010-06-11. Consultado o 2021-05-09.
- ↑ 2,0 2,1 Bao, Noela (2021-02-05). "El deterioro imparable de la antigua prisión provincial de A Coruña". COPE (en castelán). Consultado o 2021-05-09.[Ligazón morta]
- ↑ 3,0 3,1 memoriadocarcerecoruna (2017-06-16). "cronoloxía do cárcere da Coruña". Memoria do cárcere A Coruña. Consultado o 2021-05-09.
- ↑ 4,0 4,1 "historia". La Antiga Prisión Provincial de Coruña (en castelán). Consultado o 2021-05-09.[Ligazón morta]
- ↑ "¿Hubo un corrubedano en la banda de al Capone? (y 3ª parte)". CABO CORRUBEDO (en castelán). 2017-08-02. Consultado o 2021-05-09.
- ↑ 6,0 6,1 memoriadocarcerecoruna (2016-07-09). "Francisco Pérez Carballo". Memoria do cárcere A Coruña. Consultado o 2021-05-09.
- ↑ memoriadocarcerecoruna (2015-11-28). "Alfredo Suárez Ferrín". Memoria do cárcere A Coruña. Consultado o 2021-05-12.
- ↑ memoriadocarcerecoruna (2016-02-14). "Arturo Taracido Veira". Memoria do cárcere A Coruña. Consultado o 2021-05-12.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 García Romay, María Minerva (31/12/2016). "La antiga prisión provincial da Coruña: antecedentes e evolución" (PDF). Tracería - Revista de Rehabilitación Arquitectónica (2 (2016)). ISSN 2444-9547. Consultado o 09/05/2021.[Ligazón morta]
- ↑ memoriadocarcerecoruna (2018-07-08). "Asalto ó cárcere no ano 1948". Memoria do cárcere A Coruña. Consultado o 2021-05-09.
- ↑ memoriadocarcerecoruna (2016-08-31). "Benigno Andrade “Foucellas”, un dous últimos resistentes en Galicia". Memoria do cárcere A Coruña. Consultado o 2021-05-09.
- ↑ "Informe General Institucións Penitenciarias 1998" (PDF). Informe General Institucións Penitenciarias 1998: 58. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de marzo de 2022. Consultado o 13 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Orden de 29 de abril de 1998 por la que se crea el Centro Penitenciario de Teixeiro (A Coruña) y se clausura el de A Coruña.". www.boe.es. Consultado o 2022-03-07.
- ↑ "Informe General 1998 Dirección General de Institucións Penitenciarias" (PDF). Informe General 1998 Dirección General de Institucións Penitenciarias: 96, 97. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de marzo de 2022. Consultado o 13 de xaneiro de 2023.
- ↑ 15,0 15,1 "El penoso abandono de la antigua prisión de la Torre". La Opinión da Coruña (en castelán). 2014-07-06. Consultado o 2021-05-09.
- ↑ Coruña, Marcos Mosquera | A. (2009-06-30). "El Ayuntamiento se propone transformar la antigua cárcel en el museo de la Torre". La Opinión da Coruña (en castelán). Consultado o 2021-05-09.
- ↑ "El sector hotelero apoya la propuesta de crear un parador en la vieja cárcel". La Voz de Galicia (en castelán). 2009-07-13. Consultado o 2022-02-25.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cárcere da Coruña |
A Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |