Resistencia francesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Resistencia francesa, coñecida en Francia como «A Resistencia» (en francés: La Résistance), é a forma coa que se denomina ao conxunto de movementos e canles clandestinas, que durante a segunda guerra mundial, continuaron a loita contra o Eixo no territorio francés tralo armisticio do 22 de xuño de 1940, ata a liberación en 1944.

A loita consistiu, por unha banda, en accións de información, sabotaxe e operacións militares contra as tropas de ocupación (esencialmente alemás) e contra as forzas do réxime de Vichy. Por outra banda, tratábanse aspectos máis ben civís e non violentos, como a existencia dunha ampla prensa clandestina, a difusión de folletos, a produción de documentación falsa, a organización de folgas e manifestacións, a posta en marcha de múltiples redes para o salvamento tanto de prisioneiros de guerra evadidos, de refractarios ao STO (Servizo de Traballo Obrigatorio) e de xudeus perseguidos.

A Resistencia puido manifestarse tanto na cidade coma no campo, sobre todo –para ese último- a raíz do nacemento dos maquis na primavera de 1943. O exército das sombras reuniu a homes de todos os horizontes, expostos a unha terrorífica represión por parte do RSHA, do Abwehr, da Wehrmacht, así como da Milicia Francesa e da policía do Estado francés. Aínda que a Resistencia activa e organizada nunca representou máis de 2 ou 3 % da poboación francesa, non podería sobrevivir nin desenvolverse sen innumerables complicidades populares, en particular na época dos maquis.

Quen foron?[editar | editar a fonte]

Os resistentes son homes e mulleres de todas as idades, aínda que a miúdo novas, ata moi novas. Os estudos apuntan que, malia que a Resistencia contou con auténticos personaxes románticos e bohemios, a gran maioría deles estaban casados, tiñan un oficio e unha vida de familia. Entre estes cabían universitarios, mestres, xornalistas, enxeñeiros, eclesiásticos, militares, adolescentes das clases medias e superiores, tanto como obreiros, tendeiros ou artesáns. Só unha minoría vivía a tempo completo nunha total clandestinidade. Todas as capas sociais, todas as sensibilidades políticas, filosóficas e relixiosas están representadas no seo da Resistencia. Porén, os xudeus, os demócrata-cristiáns, os socialistas e os comunistas son os que máis enchían as súas filas. Aínda que a clase dos grandes empresarios está moi pouco presente -malia excepcións destacables (Peugeot, Michelin)-, en cambio numerosos elementos tradicionalmente conservadores como os da Igrexa, os militares ou a aristocracia, participan de forma significativa na loita. Unha gran cantidade de estranxeiros combateron cos resistentes franceses: antifascistas italianos, antinazis alemáns e republicanos españois refuxiados en Francia; inmigrantes polacos e armenios; xudeus apátridas. Franceses ou estranxeiros, é de subliñar que a nivel representativo, os xudeus destacaron dentro da Resistencia, en todos os niveis de responsabilidade e en todas as formas de combate subterráneo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]