Monte Alto, A Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monte Alto, A Coruña
Praia do Matadoiro desde o Paseo Marítimo coa fachada sur do barrio ao fondo.
ConcelloA Coruña
Coordenadas43°22′43″N 8°24′09″O / 43.378710346448, -8.402391811696Coordenadas: 43°22′43″N 8°24′09″O / 43.378710346448, -8.402391811696
Poboación29 997[1] hab. (2015)
editar datos en Wikidata ]
Situación de Monte Alto (incluíndo As Lagoas, As Atochas, Orillamar, Agra de Santo Amaro e Os Pelamios) no concello da Coruña.[2] En laranxa, Durmideiras, en verde área da Torre de Hércules e en amarelo Zalaeta.

Monte Alto é un barrio da cidade da Coruña situado no sector peninsular desta cidade, inmediato ao centro desta e á Torre de Hércules. A delimitación do distrito, sen ser precisa, tende a ocupar a maior parte da península sobre a que se localiza unha parte da cidade, a excepción do centro histórico. Monte Alto abrangue pequenos sectores urbanos que por veces se consideran barrios individuais, ou ben barrios dentro doutro barrio, como As Lagoas, As Atochas, Zalaeta, Durmideiras ou A Torre.[3][4][5]

O topónimo Monte Alto refírese a un promontorio que se erixe fronte á Torre de Hércules, aínda que co tempo e por diferentes motivos socioculturais, este foi aceptado para se referir á totalidade do distrito municipal 15002. De acordo co estudo “A Cidade dos Barrios”, a poboación de Monte Alto (como suma de todos os sectores indicados anteriormente) era en 2015 de case trinta mil habitantes,[1] vivindo así neste barrio máis de 1 de cada 10 habitantes do concello coruñés[6].

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Vista de Monte Alto dende a Torre de Hércules.

O topónimo fai referencia a un único promontorio que tradicionalmente destacara fronte a Torre de Hércules, na península da cidade e sobre a enseada do Orzán. Este promontorio duns 60 metros de altitude está hoxe rodeado de urbanización, malia a cota máis alta é aínda un descampado, no cal se erixe un característico depósito de augas.

Antigamente, Monte Alto foi facendo referencia a algúns asentamentos rurais próximos ao promontorio. A expansión desta designación para referirse a un sector maior da cidade tería lugar a partir da urbanización da maior parte da península[7].

O topónimo Monte Alto aparece no rueiro da cidade en dúas vías, a rúa de Monte Alto[8] e a rolda de Monte Alto.[9]

Historia[editar | editar a fonte]

Ata o século XX[editar | editar a fonte]

Os restos humanos máis antigos da zona son os petróglifos descubertos por Alfredo de la Iglesia e o seu fillo Santiago de la Iglesia no final do século XIX. Un deles, moi mal conservado está en Punta Herminia e o outro foi levado ao Museo Arqueolóxico.[10][11]

A localización da cidade herculina é coñecida pola particularidade desta asentarse sobre un istmo e unha península, así como sobre parte do continente. A cidade da Coruña orixinouse no sector sur da península, próximo ao istmo. Este primeiro asentamento desenvolveuse e, segundo a cidade medraba gazas á súa importante actividade, primeiro portuaria e máis tarde tamén industrial e comercial, íase expandindo polo istmo e pola contorna inmediata da zona antiga, entre outros motivos por estaren estas zonas mellor orientadas e máis abrigadas, mirando para o sur. O resto da península era unha zona na que había moi pouca poboación, exceptuando algúns asentamentos rurais nos camiños que conducían ao faro romano da Torre de Hércules. Estas terras estaban moito máis expostas ás inclemencias meteorolóxicas, feito que atrasou a expansión urbana polas mesmas.

Por volta do século XVII desenvolvéranse asentamentos inmediatos á Cidade Vella que seguía o trazado dos camiños que levaban á Torre, arredor do barrio de San Tomé.[12] De contado foron aparecendo nesta zona fábricas de diferente tipo e instalacións militares, así como vivendas nun contexto de periferia urbana que mantiñan un claro carácter rural. A mediados do século XIX, o derribo das murallas da Cidade Vella favoreceu a expansión urbana pola hoxe coñecida como rúa da Torre, histórico camiño para a Torre de Hércules[13][14].

Na península, ademais do faro construíronse instalacións militares: o castelo de Santo Amaro, posiblemente construído despois do ataque de Drake, sobre o que se ergueu o "Club del Mar de San Amaro";[15][16] a batería de Durmideiras, formada por oito canóns e dependencias para a tropa, que foi destruída pola canteira que se explotou para construír o dique de abrigo (1948); a batería de Pragueiras (posiblemente só unha zona explanada), a batería da Costa Oriental da Enseada do Orzán (abandonada no final do século XIX ou principios do XX, e situada onde hoxe está o Aquarium Finisterrae) e unhas trincheiras que aparecen recollidas en mapas dos séculos XVIII e XIX e que serían simples gabias escavadas no terreo.[15]

Século XX[editar | editar a fonte]

Casa natal de Luis Suárez no barrio de Monte Alto.

Nos albores do século XX, unha amálgama de instalacións militares, factorías, vivendas rurais e bloques de vivendas ocupaba todo o sector coñecido hoxe como Zalaeta, As Atochas e a rúa da Torre. Tamén neste barrio se construíu daquela a Prisión Provincial. Aparecen intervencións urbanas de certa importancia como a urbanización do Campo de Artillería ou a do Campo de Marte con vivendas para traballadores.[17] O crecemento da cidade por esta zona, antes evitado, foi incentivado polos diferentes atrasos que sufriu a creación do Ensanche da Coruña no final do século XIX e ao mesmo tempo por non existir alternativa de solo próximo ao centro da cidade.

A partir da década de 1930 a zona xa estaba poboada por obreiros e mariñeiros e considerábase un barrio comprometido politicamente.[18] Na década dos 1950 e moi especialmente a partir da Lei do Solo de 1956, Monte Alto comezou a vivir unha expansión urbana moi acusada, favorecida polos baixos valores do solo e a chegada masiva e constante de novos habitantes procedentes de áreas rurais galegas. Isto era debido a que a cidade se constituíra como Polo de Desenvolvemento industrial e a demanda de man de obra era moi grande. Esta situación mantívose até ben entrados os anos 1980, sendo estas décadas de gran crecemento demográfico a base de calidades construtivas básicas (vivendas económicas) e dunha grande presenza de vivendas de protección oficial[14]. Deste xeito, Monte Alto consolidouse como un barrio obreiro e popular, habitado por unha clase traballadora e na súa maioría de procedencia rural. Na década dos 1980, especialmente ao final desta, Monte Alto e outros barrios humildes da cidade foron fortemente azoutados por todo tipo de conflitos relacionados coa drogodependencia, causando unha gran degradación e malestar social. Neste sentido, o sector máis degradado era o coñecido como “Barrio Chino”, ou Papagaio, coñecido polo tráfico de drogas e a prostitución[19].

Os anos 90[editar | editar a fonte]

Rúa de Monte Alto.

Desde o inicio da década dos 90, comezaron importantes cambios no barrio. Por unha parte, os problemas relacionados co fenómeno da droga comezaron a diluírse e, por outra banda, comezáronse a levar a cabo diferentes intervencións urbanas que terían unha fortísima repercusión en Monte Alto. Por iniciativa do alcalde Francisco Vázquez Vázquez iniciouse, nos primeiros anos desta década, a construción dun prominente Paseo Marítimo que rodearía toda a cidade con máis de 8 km de lonxitude, máis de 90 000 m2 de pavimento peonil e máis de 16 000 m2 de carril bicicleta, máis de 5000 balaustradas, 500 bancos e 564 farois con deseños individuais[20]. Pola súa localización, o humilde barrio de Monte Alto, antes localizado nunha zona con escaso interese, veríase de súpeto rodeado por este impoñente paseo que abriría o barrio ao resto da cidade, se ben a súa execución foi moi contestada debido ao seu impacto ambiental, os seus elevados custos e a súa dimensión desproporcionada. Paralelo a este feito, o monumento da Torre de Hércules, localizado na contorna do barrio, comezou a ser máis valorado, á medida que a súa área costeira se transformou nun parque urbano de enormes dimensións ao que se podía acceder a través do novo paseo. Por outra banda, a Prisión Provincial deixou de funcionar progresivamente como tal e no interior do barrio fóranse humanizando algunhas vías e comezaran a aparecer vivendas destinadas a clases con maior poder adquisitivo que as que historicamente viviran en Monte Alto. O "Barrio Chinés" foi tirado abaixo e no seu lugar erixiuse un enorme complexo residencial e comercial con vivendas de alto standing. Outras intervencións de grande importancia neste momento foron a construción do museo Domus ou Casa do Home, emblemático edificio deseñado polo arquitecto xaponés Arata Isozaki, así como a construción no contorno das Lagoas do acuario da cidade, o Aquarium Finisterrae.

Século XXI[editar | editar a fonte]

A Rúa de Adelaida Muro en 2015.

As importantes intervencións dos anos 90 causaran o inicio dun cambio definitivo no barrio de Monte Alto. A partir dese momento comezouse a sumir como unha zona de maior valor, xa que ademais de atoparse ao lado de grandes parques, das praias, fronte ao mar e rodeada polo paseo Marítimo, atopábase no centro da cidade, non estando ningún punto do barrio significativamente lonxe do centro tradicional da Coruña, o Obelisco.

Esta situación orixinou unha importante transformación desde o final dos 90 e que continúa dende entón, despois de ter pasado por un momento de grande impacto urbanístico na década dos 2000, e que consistiu na aparición de novas vivendas de maiores calidades construtivas e para unha clase media-alta, mesmo aparecendo grandes complexos de vivendas de luxo destinadas ás clases máis altas da cidade. Neste sentido, a poboación tradicional do barrio viviu a chegada de novos habitantes, queixosa dos prezos privativos que impedían as novas xeracións accederen a unha vivenda no barrio, xa que incluso os pisos vellos elevaran o seu valor de venda e alugueiro. Un feito polémico foi o ocorrido co antigo asilo de anciáns de Adelaida Muro, fogar de caridade xestionado por relixiosas, edificio monumental que contaba coa maior superficie de cristal de galerías da cidade, e que fora levantado pola filántropa que lle dera nome. No final dos 90, este edificio de propiedade pública atopábase en mal estado e precisaba importantes reformas, momento no cal o daquela alcalde Francisco Vázquez Vázquez decidiu vender, no medio dunha enorme polémica e protesta cidadá, o soar do edificio á coñecida construtora Vivienda Confort, quen botou abaixo o asilo e erixiu no mesmo soar unha promoción de máis de 200 vivendas de alto standing con prezos verdadeiramente privativos que mesmo superaban o millón de euros[21].

Paralelo a esta transformación, a idiosincrasia de Monte Alto, moi recoñecida desde sempre en toda a cidade, foise acentuando e medrando o orgullo dos seus habitantes, pode que como mecanismo de defensa contra unha transformación que podería deteriorala, e que ao mesmo tempo reafirmaba a idea de Monte Alto como un extenso barrio na península coruñesa que se configuraba como unha das zonas percibidas como de maior calidade de vida e atractivo na cidade[22]. Así, na actualidade o barrio conserva o seu carácter, malia que en rúas humanizadas, fachadas renovadas e novos edificios. Nos últimos anos popularizouse o lecer nocturno, que sempre existira, así como o tradicional e o sibarita, ambiente propicio para a aparición de clases creativas e novos ambientes, até o punto de ser ás veces denominado o “Soho coruñés” [23].

Na actualidade o barrio enfronta unha tensión interna propia dos cambios que está a vivir, pois mentres chegan ao barrio novas comunidades, persoas que sempre viviran nel abandónano, ou ben por vender as súas vivendas a un bo prezo, ou ben por non seren capaces de afrontar o custo dunha vivenda no barrio, atopándose este nun claro proceso de xentrificación.

Cultura e sociedade[editar | editar a fonte]

Rúa Beiramar, das máis antigas do barrio

Tradicionalmente, Monte Alto foi un barrio moi caracterizado por unha intensa actividade sociocultural. É o fogar de numerosas agrupacións musicais e culturais, así como berce de importantes figuras da cultura galega como o escritor Manuel Rivas ou a banda musical Os Diplomáticos de Monte-Alto. Na novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro e no filme baseado nela, aparecen diferentes escenarios do barrio, como a antiga Prisión Provincial ou o lugar de fusilamento do Campo da Rata.

O barrio é coñecido por ter un forte carácter reivindicativo e de gran capacidade de presión social, realidades materializadas na asociación veciñal máis importante do barrio, a AVV Atochas-Monte Alto, nacida en 1977 e que ten protagonizado reivindicacións e logros para o barrio[24].

O Entroido celebrado no barrio é o máis insigne da cidade,[25][26] ademais de celebrar as súas propias festas no mes de setembro.[27][28] Por outra banda, son moi frecuentes as celebracións de pequenos mercados, churrascadas na rúa e eventos comerciais, xa que á súa vez, os comercios da zona son coñecidos pola súa intensa capacidade asociativa.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Torre de Hércules

En Monte Alto concéntranse diversos atractivos turísticos e emblemáticos edificios e monumentos, entre os que destacan:

  • A Torre de Hércules: o faro romano en funcionamento máis antigo do mundo, de máis de 2 milenios de antigüidade e 57 metros de alto, localízase na costa deste barrio e é Patrimonio da Humanidade desde 2009. Entre a Torre, o barrio e a costa localízase unha gran zona verde que acolle un singular parque escultórico con vinte obras á beira do Atlántico[29]. Entre outras destacan esculturas como "Caronte" (1988-1992) de Ramón Conde, "As Portas de Hércules" (1992), de Francisco Leiro, "Ártabros" (1994) de Arturo Andrade, "Breogán" (1995) de Xosé Cid, "Hidra de Lerna" (1998) de Fidel Goás Mendes, "Caracola" (1994) de Moncho Amigo, no Parque Punta Herminia, ou o "Monumento aos fusilados" (2001) de Isaac Díaz Pardo, no Campo da Rata.
  • O Paseo marítimo da Coruña: é o máis longo de Europa e rodea o barrio abríndose ao mar e a diferentes zonas verdes. O barrio de Monte Alto atópase rodeado polo mesmo desde que o Paseo entra no barrio á altura do colexio de Salesianos, pasa por diante do hotel "María Pita" e da Fonte dos Surfistas, do museo Domus ou Casa do Home, a Praza das Lagoas, a Torre de Hércules, a Cidade Deportiva da Torre e a zona de Santo Amaro, deixando atrás o barrio despois de máis de 3 km de percorridos polo mesmo á altura da zona dos Pelamios e das instalacións da Sociedad Hípica de La Coruña.
  • A Casa do Home, tamén chamada Domus: museo interactivo dedicado ao corpo humano e localizado fronte ao Paseo Marítimo. De estilo contemporáneo, foi deseñado por Arata Isozaki e inaugurado en abril de 1995.
Museo Domus
  • O Aquarium Finisterrae: museo dedicado á vida mariña. Foi inaugurado en 1999 e acolle uns 20 000 exemplares de máis de 200 especies distribuídos en 7 áreas diferenciadas.
  • O Colexio Curros Enríquez, centro de educación infantil e primaria. Trátase dun edificio do arquitecto Luís Martínez Díez erixido no ano 1930 e que supón un dos mellores exemplos de art déco coruñesa[30]. Este edificio levántase na cima do Campo de Marte, un característico parque rodeado de pequenas casas.
  • A Prisión Provincial, obra dos arquitectos Juan Álvarez de Mendoza e Pedro Mariño, a quen se encargou o proxecto despois de que as antigas dependencias penais da audiencia (no Parrote) quedasen obsoletas. A primeira pedra foi colocada en 1925 e a súa actividade comezaría dous anos despois[31].
  • O Cemiterio de Santo Amaro, principal camposanto da cidade, está neste barrio entre e Rúa Beiramar e o Paseo Marítimo. Conta con importantes esculturas e monumentos fúnebres e ao seu lado está tamén o cemiterio británico.

Algúns dos areais da cidade sitúanse neste barrio:

  • Praia do Matadoiro ou de Berbiriana, unha pequena cala separada da Praia do Orzán pola praza da Fonte dos Surfistas, no lugar coñecido como Matadoiro, xa que no pasado o soar que hoxe ocupa o Hotel Meliã María Pita era ocupado polo matadoiro municipal da Coruña.
  • A Praia da Torre ou Praia das Lapas, unha cala situada entre o acuario e a Torre de Hércules, á que se accede desde o Paseo Marítimo e o parque escultórico.
  • A Praia de Santo Amaro unha Praia situada nas inmediacións do polígono das Durmideiras e ao lado do paseo. Nesta contorna atópase tamén un dos clubs deportivos máis importantes da cidade, o Club do Mar.
  • Na área de Monte Alto sitúanse outras calas menores: as Amorosas, Durmideiras e a cala dos Mouros, xunto á Casa das Palabras.

Urbanismo[editar | editar a fonte]

Ronda de Monte Alto

De entre as rúas máis importantes do barrio destacan o Paseo Marítimo Alcalde Francisco Vázquez, a rúa da Torre, a Rúa Beiramar, a Avenida de Hércules, a Rúa de Zalaeta e a Rúa do Hospital, que son as principais arterias do barrio. A ronda de Monte Alto, despois de anos reclamacións foi inaugurada en 2003.[9] Outras rúas como Adelaida Muro, Ángel Rebollo, Curros Enríquez, Ramón del Cueto ou San Tomé actúan tamén como importantes vías de comunicación dentro do barrio.

O Campo da Leña (dividido en Praza de España e praza das Atochas),[32][33] a praza do mercado de Monte Alto,[34] o Campo Volante ou Campo de Marte,[35] o Campo de Artillería, as Prazas do Parque[36] e de Indalecio Prieto e a Praza dos Avós son as principais prazas e espazos abertos do interior do barrio.

Dentro de Monte Alto sitúanse dúas áreas planificadas: os polígonos de Zalaeta e Durmideiras. A urbanización de Zalaeta aparecía no plan de ordenación de 1966, mais a súa realización foi segundo a proposta de 1976.[37] No caso de Durmideiras, tras proxectos como a Cidade Satélite Concepción Arenal (1930), de Antonio Tenreiro, Peregrín Estellés e Pedro Mariño,[38] e os de Jacobo Rodríguez-Losada (1959) e José María Iglesias Atocha (1968), a proposta definitiva foi a deseñada en 1982 por Arturo Franco Taboada e Luis Freire González, con edificios de formas curvas que pretendían abrirse á paisaxe.[37]

Transporte[editar | editar a fonte]

Pola súa localización, o barrio atópase comunicado por terra co resto da cidade a través dun escaso número de rúas, todas elas atravesando o centro tradicional da cidade. O Paseo Marítimo é a principal vía de acceso que ademais rodea o barrio, polo que supón un acceso tanto desde o sueste como desde o suroeste. As alternativas a esta vía son a rúa de Santo André e o túnel da Mariña, que serven de acceso ao barrio conectándoo co resto da cidade a través do comezo do barrio no Campo da Leña (prazas de España e das Atochas).[39]

Pola súa banda, o transporte público é, tal como no resto da cidade, exclusivamente por estrada e en autobús, a través da Compañía de Tranvías da Coruña. As liñas 3, 3A, 4, 5, 6, 6A, 7, 11 e 17 comunican Monte Alto co resto da cidade, sendo algunhas das principais paradas: Av. Hércules, Mercado; As Lagoas, glorieta; A Torre, 63 ou Praza de España, 24.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Dato do distrito censual 2 segundo o IGE (2015) Arquivado 16 de novembro de 2018 en Wayback Machine.
  2. Estudos previos
  3. "Una historia de Monte Alto y As Lagoas". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2017. Consultado o 22 de maio de 2016. 
  4. El retiro de Amancio
  5. "Adormideras City". El Ideal Gallego. Noticias y última hora en A Coruña y comarca, Galicia y España (en castelán). Consultado o 2024-02-11. 
  6. "A Cidade dos Barrios". Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2016. Consultado o 22 de maio de 2016. 
  7. López Carro, M. R. (2015). Estudo xeográfico de imaxe e percepción. O barrio de Monte Alto (A Coruña) (en castelán). 
  8. Sotelo Morales, David (1947). Nomenclátor – Guía (en castelán). Concello da Coruña. 
  9. 9,0 9,1 "La ronda de Monte Alto agilizará el tráfico interior del barrio". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2016. Consultado o 23 de maio de 2016. 
  10. Arqueoloxía no PXOM
  11. G.M., M. (19-8-2014). "Patrimonio Galego “redescubre” uno de los petroglifos de Punta Herminia". El Ideal Gallego (en castelán). Consultado o 3 de abril de 2016. 
  12. Precedo Ledo, Andrés (1990). La Coruña metrópoli regional (en castelán). Fundación Caixa Galicia. 
  13. VILLARINO, M.; RODRÍGUEZ MARTÍNEZ-CONDE, R.; RODRÍGUEZ CUDEIRO, M. & ARMAS, P. (1988) La transformaciones del espacio social en el crecimiento reciente de la ciudad de La Coruña.
  14. 14,0 14,1 PIÑEIRA, M.J. (2005), La estructura urbana de A Coruña.
  15. 15,0 15,1 Arqueoloxía no plan xeral da Coruña
  16. Fernández, Carlos (1 de marzo de 2003). "El castillo chivato". La Voz de Galicia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04/02/2016. Consultado o 8 de xaneiro de 2016. 
  17. Fernández Cobián, Esteban (1998). Guía de Arquitectura. A Coruña. ISBN 978-84-85665-30-3. 
  18. "La nueva iglesia Parroquial de Santo Tomás Apóstol de La Coruña". Somos Vicencianos (en castelán). 2013-04-06. Consultado o 2021-03-18. 
  19. ESCUDERO, L. A. (1997), Barrios Marginales y focos de pobreza en la ciudad de A Coruña.
  20. Escudero Gómez, Luis Alfonso (1995). La imagen de la ciudad de La Coruña a través de la prensa diaria (en castelán). 
  21. Noticia del nuevo solar de Adelaida Muro en '20 Minutos'
  22. LÓPEZ CARRO, M. R. (2015). Estudo xeográfico de imaxe e percepción. O barrio de Monte Alto (A Coruña)
  23. Monte Alto incluído entre los barrios hipster de España http://corunadn.es/goeuro-incluye-monte-alto-entre-los-barrios-hipster-de-espana/ Arquivado 16 de xuño de 2016 en Wayback Machine.
  24. Páxina da AVV Atochas-Monte Alto: https://avvatochasmontealto.wordpress.com/
  25. Tito Concheiro: "O entroido en Monte Alto xurdiu da xente"
  26. O Entroido, unha "festa intocable" da cidadanía coruñesa, será "irreverente" e con "moitas doses de auto-organización"
  27. Los vecinos de Monte Alto celebrarán hoy sus fiestas
  28. Monte Alto ensaya modelo de fiesta
  29. Parque escultórico, Turismo de A Coruña http://turismocoruna.com/media/documentos/EsculturasTorreCast.pdf
  30. GARRIDO MORENO, A. (2002), Aproximación a la arquitectura Déco en Galicia: El modelo coruñés. https://dspace.usc.es/bitstream/10347/6297/1/pg_227-242_quintana1.pdf Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  31. Páxina da Antiga Prisión Provincial https://antiguaprisionprovincialcoruna.wordpress.com/
  32. Recuperación do Campo da Leña. A Coruña
  33. Descubrimento da placa da Praza das Atochas
  34. La asociación de vecinos de Monte Alto exige la reforma inmediata de la plaza del Mercado
  35. A Galicia libertaria e Monte Alto-Art
  36. Los pequeños de Monte Alto cuentan con nuevos juegos en la plaza del Parque
  37. 37,0 37,1 La Coruña. Desarrollos urbanos 1940/2000. Catálogo (en castelán). ETSA da Universidade de Navarra. 2011. 
  38. "La cooperativa Concepción Arenal proyectó un barrio para 5000 personas en Adormideras". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de febreiro de 2009. Consultado o 23 de febreiro de 2016. 
  39. El tráfico en el túnel de la Marina es la mitad de lo que calculaba el proyecto de la obra

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]