Árbore froiteira
Unha árbore froiteira é calquera árbore produtora de froitas; as estruturas formadas polo óvulo maduro dunha flor que contén unha ou máis sementes. Porén, xa que todas as plantas con flores producen froitos, o termo empregado na horticultura designa ás árbores que fornecen froitas coma alimento do ser humano. Esta designación inclúe tamén as árbores que producen núculas (noces), os chamados froitos secos. Aínda con ser botanicamente incorrecto, adóitase considerar árbore froiteira a que produce unhas envolturas exteriores carnosas en certas sementes; que son chamadas arilos (falsos froitos).
A disciplina científica e parte da agricultura que se ocupa do estudo dos froitos comestíbeis denomínase pomoloxía. Céntrase no desenvolvemento das técnicas de cultivo e os estudos fisiolóxicos das árbores froiteiras.
A horta onde hai diferentes árbores froiteiras recibe en Galicia o nome de pomar, especialmente cando son maceiras (de aí nome: pomo=mazá). En Galicia as froiteiras tradicionalmente cultivadas son a maceira, a ameixeira, a cerdeira e a pereira. No sur do país inclúense tamén a videira, a figueira, o pexegueiro e incluso o limoeiro e mais a oliveira (hoxe practicamente desaparecida). Recentemente entraron novas especies nas Rías Baixas coma o kiwi ou a feixoa. Nas fragas tamén aparecen árbores foriteiras bravas: a cerdeira brava, a pereira brava, a maceira brava, o abruñeiro, a sorbeira, o sabugueiro e nas zonas máis cálidas o érbedo. Tamén son comúns bravos ou cultivados o castiñeiro, a abeleira e a nogueira, coma froitos secos.
Froiteiras de óso: xénero Prunus: pexego, ameixa... Froiteiras de carabuña: pomos: maceira, pereira... Cítricos: limeira, laranxeira, limoeiro, pomelo, mandarineira... Árbores de froitos secos: abeleira, amendoeira, castiñeiro, nogueira... Froiteiras tropicais: bananeira, mangueira, coco, anacardio etc.
Algunhas árbores froiteiras
[editar | editar a fonte]- Abeleira Corylus avellana, arboriña, o froito é a abelá.
- Abieiro Pouteria caimito, árbore brasileira, o froito é o abio.
- Abruñeiro Prunus spinosa, o froito é o abruño ou cerollo.
- Aceroleira Crataegus azarolus , o froito é a acerola.
- Aguacate Persea americana, árbore de América Central, o froito é o aguacate.
- Albaricoqueiro Prunus armeniaca, árbore mediterránea, o froito é o albaricoque.
- Ameixeira Prunus domestica; Ameixeira brava Prunus spinosa, o froito é a ameixa.
- Amendoeira Prunus dulcis, árbore mediterránea, o froito é a améndoa.
- Anacardio Anarcardium occidentale, de América Central, o froito é o anacardio.
- Ananás Ananas sativus, é un arbusto orixinario de Centroamérica, o froito é o ananás.
- Árbore do pan Artocarpus altilis, orixinaria do sueste asiático, o froito é unha especie de melón.
- Árbore do tomate Solanum betaceum, árbore suramericana que dá o tomate de árbore.
- Azaí Euterpe oleracea, unha palmeira que dá uns froitiños chamados azaís.
- Azofeifeira Ziziphus jujuba, unha arboriña chinesa que dá unha drupa comestíbel semellante a unha oliva.
- Bael Aegle marmelos, árbore do sueste asiático, o froito é o marmelo bengalí ou bael.
- Bananeira Musa × paradisiaca, orixinaria do sueste asiático, o froito é a banana ou plátano.
- Ber Ziziphus mauritiana árbore asiática tamén coñecida coma badari ou kul, o froito é a ameixa de ber.
- Cacao ou teobroma, árbore de orixe mexicana cuxo froito é o cacao.
- Cancereixo Sorbus aucuparia, o froito é unha baga semellante ao pero e emparentado coa sorba.
- Caqui Diospyros kaki, orixinario da China, o froito é o caqui.
- Caramboleira Averrhoa carambola, arboriña orixinaria da India, o froito é a carambola.
- Castiñeiro Castanea sativa, o froito é a castaña ou bullote.
- Cerdeira e Cerdeira brava Prunus avium, o froito é a cereixa.
- Chirimoio Annona cherimola, da zona andina, o froito é a chirimoia.
- Cidreira Citrus medica, o froito é a cidra, semellante ao limón.
- Clementina Citrus × clementina, en realidade é unha variedade de mandarina.
- Coco ou coqueiro Cocos nucifera, palmeira cuxo froito é a noz de coco.
- Datileira Phoenix dactylifera, palmeira que dá o dátil.
- Durián Durio zibethinus, do sueste de Asia, o froito é o durián.
- Érbedo ou albedro Arbutus unedo, do mediterráneo, o froito é unha baga de polpa comestíbel chamada morote.
- Fatoeiro Prunus domestica, o froito é o fatón, unha ameixa longa e amarela.
- Feixoa Acca sellowiana, o froito é a feixoa.
- Figueira Ficus carica o froito é o figo.
- Goiabeira Psidium guajava, árbore tropical de Centroamérica, o froito é a goiaba ou guaiaba.
- Guanábana Annona muricata, orixinaria das Antillas, o froito é a guanábana.
- Guindeira Prunus cerasus, o froito é a guinda.
- Kiwi Actinidia chinensis, Planta rubideira orixinaria do Himalaia, o froito é o kiwi.
- Kumquat ou laranxeira chinesa Fortunella spp. (tamén coma Citrus japonica), cítrico asiático cuxo froito é o kumquat ou laranxa anana.
- Laranxeira Citrus sinensis, árbore mediterránea, o froito é a laranxa.
- Litchi chinensis, árbore asiática, o froito é o lichi.
- Limeira Citrus × aurantifolia (Citrus limetta), cítrico orxinario de Oriente Medio, o froito é a lima.
- Limoeiro Citrus limon, árbore mediterránea, o froito é o limón.
- Longán Dimocarpus longan, árbore asiática, o froito é o longán ou ollo de dragón.
- Maceira Malus domestica; Maceira brava Malus sylvestris, o froito é a mazá.
- Mandarineira Citrus reticulata, cítrico orixinario do sueste asiático, o froito é a mandarina.
- Mangostán Garcinia mangostana', árbore de Indonesia, o froito é o mangostán.
- Mangueira Mangifera indica, arboriña orixinaria da India, o froito é a manga.
- Maracuxá Passiflora edulis, é unha planta rubideira mais ca unha árbore, o froito é o maracuxá.
- Marmeleiro Cydonia vulgaris, o froito é o marmelo.
- Milgrandeira Punica granatum, arboriña mediterránea, o froito é a milgranda ou granada.
- Mirabeleiro Prunus domestica subsp. syriaca, variedade de ameixeira, o froito é o mirabel, unha ameixa amarela ou vermella de sabor acedo.
- Moreira Morus alba e Morus nigra, árbores cuxo froito é a amora branca e negra, respectivamente.
- Nectarina Prunus persica, o froito é un pexego, a nectarina.
- Nespereira do Xapón Eriobotrya japonica, o froito é a néspera, níxaro ou nixo.
- Nespereira europea Mespilus germanica, o froito é a néspera europea.
- Nogueira Juglans regia, o froito é a noz, concho ou coucho.
- Oliveira Olea europaea, árbore mediterránea da que se saca o aceite, o froito, a oliva, non é directamente comestíbel.
- Papaia Carica papaya árbore de América Central, o froito é a papaia.
- Papaia de América do Norte Asimina triloba, o froito é unha papaia.
- Pasiflora Passiflora caerulea, é unha planta rubideira mais ca unha árbore, o froito coñécese como froita da paixón.
- Pereira Pyrus communis; Pereira brava Pyrus pyraster, o froito é a pera (doméstica) ou pero (brava).
- Pexegueiro Prunus persica, o froito é o pexego.
- Pistacho Pistacia vera, árbore do Oriente Medio, o froito é o pistacho.
- Pitaia Hylocereus undatus ou Hylocereus megalanthus, o froito tropical é unha baga chamada igualmente pitaia.
- Annona squamosa, árbore froiteira das Antillas que dá a froita piña ou anón.
- Pomelo Citrus paradisi, a froita é o pomelo.
- Rambután Nephelium lappaceum, árbore do Sueste asiático, o froito é o rambután.
- Sabugueiro Sambucus nigra, é un arbusto con bagas de sementes velenosas.
- Sarandí Phyllanthus emblica árbore de Asia tropical, o froito son as bagas de sarandí.
- Sorbeira Sorbus domestica, o froito é a sorba, semellante a unha pera.
- Tamarindo Tamarindus indica, árbore de orixe africana que dá o tamarindo, usado coma froita e condimento.
- Videira Vitis vinifera, é unha planta rubideira da que se saca o viño, o froito é unha baga, a uva ou bago.
- Artocarpus heterophyllus, árbore da India, o froito é a xaca jackfruit.
- Ziziphus jujubas, árbore chinesa, o froito é a xuxuba jujube.
- Manilkara zapota, árbore de América central, do látex tírase a goma de mascar.