Mosteiro
Mosteiro, palabra que procede do grego monos (só), designa un grupo de construcións de residencia e práctica relixiosa de monxes ou monxas.
Definición
[editar | editar a fonte]O termo convento, do latín conventus que significa "asemblea", procede orixinalmente da asemblea romana onde os cidadáns se reunian para fins administrativos ou de xustiza (conventum iuridicum). Posteriormente pasouse a utilizar con sentido relixioso, relativamente ao monasticismo cando, para mellor servir e amar a Deus, os homes se retiraban do mundo, primeiro soíños (como ermitáns), despois en grupos de monxes (comunidades relixiosas), para edificios concibidos para o efecto, os conventos. En termos xerais, aínda que convento sexa sinónimo de mosteiro (algunhas persoas pensan, erradamente, que os mosteiros se destinan a homes e os conventos, a mulleres), a palabra convento pode ser, especificamente utilizada para as ordes monásticas de vida activa, mentres que mosteiro se aplica, en xeral, a ordes contemplativas, vocacionadas para a clausura - mais tal diferenciación non presenta unanimidade existindo diversos posicionamentos doutrinais[1].
Os mosteiros de Occidente
[editar | editar a fonte]San Bieito, no Occidente, foi o primeiro a crear a estrutura dun convento. Despois, ao traballo da Igrexa, xuntouse o das cruzadas desde o século XII nas Ordes militares, e o dos apostolados nas Ordes mendicantes. Os conventos, fose cal fose o estilo arquitectónico da súa construción, tiveron sempre unha traza fundamentalmente igual, debido ás esixencias da vida relixiosa en comunidade: a igrexa conventual co coro; o claustro onde abrian as salas en que se realizaban os outros actos de vida en común; a sala do capítulo para as reunións solemnes de instrución e corrección onde normalmente tamén eran erguidos o refeitorio e a biblioteca; encima, a toda a volta, corrían os dormitorios, con celas individuais; ao redor do edificio, campo para recreo e cultivo.
A Igrexa, a través dos mosteiros, cumpriu un papel determinante na transición entre a antigüidade e o feudalismo, na consolidación do sistema feudal, cuxo control, seguindo a Le Golf: "pasa en todos os elementos esenciais pola igrexa, igrexa de celibatarios que dominan a produción económica, a medida do tempo, os lazos de parentesco, a ensinanza, a cultura, a arte, a asistencia e a caridade" [2]
O cristián medieval fixo dos mosteiros uns dos centros máis beneficiados das súas actitudes piadosas co obxecto de procurar os seus servizos relixiosos para que actuaran como intermediarios entre Deus e os fieis. Reciben esmola e doazóns a cambio de actuar como axentes redentores que interceden polos fieis na procura da salvación da súa alma.
Podemos falar logo de que o cristián medieval buscou o mosteiro tanto na vida como na morte.
Os mosteiros en Galicia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Mosteiros e conventos de Galicia.
A aparación en Galicia da primeira comunidade bieita documéntase en datas moi tardías. A incorporación á Orde de Cluny foi promovida durante o reinado de Afonso VI (metade do século XII) e a finais deste século e principios do seguinte moitos dos mosteiros galegos acolléronse a reforma do Císter. Durante toda a Idade Media os cenobios foron obxecto de interese da nobreza galega que vinculaba pola forza ao mosteiro coa súa liñaxe e economía. En tempos dos Reis Católicos o Papa ordena a reestruturación do entramado monacal de España. A partir de entón todos os mosteiros e conventos pasaron a depender dun mosteiro central pasando a formar parte da Congregación Cisterciense de Castela. No caso de Galicia os mosteiros masculinos pasaron a depender do Mosteiro de San Martiño Pinario e os de mulleres do Convento de San Paio de Antealtares.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Por exemplo, o DRAG especifica convento como "Edificio onde viven en comunidade frades ou monxas dunha orde relixiosa" e mosteiro como "Convento grande, xeralmente apartado das poboacións, onde viven os membros dunha orde relixiosa", polo que as diferenzas veñen dadas polo tamaño e pola situación. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para convento.; Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mosteiro.
- ↑ Prefacio do libro de A.Guerreau "Le feudalisme. Un horizon theorique". París. Le Sycomore. (1980). Páx. 13.