Vilanova dos Infantes, Celanova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vilanova dos Infantes
Vilanova dos Infantes. Galiza. Vista panorámica.jpg
Vilanova dos Infantes
Concello Celanova
Poboación 222 hab. (2017)
Entidades de poboación 5

San Salvador de Vilanova dos Infantes é unha das 19 parroquias do concello ourensán de Celanova.

Historia[editar | editar a fonte]

A a torre de Vilanova dos Infantes está situada nunha vila de estrutura medieval, onde destaca esta torre de dezanove metros de altura. Trátase do último vestixio do que foi un gran castelo construído sobre un posible asentamento castrexo. O castelo, pertencente ao mosteiro de Celanova igual que a vila, foi unha das grandes fortalezas de Galicia e xogou un papel importante nas loitas medievais cos irmandiños e portugueses.

Esta torre trátase dos restos que quedan do castelo construído por Guterre Menéndez e Santa Ilduara, que son as pais de San Rosendo, un nobre galaico que foi abade, bispo de Mondoñedo e fundador de varios mosteiros, entre eles o de Celanova; Rosendo posteriormente foi canonizado pola Igrexa Católica ("Patrimonio Galego | O Catálogo Social do Patrimonio Cultural Galego", 2017). Cómpre mencionar que Santa Ilduara fundou e construíu un mosteiro feminino adicado a Santa María.

Ademais do castelo e a muralla, os accesos históricos ao núcleo terán moita importancia, tanto para a estrutura interna como as súas expansións. Os primeiros propietarios foron os monxes de Celanova, posteriormente pasou as mans de Fernando Castro ata o ano 1369, momento no que o rei, Enrique II, obriga a ceder este ben a Xoán Rodríguez de Biedma e aos seus herdeiros que eran os condes de Monterrei, así como a participar nos preitos cos Lemos. Posteriormente o castelo foi derrubado polos Irmandiños en 1467, o castelo e a torre foron danados e reconstruídos posteriormente.

Vilanova ten un papel importante nas guerras fronteirizas do S.XVI e durante o S.XVII. É neste último século cando se constrúe a igrexa parroquial de San Salvador, fóra do recinto defensivo. Máis tarde e afastado do burgo construiríase o Santuario da Virxe do Cristal (Raigame, 2011).

Nos séculos XIX e XX, Vilanova manterá unha certa funcionalidade como núcleo urbano respecto ao ámbito territorial dependente. As actividades da poboación non só será a agricultura senón as distintas labores artesáns como a fabricación de calzado. Todas elas sustentarán a vila de Vilanova, tanto nas prazas da vila como na feira mensual que se celebraba na paraxe do Cristal. A modificación máis importante que sufriu a torre foi no século XIX, cando se constitúe como municipio independente en 1837, estrutura administrativa que se manterá así ata a súa anexión con Celanova no ano 1927, por este motivo a instalación da casa consistorial foi na Torre de Homenaxe, rehabilitándose ao efecto e dotándoa dunha escaleira exterior de acceso, reforzará a vixencia do asentamento como lugar central respecto ao medio rural (Raigame, 2011).

Actualmente a Fundación Terra de Celanova mantén aquí unha exposición permanente sobre o xacemento arqueolóxico de Castromao e a Idade Media, ofrecendo información oral e escrita, e visitas guiadas con persoal especializado ("Romaría Raigame - Inicio", 2017).

Na parroquia de Vilanova dos Infantes está o castro de Castromao, un poboado castrexo, habitado até o século III e abandonado entón para construír a nova vila. En documentos do ano 927 a vila aparece relacionada con Rosendo de Celanova. No ano 940 a súa nai, Aldara de Celanova, fundou o convento de Santa María de Vilanova dos Infantes, sendo abadesa a súa filla Adosinda. O lugar pasou a ser coñecido como Vilanova das Infantas[1]. O convento foi reconstruído entre 1215 e 1225, e formou parte da orde de San Bieito até o seu abandono en 1880. Até a década de 1940 conserváronse elementos arquitectónicos como capiteis, restos de arcos ou bases de columnas[2].

A historia da vila está ligada á Torre de Vilanova dos Infantes, construída no século X e destruída na Gran Guerra Irmandiña. A comezos do século XIX foi restaurada a torre da homenaxe para acoller a casa consistorial.

A comezos do século XXI leváronse a cabo obras de restauración no poboado medieval

Historia sobre o nome da vila[editar | editar a fonte]

Segundo a tradición o nome non sería “dos Infantes” senón “das Infantas”. A orixe hai que buscala, na lenda das sete xemelgas que se instalaron en Vilanova, aínda que deducen que se trataban de santa Ilduara e Adosinda, nai e irmá de san Rosendo, as que se uniron outras damas de sangue real, entre elas, aínda que en distintos períodos de tempo, as fillas de Alfonso X O Sabio. Cesáreo Riveira recolle a tradición popular que alude ao nacemento de once nenos dun só parto, de aí o apelativo “dos Infantes”.

Segundo a historia, santa Ilduara fundou o mosteiro de Santa María de Vilanova para retirarse da súa viuvez. Máis tarde foi anexionada a Celanova, posiblemente como priorato masculino, e as monxas trasladáronse a Allariz. Estivo en pé ata o ano 1880 a súa igrexa prerrománica, similar a de San Miguel, situada no que foi o xardín do mosteiro, que se derrubou. En Vilanova tamén se detecta a presenza de restos romanos, como é o caso da ara votiva, que na actualidade forma parte da parede dun edificio situado na Praza Maior, dedicada aos Lares Gumalaecos. As primeiras referencias históricas ao lugar datan das crónicas do ano 927, vinculándose á figura de S. Rosendo, usándose (posteriormente e a nivel histórico) o Vilanova das Infantas, en clara referencia á nai e irmá do santo. Popularmente cambiouse por dos Infantes, topónimo polo que se recoñece actualmente.

Por aquel entón, este burgo medieval gozaba de maior entidade que a actual vila, e a súa orixe moi posibelmente se debera á construción dun emprazamento defensivo, magnificamente situado, encargado de controlar tanto unhas terras como unhas rutas de marcado fin estratéxico. Era un lugar de residencia do conde Gutierre Méndez e a súa esposa Ilduara, pais de San Rosendo, aos que o rei Sancho Ordóñez doara nese ano 927 segundo consta en documentos históricos, a vila de Vilar, onde o futuro abade edificaría un templo e cenobio cuxa puxanza daría lugar ao núcleo urbano de Celanova. Por eses anos, Ilduara, nai de San Rosendo, fundou e construíu un mosteiro feminino dedicado a Santa María, segundo parece, o mozárabe influíu na súa construción (non esquezamos a capela de San Miguel, fundada tamén por estas mesmas datas). Hoxe totalmente desaparecido (trasladouse a Allariz en 1270), uns autores sitúano no veciño lugar de Santa María, a uns catrocentos metros ao suroeste de Vilanova, mentres que outros queren emprazar a actual igrexa parroquial sobre os seus antigos restos. Sexa como fora, o certo é que nun edificio de Vilanova, inmediato á actual estrada nacional Ourense-Portugal, consérvase nunha parede,sobresaíndo dela, un modillón da cornixa dividindo en rolos decorados, semellante aos da Capela de San Miguel de Celanova. Hai outros dous no patio da casa reitoral. Ademais puidemos saber que algúns veciños afirman que o muro que pecha a Rúa da Igrexa pola súa cara norte, fronte por fronte á reitoral, esta feito coas pedras do antigo mosteiro; de calquera maneira, o certo é que na súa maioría, trátase de bos e ben traballados sillares. Da ocupación do Castelo señorial que presidía o asentamento só queda o vestixio da Torre de Homenaxe, en tanto que o trazado da muralla aínda se pode seguir na planimetría do núcleo e segundo un dos lenzos que se conserva entre o casarío.

A Torre[editar | editar a fonte]

No punto mais alto da vila sitúase a Torre da Homenaxe, resto do antigo castelo. A Torre consérvase íntegra, grazas a unha reconstrución no século XV. É de planta case cadrada, de 9.95 x 9.30 metros, cuns muros de 1.80 metros de grosor que chegan a unha altura de 19 metros, onde rematan as ménsulas nas que posiblemente se apoiaran antigamente unhas almenas voadizas. No seu exterior conta cunha escaleira que sobe por dous lados, engadida para o servizo civil, xa que as torres militares non teñen porta a ras do chan, e esta situase a 5 metros de altura. No lado norte da Torre, atópase outra porta de arco apuntado, que se comunicaba co corpo principal do castelo por medio dunha ponte levadiza, da que tan só se conservan os apoios (catro ménsulas). No lado sur temos outras dúas portas e unha xanela. Sobre a porta mais alta conservase un escudo, que pode corresponder coa Casa de Monterrei. No seu interior tiña tres andares e un soto con bóveda, pero oculto. No lado sur temos outras dúas portas e unha xanela. Sobre a porta mais alta conservase un escudo, que pode corresponder coa Casa de Monterrei.No seu interior tiña tres andares e un soto con bóveda, pero oculto.

Romaría[editar | editar a fonte]

Todos os anos, o 17 de maio coincidindo co día das Letras Galegas celébrase en Vilanova dos Infantes a Romaría Etnográfica Raigame declarada Festa de Interese Turístico. A través desta romaría preténdese dar a coñecer e por en valor o núcleo medieval de Vilanova dos Infantes para potenciar o turismo cultural que leva á cabo o concello de Celanova a través do programa “Celanova, un paseo pola historia de Galicia”. Este programa lévase á cabo a través dun pequeno percorrido xeográfico no cal se visitan monumentos pertencentes a diferentes épocas históricas como son: o mundo castrexo de Castromao, a etapa alto-medieval de San Miguel, a riqueza baixo-medieval de Vilanova dos Infantes, o esplendor do barroco do Mosteiro de San Rosendo e o rexurdimento da lingua galega da Casa dos Poetas (cómpre recordar que na vila de Celanova, a 5 minutos de Vilanova dos Infantes, viviron dous grandes escritores como son Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro). ("Romaría Raigame - Inicio", 2017).

Cómpre mencionar que a Romaría Etnográfica Raigame lévase celebrando dende o ano 2002 e na cal se celebran numerosas actividades para o desfrute do romeiro como son exposicións, ambientación nas rúas, actuacións musicais, xogos populares e artesáns en vivo que mostran os traballos artesanais que realizaban os nosos antepasados.

A continuación amósase dun xeito máis pormenorizado todas as actividades que se realizan na Romaría Raigame:

  • Ambientación nas rúas: ao longo das distintas rúas e prazas de Vilanova dos Infantes podémonos atopara con cegos que van cantando coplas, diversos grupos de saltimbanquis que van realizando acrobacias e títeres que van representando pequenas obras para os nenos e nenas ("Patrimonio Galego | O Catálogo Social do Patrimonio Cultural Galego", 2017).
  • Actuacións musicais: durante a romaría vamos atopar ao redor de 30 agrupacións de danza tradicional que soen facer as súas representacións nas prazas da vila (A Praza Maior, a praza de O Balcón e a praza Tralacerca), tamén nos atoparemos con agrupacións musicais que a través das rúas da vila van trasladando a alegría das súas cancións ao igual que ocorre cos distintos grupos de pandereteiras ("Romaría Raigame - Inicio", 2017).
  • Xogos populares: segundo a páxina web da Romaría Raigame, os xogos populares concentran unha gran acollida por parte dos visitantes, xa que estes xogos están dirixidos para todas as idades, dende os máis cativos ata os maiores. Dende a nosa opinión, consideramos que esta é unha das actividades máis emocionantes para os maiores, xa que a través destes xogos poden recordar cando eles eran cativos e sobre todo, ver ás novas xeracións desfrutando das actividades que eles realizaban no pasado. Os xogos populares que se celebran nesta romaría son: carreiras de zancos, aros, sacos; xogos de forza, mostrar as habilidades coa buxaina ou o xogo da rá.
  • Artesáns: son considerados o principal reclamo desta romaría xa que durante todo o día mostran o seu traballo nos garaxes e soportais das rúas de Vilanova. Os oficios artesáns que se poden observar na romaría son os seguintes: afiador, debuxante, tear, zapateiro, fiandeira, oleiro, vidrieiro, coroceiro, ferreiro, aguardenteiro, canteiro, panadeiro, ferrador, zoqueiro, restaurador, palilleira, cesteiro un taberneiro e un carpinteiro, tal e como se amosa na páxina web da Romaría Raigame.

Dende a primeira hora da mañá as prazas e as rúas de Vilanova dos Infantes énchense de actividades para exaltar a nosa cultura tradicional, que durante este día convértese no punto de atención para todos os visitantes. Aparte de todas as actividades que se celebran na romaría, xa mencionadas anteriormente, cabe destacar que a vila invádase dunha gran diversidade gastronómica: pulpeiras, empanadas, doces, pan, xeados, filloas, rosquillas e outras lambetadas, as cales a meirande parte delas están elaboradas de xeito artesán e atópanse situados nas antigas cuadras, hoxe garaxes e baixos das casas.

Por último, parécenos importante mencionar que, co motivo do décimo aniversario da Romaría Etnográfica Raigame, Vilanova dos Infantes comezou a contar cun segundo centro de referencia expositivo que aportaría máis información con respecto á exposición comarcal da torre en homenaxe ao antigo castelo do Conde de Monterrei.

Este espazo, ademais de permitirnos coñecer os antecedentes históricos desta zona, tamén nos explicaría a importancia da artesanía e do calzado con respecto ao desenvolvemento económico e social nun territorio no que predominaban as actividades agraria e gandeira.

Ademais, esta edificación tiña unha cova, coñecida con nome de San Vivián, no subsolo da Praza de Tralacera á cal se accedía a través dunha vivenda que tiña a súa entrada na rúa da Ronda. Nela, a xente que acudía a Vilanova o 17 de maio podía “descubrir os segredos da olería tradicional galega, o mundo case infinito dos afiadores, os complexos procesos da elaboración dos traballos do liño, os nomes do mar e a toponimia propia da costa en contraste coa do interior das Terras de Celanova, ou o variado e non menos atractivo universo do viño, así como dúas cumpridas exposicións de obxectos relacionados co oficio dos zapateiros, que tan desinteresadamente nos cederon os veciños de Vilanova” (Antonio Piñeiro, 2011)

Vilanova na literatura popular[editar | editar a fonte]

  • As mozas de Vilanova/ eu ben sei quen elas son:/ sonche de aquelas lavadas/ que venderon o xabón [3].
  • Cando te queiras casar/ busca viño de Xeás,/ panciño de Vilanova/ e carneiro de Gaiás [4].
  • Vilanova é do rei,/ Salvaterra da raíña;/ se eu fora filla do rei/ Vilanova érache miña [5].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Celanova.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ORERO GRANDAL, L.: "Estudo arqueolóxico de Vilanova dos Infantes", en Raigame nº 34 (maio 2011).
  2. Capitel de Vilanova, no Museo de Ourense.
  3. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 49. No orixinal: quén. San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova.
  4. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 56. Xeás é lugar de San Salvador de Torno, concello de Lobios; Gaiás é lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou, no concello de Lobeira; e San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova.
  5. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 161. San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia de Celanova; Salvaterra de Miño, concello da provincia de Pontevedra.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Vilanova dos Infantes[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Vilanova dos Infantes no concello de Celanova (Ourense)

A Roda de Abaixo | Carfaxiño | O Cristal | Santa María | Vilanova dos Infantes

Parroquias de Celanova[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Celanova

Acevedo do Río (San Xurxo) | Alcázar de Milmanda (Santa María) | Amoroce (Santiago) | Ansemil (Santa María) | Barxa (San Tomé) | Bobadela (Santa María) | Cañón (San Lourenzo) | Castromao (Santa María) | Celanova (San Rosendo) | Fechas (Santa María) | Freixo (Santa Cristina) | Milmanda (Santa Eufemia) | Mourillós (San Pedro) | Orga (San Miguel) | Rabal (San Salvador) | A Veiga (San Paio) | Vilanova dos Infantes (San Salvador) | Viveiro (San Xoán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]